Pagán[1] (do latín paganus: campesiño, aldeán) é unha expresión inicialmente despectiva que os cristiáns aplicaban a todas as persoas con crenzas relixiosas diferentes do xudaísmo, do cristianismo e do islamismo. Integra o xénero máis amplo de «infiel», que tamén abarca aos crentes do xudaísmo, do islamismo e ateos. O termo procede da época imperial romana, na que o cristianismo se converteu na relixión oficial e foi utilizado para denominar e perseguir ás antigas relixións do Imperio.

Xamán.

Os «infieis» (pagáns, xudeus e musulmáns) diferenciábanse dos herexes, no feito de que os primeiros descoñecían a relixión cristiá ou non lles foi presentada adecuadamente. Os herexes, en cambio son cristiáns que rexeitan certos contidos da súa propia relixión. Neste cadro conceptual, os católicos consideran como herexes aos crentes nas diversas relixións protestantes.

Historia do termo

editar

Nunha nota ao final do capítulo XXI de A Decadencia e Caída do Imperio Romano, Edward Gibbon rastrexa a orixe e uso da palabra "pagán".

A idea que agora é común na literatura de que os adoradores dos antigos deuses comezaron a ser chamados pagáns cando o seu culto desaparecera das cidades e tomara refuxio nas vilas (pagi), é inexacta. Os decretos imperiais contra a antiga relixión fala dos seus devotos como pagáns no ano 365 d.C., cando eles eran aínda a gran maioría nas cidades romanas; e a mesma palabra no sentido de aldeáns (pagáns) usouse como mínimo desde o primeiro século da era cristiá.

Tácito e Xuvenal indican que no seu tempo comezou a ser aplicada a aqueles "xeralmente campesiños" que non eran chamados para o servizo militar e non tomaban o xuramento militar (sacramentum). Xa que os cristiáns considerábanse a si mesmos os soldados de Cristo, tomaron prestada a palabra sacramento, e chamaron a aqueles que non tomaban o seu xuramento pagáns, do mesmo xeito que antes se chamaba a aqueles que non facían o xuramento para o servizo militar. Así o sinala Tertuliano en De Coroa Militis, X. A vella relixión, é verdade, durou máis nas vilas, pero no século IV, cando a palabra pagán era usada no sentido que se usa hoxe, as cidades eran lugares onde os deuses de Grecia e Roma aínda eran fortes. Crisóstomo di, nun sermón do ano 385 D.C., que os cristiáns eran soamente un quinto da poboación de Antioquia, e abondan as probas de que o mesmo sucedía en Roma.

O termo pagán e os seus equivalentes noutros idiomas tamén foron utilizados por correntes cristiás para designar a outras que se definen como cristiás pero conservan cultos sincréticos que recordan ao paganismo. Por exemplo, na Igrexa de Bizancio os iconoclastas consideraban paganismo o culto ás imaxes dos iconodulas. Para algúns; poucos pero certos teólogos e propagandistas protestantes, o culto aos santos da Igrexa Católica é paganismo. Igualmente, algúns eclesiásticos católicos europeos cualificaban como pagás as prácticas sincréticas dos nativos americanos ou asiáticos evanxelizados.

Durante séculos os textos que utilizan este termo son principalmente cristiáns. Con todo, desde o século XIX, o desenvolvemento dun ocultismo ilustrado na civilización occidental levou a que algúns cultos se definisen a si mesmos como pagáns e recuperen antigas tradicións pagás europeas. É o que ás veces se chama neopaganismo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pagán.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar