Oliver Bosbyshell
James Pollock ca. 1890 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de xaneiro de 1839 Vicksburg, Mississippi. |
Morte | 1 de agosto de 1921 (82 anos) Filadelfia, Pensilvania. |
Causa da morte | ictus |
Lugar de sepultura | Cimeterio West Laurel Hill. |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Actividade | |
Ocupación | Director da Casa da Moeda de Filadelfia. |
Partido político | Partido Republicano |
Familia | |
Cónxuxe | Martha Stem. |
Oliver Christian Bosbyshell, nado en Vicksburg, Mississippi, o 3 de xaneiro de 1839 e finado en Filadelfia o 1 de agosto de 1921, foi un militar e alto funcionario estadounidense, participante na guerra civil do seu país, que ocupou o cargo de superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia entre 1889 e 1894.
Bosbyshell asumiu a causa da Unión ao estoupar a guerra civil e, logo de participar en varias batallas, acadou o rango de comandante e dirixiu o seu propio rexemento.
Logo de abandonar o exército en 1864, emprendeu dous negocios sen éxito e tamén participou en política do lado dos republicanos, e nas actividades do Gran Exército da República, un grupo de veteranos.
En 1869 ingresou na Casa da Moeda de Filadelfia, na que foi nomeado cuñador xefe en 1876 e superintendente en 1889, posto que ocupou durante catro anos. No exercicio deste cargo viuse afectado por unha controversia pola desaparición de lingotes de ouro, aínda que finalmente foi liberado de calquera responsabilidade.
Nos seus derradeiros anos de vida exerceu tamén como directivo dunha compañía de seguros.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e guerra civil
[editar | editar a fonte]Oliver Christian Bosbyshell naceu en Vicksburg, Mississippi, o 3 de xaneiro de 1839, fillo de Mary Ann Whitney e de Oliver Christian Bosbyshell. Ambos eran procedentes de antigas familias de Filadelfia e fixaran temporalmente a súa residencia familiar en Vicksburg. O pai de Oliver, comisionista, contraeu bronquite mentres loitaba contra un incendio que destruíu o seu almacén e morreu en Filadelfia oito meses antes do nacemento de Oliver, logo de realizar unha viaxe por mar coa esperanza de recuperar a saúde. A súa nai e Oliver regresaron daquela de Mississippi á casa do seu pai no condado de Schuylkill, en Pensilvania. Oliver creceu alí e asistiu ás escolas públicas locais. Aos 15 anos deixou a escola para traballar como mensaxeiro telegráfico e durante os tres anos seguintes desempeñou varios traballos nese campo antes de se decidir pola avogacía. Primeiro preparouse co avogado Francis W. Hugbee e despois co seu tío, William Whitney, ambos en Pottsville. Oliver Bosbyshel era aínda un estudante en 1861, cando estoupou a guerra civil nos Estados Unidos.[1][2][3]
O 15 de abril de 1861, o presidente Abraham Lincoln convocou a 50.000 voluntarios para loitar por preservar a Unión. O día seguinte, Bosbyshell uniuse aos Artilleiros de Washington, unha compañía da milicia local, que partiu axiña cara a Washington. No camiño, a compañía tivo que marchar polas rúas de Baltimore o 17 de abril. Xuntouse unha multitude hostil de simpatizantes confederados. Segundo o que el mesmo relatou, foi alcanzado por un proxectil descrito como unha pedra ou un ladrillo. Afírmase que o soldado Bosbyshell foi o primeiro home ferido pola causa da Unión, en tanto que un servente alcanzado uns minutos máis tarde por un proxéctil que lle rompeu a pel é considerado o primeiro home que verteu o seu sangue pola mesma causa.[1][4] No entanto, os rexistros oficiais non inclúen a Bosbyshell entre as baixas da revolta de Baltimore.[5]
En Washington, a compañía foi acuartelada na Galería das Damas da Cámara do Senado, no Capitolio.[1] Os 350 soldados de Pensilvania que chegaron a Washington o 18 de abril pasaron a ser coñecidos como os Primeiros Defensores e, despois da guerra, os superviventes formaron unha asociación con ese nome.[2] Mentres estaban aloxados no Capitolio, recibiron a visita do presidente Lincoln, o secretario de Estado William H. Seward e o secretario da Guerra Simon Cameron. Bosbyshell lembrou a Lincoln:[6]
“ | Si, aquí, sobresaíndo por riba de todos na sala, estaba a gran figura central da guerra. Lembro como me impresionou a amabilidade do seu rostro e a torpeza con que penduraban os seus brazos e as súas pernas, a súa aparente timidez en presenza destes primeiros soldados da República, e con todo iso un porte grave, máis ben lúgubre, na súa actitude. | ” |
Os Artilleiros de Washington foron rebautizados como Compañía H do 25º de Voluntarios de Pensilvania, e foron enviados polo río Potomac a Fort Washington, Maryland, onde a compañía pasou tres meses reforzando as fortificacións. A Bosbyshell ofrecéuselle un posto de primeiro tenente no exército regular, que rexeitou, e declarou que prefería o servizo voluntario. Cando expirou o prazo de alistamento da compañía, Bosbyshell reincorporouse ás forzas da Unión como subtenente da Compañía G, 48º de Voluntarios de Pensilvania, para servir durante tres anos a partir do 1 de outubro de 1861.[7][8]
Durante aproximadamente un mes despois do seu reenganche, Bosbyshell foi oficial de recrutamento do rexemento en Harrisburg, mais o 11 de novembro saíu co seu rexemento de Fort Monroe, Virxinia, cara a Hatteras, en Carolina do Norte. Alí prestou servizo como axudante en funcións do seu rexemento e como xuíz defensor en consellos de guerra. Cando o xeneral Ambrose Burnside lanzou un ataque contra New Bern, levou consigo seis compañías do 48º, así como a Bosbyshell, aínda que a Compañía G non se incluíu entre as forzas da Unión. En abril e maio de 1862, Bosbyshell recibiu sucesivos ascensos a tenente primeiro e capitán, e foi asignado ao mando da súa compañía, o que fixo en batallas como Second Bull Run, Antietam e Fredericksburg. Despois de Fredericksburg, foi asignado de novo a servir en consellos de guerra; cando o rexemento foi trasladado ao oeste a principios de 1863, Bosbyshell foi asignado como mariscal preboste de Louisville, Kentucky. Mentres estaba destinado en Louisville, regresou a Pensilvania con permiso para casar con Martha Stem, filla dun ministro.[10]
Cando o rexemento recibiu a orde de ir a Tennessee en setembro de 1863 para participar nas accións da Unión alí, Bosbyshell foi nomeado axudante xeral en funcións da primeira brigada do noveno corpo, do que formaba parte o 48º. Loitou nas batallas de Blue Springs e de Campbell's Station, e participou no asedio de Knoxville. En 1864, regresou novamente a Pensilvania para axudar a reforzar o rexemento. De volta ao seu posto de brigada, dirixiu as tropas afroamericanas na campaña de Wilderness.[11]
O 10 de xullo de 1864, Bosbyshell foi ascendido a comandante e ordenóuselle comandar o 48º, aínda que permaneceu temporalmente no seu posto de brigada. Nese momento, as forzas da Unión estaban a asediar Petersburg, ao sur da capital confederada, Richmond, en Virxinia. O comandante en funcións da 48ª, o tenente coronel Henry Pleasants, na súa vida civil enxeñeiro de minas, concibiu a idea de escavar baixo as liñas confederadas e facer estoupar unha bomba de gran potencia. Tras semanas de preparación, a bomba estoupou o 30 de xullo e creou un enorme foxo no chan e un oco nas liñas confederadas. Logo da conmoción inicial, os confederados recuperáronse e rexeitaron o intento de romper as liñas, axudados pola torpeza da Unión. Bosbyshell dirixiu as tropas afroamericanas que entraron en acción na Batalla do Cráter; sufriron máis de 400 baixas. Con Pleasants ascendido ao estado maior do xeneral Robert B. Potter, Bosbyshell tomou o mando do 48º o 2 de agosto de 1864.[12]
Bosbyshell dirixiu as súas tropas en Globe Tavern e en Peebles's Farm. En setembro de 1864, solicitou un permiso para regresar a Pensilvania por asuntos persoais. Cando se lle denegou, e ao ter expirado o seu período de servizo de tres anos, foi licenciado o 1 de outubro de 1864.[11]
Regreso a Pensilvania
[editar | editar a fonte]Tras regresar a Pottsville, Bosbyshell dedicouse primeiro á banca e despois ao comercio de libros e artigos de papelaría, sempre con malos resultados. No ámbito político, presentouse como republicano ás eleccións para protonotario do condado de Schuylkill en 1866, mais foi derrotado.[11]
Pouco despois da guerra, fundouse o Gran Exército da República (GAR, polas súas siglas en inglés), un grupo de veteranos da Unión. Durante a campaña de Bosbyshell para se converter en protonotario, pedíuselle que organizase a rama do condado de Schuylkill, mais declinou a proposición por mor da súa condición de candidato. O ano seguinte, porén, uniuse á GAR e organizou o Posto 24 en Pottsville. Pouco despois converteuse en comandante de distrito do GAR do condado de Schuylkill, e en 1869 foi elixido comandante de departamento do GAR de Pensilvania.[14]
En 1869, Bosbyshell foi contratado como responsable do Rexistro de Depósitos da Casa da Moeda de Filadelfia, e trasladouse a esa cidade. O daquela cuñador xefe, A. Loudon Snowden, ficou impresionado pola valía Bosbyshell e ascendeuno a cuñador adxunto en 1872. Cando Snowden deixou a Casa da Moeda para aceptar un posto como xefe de Correos en 1876, o presidente Ulysses Grant ascendeu a Bosbyshell como novo cuñador xefe no seu lugar.[15] Grant nomeou a Bosbyshell o 14 de decembro de 1876 e foi confirmado polo Senado o 26 de decembro.[16] Segundo o historiador numismático Q. David Bowers, Bosbyshell, mentres ocupaba o posto de cuñador xefe, utilizou as instalacións da Casa da Moeda e algúns cuños obsoletos para cuñar en beneficio propio exemplares raros da moeda de ouro de tres dólares, entre elas as emisións de 1873, 1875 e 1876. Durante o mandato de Bosbyshell, coleccionistas e comerciantes con bos contactos fixéronse con grandes cantidades de exemplares cuñados como proba, ademais de recuñaxes e pezas cuñadas en diferentes metais, e Bosbyshell vendeu unha gran colección persoal deste tipo de pezas pouco despois de deixar o cargo.[17]
Bosbyshell exerceu como cuñador xefe ata principios de 1885, xa que coa chegada do primeiro Goberno de Grover Cleveland se nomearon demócratas como responsables da Casa da Moeda, e Bosbyshell conseguiu un posto como secretario xefe na oficina do interventor da cidade de Filadelfia. Bosbyshell foi contratado, malia ser republicano, nunha administración municipal gobernada por demócratas pola súa amizade co interventor Robert Dechert.[18]
Tras manter a súa participación na GAR, Bosbyshell encargouse do comité de organización do Décimo Campamento Nacional da GAR, celebrado en Filadelfia en 1876. En 1879, foi elixido comandante do Posto 2 desa cidade.[5] Tamén se alistou no segundo rexemento da Garda Nacional de Pensilvania, e foi elixido comandante en 1878 e tenente coronel en 1880.[2]
Superintendente da Ceca de Filadelfia
[editar | editar a fonte]O 17 de outubro de 1889, o presidente Benjamin Harrison comisionou a Bosbyshell como superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia. Como o Senado non estaba reunido, Bosbyshell recibiu un nomeamento denominado "en receso", na lexislación estadounidense.[20] Bosbyshell xurou o seu cargo o 1 de novembro de 1889. No seu primeiro día de traballo, foi recibido cun ramo de flores e unha gran morea de cartas de solicitantes do cargo.[21] O 16 de decembro de 1889, co Senado en período de sesións, Harrison nomeou formalmente a Bosbyshell,[20] e o día seguinte, o senador por Vermont Justin Morrill, en nome do Comité de Finanzas do Senado, ao que se remitira o nomeamento, recomendou que este fose confirmado.[22] O Senado fíxoo así, finalmente, o 19 de decembro.[23]
En 1890, Bosbyshell depositou 4.200 dólares de fondos federais no Keystone National Bank, que acabou na creba. Bosbyshell fíxose responsable da débeda, que só supuña 300 dólares menos que o seu salario anual, e pagouna por etapas, ata completar os pagamentos en 1894.[24]
En agosto de 1890, Bosbyshell foi nomeado coronel do seu rexemento da Garda Nacional, cunha votación inesperadamente axustada, xa que non lle caía ben a algúns dos seus compañeiros.[25] Tras os disturbios polas folgas en Homestead en xullo de 1892, o gobernador de Pensilvania, Robert E. Pattison, ordenou á milicia que acudise á cidade en folga para restablecer a orde. Bosbyshell dirixiu o seu rexemento de gardas a Homestead, onde os folguistas non ofreceron resistencia.[26] En agosto de 1893, dimitiu do rexemento.[2]
Antes de que o Congreso abolise esta práctica coa Lei da Moeda de 1873, o Goberno fixo que a prata tivese curso legal xunto co ouro,[27] o que deu lugar a unha das grandes controversias políticas de finais do século XIX, xa que moitos pedían que se volvese ás leis anteriores a 1873, que obrigarían o Goberno a tomar toda a prata que se lle ofrecese e logo devolvela, cuñada en dólares de prata.[28] O 3 de xaneiro de 1891, dous defensores da "prata libre" presentáronse na Casa da Moeda de Filadelfia cun gran lingote de prata e pediron que se cuñase. Cando o empregado de pesaxe se negou, pediron ver a Bosbyshell, quen os recibiu, mais rexeitou a súa demanda. Así e todo, escribiu por petición daqueles homes unha carta na que afirmaba que as leis prohibían a cuñaxe de prata proporcionada pola poboación.[29]
Bosbyshell foi superintendente da Casa da Moeda mentres esta creaba novos deseños de moedas moi sobranceiras, entre elas a serie Barber, o medio dólar Colombino e o cuarto de dólar Isabelino. No caso da moeda dun cuarto de dólar, emitida en 1893, Bosbyshell participou nas consultas sobre o deseño dentro da Casa da Moeda, e enviou unha carta a Caroline Peddle, contratada inicialmente para deseñar a peza, para lle exixir que a imaxe da raíña de Castela, Isabel, na moeda non levase coroa. Pouco despois, Peddle retirouse do proxecto.[30]
Cleveland foi elixido para un segundo mandato non consecutivo en novembro de 1892. Cos demócratas de novo no poder, o novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Preston, ordenou a Bosbyshell a finais de marzo de 1894 que lle entregase a superintendencia da Ceca de Filadelfia ao seu sucesor, Eugene Townsend. Isto requiría a recontaxe de todas as moedas das instalacións, incluídos os centavos e as moedas de cinco centavos. Tras consultar cos fiadores da súa fianza como superintendente, Bosbyshell opúxose inicialmente a dimitir ata que a recontaxe —que se esperaba que durase tres meses— estivese completa, mais aínda así tivo que deixar o cargo, tal e como se lle ordenara, o 31 de marzo de 1894.[31][32][33][34]
Derradeira etapa
[editar | editar a fonte]Bosbyshell fora elixido vicepresidente da Fidelity National Life Insurance Company en febreiro de 1893, e en decembro dese ano foi nomeado tesoureiro, cargo que seguía a ocupar en 1908.[2] O presidente William McKinley nomeouno tamén membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos de 1898.[5]
En setembro de 1893, descubriuse un importante roubo na Casa da Moeda de Filadelfia. Henry Cochran, empregado de pesaxe, estivera extraendo subrepticiamente lingotes de ouro dunha cámara selada en 1887, non cunha porta sólida senín cunha reixa que estaba algo solta. Bosbyshell, ao asumir a custodia dos activos da Ceca de Filadelfia de mans do seu predecesor, Daniel Fox, non pedira que se pesase o ouro. Cando se sacou o ouro para o converter en moeda en 1893, descubriuse a falla. Malia recuperarse unha parte do metal subtraído, seguían a faltar 12.810,82 dólares, e o Goberno presentou unha demanda contra Bosbyshell despois de que deixase o cargo en 1894, o que deu lugar a unha sentenza contra el e os fiadores da fianza que depositaran ao acceder ao cargo. Bosbyshell apelou ante o correspondente Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos, que fallou en contra el.[31][35] O tribunal de distrito fallara a favor de Bosbyshell na cuestión dos 733 dólares de prata presumiblemente desaparecidos, e deixara pendente só a cuestión do ouro. Bosbyshell solicitou a revisión por parte do Tribunal Supremo, pero tamén procurou abeiro lexislativo, e o 2 de febreiro de 1899, o Congreso absolveuno da débeda, pondo en cuestión o caso xudicial.[36]
Co estoupido da guerra hispano-estadounidense en 1898, Bosbyshell organizou o décimo noveno rexemento da Garda Nacional de Pensilvania, no que serviu como coronel e que se utilizou para a defensa do país. Permaneceu nese cargo desde agosto de 1898 ata novembro de 1899.[2]
Ademais da GAR, Bosbyshell tiña moitos intereses e afeccións. Foi membro da xunta parroquial da Igrexa do Salvador de Filadelfia;[2] durante moitos anos dirixiu o coro e participou na escola dominical, con frecuencia como máximo responsable.[37] Conmemorou as súas experiencias bélicas do seu rexemento no libro The 48th in the War, publicado en 1895,[5] e foi membro de varias sociedades de veteranos. Tamén presidiu o consello de administración da Loxa Universitaria de Masóns.[2] Así mesmo, logo de se interesar pola xenealoxía, en 1910 publicou Descendants of Christian and Elizabeth (Oliver) Bosbyshell 1782-1910.[38][39]
Oliver Bosbyshell faleceu o 1 de agosto de 1921, logo de sufrir un derramo cerebral.[5][40] Tivera catro fillos coa súa esposa Martha Stern, finada en 1914; o seu fillo máis vello, Nathan, morreu nos Ánxeles en 1888 á idade de 23 anos.[41][42]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Encyclopaedia [...] (1898). Páxina 29.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Leonard, J. W. (ed.) (1908). Páxina 86.
- ↑ Bosbyshell, Oliver C. (1910). Páxina 3.
- ↑ Evans, G. G. (1890). Páxinas 110-111.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Bosbyshell,Oliver Christian". En Smith, P. (2020). Páxina 31.
- ↑ Lockwood, J.; Lockwood, C. (2011). Páxina 103.
- ↑ Encyclopaedia [...] (1898). Páxinas 29-30.
- ↑ Evans, G. G. (1890). Páxinas 111-112.
- ↑ Bosbyshell, O. (1895). The 48th in the War. Páxina 116 (bis).
- ↑ Encyclopaedia [...] (1898). Páxinas 30-31.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Encyclopaedia [...] (1898). Páxina 30.
- ↑ Bosbyshell, Oliver C. (1895). Páxinas 63-78.
- ↑ "Old U.S. Mint, Chestnut & Juniper Streets, Philadelphia". Library of the Congress.
- ↑ Evans, G. G. (1890). Páxinas 113-114.
- ↑ Evans, G. G. (1890). Páxinas 111, 113.
- ↑ United States Senate (1901). Páxinas 335, 344.
- ↑ Bowers, Q. D. (2001). Páxina 92.
- ↑ Evans, G. G. (1890). Páxinas 114, 116.
- ↑ Washington Evening Star. 4 de marzo de 1893. Páxina 2.
- ↑ 20,0 20,1 United States Senate (1901-b-). Páxina 111.
- ↑ "In control of the mint". En The Philadelphia Record. 2 de novembro de 1889. Páxina 2.
- ↑ United States Senate (1901-b-). Páxina 197.
- ↑ United States Senate (1901-b-). Páxinas 279-281.
- ↑ "Col. Bosbyshell's debt of honor". En The New York Times. 26 de xuño de 1894.
- ↑ "Bosbyshell wins". En The Philadelphia Record. 9 de agosto de 1890.
- ↑ "Troops in charge". En The Daily World. 12 de xullo de 1892.
- ↑ Coin World Almanac (8ª ed.). Amos Press, Sidney, OH. 2011. Páxina 456. ISBN 978-0-944945-60-5
- ↑ Leonard, J. W. (ed.) (1908). Páxina 7.
- ↑ "Free coinage demanded". En The New York Times. 3 de xaneiro de 1891.
- ↑ Moran, M. F. (2008). Páxina 93.
- ↑ 31,0 31,1 "Oliver Bosbyshell v. United States". En United States Court of Appeals Reports. Vol. XXIII. St. Paul, West Pub. 1897. Páxina 581.
- ↑ "The Philadelphia Mint; its transfer to the new Superintendent ordered for April 2". En The New York Times. 21 de marzo de1894.
- ↑ "To take control of millions". En The New York Times. 25 de marzo de 1894.
- ↑ "Bosbyshell will protest". En The New York Times. 28 de marzo de 1894.
- ↑ "Stolen by a trusted clerk; the Mint robbery mistery is cleaned up". En The New York Times. 176 de setembro de 1893.
- ↑ United States House of Representatives (1910).
- ↑ Encyclopaedia [...] (1898). Páxina 31.
- ↑ Smith, P. (1993). Páxina 1.556.
- ↑ Véxase "Bosbyshell, O." na sección "Bibliografía".
- ↑ "Gen. Oliver C. Bosbyshell". En The Reading Eagle. 4 de agosto de 1921.
- ↑ Bosbyshell, Oliver C. (1910). Páxina 22.
- ↑ Smith, P. (1993). Páxina 1.555.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Oliver Bosbyshell |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bosbyshell, Oliver C. (1895). The 48th in the War. Philadelphia: Avil Printing Company, Filadelfia.
- Bosbyshell, Oliver C. (1910). Descendants of Christian and Elizabeth (Oliver) Bosbyshell 1782-1910. Privately published.
- Bowers, Q. D. (2001). The Harry W. Bass, Jr. Museum Sylloge. Harry W. Bass, Jr. Foundation, Dallas. ISBN 0-943161-88-6
- Evans, G. G. (1890). Illustrated history of the United States Mint (ed. rev.). George G. Evans, Filadelfia.
- Jones, S. L. (1964). The Presidential Election of 1896. University of Wisconsin Press, Madison.
- Leonard, J. W. (ed.) (1908). Who's Who in Pennsylvania (2ª ed.). L. R. Hamersly & Company, Nova York.
- Lockwood, J.; Lockwood, C. (2011). Siege of Washington. The Untold Story of the Twelve Days That Shook the Union. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-983073-2
- Moran, M. F. (2008). Striking Change. The Great Artistic Collaboration of Theodore Roosevelt and Augustus Saint-Gaudens. Whitman Pub., Atlanta. ISBN 978-0-7948-2356-6
- Smith, P. (1993). "Bosbyshell claimed historic first". En The Numismatist. The American Numismatic Association. Novembro. Páxinas 1.555-1.556.
- Smith, P. (2020). American Numismatic Biographies. Páxina 266.
- United States House of Representatives (1910). House Documents. Vol. 131. United States Government Printing Office, Washington.
- United States Senate (1901). Journal of the Executive Proceedings of the Senate of the United States. Vol. XX. United States Government Printing Office, Washington.
- United States Senate (1901-b-). Journal of the Executive Proceedings of the Senate of the United States. Vol. XXVII. United States Government Printing Office, Washington.
- Encyclopaedia of Contemporary Biography of Pennsylvania. Vol. III. Atlantic Publishing and Engraving, Nova York. 1898.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]