Estonia

un dos tres países bálticos

Estonia (Gl-Estonia.ogg pronunciación ) (en estonianoEesti[ˈeːsti] (AFI)), oficialmente República de Estonia (Gl-República de Estonia.ogg pronunciación ) (en estonianoEesti Vabariik[ˈeːsti ˈʋɑbɑriːk] (AFI)), é un dos tres países bálticos. O país atópase na Europa do norte e está constituído por unha porción continental e un grande arquipélago de illas no mar Báltico. Estonia limita polo norte co golfo de Finlandia que o separa da veciña Finlandia. Polo leste o país fai fronteira con Rusia, ao sur con Letonia e ao oeste co mar Báltico, que o separa de Suecia. Estonia ten unha poboación de pouco máis dun millón trescentos mil habitantes, distribuídos ao longo de 45 mil quilómetros cadrados. O país é membro da Unión Europea dende o 1 de maio do ano 2004, da OTAN dende o 29 de marzo do 2004 e da Eurozona dende o 1 de xaneiro de 2011.[1]

Modelo:Xeografía políticaEstonia
Eesti Vabariik (et) Editar o valor en Wikidata

HimnoMu isamaa, mu õnn ja rõõm Editar o valor en Wikidata

Lema«Stonia Epig» Editar o valor en Wikidata
EpónimoVirônia (pt) Traducir e Ugandi County (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 59°N 26°L / 59, 26
CapitalTalín Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación1.374.687 (2024) Editar o valor en Wikidata (30,32 hab./km²)
Lingua oficiallingua estoniana Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie45.335 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Báltico e Lago Peipus Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoSuur Munamägi (317,4 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoMar Báltico (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Letonia (1991–)
Rusia (1991–) Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación24 de febreiro de 1918 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Organización política
Forma de gobernoRepública parlamentaria (1991–) Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataAlar Karis (pt) Traducir (2021–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGoverno da República da Estónia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor en WikidataKaja Kallas (2021–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoRiigikogu , (Escano: 101) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal37.191.166.152 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
PIB per cápita23.757,62 $ (2019) Editar o valor en Wikidata
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.ee Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+372 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísEE Editar o valor en Wikidata
Código NUTSEE Editar o valor en Wikidata

Páxina webvalitsus.ee Editar o valor en Wikidata
Facebook: eesti.ee BNE: XX452760 Editar o valor en Wikidata

Os estonianos son un pobo fínico etnicamente vencellado aos finlandeses e aos saamis. O país ten ademais vencellos culturais e históricas cos países nórdicos[2], particularmente con Finlandia, a Suecia e Dinamarca.

A lingua estoniana fai parte das linguas ugrofinesas grupo que comparte co finés e o húngaro, aínda que difire moito deste. Xunto co finés, o húngaro e o maltés, o estoniano forma o grupo de linguas oficiais da Unión Europea que non teñen orixe indoeuropea.

Durante séculos os estonianos viviron baixo o dominio doutros pobos que ocuparon a súa terra. A noción de país chegou bastante tarde para os estonianos, apenas na metade do século XIX, cun forte crecemento cultural unido ao crecemento da poboación urbana, e á industrialización do país, que favoreceu a unión dos estonianos e ao movemento nacionalista, resultando nun Estado independente, establecido en 1917.

Etimoloxía

editar

O nome actual de Estonia provén probablemente do historiador romano Tácito, que no seu libro Germania (ca. 98 AD) describiu o pobo que moraba na rexión da actual Estonia como os Aestii, un pobo bárbaro que era distinto dos outros pobos da rexión. Igualmente, atopáronse sagas escandinavas en que se contaban relatos sobre a rexión de Estonia chamada Eistland. No latín arcaico e noutras fontes da Antigüidade, o nome que describía as terras estonianas era Estia ou Hestia. A primeira vez que os estonianos se chamaron así foi durante o período de fortalecemento da cultura estoniana durante o xurdimento do sentimento nacionalista durante o século XIX, dándose en chamar habitantes das terras do leste ou os Eesti.

Historia

editar

Artigo principal: Historia de Estonia

Antigüidade

editar

Os primeiros asentamentos humanos en Estonia foron posibles fai 11.000 ou 13.000 anos, cando comezaron os desxeos da derradeira glaciación. O asentamento humano máis antigo coñecido en Estonia, é o asentamento de Pulli, atopado nas beiras do río Pärnu, preto da vila de Sindi, no sur de Estonia. Segundo as probas de carbono, o asentamento foi fundado hai 11.000 anos, no comezo do 9 milenio a.C.

En Estonia atopáronse probas da existencia de comunidades cazadoras e pescadoras arredor do 6.500 a.C., preto da vila de Kunda, no norte. Aparellos feitos de ósos e pedras semellantes ós atopados en Kunda, foron atopados por toda Estonia, ademais de en Letonia, norte de Lituania e sur de Finlandia. A cultura atopada en Kunda pertence á Idade de pedra, ou ó período Mesolítico.

A fin da Idade de bronce e o comezo da Idade de ferro caracterizáronse por grandes cambios culturais. O máis importante foi a transición para a agricultura. Dende o século I ó século V d.C., a agricultura expandiuse, a poboación medrou, e os asentamentos espalláronse por todo o país. Nesa época a influencia do Imperio Romano chegou ata Estonia, sendo este período coñecido como a Idade de ferro romana.

A segunda metade da Idade de ferro caracterizouse polos enfrontamentos contra as tribos bálticas, as cales atacaban dende o sur do país, e dende o mar Báltico. Moitas sagas escandinavas fan referencia ás campañas contra Estonia. Os piratas estonianos levaron a cabo ataques semellantes na Idade Viquinga chegando a saquear e queimar a vila sueca de Sigtuna no ano 1187.

Cristianización

editar

Arredor do século XIII, Estonia atopábase dividida en 8 condados — Saaremaa, Läänemaa, Rävala, Harju, Viru, Järva, Sakala, e Ugandi. Despois de levarse a cabo unha serie de consultas entre os diferentes representantes e compoñentes de varios dos condados, tomaron a decisión de establecer un estado. Ata ese intre, Estonia conservara unha relixión pagá centrada arredor dunha deidade chamada Tharapita.

Estonia foi cristianizada cando os "Irmáns livonianos da espada" alemáns invadiron o sur do país como parte das cruzadas setentrionais en principios do século XIII. Ó mesmo tempo, Dinamarca tentaba facerse co norte do país. No ano 1227 Estonia atopábase dividida entre os dous países. A parte norte de Estonia estivo baixo Dinamarca ata 1346. Talín (coñecida como Reval naquel tempo) recibiu os dereitos de Lübeck en 1248 e uniuse á Liga Hanseática no final do século XIII. No ano 1343, a xente do norte de Estonia e mais Saaremaa rebeláronse contra o dominio xermano na revolta da noite de San Xurxo, rematada en 1344. Entre os anos 1481 e 1558 Estonia foi invadida sen éxito polos rusos. Despois de 1524, durante a reforma protestante, Estonia converteuse ó Luteranismo.

 
Cidade antiga de Talín (Reval), mirando cara ao porto

Suecia e Rusia

editar

Durante a guerra livoniana en 1561, o norte de Estonia pasou ó control sueco, mentres que o sur de Estonia pasou ó control polaco durante a década de 1580. En 1625, Estonia pasou a estar por completo baixou o dominio sueco. Daquela, Estonia quedou dividida entre as provincias de Estonia no norte, e Livonia situada entre o sur de Estonia e o norte de Letonia, división que durou ata comezos do século XX.

En 1631, o rei sueco Gustavo Adolfo forzou a nobreza a respectare o campesiñado, aínda que a servidume seguiu existindo. No ano 1632 establecéronse unha imprenta e unha universidade na cidade de Tartu (coñecida como Dorpat naquel tempo). Este período é coñecido na historia estoniana como "o bo vello tempo sueco."

Trala Gran guerra do norte, o imperio sueco perdeu Estonia, a cal pasou a mans rusas (en 1710 de facto, en 1721 de iure, polo Tratado de Nystad). Aínda que as clases altas e medias permaneceron formadas por Alemáns bálticos. A guerra devastou á poboación estoniana, quen se recuperou axiña. Aínda que os dereitos do campesiñado foran debilitados, a servidume foi abolida en 1816 na provincia de Estonia e en 1818 en Livonia.

Independencia

editar

Como resultado da abolición da servidume e a posibilidade da educación dos estoniano-falantes, no século XIX naceu un forte movemento nacionalista. O nacionalismo naceu como un movemento cultural, o cal estableceu unha literatura, teatro e música de seu e a formación dunha identidade nacional estoniana. Entre os líderes do movemento estaban Johann Voldemar Jannsen, Jakob Hurt e Carl Robert Jakobson. Algúns logros significantes foron a publicación do épico nacional, Kalevipoeg, en 1862, e a organización do primeiro festival da canción en 1869.

En resposta ó período de Rusificación iniciado polo Imperio ruso na década de 1890, o nacionalismo estoniano asumiu tons máis políticos, con intelectuais que piden primeiro unha maior autonomía, e máis tarde, a independencia do Imperio ruso. Trala Revolución de outubro, Estonia declarouse así mesma república independente o 24 de febreiro de 1918. Despois de gañar a Guerra de liberación estoniana contra a Rusia soviética (o Tratado de Tartu asinouse o 2 de febreiro de 1920), Estonia mantivo a súa independencia por vinte e dous anos. Inicialmente unha democracia parlamentaria, o parlamento (Riigikogu) disolveuse en 1934, seguido por unha inquietude política causada pola crise económica global. Como consecuencia, o país foi gobernado por decreto por Konstantin Päts quen se fixo presidente en 1938.

Estonia baixo a Unión Soviética

editar
 
Bandeira da República Socialista Soviética de Estonia.

Estonia foi ocupada polas tropas soviéticas en xuño de 1940, como consecuencia do Pacto Molotov-Ribbentrop feito en agosto de 1939 entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética. Estonia foi anexionada formalmente pola Unión Soviética en 1940 como a República Socialista Soviética de Estonia. Durante a anexión moitos dos líderes intelectuais e políticos foron executados ou deportados a lugares afastados da Unión Soviética. As represións tamén foron levadas a cabo contra a poboación estoniana. Cando comezou a operación alemá Barbarossa contra a Unión, miles de mozos estonianos foron alistados nas tropas do Exército Vermello. Entre 1941 e 1944 o país foi ocupado polo Terceiro Reich. Cando as tropas soviéticas reconquistaron o país polo nordeste, decenas de miles de persoas decidiron fuxir para Finlandia e Suecia ou poñerse do lado dos alemáns. En 1949, como resposta ó paseniño proceso de formación das granxas colectivas, como estaba prescrito pola ideoloxía soviética, miles de persoas foron deportadas a Siberia, onde a metade pereceu na construción de campamentos; a outra metade dos sobreviventes non puido volver ata 1960 (varios anos despois da morte de Stalin). Iso e mais as represións de 1940 e 1941 deron lugar á formación de guerrillas contra o goberno soviético na década de 1950, formadas principalmente por veteranos estonianos e algúns paisanos.

Ademais das perdas humanas e materiais provocadas pola guerra, miles de estonianos foron asasinados e decenas de miles deportados polas autoridades soviéticas ata a morte de Iosif Stalin en 1953. A dominación soviética repercutiu negativamente no crecemento estoniano, sendo case nulo en comparación ó das economías sueca e finesa.

Outro efecto debido á Unión Soviética foi a rusificación de Estonia. Centos de miles de ruso-falantes (a maioría da República Socialista Soviética de Ucraína) foron aloxados no país para a súa militarización e desenvolvemento industrial. O nivel de rusificación do país acadou o seu máximo nivel na década de 1980, cando os Xogos Olímpicos de 1980 de Moscova (a olimpíada da Regata) tiveron lugar na cidade de Talín, onde se produciron protestas contra as políticas migratorias da Unión.

Volta á independencia

editar
 
Bandeira da Estonia independente.

Debido ás dificultades económicas provocadas pola Guerra fría, a Unión Soviética comezou a debilitarse. Esta situación foi aproveitada en Estonia creándose un movemento para conseguir un autogoberno. No período 1987-1989, o movemento centrábase máis na independencia económica da Unión, pero co debilitamento desta o movemento volveuse máis e máis independentista.

En 1989, produciuse unha nova mostra a prol da independencia co chamado Camiño báltico, no cal se formou unha cadea humana de máis de dous millóns de persoas a través de Lituania, Letonia e Estonia (tendo Letonia e Lituania semellantes oportunidades de aspiraren á independencia como Estonia).

Estonia volveu a conseguir a súa independencia o 20 de agosto de 1991, coa Revolución do canto seguido do colapso da Unión Soviética. O primeiro país en recoñecer a nova independencia de Estonia foi Islandia, seguido de Dinamarca.

As derradeiras tropas rusas marcharon o 31 de agosto de 1994. Dende aquela, Estonia uniuse á OTAN o 29 de marzo do 2004[3] e á Unión Europea o 1 de maio do 2004.

Política

editar
 
Riigikogu, parlamento estoniano

Estonia é unha democracia constitucional, cun presidente electo polo parlamento (eleccións de cinco en cinco anos), que só ten unha cámara. O goberno ou poder executivo, está composto polo primeiro ministro, nomeado polo presidente, e por un total de 14 ministros. O goberno noméao o presidente despois de ser aprobado polo parlamento.

O poder lexislativo pertence ao parlamento, denominado Riigikogu ou Asemblea do Estado, que ten 101 escanos.

 
Casa Stenbock, sede do goberno estoniano

Os deputados son elixidos por voto popular para mandatos de 4 anos. O supremo tribunal xudicial é o Tribunal Nacional, ou Riigikohus, con 17 xuíces, cuxo presidente é nomeado vitaliciamente polo parlamento despois de ser nomeado polo presidente da república.

Estonia foi o primeiro país do mundo en empregar o voto por Internet[4], sendo empregado por primeira vez nas eleccións parlamentarias entre o 26 e o 28 de febreiro do 2007, nas que 30.275 persoas deron o seu voto vía Internet.

No Worldwide Press Freedom Index do 2007, Reporteiros sen fronteiras situaron a Estonia como o terceiro país do mundo cunha maior liberdade de prensa[5].

Xeografía

editar
Artigo principal: Xeografía de Estonia.
 
Na imaxe, Castelo de Hermann, Narva. O río Narva constitúe unha fronteira natural entre Estonia e Rusia.
 
Mapa de Estonia coas principais cidades.

Situada entre os 57,3º e os 59,5º de latitude e os 21,5º e os 28,1º de lonxitude, Estonia é o país máis pequeno e setentrional e dos países bálticos. Situado ó noroeste da gran chaira rusa, está atravesado de norte a sur por outeiros alongados de orixe glacial, aínda que a súa altitude media non chega ós 50m. A súa altitude máxima Suur Munamagi, só mide 318m. Unha cuarta parte do territorio estoniano está cuberto por bosques de bidueiros, piñeiros e abetos, o 20% está cuberto de terreos pantanosos, o 5% por lagos artificiais e naturais (a maioría moi pequenos, mais o maior, o lago Peipsi situado na fronteira con Rusia, ten 3 555 km² de superficie) e o resto por praderías. Estonia conta con 3.800 km de costas, nun litoral recortado, cheo de fiordes que alberga 20 portos e 1.524 illas, entre as que destaca Saaremaa (2.714 km²) e Hiiumaa.

O país é atravesado por un gran número de ríos e regatos que desembocan no mar Báltico; estes son curtos e de escasa profundidade, xa que o curso do máis longo, o río Narva, só e de 77 km.

O clima de Estonia é continental, sobre todo no interior, aínda que moderado pola influencia atlántica. Os invernos son longos e moi fríos e os veráns son curtos, sen temperaturas excesivamente extremas. As precipitacións, en xeral en forma de neve, non son moi abondosas.

Divisións administrativas

editar
Artigo principal: Condados de Estonia.

A Acta de División Administrativa Territorial, adoptada en 1995, dividiu o país en tres niveis: condados, concellos urbanos e concellos rurais. Hoxe en día, Estonia está dividida en 15 condados, á súa vez agrupados en concellos (rurais e urbanos). Os concellos son 79, 15 urbanos e 64 rurais.

Condados

editar
  Condado de Harju (Harjumaa)   Condado de Hiiu
(Hiiumaa)
  Condado de Ida-Viru (Ida-Virumaa)   Condado de Järva (Järvamaa)   Condado de Jõgeva (Jõgevamaa)
  Condado de Lääne (Läänemaa)   Condado de Lääne-Viru (Lääne-Virumaa)   Condado de Pärnu (Pärnumaa)   Condado de Põlva (Põlvamaa)   Condado de Rapla (Raplamaa)
  Condado de Saare (Saaremaa)   Condado de Tartu (Tartumaa)   Condado de Valga (Valgamaa)   Condado de Viljandi (Viljandimaa)   Condado de Võru (Võrumaa)
 
Condados de Estonia

Estonia divídese en 15 condados (en estoniano: pl. maakonnad; sg. - maakond). Os condados son gobernados por cadanseu gobernador, designado polo goberno nacional e que representa localmente ao poder. O seu mandato é de cinco anos como o presidente, e teñen como función básica, facer a conexión entre os departamentos e os concellos do condado co goberno nacional [6].

O principal condado da república báltica e o de Harju, onde se atopa a capital, Talín e onde vive o 38,8% da poboación do país[7]. Outros condados importantes son os de Pärnu, Ida-Viru e o de Tartu.

Concellos

editar
 
Concellos de Estonia

Os concellos (en estoniano omavalitsus) divídense en Estonia en rurais e urbanos. Ao longo da historia de Estonia, as divisións dos concellos sufriron diversas modificacións. Cando a servidume foi abolida no século XIX, as colonias rurais foron formadas, tendo unha organización de seu, adoptada na Lei de organización dos concellos rurais (en estoniano vald). Os concellos urbanos (en estoniano linn), divídense en distritos e cidades. No total existen só 15 concellos con dereitos de cidade, fronte ás 64 vilas rurais (a gran maioría con menos de tres mil habitantes). Cada concello estoniano conta cunha consello lexislativo, elixido pola poboación por un período de tres anos. O concello escolle os membros do órgano executivo, incluíndo a testa do executivo municipal, elixido tamén por tres anos.

Economía

editar
Artigo principal: Economía de Estonia.
 
Estonia fai parte da unión económica europea, a eurozona (azul escuro) e do mercado interior da Unión Europea.

Como membro da Unión Europea, Estonia é considerada unha economía de rendas altas de acordo co Banco Mundial. A paridade de poder adquisitivo per capita do país era de $29 312 en 2016 segundo o Fondo Monetario Internacional.[8] Por mor do seu rápido crecemento, Estonia foi descrito a miúdo como o tigre báltico xunto con Lituania e Letonia. O 1 de xaneiro de 2011, Estonia adoptou o euro (en substitución da coroa estoniana) e converteuse no décimo sétimo estado membro da eurozona.[9] Segundo o Eurostat, Estonia tiña a media máis baixa de débeda dun goberno entre os países da Unión Europea, cun 6,7% no final de 2010.[10] A súa economía caracterízase por uns orzamentos equilibrados e unha débeda pública case inexistente, imposto sobre a renda fixa, réxime de libre comercio, sector bancario comercial competitivo, e-Services innovador e uns servizos móbiles aínda mellores.

 
Centro do distrito financeiro de Talín.

Estonia produce arredor do 75% da súa electricidade consumida.[11] En 2011, preto do 85% dela era xerada polo xisto bituminoso.[12] As fontes alternativas de enerxía como a madeira, as turbeiras e a biomasa representan arredor do 9% da produción de enerxía primaria. A enerxía eólica foi o 6% do total de consumo no ano 2009.[13] Estonia importa petróleo de Europa occidental e de Rusia. Estonia importa o 100% do seu gas natural dende Rusia.[14] A enerxía de xisto bituminoso, as telecomunicacións, os produtos téxtiles, os produtos químicos, a banca, os servizos, a comida e a pesca, a explotación madeireira, a construción de barcos, a electrónica e os transportes son sectores clave da súa economía.[15] O porto de Muuga, preto de Talín, conta con instalación modernas para o transporte de mercadorías, con alta capacidade. O seu sistema ferroviario serve de conexión entre o oeste e Rusia, así como outros puntos do leste de Europa.

Demografía

editar
Artigo principal: Demografía de Estonia.
Residentes de Estonia por etnia (2018)[16]
Estonianos
  
68.7%
Rusos
  
24.9%
Ucraínos
  
1.8%
Belarusos
  
0.9%
Finladeses
  
0.6%
Outros
  
2.9%

Os indicadores económicos e sociais de Estonia veñen mellorando sensiblemente nos últimos anos. A taxa de desemprego caeu do 10,3% da poboación activa no 2002 ao 5,9% no primeiro trimestre de 2007. A esperanza de vida é de 67,3 anos para os homes e de 78,14 anos para as mulleres. O nivel de fertilidade era de 1,55 fillos por muller (2006), menor á cira de 2,1 fillos por muller necesarios para que non se produza un avellentamento da poboación. A taxa de mortalidade infantil é de 4,4 por cada 1.000 rapaces nados, unha das máis baixas da súa contorna. As taxas de inflación véñense mantendo estables ao redor do 4,0%.[16].

Nos últimos anos vénse observando un descenso na poboación, cifra ao redor do 0,5%, aínda que non é un caso illado na rexión, producíndose descensos semellantes na maioría dos países veciños. Na actualidade Estonia é un dos países cunha poboación máis nova da Europa desenvolvida, aínda que, de non reverterse este descenso, producirase a medio prazo un avellentamento da poboación que terá como consecuencia a falta de man de obra.

O maior grupo étnico de Estonia está formado polos estonianos, con case o 70%. A primeira e a segunda xeración dos emigrantes soviéticos (a maioría de Rusia) forman o 30% restante. A maioría dos rusos habitan na capital do país (Talín) así como nas zonas industriais do nordeste de Estonia (Condado de Ida-Viru). Tamén destacan os descendentes dos finlandeses e os suecos, que historicamente habitaron as costas e as illas do noroeste do país, sendo alcumados "rannarootslased" ("Suecos da costa"). A maior parte dos suecos deixou o país en 1944, escapando da invasión soviética.

A lingua oficial do estado é o estoniano, unha lingua ugrofinesa achegada ó finés. O estoniano foi influído historicamente polo alemán, e polo sueco. Ademais da lingua oficial, o ruso é comprendido pola maioría dos estonianos entre os trinta e os setenta anos de idade, debido á súa obrigatoriedade durante os tempos da Unión Soviética. Hoxe en día, a maioría dos estonianos estudan o inglés como segunda lingua, substituíndo esta ó ruso nas escolas.

No Condado de Võru no sur do país, hai máis de 70.000 falantes do võro, lingua relacionada co estoniano.

Segundo a Oficina Estatística estoniana, no 2018, a poboación estoniana estaba composta polos seguintes grupos étnicos: estonianos (68,7%), rusos (24,9%), ucraínos (1,8%), belarusos (0,9%), finlandeses (0,6%). Outros grupos importantes son os tártaros, letóns, polacos, xudeus, lituanos, e os alemáns.

Cidades máis poboadas

editar
Listaxe Cidade Condado Pob. Listaxe Cidade Condado Pob.
 
Talín
 
Narva
 
Valga
1 Talín Harjumaa 403.500 11 Võru Võrumaa 14.555
2 Tartu Tartumaa 101.169 12 Valga Valgamaa 13.930
3 Narva Ida-Virumaa 68.680 13 Haapsalu Läänemaa 11.774
4 Kohtla-Järve Ida-Virumaa 47.679 14 Jõhvi Ida-Virumaa 11.455
5 Pärnu Pärnumaa 45.500 15 Paide Järvamaa 9.751
6 Viljandi Vilandimaa 20.274 16 Keila Harjumaa 9.386
7 Rakvere Lääne-Virumaa 16.698 17 Kiviõli Ida-Virumaa 6.925
8 Sillamäe Ida-Virumaa 16.567 18 Tapa Lääne-Virumaa 6.559
9 Maardu Harjumaa 16.570 19 Põltsamaa Põlvamaa 6.510
10 Kuressaare Saaremaa 14.919 20 Jõgeva Jõgevamaa 6.349
Censo do ano 2008
 
Igrexa ortodoxa localizada na Cidade Vella de Talín, construída en 1894e influenciada pola arquitectura do Imperio Ruso.

Relixión

editar

De acordo coa máis recente enquisa de opinión pública do Eurostat, no 2005 [17], tan só o 16% dos cidadáns estonianos responderon que "Acreditan que exista un Deus", mentres que o 54% responderon que "Acreditan que exista algún tipo de espírito ou forza vital" e o 26% que "Non acreditan que exista calquera tipo de espírito, Deus, ou forza vital". Isto, segundo a enquisa, faría dos estonianos o pobo menos relixioso de entre os entón 25 membros da Unión Europea. Historicamente, con todo, Estonia foi un baluarte do Luteranismo debido ao seu forte vencello cos países nórdicos. Durante o período de rusificación, moitos estonianos convertéronse á Igrexa Ortodoxa, aínda que, trala queda dos czares de 1917 e a lei de liberdade relixiosa de 1920 moitos deixaron a relixión.

Linguas

editar
Artigo principal: Lingua estoniana.

A lingua oficial do país é a estoniana, unha ugrofinesa intimamente vencellada ao finés. O estoniano foi influenciado polo alemán e, por medio do finés tamén do sueco. O ruso é, tralo estoniano, a segunda lingua máis empregada no país, coñecida por moitos estonianos entre os 30 e os 70 anos de idade, xa que durante a era soviética era obrigatoria nas escolas da república. As xeracións novas, porén, desenvólvense principalmente en inglés como lingua estranxeira. Parte da comunidade rusa residente no país, resístese a aprende-lo estoniano, malia ser a única lingua oficial do país[18].

Cultura

editar
Artigo principal: Cultura de Estonia.

Arquitectura

editar

En todos os anos de dominio dos diversos pobos (xermánicos, suecos e rusos), a arquitectura estoniana sufriu diversas influencias. Estas influencias deron lugar a interesantes características na arquitectura estoniana, reflectíndose como exemplo no estilo Gótico estoniano, nas igrexas medievais, nos detalles renacentistas dos edificios, nos castelos barrocos, nas casas de estilo clásico e nas vilas Art Nouveau.

Como símbolos arquitectónicos nacionais destacan a medieval Talín, a barroca Narva, Pärnu, cidade litoral senlleira pola súa arquitectura dos anos 30 e Tartu, cidade universitaria de estilo clásico.

Teatro

editar

A historia do teatro en Estonia é centenaria. Comezou profesionalmente en 1906, da man do director Karl Menning na cidade de Tartu. Máis adiante, uniuse Talín, cidade na cal Theodor Altermann e Paul Pinna comezaron a producir as primeiras obras teatrais da capital. Co tempo xurdiron importantes nomes no teatro estoniano, como Voldemar Panso, Evald Hermaküla e Priit Pedajas.

Na súa curta historia, o teatro mobilizou a moitas persoas grazas á súa accesibilidade. No país existe unha Ópera Nacional, oito Teatros nacionais, tres Teatros municipais e 10 teatros privados, todos eles nas cinco grandes cidades estonianas, alén de numerosas escolas de teatro espalladas polo país.

Literatura

editar
 
Friedrich Reinhold Kreutzwald, escritor estoniano do épico Kalevipoeg.

O folclore de Estonia sobreviviu, mediante a transmisión oral, a séculos de dominación estranxeira, abranguendo cancións, escolmas de poemas sobre as estacións do ano, o traballo dos campesiños, a vida familiar, o amor e os mitos. As cancións rúnicas son as que se transmitiron máis antigamente, remontándose ao século I a.C. Os primeiros escritos en lingua estoniana son catecismos; para o católico Johannes Kievel remóntanse a 1517; e para o luterano a 1535.

Trala segunda guerra mundial, a literatura estoniana dividiuse en dúas durante case medio século[19]. Unha serie de escritores importantes pasaron os anos da Guerra en Estonia e fuxiron en 1944 a Alemaña (Visnapuu) ou Suecia, tanto directamente como a través de Finlandia (Suits, Under, Gailit, Kangro, Mälk, Ristikivi). Moitos dos que quedaron atrás e non se dobregaron á ideoloxía soviética morreron en Siberia (Talvik e Hugo Raudsepp), ou sufriron unha combinación de represión, prohibición de publicar e exilio interior (Tuglas, Alver, Masing).

O primeiro autor do século XIX, Kristjan Jaak Peterson (1801-1822), foi estudante da universidade de Tartu/Dorpat. Malia ser considerado o pai da poesía moderna estoniana, nunca viu imprimidos os seus poemas en vida, aínda que tres poemas seus imprimíronse en alemán en 1823. Os poemas foron editados 100 anos logo da súa morte. Un dos proxectos que Peterson acabou en vida foi a tradución ao alemán do Mythologia Fennica (Mitoloxía de Finlandia) de Kristfrid Ganander, un dicionario de mitoloxía, cuxo orixinal en sueco fora editado en 1789. A tradución do dicionario de Ganander tivo moitos lectores en Estonia e no estranxeiro, converténdose nunha fonte importante de inspiración e ideoloxía nacional da literatura temperá estoniana. A súa influencia espallouse ata comezos do século XX.[20]

O impacto de Franz Kafka na literatura estoniana influiría nas obras de Arvo Valton (1935), coa novela Rataste vahel (En rodaxe, 1966); Eenn Vetema (1936) e Mate Unt (1943), autor de Völg (A culpa, 1964), publicada no Canadá en 1966, Hüvasti kollane kass (Adeus, gato amarelo, 1963) e o drama Phaeton, päikese poeg (Faetón, fillo do sol, 1968). Menos importantes foron Un Laht (1924) e Ellen Niit (1928).

 
Lydia Koidula.

A literatura moderna de Estonia comezou a desenvolverse a comezos do século XIX coa poesía de Kristjan Jaak Peterson. O poema épico nacional Fillo de Kalev, que foi escrito por Friedrich Reinhold Kreutzwald a mediados dese século inspirado no poema épico finlandés kalebala recolle contos, lendas e versos cantados . A lírica experimenta nesta época un auxe con poetas como: Marie Under, Lydia Koidula que publica en 1867 “O reiseñor de Emajógi”; Johannes Barbarus, autor de “O Home e a esfinxe”.

A comezos do século XX, os escritores estonianos adoptan modelos franceses e escandinavos. Entre os autores polifacéticos figuran: Iuhan Liiv, que publica Obras reunidas en 1904; August Kitzberg, que escribe o drama “O Deus da bolsa” (1915); August Jakobson, o drama “Loita sen liña de fronte” (1947); Friedebert Tuglas, os contos “Repartición de terras” (1906).

No primeiro período da independencia, o escritor Anton Hansen Tammsaare escribiu en 1926 a obra “Verdade e Xustiza” e “Novo Vanapagan de Pórgupóhia” en 1939. Outros novelistas destacados foron Iuhan Madarik, autor do relato “O zapateiro vermello da aldea Miüiksi” (1925), Oskar Luts, coa súa novela “Na sombra das follas de ouro” (1933) e Mait Metsanurk, a novela “Vento vermello” (1928). En poesía destacan Iuhan Sütiste que escribe “Mar e bosque” (1937); Karl E. Sóót, e “A fouce da lúa” (1937); Ana Haava, e o seu “Canto estoniano” (1935); Jean Kárner, co libro de poesías “Un home na encrucillada” (1932).

Durante a etapa soviética, atopamos aos poetas, Mart Raud, autor de “Pontes novas” (1945); Vaarandi, “O soñador na súa fiestra” (1959), e Un Laht, de “¡Contigo, Patria!” (1953). Tamén destacan durante este período autores como Johannes Semper, cos poemas “O sol no sumidoiro” (1930); Erni Krusten, coa súa novela “Diario dun mozo xardineiro” (1941); Aadu Hint, coa novela “Beira ventosa” (1951); Egon Rannet, co drama “O diaño no rabaño” (1949); Ralf Parve (1919), coas poesías “No posto de combate” (1950) e Iuhan Smuul, as imaxes poéticas “Para que florezan as maceiras” (1951); Hans Leberecht, autor de “Luces de Koordi” (1948), premio nacional de novela; Rudolf Sirge, cun relato de guerra “Na vixilia do novo día” (1947); Eduard Mánnik, coa novela “A loita alóngase” (1950).

En anos recentes destaca o poeta Jaan Kross quen foi mencionado regularmente como candidato ao Nobel de literatura[21]. Á súa volta dos campos de traballo e do exilio interior en Rusia entre 1946 e 1954 como prisioneiro político, Kross renovou a poesía estoniana. Kross comezou a escribir prosa a mediados da década de 1960[22]. Kaplinski converteuse no autor máis central e produtivo da poesía modernista estoniana. Escribiu ensaio, teatro ademais de traducir novelas ao estoniano, así mesmo ensinou nas cidades de Vancouver, Calgary, Liubliana, Trieste, Taipei, Estocolmo, Boloña, Colonia, Londres e Edimburgo, ademais de residir na Universidade de Gales (Aberystwyth).[23].

Música

editar
Artigo principal: Música de Estonia.
 
O grupo estoniano de rock Vanilla Ninja na súa formación de 2005

As primeiras representacións de música en Estonia, xurdiron probablemente das tradicionais cancións runo-estonianas, derivadas das cancións de traballo e das baladas épicas. Co estudo desas cancións comezaron a xurdir diversas manifestacións populares do folclore estoniano por toda Estonia, duramente reprimidas nos períodos de invasión rusa. Durante a década de 60, a Unión Soviética promoveu nas súas repúblicas o fortalecemento do folclore nacional, xurdindo nesta época os grupos de coral Värka e Leiko. En 1967, foi lanzado o primeiro LP con música tradicional estoniana, Eesti rahvalaule ja pillilugusid.

Estonia produciu tamén algúns compositores clásicos, como Artur Kapp (1878-1952), Lepo Sumera (1950-2000), Eduard Tubin (1905-1982), Arvo Pärt (1935-) e Veljo Tormis (1930-), que deron unha significativa reputación á música clásica estoniana.

Actualmente, a música estoniana é tamén famosa grazas a algúns grupos de rock e metal, como Vanilla Ninja, Metsatöll e o grupo de música folclórica Laudaukse Kääksutajad.

Deportes

editar
Artigo principal: Estonia nos Xogos Olímpicos.
 
O atleta Andrus Veerpalu, bicampeón de saltos nos Xogos Olímpicos de Inverno

Durante moitos anos, Estonia cedeu os seus atletas a outros países. Primeiro ao Imperio Ruso (1900-1912) e despois á Unión Soviética (1948-1988). Nos Xogos Olímpicos de Verán conseguiu 8 medallas de ouro, 7 de prata e 14 de bronce. Nos xogos de inverno, Estonia participou en nove edicións ata o ano 2014, conseguindo 4 medallas de ouro, 2 de prata e outra de bronce.

O maior atleta olímpico de Estonia é o esquiador Andrus Veerpalu. Con dúas medallas de ouro e unha de prata, nos xogos de Salt Lake City 2002 e Turín 2006. No ciclismo, o máis notable é Jaan Kirsipuu quen gañou varias etapas do Tour de France. Marko Asmer é o líder actual do campionato de automobilismo británico de Fórmula 3, e o favorito ao título, sendo o primeiro piloto estoniano en pilotar un Fórmula 1.

No fútbol, Estonia non posúe ningún equipo coñecido internacionalmente. A súa selección xamais se clasificou para unha Copa do Mundo nin a Eurocopa. A súa mellor campaña foi nas Eliminatorias da Euro de 2000, cando conseguiu 3 vitorias, e rematou de terceiro na chave que tiña República Checa e Escocia. O máis coñecido futbolista estoniano é Valery Karpin, quen formou parte da selección rusa.

editar

O folclore popular estoniano vén de moitos séculos antes das primeiras ocupacións no século XIII. Os primeiros grandes influenciadores foron os finlandeses, quen grazas á súa proximidade xeográfica como lingüística deixaron a súa pegada na cultura estoniana. A lingua finesa e a estoniana pertencen á mesma familia lingüística, a das linguas ugrofinesas[24]. O primeiro grande impacto estranxeiro no país aconteceu cando os católicos chegaron a Estonia no século XIII, tentando suprimires a cultura pagá en virtude da cristiá. Este choque cultural deu lugar á mestura das culturas.

Durante o século XVIII, coa popularización e aceptación da lingua estoniana polo pobo, e no século XIX co forte sentimento nacionalista que xurdira, a cultura popular asentouse fortemente nos alicerces do pobo estoniano. Moitas cancións antigas foron resucitadas e outras novas inspiradas por estas. Elementos da relixión pagá rexurdiron e volvéronse a mesturar cos elementos da cultura cristiá[25]. Antigamente facíanse sacrificios de animais e persoas para os deuses pagáns, para ter boas colleitas de alimentos e unha boa vida. Eses elementos ficaron no pasado, mais hoxe en día, as meigas, magos e demos son vistos polos estonianos como portadores do ben e da sorte, ao contrario da visión implantada polos cristiáns.

Gastronomía

editar
Artigo principal: Gastronomía de Estonia.

A gastronomía de Estonia foi influenciada ao longo dos séculos polos seus tradicionais e máis poderosos veciños:Dinamarca, Alemaña, Suecia, Polonia e Rusia que chegaron a gobernar todo ou parte do seu territorio.

A maior parte dos estonianos era de orixe rural antes do último século e, cando a poboación pasaba tempadas de fame, esta arranxábase para elaborares pratos que aproveitasen ao máximo a pouca carne da que dispuñan. Máis tarde, cando comezou a urbanización e modernización do país, debido á industrialización do país, moitos destes pratos deixaron de elaborarse pasando a consumir pratos comúns para todos os europeos.

Malia a perda de moitas receitas tradicionais nas últimas décadas, hoxe en día, aínda moitas familias estonianas seguen a preparar estas receitas, existindo moitos restaurantes tradicionais nas que se poden atopar. Entre os pratos tradicionais destacan o Marineeritud angerjas, anguía mariñada, servida fría; o Keel hernestega, aperitivo servido frío cuxo ingrediente principal é a lingua; o Sült, carne de porco cocida en marmelada e feita en grandes cantidades para ser almacenada en bocois; o Verivorst (morcilla), embutido recheo principalmente con sangue coagulado e arroz e cor escura. Emprégase moito no inverno e, especialmente na noite de Natal. Sérvese acompañado dunha marmelada vermella de froitos silvestres; o Mulgikapsad, chucrute guisado con carne de porco, servido con patacas cocidas; o Silgusoust, arenque pequeno do mar Báltico con touciño e crema de leite; o Karask, bola de pan de cebada; e o Kali, bebida fermentada lixeiramente alcohólica e feita de pan preto ou de centeo.

  1. "Estonia decimoséptimo país de la eurozona". La Razón (en castelán). 01/01/2011. Consultado o 01/01/2011. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 30 de marzo de 2008. 
  3. "La OTAN culmina la mayor ampliación de su historia" (en castelán). 29/03/2004. p. El País. Consultado o 05/12/2018. 
  4. http://www.news.com/Estonia-pulls-off-nationwide-Net-voting/2100-1028_3-5898115.html Arquivado 29 de maio de 2020 en Wayback Machine. Estonia pulls off nationwide Net voting (inglés)
  5. https://web.archive.org/web/20071017110631/http://www.rsf.org/article.php3?id_article=24025 Eritrea ranked last for first time while G8 members, except Russia, recover lost ground (inglés)
  6. "oficial do Condado de Harju (en inglés).". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 25 de maio de 2008. 
  7. "oficial do Condado de Harju (en inglés).". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 25 de maio de 2008. 
  8. "Estonia". International Monetary Fund. 
  9. Mardiste, David (1 de xaneiro de 2011). "Estonia joins crisis-hit euro club". Reuters. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 2 de xaneiro de 2011. 
  10. Eurostat news release
  11. "Electricity Balance, Yearly" Arquivado 28 de novembro de 2017 en Wayback Machine. 8 June 2010 (Estonian)
  12. ""Põlevkivi kasutamise riikliku arengukava 2008–2015" 2011. a täitmise aruanne" (PDF). Valitsus.ee. 6 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2013. Consultado o 16 de marzo de 2013. 
  13. "Energy Effectiveness, Yearly" Arquivado 28 de novembro de 2017 en Wayback Machine. 22 de setembro de 2010 (estoniano)
  14. "Europe's Declining Gas Demand: Trends and Facts about European Gas Consumption - June 2015 Arquivado 25 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". (PDF). p.9. E3G. Fonte: Eurostat, Eurogas, E3G.
  15. Estonian Export Directory (ed.). "DISCOVER BUSINESS AND INVESTMENT OPPORTUNITIES IN ESTONIA!". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2012. Consultado o 2 de xullo de 2013. 
  16. 16,0 16,1 "Rahvaarv rahvuse järgi, 1. jaanuar, aasta". Statistics Estonia. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2018. Consultado o 6 de xuño de 2017. 
  17. Eurobarómetro, http://ec.europa.eu/public_opinion/archives/ebs/ebs_225_report_en.pdf
  18. Kirch, Aksel. "Russians in contemporary Estonia—different strategies of the integration in to the nation-state."
  19. The split in Estonian literature en Estonian Literature information Center
  20. Kristian Jaak Peterson en Estonian Literature information Center
  21. "Estonia: el "tigre do Báltico"". Deutsche Welle 26.04.2004 (en español). 2004. Consultado o 14/03/2008. 
  22. Jaan Kross en Estonian Literature information Center
  23. Jaan Kaplinski en Estonian Literature information Center
  24. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2008. Consultado o 27 de maio de 2008. 
  25. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2008. Consultado o 27 de maio de 2008.