Luteranismo
O luteranismo é o movemento relixioso cristián que comezou coas ensinanzas teolóxicas de Martiño Lutero no século XVI que serviron de base á Reforma protestante que conduciu á súa separación da igrexa católica e a formación do protestantismo. A certeza bíblica que tivo de que Deus non xulga as persoas polas súas obras, boas ou malas, senón máis ben a causa da súa fe, proporciona a Lutero a raíz fundamental do seu pensamento. Así, o luteranismo inspírase en tres principios angulares: a xustificación pola fe, o sacerdocio universal e a autoridade da Biblia.
O ataque comezado por Lutero baséase no concepto de xustificación pola fe, que negaba toda teoría romana sobre os méritos da salvación e a mediación dos santos. Denunciou tamén as que consideraba falsas seguridades de salvación ofrecidas por Roma a través da venda de indulxencias e a obtención dos perdóns.
O luteranismo rexeita a primacía e autoridade romana do papado. Nega a tradición dogmática e a existencia do purgatorio. O movemento protestante iniciado por Lutero afirma o valor único das Escrituras, e a supremacía da fe en Xesucristo. Lutero desenvolve a doutrina do Sacerdocio Universal, onde afirma que as Escrituras son intelixibles para tódolos crentes e que cada un, libremente, pode examinalas. Lutero busca transformar a cada crente no seu propio sacerdote.
A data simbólica da reforma foi o 31 de outubro de 1517 e para 1555 o luteranismo estaba firmemente asentado no norte, centro e leste de Alemaña, en Escandinavia, Letonia, Bohemia e Transilvania e a contrarreforma católica impediu que se establecera ou expulsou o luteranismo de gran parte do leste e o sur de Europa.
No século XVII en paralelo no luteranismo apareceron dúas tendencias contrapostas, o sincretismo que se circunscribía á teoloxía e que avogaba por unha concordia entre as igrexas, distinguindo entre verdades fundamentais que eran patrimonio de todas as confesións e secundarias, a outra tendencia foi o pietismo que avogaba por un reavivamento da relixiosidade popular combinando a énfase luterana na doutrina bíblica coa énfase puritana na piedade individual e unha vida cristiá vigorosa.
Na actualidade hai setenta millóns de fieis membros de igrexas luteranas que se agrupan en tres asociacións de igrexas luteranas, a Federación Luterana Internacional (66 millóns de fieis), o Consello Luterano Internacional e a Conferencia Evanxélica de Confesión Luterana, asemade catrocentos millóns de protestantes teñen a súa orixe na doutrina de Lutero.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luteranismo |
Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |