Cebada

especie de planta

Cebada, Orxo

Debuxo da cebada
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Monocots
(sen clasif.): Commelinids
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Pooideae
Tribo: Triticeae
Xénero: Hordeum
Especie: H. vulgare[1]
Nome binomial
'Hordeum vulgare'
L.

A cebada[2] ou orxo[3] (Hordeum vulgare) é unha gramínea cerealífera de grande importancia tanto para humanos como para animais, e representa a quinta maior colleita do mundo. Pertence á familia das gramíneas e a área cultivada no mundo chega a 530.000 km². O seu período de xerminación é de 1 a 3 días. As súas flores dispóñense en espigas, na extremidade do colmo, e os froitos, amarelados e ovoides, fornecen unha fariña alimenticia. A xerminación dos grans (malte) da especie (Hordeum distichum) utilízase na fabricación da cervexa, e os grans torrados e moídos son usados na fabricación dunha bebida sen cafeína de aspecto semellante ao café.

Hordeum vulgare

En 2017, a cebada foi o cuarto cereal por cantidade producida (149 millóns de toneladas), tralo millo, o arroz e o trigo.[4]

Descrición

editar

A cebada é un cereal de invierno, que se recolle en verán (xuño ou xullo no hemisferio norte) e xeralmente a súa distribución é semellante á do trigo. A cebada crece ben en solos drenados, que non precisan seren tan fértiles como os dedicados ao trigo.

A raíz da planta é fasciculada e nela pódense identificar raíces primarias e secundarias. As raíces primarias fórmanse polo crecemento da radícula e desparecen na planta adulta, momento no que se desenvolven as raíces secundarias dende a base do talo, con diversas ramificacións. O talo da cebada é unha cana oca que presenta de sete a oito entrenós, separados por diafragmas nodosos. Os entrenós son máis longos segundo o talo medra dende a rexión basal. O número de talos en cada planta é variable, e cada un deles presenta unha espiga.

As follas están conformadas pola vaíña basal e a lámina, que están unidas pola lígula e presentan dúas prolongacións membranosas denominadas aurículas. As follas atópanse inseridas nos nós do talo por un colar ou pulvinus, que é un avultamento na base da folla.

A súa espiga é a inflorescencia da planta, que se considera unha prolongación do talo, e que é semellante á das demais gramíneas.

O gran ten forma de fuso, máis groso no centro e diminuíndo cara aos ápices. A casca (nos tipos vestidos) protexe o gran contra os depredadores e é de utilidade nos procesos de malteado e cervexería; representa un 13 % do peso do gran, oscilando segundo o tipo ou a variedade.

Historia

editar
 
Análise xenética da expansión da cebada entre o 9000 e o 2000 a.C.[5]

A cebada cultivada (Hordeum vulgare) descende da cebada silvestre (Hordeum spontaneum), que crece en Oriente Medio. Ambas as especies son diploides (2n=14 cromosomas).

A cebada foi un dos primeiros cereais domesticados no Crecente Fértil, unha área con auga relativamente abundante en Asia occidental e preto do río Nilo do nordeste de África.[6] O gran apareceu ao mesmo tempo que o trigo einkorn e o trigo picado.[7] A cebada salvaxe (H. vulgare ssp. Spontaneum) vai desde o norte de África e Creta no oeste ata o Tíbet no leste.[8] Segundo algúns estudosos, as primeiras evidencias de cebada salvaxe nun contexto arqueolóxico proceden do epipaleolítico de Ohalo II no extremo sur do mar de Galilea. Os restos datáronse ao redor do 8500 a.C.[8] Outros eruditos escribiron que as primeiras probas proceden de Mesopotamia, concretamente da rexión de Jarmo do actual Iraq. No libro do Éxodo cítase en relación coas pragas de Exipto.

As evidencias arqueobotánicas mostran que a cebada estendérase por Eurasia no 2000 a.C.[5] Para dilucidar aínda máis as rutas polas que se estendeu o cultivo de cebada a través de Eurasia, utilizouse a análise xenética para determinar a diversidade xenética e a estrutura da poboación nos taxóns de cebada existentes.[5] A análise xenética mostra que a cebada cultivada estendeuse por Eurasia a través de varias rutas diferentes, moi probablemente separadas tanto no tempo como no espazo.[5]

Os gregos e os romanos empregaban a cebada para elaborar pan, e era a base da alimentación para os gladiadores romanos. En Suíza atopáronse restos calcinados de tortas elaboradas con grans de cebada toscamente moídos que datan da Idade da Pedra.

A cebada creceu na península de Corea desde o principio do período da cerámica Mumun (1500-850 a.C.) xunto a outros cultivos como o millo miúdo, o trigo e as legumes.[9] Menciónase moitas veces no Rigveda e noutros textos indios como un dos grans principais da antiga India.[10] Trazos do cultivo da cebada atopáronse tamén na civilización harappan hai 5700-3000 anos.[11]

Durante moitos séculos a distinción de clases tamén afectou ao tipo de cereal que estaba permitido consumir: en Inglaterra ata o século XVI os pobres só tiñan permitido consumir pan de cebada mentres que o pan de trigo estaba destinado á clase alta.

Nalgúns países de oriente próximo, do norte de Europa (como Finlandia) e de Suramérica (como Colombia, o Perú e Ecuador) aínda se emprega como alimento para consumo humano, mediante un proceso de torrado e moenda cun produto final chamado máchica. Porén, é moito máis empregada no malteado e na obtención de mostos para a elaboración da cervexa e na fabricación de whisky escocés e de xenebra neerlandesa. Existe pan que se elabora co cereal e ademais outra pequena proporción destínase para a alimentación animal, particularmente dos porcos. Elabóranse tamén bebidas non alcohólicas ou lixeiramente alcohólicas, como o kvas e a auga de cebada. Tamén se emprega a semente como medicinal.[12][13]

A metade da produción de cebada dos Estados Unidos emprégase para alimentar o gando.[14]

Os grans de orxo foron usados para medir en Inglaterra, con tres ou catro grans (barleycorns) en cada polgada e catro ou cinco sementes de papoula en cada barleycorn.[15] A definición oficial de polgada era de tres grans, aínda que no século XIX foi substituída por medidas estándar.[16] Esta unidade aínda se conserva nos talles de calzado empregadas no Reino Unido e nos Estados Unidos.[17]

Contraindicacións

editar

O orxo, así como o trigo, o malte, a avea e o centeo, posúe glute na súa composición, desta forma, non debe ser consumido por portadores da doenza celíaca, xa que a mesma trae como consecuencia ao organismo (caso consumido estes alimentos), unha atrofia nas mucosas do intestino delgado, prexudicando o organismo e a absorción de diversos nutrientes.

Produción

editar

Segundo a FAO a produción mundial de cebada en 2010 alcanzou 123,5 millóns de toneladas. Os 20 maiores produtores abranguen o 82% do total mundial.

Maiores países produtores en (2010)[18]
 Posto  País  Cantidade 
(en t)
 Posto  País  Cantidade 
(en t)
   1   Alemaña    10 412 100    13   Arxentina    2 983 050
   2   Francia    10 102 000    14   Dinamarca    2 981 300
   3   Ucraína    8 484 900    15   Marrocos    2 566 450
   4   Rusia    8 350 020    16   China    2 520 000*
   5   España    8 156 500    17   Belarús    1 966 460
   6   Canadá    7 605 300    18   India    1 600 000
   7   Australia    7 294 000    19   República Checa    1 584 500
   8   Turquía    7 240 000    20   Alxeria    1 500 000*
   9   Reino Unido    5 252 000    …;        
   10   Estados Unidos    3 924 870
   11   Polonia    3 533 000
   12   Irán    3 209 590     Mundo    123 479 202

(* Estimación da FAO)

  1. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Hordeum vulgare' (TSN 40874)" (en inglés). 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cebada.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para orxo.
  4. "Crops/Regions/World List/Production Quantity for Barley, 2017 (pick list)". UN Food and Agriculture Organization Corporate Statistical Database (FAOSTAT). 2018. Consultado o 8 de setembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Jones, Martin K.; Kovaleva, Olga (18 de xullo de 2018). "Barley heads east: Genetic analyses reveal routes of spread through diverse Eurasian landscapes". PLOS ONE (en inglés) 13 (7): e0196652. Bibcode:2018PLoSO..1396652L. ISSN 1932-6203. PMC 6051582. PMID 30020920. doi:10.1371/journal.pone.0196652. 
  6. Badr A, Müller K, Schäfer-Pregl R, El Rabey H, Effgen S, Ibrahim HH, Pozzi C, Rohde W, Salamini F (abril de 2000). "On the origin and domestication history of Barley (Hordeum vulgare)". Molecular Biology and Evolution 17 (4): 499–510. PMID 10742042. doi:10.1093/oxfordjournals.molbev.a026330. 
  7. -Saltini Antonio, I semi della civiltà. Grano, riso e mais nella storia delle società umane,, prefazione di Luigi Bernabò Brea Avenue Media, Bologna 1996
  8. 8,0 8,1 Zohary, Daniel; Hopf, Maria (2000). Domestication of Plants in the Old World: The Origin and Spread of Cultivated Plants in West Asia, Europe, and the Nile Valley (3rd ed.). Oxford University Press. pp. 59–69. ISBN 978-0-19-850357-6. 
  9. Crawford, Gary W.; Gyoung-Ah Lee (2003). "Agricultural Origins in the Korean Peninsula". Antiquity 77 (295): 87–95. doi:10.1017/s0003598x00061378. 
  10. Witzel, Michael E.J. "The Linguistic History of Some Indian Domestic Plants" (PDF). dash.harvard.edu. Harvard University. Consultado o 25 de agosto de 2016. 
  11. "Indus Valley civilization". iitkgp.org. IIT Kharagpur. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2016. Consultado o 25 de agosto de 2016. 
  12. PASSE, 2008. páx. 123 a 127
  13. CÁCERES, 1996. páx. 127 e 128.
  14. "Barley". Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2008. Consultado o 2008-02-02. 
  15. "Oxford English Dictionary". Oxford University Press. 2009. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2006. Consultado o 29 de maio de 2021. 
  16. Long, George (1842). "The Penny Cyclopædia of the Society for the Diffusion of Useful Knowledge". C. Knight: 436. 
  17. Cairns, Warwick (2007). About the Size of It. Macmillan. ISBN 978-0-230-01628-6. 
  18. FAO, Faostat Statistik der FAO 2010, aufgerufen am 21  März 2012[Ligazón morta]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Cendrero, Orestes [1938] Nociones de historia natural. 7.ª Edición, París.
  • Forero, Daniel Gonzalo [2000] Almacenamiento de Granos. UNAD, Facultad de Ciencias Agrarias, Bogotá.
  • Kent, Norman Leslie [1983] Technology of cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford.
  • Ruiz Camacho, Rubén [1981] Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar