Saltar ao contido

Kentucky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaKentucky
Commonwealth of Kentucky (en) Editar o valor en Wikidata

HimnoMy Old Kentucky Home (en) Traducir (1928) Editar o valor en Wikidata

Lema«United we stand, divided we fall (en) Traducir»
«Deo gratiam habeamus (en) Traducir» Editar o valor en Wikidata
Símbolo oficialCardinalis cardinalis (pt) Traducir (aves) Editar o valor en Wikidata
AlcumeBluegrass State Editar o valor en Wikidata
EpónimoRio Kentucky (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 38°N 85°O / 38, -85
EstadoEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
CapitalFrankfort Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación4.505.836 (2020) Editar o valor en Wikidata (43,05 hab./km²)
Número de fogares1.748.053 (2020) Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua inglesa Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie104.659 km² Editar o valor en Wikidata
Auga2,28 % Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Mississippi, Río Ohio e Big Sandy River (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altitude230 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoBlack Mountain (pt) Traducir (1.263 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoCondado de Mississippi (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1 de xuño de 1792 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Órgano executivoGovernment of Kentucky (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Governor of Kentucky (en) Traducir Editar o valor en WikidataAndy Beshear (pt) Traducir (2019–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAsemblea Xeral de Kentucky , Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialKentucky Supreme Court (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Fuso horario
ISO 3166-2US-KY Editar o valor en Wikidata
Identificador GNIS1779786 Editar o valor en Wikidata

Páxina webkentucky.gov Editar o valor en Wikidata
Twitter: kygov BNE: XX455319 Editar o valor en Wikidata

Kentucky é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión Sueste do país. O seu nome oficial é Commonwealth of Kentucky. Kentucky atópase no interior do leste dos Estados Unidos. As súas principais fontes de renda son a manufactura de produtos industrializados e o turismo.

Anteriormente, críase que a orixe do nome do estado viña dunha palabra amerindia, que significa "terreo de caza escuro e sanguento", porque as tribos nativas que vivían na rexión cazaban dentro dos densos bosques do estado, e que, moitas veces, estas tribos loitaban entre si nestes bosques.[1] Porén, actualmente crese que a palabra Kentucky pode ser atribuída a numerosos idiomas indíxenas, con varios significados posibles. Algúns destes significados son "terra do mañá", "terra de cana e pavos" e "pradería".[2][3]

A rexión onde está localizada actualmente Kentucky foi colonizada orixinalmente por colonos da colonia británica de Pensilvania, en 1774, pero pasou a ser controlada por Virxinia durante a Revolución Americana de 1776, e converteuse no décimo quinto estado americano en entrar na Unión, o 1 de xuño de 1792.

Diferentes tribos de nativos americanos vivían na rexión onde se localiza actualmente Kentucky preto de 10 mil anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos á rexión. Estas tribos eran primariamente cherokee, delaware e os shawnee, así como os iroqueses. Estes últimos constantemente atacaban outras tribos indíxenas.

Ao longo do final do século XVII e das primeiras décadas do século XVIII, diversos exploradores británicos e franceses exploraron a rexión.

Moito do que agora é Kentucky foi comprado aos nativos americanos polos tratados de Fort Stanwix (1768) e Sycamore Shoals (1775). Posteriormente, Kentucky creceu rapidamente cando se fundaron os primeiros asentamentos ao oeste das montañas Apalaches, con colonos (sobre todo de Virxinia, Carolina do Norte, e Pensilvania) que se incorporaban á rexión vía Cumberland Gap e o río Ohio. O máis famoso destes primeiros exploradores e colonos foi Daniel Boone, considerado tradicionalmente un dos fundadores do estado. En 1775 comezou a Guerra de Independencia dos Estados Unidos de América. Os iroqueses que vivían na rexión aliáronse cos británicos, e iniciaron constantes ataques contra comunidades americanas en Kentucky. Os rebeldes americanos, estaban ocupados co desenvolvemento da guerra no oeste, pero os habitantes da rexión defendéronse con éxito contra sucesivos ataques iroqueses.

En 1776, Kentucky pasou a ser oficialmente controlada polos Estados Unidos, e a rexión fíxose un dos condados de Virxinia, atraendo diversos habitantes doutras rexións de Virxinia. Con todo, os iroqueses continuaron atacando asentamentos americanos. Estes indíxenas estaban equipados con armas de fogo, fornecidas polos británicos. Estes controlaban unha pequena rexión no noroeste do actual estado de Kentucky. Unha forza militante, controlada por George Rogers Clark, conquistou os tres asentamentos británicos que se localizaban no noroeste da rexión. Tales asentamentos fornecían as armas modernas de guerra aos iroqueses. Coa captura destes asentamentos, os ataques iroqueses diminuíron.

Virxinia nunca demostrou demasiado interese en apropiarse de Kentucky, de feito, a apropiación da rexión como un condado de Virxinia fixérase soamente como unha declaración de reivindicación de posesión dos Estados Unidos da rexión de Kentucky (que anteriormente ao comezo da guerra non pertencía a ningunha das Trece Colonias). A Revolución Americana terminou en 1783. Nove anos despois, o 1 de xuño de 1792, Kentucky fíxose oficialmente un estado americano. Foi o décimo quinto estado en entrar na Unión.

Durante as primeiras décadas do século XIX, Kentucky prosperou economicamente. Os ricos pastos da rexión central de Kentucky facían dela un lugar ideal para a crianza de cabalos. O tabaco empezou a ser cultivado en grande escala en Kentucky a partir da década de 1830. Preto de 30 anos despois, Kentucky xa era a maior produtora de tabaco do país. Outros cultivos importantes eran o millo e o trigo. Kentucky tamén se fixo unha das maiores produtoras de bebidas alcóholicas (principalmente o whisky) a partir da década de 1840. A variedade de ríos que atravesan o estado axudaron aos agricultores e aos comerciantes de Kentucky a prosperar. Estas facendas utilizaban gran cantidade de traballo escravo.

Mapa de 1850 do planeado Distrito Occidental de Columbia, que tentaba substituír o Distrito de Columbia como a capital dos Estados Unidos.

En 1818, o presidente Jackson asegurou a posesión da actual porción occidental de Kentucky - ata entón disputada cos nativos - a través da compravenda formal desta rexión aos indíxenas.[4][5]

Durante a década de 1850, o goberno americano considerou cambiar o seu capital, o Distrito de Columbia, en dirección ao oeste, polo que foi chamado na época como Distrito Occidental de Columbia. Esta capital estaría entre Capitol City (localizada en Kentucky) e Metropolis (Illinois). Con todo, estes plans nunca pasaron do papel.

A Guerra Civil Estadounidense iniciouse en 1861. Kentucky, inicialmente, declarou a súa neutralidade na guerra, non demostrando interese en participar activamente á beira da Unión (Estados Unidos en si) ou dos Estados Confederados de América. Oficialmente, con todo, Kentucky aínda facía parte da Unión, polo que tropas confederadas invadiron Kentucky en xaneiro de 1862, sendo expulsados por forzas americanas en outubro do mesmo ano.

Durante a guerra, a poboación de Kentucky estaba dividida en dúas. Moitos eran pro-abolicionistas, especialmente os habitantes que vivían nos principais centros urbanos do estado. Outros, principalmente agricultores, estaban a favor do uso do traballo escravo. Os pro-abolicionistas querían a participación do estado á beira da Unión, e os que apoiaban o uso do traballo escravo querían que Kentucky se unise á Confederación. Ata familias enteiras estaban divididas. Preto de 75 mil habitantes do estado loitaron á beira da Unión, e preto de 30 mil persoas loitaron á beira da Confederación.

No final da guerra, Kentucky aínda facía parte da Unión. Con todo, o goberno americano tomou decisións que desgustaron á gran maioría dos habitantes do estado. Os escravos foron liberados sen indemnización para os seus donos, a economía de Kentucky, daquela principalmente agraria, estaba feita farrapos. Ademais diso, tropas americanas ocuparon o estado, a pesar de participar activamente no lado da Unión. Estas tropas permaneceron no estado ata 1870, compostas fundamentalmente por afroamericanos e ocupando áreas que apoiaran os suristas. A moral dos habitantes de Kentucky minguou drasticamente. Durante unha década o estado entraría nunha gran recesión económica, principalmente causada por unha caída drástica nas vendas de tabaco ao exterior.

1865 - Actualidade

[editar | editar a fonte]

A partir de mediados da década de 1870, a economía de Kentucky comezou a recuperarse, lenta e gradualmente, grazas á construción ferroviaria ao longo do territorio. Eventualmente, a demanda do tabaco no exterior aumentou, e inmediatamente o tabaco volveuse a principal fonte de renda do estado, causando recesións económicas cando os prezos do tabaco caían no mercado internacional. Outro cambio foi un crecente interese da poboación polas carreiras de cabalos, desenvolvendo enormemente a cría cabalar no estado. O famoso Derby de Kentucky, actualmente a carreira de cabalos máis famosa do país, é un evento anual de Louisville. A primeira carreira foi realizada en 1875.

Porén, boa parte da poboación de Kentucky vivía na pobreza. Había un gran descontento co goberno estatal entre a poboación. En 1900, case se produce unha guerra civil, debido a un conflito político sobre os resultados e posibles fraudes nas eleccións para gobernador, onde un dos candidatos, William Goebel, foi asasinado. Realizáronse uns novos comicios, e a guerra civil non chegou a producirse. Un monopolio do cultivo e venda de tabaco xurdiu no final do século XIX, e varios facendados e comerciantes, entre 1904 e 1909, atacaron este monopolio provocando incendios en depósitos e plantacións, na que foi coñecida como a Guerra do Tabaco.

A Guerra do Tabaco provocou unha nova recesión na economía de Kentucky ao longo das primeiras décadas do século XX. Os efectos desta recesión foron agravados pola Gran Depresión. Moitos facendados quedaron endebedados, e foron obrigados a abandonar as súas facendas e a trasladarse ás cidades. A pobreza e o desemprego arrasaron a poboación das cidades do estado. O goberno de Kentucky reaccionou a través da construción de varias autoestradas, vías rápidas e fábricas estatais, diminuíndo os efectos desta gran recesión no final da década de 1930. A segunda guerra mundial acabou coa recesión económica de Kentucky, e o estado industralizouse rapidamente. Unha década despois do final da guerra, a principal fonte de renda de Kentucky era a industria de manufactura e a maioría da poboación do estado xa vivía en áreas urbanas.

A minería do carbón tamén se converteu noutra gran fonte de renda do estado. Kentucky é actualmente o segundo maior produtor de carbón dos Estados Unidos, só detrás de Virxinia Occidental. Así e todo, os métodos utilizados para a minería do carbón (remoción do chan que cobre as minas de carbón, expondo ao aire libre o carbón) causaban grande erosión e polución nas rexións onde era extraído o carbón, principalmente por mor da choiva. En 1978, o goberno de Kentucky obrigou a tódalas empresas mineiras do carbón á utilización de novos métodos de minería e a restituír a rexión cuxo chan foi removido para a obtención de carbón ás condicións orixinais. Estas empresas, a causa do alto custo do acondicionamento e das novas técnicas, trouxo como consecuencia o despedimento de centenares de traballadores, para poder continuar as explotacións en condicións de rendibilidade. Desde entón, estas empresas modernizaron as súas minas, e continuaron despedindo máis traballadores, xerando miles de persoas desempregadas - moitas delas sen que completen estudos medios. Con todo, aínda así, a minería do carbón é aínda unha fonte de renda primaria de Kentucky, e o estado aínda é o segundo maior produtor nacional de carbón.

A partir da década de 1960, o turismo converteuse nunha das principais fontes de riqueza de Kentucky. O estado, ademais, converteuse nun dos centros da produción automobilística americana. Desde entón, a industria foi a principal fonte de renda de Kentucky.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Mapa de Kentucky e dos seus 120 condados.
Mapa das cinco rexións xeográficas de Kentucky. Knobs pertence á Bluegrass Region.

Kentucky está rodeado completamente por outros estados americanos: limita ao norte con Illinois, Indiana e Ohio, ao nordeste con Virxinia Occidental, ao leste con Virxinia, ao sur con Tennessee e ao oeste con Missouri. Os bosques cobren cerca do 30% do estado.

Toda a fronteira norte de Kentucky con outros estados está formada enteiramente polo Río Ohio, que serve como división natural entre Kentucky e os estados setentrionais. A fronteira occidental está formada polo Río Mississippi. Kentucky é o único estado americano que posúe parte do seu territorio nun enclave localizado dentro doutro estado americano. Un pequeno pedazo de terra no extremo occidental (de feito, o punto máis occidental do estado): o Kentucky Bend (tamén chamado Madrid Bend, Bessie Bend ou Bubbleland), unha península fluvial, está cercada por tres lados polo Río Mississippi, facendo fronteira ao norte con Missouri e ao sur con Tennessee. Este enclave anteriormente pertencía ao corpo principal de Kentucky. Con todo, un gran terremoto en 1811 na rexión desviou o curso do Río Mississippi - que entón xa actuaba como unha fronteira natural entre Kentucky e Missouri - separándoo do resto de Kentucky. Porén, este enclave continuou pertencendo a Kentucky, aínda estando illado do resto do estado.

Kentucky pode ser dividida en cinco rexións xeográficas:

  • A Jackson Purchase "Rexión da Compra de Jackson" localízase no extremo occidental de Kentucky. Esta área fixo parte de Kentucky desde que o estado entrou á Unión en 1792, pero que era disputada polos indíxenas que vivían na rexión. Andrew Jackson comprou estas terras dos nativos americanos en 1818, e asegurando así a súa posesión ao estado de Kentucky. Esta rexión caracterízase pola presenza de grandes chairas, e por posuír as zonas máis baixas do estado. O punto menos elevado de Kentucky, cos seus 78 metros, localízase nesta rexión.
  • A Pennyroyal Plateau localízase ao longo do centro-sur do estado. Caracterízase polo seu terreo pouco accidentado e o seu chan fértil, así como pola presenza de serras rochosas ao norte da rexión.
  • Os Western Coal Fields "Campos Occidentais de Carbón" na rexión centro-noroeste do estado. Caracterízase polo seu terreo accidentado, polo seu chan fértil e, principalmente, polas súas grandes reservas de carbón (a rexión produce cerca do 70% do carbón mineral do estado).
  • Os Cumberland Plateau ocupan todo o leste de Kentucky. Caracterizados polo seu terreo accidentado, con mesetas, serras, vales, ríos e lagos. Posúe as cotas máis altas do estado. Aquí atópase a "Montaña Negra", que, cos seus 1.263 metros de altitude, é o punto máis elevado do estado.
  • A Bluegrass Region atópase no norte de Kentucky. Esta rexión caracterízase polo seu terreo pouco accidentado e polos seus pastos. A maior parte dos rabaños vacúns e equinos son criados nesta rexión. Ao longo do leste, sur e do oeste desta rexión localízase unha subrexión do Bluegrass, a Rexión de Knobs. A rexión de Knobs posúe varias rocas que posúen un formato [[cono (xeometría)|cónico, asemellándose a pomos cando son vistas de lonxe, e a botóns vistas desde o ceo.

Kentucky posúe un clima temperado, con veráns quentes e invernos relativamente fríos. A temperatura no estado non varia moito dunha rexión a outra[6].

No inverno, as temperaturas caen gradualmente á medida que se viaxa en dirección ao norte. O sur de Kentucky posúe temperaturas medias de 2°C, mentres que o centro-norte posúe unha temperatura media de -1 °C. A media das mínimas en Kentucky, no inverno, é de -3 °C, e das máximas, de 7 °C. As extremas varían entre -30 °C e 18 °C. A temperatura máis baixa rexistrada foi de -38 °C, en Shelbyville, o 19 de xaneiro de 1994.

Durante o verán, as temperaturas máis altas rexístranse no oeste, onde as altitudes son máis baixas. A temperatura media no verán, no extremo occidental de Kentucky, é de 28 °C, no centro-sur é de 25 °C, e no leste, é de 23 °C. A media das mínimas no verán é de 18 °C, e das máximas, 30 °C. As extremas varían entre 10 °C e 42 °C. A temperatura máis alta rexistrada en Kentucky foi de 46 °C, en Greensburg, o 28 de xullo de 1930.

A taxa de precipitación media anual de choiva do estado é de 117 centímetros. O sur posúe taxas de precipitación levemente maiores que no norte. As taxas de precipitación media anual de neve é de 30 centímetros. O sur rexistra preto de 20 centímetros anuais de neve, mentres que o norte rexistra preto de 50 centímetros anuais.

Política

[editar | editar a fonte]
Edificio do Kentucky State Capitol en Frankfort.

A actual Constitución de Kentucky foi adoptada en 1891. Outras Constitucións máis antigas foron adoptadas en 1792, 1799 e en 1850. Emendas á Constitución poden ser propostas polo Poder Lexislativo de Kentucky. Para seren aprobadas as emendas creadas por unha das cámaras do Poder Lexislativo, necesitan recibir polo menos tres cuartos dos votos do Senado e da Cámara dos Representantes do Estado, e dous terzos dos votos da poboación electoral de Kentucky, nun referendo.

Á cabeza do Poder executivo en Kentucky están o Gobernador e o Tenente Gobernador. O Gobernador é elixido para mandatos de ata 4 anos de duración. Unha persoa pode exercer o cargo soamente dúas veces.

O Poder lexislativo está constituído pola Asemblea Xeral de Kentucky, formada por Senado e pola Cámara dos Representantes. O Senado posúe un total de 38 membros, mentres que a Cámara dos Representantes posúe un total de 100 membros. Kentucky está dividido en 38 distritos senatoriais e 100 distritos representativos. Os electores de cada distrito elixen un senador/representante, que irá representar tal distrito no Senado/Cámara dos Representantes. Os senadores son elixidos por catro anos e os representantes por dous anos.

O tribunal máis alto do Poder xudicial de Kentucky é o Tribunal Supremo de Kentucky, composto por sete xuíces, un dos cales é escollido polo grupo para actuar como xefe de xustiza. Outros tribunais de xustiza son o Court of Appeals of Kentucky, composto por 14 xuíces, e 56 Tribunais de Distrito, cun número de xuíces que varía en cada distrito. Tódolos xuíces do Poder Xudicial de Kentucky son elixidos pola poboación do estado, para mandatos de ata 8 anos de duración, sendo os xuíces dos tribunais distritais electos pola poboación dos seus respectivos distritos.

Kentucky está dividido en 120 condados, dos cales 118 son administrados por un tribunal fiscal, liderado por un xuíz executivo. Os condados de Fayette e Jefferson son administrados por un alcalde e un Consello municipal. Kentucky non posúe vilas ou cidades secundarias (towns). Toda comunidade urbana cun concello é unha cidade primaria (city). Con todo, o goberno do estado divide as cidades do estado en seis clases, que varían de acordo coa poboación da cidade en cuestión. As cidades de primeira clase posúen máis de 100 mil habitantes, as de segunda clase, de 20 a 100 mil habitantes, as de terceira clase, de 8 a 20 mil, as de cuarta, de 3 a 8 mil, de quinta, mil a tres mil, e as de sexta clase, menos de tres mil habitantes. As cidades de maior clase posúen maiores poderes e responsabilidades que as de clases menores. Os condados están encargados de fornecer a maioría dos servizos gobernamentais ás cidades de menores categorías que, nas cidades de categoría máis elevada, serían de responsabilidade da cidade.

Máis da metade do orzamento do goberno de Kentucky está xerado por impostos estatais. O resto provén de fondos recibidos do goberno federal e de préstamos. En 2002, o goberno do estado gastou 18,4 billóns de dólares, xerando 16,1 billóns de dólares. A débeda gobernamental de Kentucky é de 9 billóns de dólares. A débeda per cápita é de 2.210 dólares, o valor dos impostos estatais per cápita é de 1.950 dólares, e o valor dos gastos gobernamentais per cápita é de 4.500 dólares.

Por preto dun século despois da fin da Guerra civil estadounidense, Kentucky foi dominado polo Partido Demócrata. Con todo, o Partido Republicano creceu no estado desde a década de 1930. Desde a década de 1960, tanto demócratas como republicanos elixiron un número semellante de gobernadores e outros oficiais do Executivo e de membros do Lexislativo do estado. A nivel nacional, malia todo, os republicanos dominan actualmente Kentucky, e a maioría dos representantes estatais no Congreso dos Estados Unidos son republicanos. A maioría dos votos dos colexios electorais do estado favoreceu os republicanos nas últimas sete eleccións presidenciais americanas.

Kentucky é un dos catro estados americanos que usa o termo Commonwealth no seu nome, os outros tres son Massachusetts, Pensilvania e Virxinia. O goberno de Kentucky decidiu usar este termo baseándose en Virxinia (que tamén usa esta definición). Cando o estado de Kentucky entrou a facer parte da Unión en 1792, a gran maioría da poboación de Kentucky era nativa de Virxinia, que entrara na Unión en 1788, xa co termo Commonwealth.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Crecemento da poboación de Kentucky
Ano Habitantes
1790 73.677
1800 220.955
1810 406.511
1820 564.317
1830 687.917
1840 779.828
1850 982.405
1860 1 155 684
1870 1 321 011
1880 1 648 690
1890 1 858 635
Ano Habitantes
1900 2 147 174
1910 2 289 905
1920 2 416 630
1930 2 614 589
1940 2 845 627
1950 2 944 806
1960 3 038 156
1970 3 220 711
1980 3 660 257
1990 3 698 969
2000 4 041 769

Consonte co censo nacional do 2000, da Oficina do Censo dos Estados Unidos, a poboación de Kentucky nese ano era de 4 041 769 habitantes, un crecemento do 10% en relación coa poboación do estado en 1990. Unha estimación realizada en 2005 calcula a poboación do estado en 4 173 405 habitantes, un crecemento do 12,8% en relación coa poboación en 1990, do 3,2%, en relación coa poboación en 2000, e do 0,8% en relación coa poboación estimada en 2004.

O crecemento da poboación natural de Kentucky entre 2000 e 2005 foi de 77.156 habitantes (287.222 nacementos, 210.066 falecementos) o crecemento causado pola inmigración foi de 27.435 habitantes, e a migración interestatal incrementouse en 32.169 habitantes. Entre 2000 e 2005, a poboación de Kentucky incrementouse en 131.120 habitantes, e entre 2004 e 2005, en 31.570 habitantes. O 2,3% da poboación do estado (95.000 habitantes) non naceron nos Estados Unidos.

Cerca do 48% da poboación de Kentucky vive en rexións metropolitanas. Os núcleos metropolitanos de Kentucky son Louisville, Lexington, Cincinnati (localizado en Ohio, parte da rexión metropolitana localizada en Kentucky), Hopkinsville-Clarksville (a última localizada en Tennessee), Henderson-Evansville (a última localizada en Indiana), Ashland-Huntigton (a última localizada en Virxinia Occidental) e Owensboro.

Razas e etnias

[editar | editar a fonte]

Composición racial da poboación de Kentucky:

  • 89,3% Brancos.
  • 7,3% Afroamericanos.
  • 1,5% Hispanos.
  • 0,7% Asiáticos.
  • 0,2% Nativos americanos.
  • 1,1% Dous ou máis razas.

Os cinco maiores grupos étnicos de Kentucky son: americanos, que compoñen o 20,9% da poboación (a gran maioría son descendentes de ingleses e escoceses), alemáns (12,7%) irlandeses (10,5%), ingleses (9,7%) e afroamericanos (7,3%).

Relixión

[editar | editar a fonte]
Calvary baptist church (Lexington).

Porcentaxe da poboación de Kentucky por afiliación relixiosa:

Principais cidades

[editar | editar a fonte]
15 Maiores cidades Poboación estimada
2006[7]
Louisville 554.496
Lexington 270.789
Owensboro 55.525
Bowling Green 53.176
Covington 42.797
Richmond 31.431
Henderson 27.915
Hopkinsville 27.415
Frankfort 27.077
Florence 26.929
Jeffersontown 25.907
Paducah 25.661
Nicholasville 24.791
Elizabethtown 23.406
Ashland 21.570

As cidades máis poboadas de Kentucky, así como a maioría dos condados de maior crecemento, están concentrados nunha área coñecida como Golden Triangle (Triángulo Dourado), na rexión Bluegrass, no centro-norte do estado. As excepcións son os condados de Hardin, LaRue e Meade, localizados ao suroeste do estado.

A cidade máis populosa de Kentucky é Louisville. A parte da rexión metropolitana de Louisville localizada dentro de Kentucky posúe unha poboación de 1 120 039 habitantes. A segunda é Lexington, que posuía, coa súa rexión metropolitana, unha poboación de 635.547 habitantes en 2005. Os sete condados localizados no extremo norte, na rexión chamada Northern Kentucky, que pertence á rexión metropolitana de Cincinnati (cidade localizada no estado veciño de Ohio) posuían en conxunto 403.727 habitantes en 2005. As rexións metropolitanas Loiusville e Lexington, e mais Northern Kentucky, tiñan unha poboación combinada de 2 159 313 habitantes en 2005, que supón o 51,7% da poboación do estado.

Louisville.

As outras dúas áreas urbanas en rápido crecemento son Bowlin Green e a rexión metropolitana centralizada nas cidades de Somerset, London e Corbin. Aínda que Somerset sexa a única cidade desta rexión metropolitana que posúe máis de dez mil habitantes, a rexión experimentou un gran crecemento de poboación, xuntamente cun grande aumento no número de empregos na área, e é considerada por moitos xeógrafos como a próxima grande área urbanizada de Kentucky. O crecemento da poboación foi especialmente grande no condado de Laurel. Estímase que a poboación de London case se duplicará, de 5.692 habitantes en 2000 a 10.879 habitantes en 2010.

Lista dos 120 condados de Kentucky
Allen | Anderson | Ballard | Barren | Bath | Bell | Boone | Bourbon | Boyd | Boyle | Bracken | Breathitt | Breckinridge | Bullitt | Butler | Caldwell | Calloway | Campbell | Carlisle | Carroll | Carter | Casey | Christian | Clark | Clay | Clinton | Crittenden | Cumberland | Daviess | Edmonson | Elliott | Estill | Fayette | Fleming | Floyd | Franklin | Fulton | Gallatin | Garrard | Grant | Graves | Grayson | Green | Greenup | Hancock | Hardin | Harlan | Harrison | Hart | Henderson | Henry | Hickman | Hopkins | Jackson | Jefferson | Jessamine | Johnson | Kenton | Knott | Knox | LaRue | Laurel | Lawrence | Lee | Leslie | Letcher | Lewis | Lincoln | Livingston | Logan | Lyon | Madison | Magoffin | Marion | Marshall | Martin | Mason | McCracken | McCreary | McLean | Meade | Menifee | Mercer | Metcalfe | Monroe | Montgomery | Morgan | Muhlenberg | Nelson | Nicholas | Ohio | Oldham | Owen | Owsley | Pendleton | Perry | Pike | Powell | Pulaski | Robertson | Rockcastle | Rowan | Russell | Scott | Shelby | Simpson | Spencer | Simpson | Taylor | Todd | Trigg | Trimble | Union | Warren | Washington | Wayne | Webster | Whitley | Wolfe | Woodford

Economía

[editar | editar a fonte]

O Produto Interior Bruto de Kentucky, en 2005, foi de 140 mil millóns de dólares. Así mesmo, a renda per capita foi de 28.513 dólares, a 43ª do país. A taxa de desemprego de Kentucky é do 5,3%.

O sector primario supón un 2% do PIB de Kentucky. A agricultura e a gandaría xuntas corresponden a un 2% do PIB. Kentucky posúe preto de 86 mil granxas, que cobren preto de do 60% do estado, e empregan preto de 141 mil persoas. Cabalos, gando vacún e tabaco son os principais produtos da industria agropecuaria de Kentucky. O estado posúe o maior rabaño equino do país.

O sector secundario representa un 34% do PIB. O valor total dos produtos fabricados no estado é de 34 mil millóns de dólares. Os principais produtos industrializados fabricados en Kentucky son equipamentos de transportes, produtos químicos (principalmente fertilizantes), maquinaria e alimentos industrialmente procesados. A industria de transformación de materias primas significa un 27% do PIB do estado, empregando aproximadamente a 335 mil persoas. A industria da construción responde por un 5% do PIB e emprega aproximadamente a 137 mil persoas. A minaría responde por un 2% do PIB de Kentucky, empregando a preto de 23 mil persoas. O principal recurso natural mineiro no estado é o carbón.

O sector terciario supón un 64% do PIB de Kentucky. O sector servizos representa un 16% do PIB do estado, e emprega a máis de 615 mil persoas. Os servizos financeiros e inmobiliarios significan preto dun 12% do PIB, empregando aproximadamente a 132 mil persoas. O comercio por xunto e polo miúdo supón un 15% do PIB, e emprega aproximadamente a 500 mil persoas. Os servizos gobernamentais representan un 13% do PIB, empregando unhas 350 mil persoas. Transportes, telecomunicacións e servizos públicos empregan a preto de 128 mil persoas, o que significa un 8% do PIB de Kentucky. Preto dun 97% da electricidade xerada no estado é producida por centrais termoeléctricas a carbón, e o resto prodúcese na súa meirande parte en centrais termoeléctricas a gas natural.

Educación

[editar | editar a fonte]
Vista da escola de economía da Universidade de Louisville, en Louisville.

A primeira escola pública de Kentucky foi fundada en 1775 en Harrodsburg. Posteriormente outras cidades fundaron algunhas escolas nas súas áreas urbanas. Estas escolas, inicialmente, eran totalmente administradas e sufragadas polas cidades. En 1837 o goberno do estado decidiu crear un sistema estatal de ensino público, pasando a achegar fondos para a creación e funcionamento destas escolas. En 1990, o goberno de Kentucky foi obrigado a reformar o sistema escolar público do estado e a fornecer máis orzamentos á educación, segundo unha decisión tomada polo Tribunal Supremo de Kentucky, debido a que o sistema público padecía de diversos fallos e recibía orzamentos insuficientes.

Actualmente, tódalas institucións educativas en Kentucky necesitan seguir as regras e patróns ditados polo Consello Estatal de Educación de Kentucky. Este consello controla directamente o sistema de escolas públicas do estado, que está dividido en diferentes distritos escolares. O Consello é composto por sete membros elixidos polo gobernador e aprobados polo Senado, en mandatos de ata catro anos de duración. Nas cidades con máis de oito mil habitantes, a responsabilidade da administración do sistema escolar público é dos distritos municipais, mentres que en rexións menos densamente habitadas, esta responsabilidade é dos distritos escolares operando en todo o condado en xeral. Kentucky permite a existencia de "escolas charter" —escolas públicas independentes, que non son administradas por distritos escolares, pero que dependen de orzamentos públicos. A atención escolar é obrigatoria para tódolos nenos e adolescentes con máis de seis anos de idade, ata a conclusión do ensino secundario, ou ata os dezaseis anos de idade.

En 1999, as escolas públicas do estado atenderon preto de 648 mil estudantes, empregando aproximadamente 42 mil mestres. As escolas privadas atenderon preto de 75 mil estudantes, empregando aproximadamente 5,5 mil profesores. O sistema de escolas públicas do estado consumiu preto de 3,646 billóns de dólares, e o gasto das escolas públicas foi de aproximadamente 6,4 mil dólares por estudante. Cerca do 83% dos habitantes do estado con máis de 25 anos de idade posúen un diploma de ensino secundario.

A primeira biblioteca pública de Kentucky foi fundada en 1795, en Lexington, aínda que os usuarios destas bibliotecas tiñan que pagar unha taxa mensual para teren o dereito de tomaren prestado material bibliotecario. Actualmente, tódalas cidades con máis de 8 mil habitantes administran polo menos unha biblioteca pública, mentres que os condados administran bibliotecas localizadas en varias cidades con menos de 8 mil habitantes.

A primeira institución de ensino superior de Kentucky foi a Universidade de Transylvania, fundada en 1780, en Lexington. Actualmente, Kentucky posúe 79 institucións de ensino superior diferentes, das cales 37 son públicas e 42 son privadas. A maior e máis recoñecida delas é a Universidade de Kentucky, localizada en Lexington. Os principais centros de educación superior do estado son Louisburg e Lexington.

Transporte

[editar | editar a fonte]

Inicialmente, a maioría das estradas de Kentucky eran privadas, e os usuarios tiñan que pagar peaxe para poder usalas. Posteriormente, Kentucky mercou tódalas estradas localizadas dentro da rexión, expandiu o sistema de estradas do estado, e liberalizou estas estradas. Exceptuando certas estradas de pequena importancia, que son privadas, ningunha estrada do estado necesita pago de peaxe. En 2003, Kentucky posuía 123.937 quilómetros de vías públicas, dos cales 1.228 quilómetros eran estradas interestatais, considerados parte do sistema federal de estradas dos Estados Unidos.

Kentucky inicialmente desenvolveuse grazas aos seus ríos, que permitían o transporte dos seus produtos agropecuarios para outras rexións do país. Posteriormente o ferrocarril tomou o lugar dos pequenos portos fluviais do Estado. Actualmente, o único porto de relativa importancia é o porto de Louisville. 16 compañías ferroviarias ofrecen servizo de transporte de mercancías no Estado, e a Amtrak ofrece servizo de transporte de pasaxeiros entre as principais cidades do Estado. En 2002, Kentucky posuía 4.303 quilómetros de vías ferroviarias.

O aeroporto con maior movemento de Kentucky é o Aeroporto Internacional de Cincinnati, localizado en Kentucky, pero serve principalmente a Cincinnati (Ohio). Outros aeroportos importantes son os aeroportos internacionais de Louisville e o de Lexington.

Medios de comunicación

[editar | editar a fonte]

O primeiro xornal publicado en Kentucky foi The Kentucky Gazette, publicado por primeira vez en Lexington, en 1787. O xornal máis antigo de Kentucky aínda en circulación é The Advertiser, publicado por primeira vez en 1818, en Louisville. Actualmente publícanse preto de 160 xornais, dos cales preto de 20 son diarios. A primeira estación de radio de Kentucky foi fundada en 1922, en Louisville, e a primeira estación de televisión do Estado foi fundada en 1948, tamén en Louisville. Actualmente, Kentucky posúe preto de 200 estacións de radio e aproximadamente 30 estacións de televisión.

Símbolos do Estado

[editar | editar a fonte]
  • Árbore: Liriodendron
  • Bebida: Leite
  • Bolboreta: Limenitis archippus
  • Alcume: Bluegrass State
  • Flor: Vara de ouro
  • Fósil: Brachiopoda
  • Froita: Mazá
  • Insecto: Xoaniña
  • Lema: United We Stand, Divided We Fall
  • Mamífero: Esquío Sciurus carolinensis
  • Música: My Old Kentucky Home
  • Paxaro: Cardinalis cardinalis
  • Pedra preciosa: Perla de auga doce
  • Peixe: Perca moteada Micropterus punctulatus
  1. John E. Kleber, ed. (1992). "Place Names". The Kentucky Encyclopedia. University Press of Kentucky (Lexington, Kentucky). ISBN 0-8131-1772-0. 
  2. "State Symbols". Encyclopedia of Kentucky. Somerset Publishers (New York, New York). 1987. ISBN 0-403-09981-1. 
  3. Online Etymology Dictionary (ed.). "Kentucky". 
  4. Jackson Purchase Arquivado 06 de outubro de 2008 en Wayback Machine., University of Tennessee at Martin.
  5. Jackson Purchase, University of Kentucky.
  6. NetState.com (ed.). "The Geography of Kentucky - Climate]]". 
  7. US Census (ed.). "Census Population Estimates for 2006 - Annual Estimates of the Population for Incorporated Places in Kentucky". Arquivado dende o orixinal o 30/06/2007. Consultado o 01/07/2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]