Saltar ao contido

Vilasantar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaVilasantar
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°04′33″N 8°05′45″O / 43.0758, -8.0958
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalRu Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.232 (2023) Editar o valor en Wikidata (20,75 hab./km²)
Xentiliciovilasantarés Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie59,36 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude500 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataFernando Pérez Fernández Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Vilasantar Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15807 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15090 Editar o valor en Wikidata

Páxina webdicoruna.es… Editar o valor en Wikidata
Facebook: vilasantar Instagram: concellodevilasantar Editar o valor en Wikidata
Mapa de Vilasantar coas súas parroquias.
Vilasantar no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1850).

Vilasantar é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Situación

[editar | editar a fonte]

O concello de Vilasantar está situado no sur da Comarca de Betanzos, entre as cidades de Santiago, A Coruña e Lugo, a uns 40 km en liña recta das tres. Limita ao norte cos concellos de Curtis e Oza-Cesuras, ao oeste co concello de Mesía, ao leste co de Sobrado e ao sur co de Boimorto. A súa superficie é de 59,2 km². A capital é Ru.

Orografía

[editar | editar a fonte]

Sitúase nunha zona de altitude media. A maior parte do concello sitúase entre os 400 e os 500 metros sobre o nivel do mar. O punto máis alto do concello atópase no Seixo, con 594 metros.[1]

Hidrografía

[editar | editar a fonte]
Río Cabalar ao seu paso por Présaras

Ten grande importancia o río Tambre (que delimita a fronteira sur co concello de Boimorto) e os seus afluentes. Entre eles destacan o Cabalar e o río das Gándaras.

O clima de Vilasantar é temperado, con temperaturas suaves no verán e frías no inverno. As precipitacións son abondosas dende o outono á primavera. No inverno son frecuentes as xeadas e ocasionais as nevaradas.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Segundo o Instituto Nacional de Estadística, en 2018 tiña 1.225 habitantes, 645 homes e 580 mulleres.[2] A poboación sofreu un descenso do 70% dende 1950, cando o concello contaba con 4.094 habitantes. No tocante ás vivendas, en 2011 había no concello 998 edificacións, a metade delas construídas antes de 1950, e delas, 267 anteriores a 1900.[3]

Censo total 2018 1.225 habitantes
Menores de 16 anos 72 (5.88 %)
Entre 16 e 64 anos 696 (56.82 %)
Maiores de 64 anos 457 (37.31 %)
Evolución da poboación de Vilasantar   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
3.020 3.331 4.094 2.529 1.574 1.415 1.380 1.368 1.362 1.316 1.280 1.275 1.241 1.225
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Mosteiro de Santa María de Mezonzo

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

Da época prehistórica consérvanse numerosos megálitos e mámoas:

  • Guiliade
  • Ponte do Sapo
  • Monte da Gándara
  • A Revolta
  • Mourengos
  • Lagoaceiras
  • As do monte Vilariño
  • As do Monte da Corda
  • As de Pedriño
  • Medorra de Fanegas

Da cultura castrexa consérvanse máis dunha ducia de castros como os de Ril, Vilariño, Follente, Armental ou o de As Corredoiras.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

Da romanización hai restos do campamento romano da Ciadella, o máis extenso dos descubertos en Galicia, entre os concellos de Sobrado e Vilasantar. Ademais, hai evidencias de que a medorra de Fanegas albergou unha construción romana sobre a antiga mámoa. Nas proximidades do campamento atópase tamén a necrópole da Areosa.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

No transcurso da Idade Media estas terras pertencían ao condado de Présaras, que tivo a súa orixe nas praessurae romanas, terras desertas ofrecidas aos colonos para que as cultivasen e poboasen.

A zona estivo fortemente vencellada ao mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes e ao mosteiro de Santa María de Mezonzo. A orixe deste último posiblemente estea na época dos suevos, pois a igrexa conserva dous capiteis do século VI ou VII e aparece en documentos latinos como mosteiro de Mosontio. A mediados do século X ingresou nel Pedro de Mezonzo, quen chegaría a abade e, posteriormente, a bispo compostelán. O mosteiro de Sobrado, pola súa banda, foi fundado polos condes de Présaras, Hermenexildo Aloitez e Paterna Gundesindez, en 952. O conde acabaría entrando no convento como monxe trala morte de Paterna. O fillo do matrimonio, Sisnando II, bispo de Iria Flavia, liderou a resistencia contra os viquingos na batalla de Fornelos.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]
Pazo de Présaras en Eirixe

Na Idade Moderna era numerosa a fidalguía, como testemuñan as diversas casas señoriais repartidas polo concello.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Vilasantar foi constituído como concello en 1834. A súa poboación foi medrando até 1950, cando empezou a descender por mor da emigración.

Foi unha zona de grande actividade durante a guerra civil española e a posguerra. En 1938 o alcalde e veciño de Présaras, Antonio Iglesias Corral, foi fusilado en Miraz, Friol.[4][5]

Nos anos seguintes á guerra tivo presenza no concello o Exército Guerrilleiro de Galicia, así como o mítico "Foucellas", quen actuaba pola zona e viviu un tempo agochado na casa dunha curmá en Ru.[6] Na parroquia de Mezonzo naceu o tamén guerrilleiro Manolito Bello.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Patrimonio arqueolóxico

[editar | editar a fonte]

No concello atópanse xacementos de varias épocas. Están identificados os seguintes:

Nome Lugar Parroquia Tipo
Castro de Armental O Castro Armental Castro
Mámoa da Revolta A Revolta Armental Mámoa (3 mámoas)
Castro de Ril Ril Barbeito Castro
Mámoa de Guiliade Guiliade Barbeito Mámoa
Castro de Parrando Parrando Barbeito Castro
O Castro de Viladarcas Viladarcas Barbeito Castro
A Roda de Igrexafeita Igrexafeita Mezonzo Castro
Castro de Cernadas Cernadas Mezonzo Castro
Castro do Batán O Batán Mezonzo Castro
Mámoa da Ponte do Sapo Ponte do Sapo Présaras Mámoa
Os Castros de Cezar Cezar San Vicenzo de Curtis Castro
Castro de Mourengos/Castro da Pena do Oso Mourengos San Vicenzo de Curtis Castro
Castro das Corredoiras As Corredoiras Vilariño Castro
Castro de Follente/A Roda de Castro O Castro Vilariño Castro
Castro de Vilariño Eirixe Vilariño Castro
Campamento romano da Ciadella Días Vilariño Campamento romano
Mámoas de Fanegas Días Vilariño Mámoa (9 mámoas)
Mámoas de Pedriño Días Vilariño Mámoa (2 mámoas)
Mámoas do Monte Vilariño Eirixe Vilariño Mámoa (2 mámoas)
Mámoas da Lagoaceira A Torre Vilariño Mámoa
Mámoa do Monte da Gándara A Torre Vilariño Mámoa
Necrópole da Areosa A Areosa Vilariño Vía romana
Vía romana de Fanegas Días Vilariño Necrópole romana

Patrimonio arquitectónico relixioso

[editar | editar a fonte]
Altar da Igrexa de Mezonzo

No patrimonio relixioso do concello destacan:

  • Mosteiro de Santa María de Mezonzo. Este mosteiro, do que practicamente só se conserva a igrexa de estilo románico, atópase no Priorato. A súa orixe probablemente estea na época sueva, aínda que o mosteiro que hoxe coñecemos foi fundado polo abade Reterico no século IX. Máis tarde pasou a depender do mosteiro de Sobrado. No ano 955, ingresou no mosteiro Pedro de Mezonzo, quen despois se converteu en abade.
  • Santuario de Nosa Señora da Laxe. Situado na Laxe, trátase dunha edificación do século XVIII de estilo barroco. Conta cun importante retablo rococó, no que se custodian catro imaxes de Gambino.
  • Igrexa de Présaras. Situada en Eirixe, foi construída no século XVIII con planta rectangular, cantería de granito, dous arcos de medio punto e fachada de estilo neoclásico.
    Santuario de Nosa Señora da Laxe
  • Igrexa de Barbeito. Está situada na Xarela. Con planta rectangular dunha nave, cantería de granito e fachada principal con porta alintelada.
  • Igrexa de Vilasantar. Atópase en Ru e foi construída a comezos do século XIX. Ten planta de cruz latina formada por dous corpos rectangulares de distinta altura e unha ábsida rectangular. A ábsida e o altar están separados por un arco triunfal de medio punto. Construída con cachotería revocada e pintada de branco, agás nos esquinais e enmarcados dos vans que son de cantería de granito visto.

A listaxe completa de igrexas, capelas e edificios relixiosos do concello é a seguinte:

Nome Lugar Parroquia
Igrexa de San Martiño de Armental Eirixe Armental
Santuario de Nosa Señora da Laxe A Laxe Armental
Peto de ánimas da Laxe A Laxe Armental
Igrexa de San Salvador de Barbeito A Xarela Barbeito
Casa reitoral de San Salvador de Barbeito A Xarela Barbeito
Capela de Santo André Mende Barbeito
Mosteiro de Santa María de Mezonzo O Priorato Mezonzo
Casa reitoral de Santa María de Mezonzo O Priorato Mezonzo
Capela de San Pedro O Campo da Feira Mezonzo
Ermida de San Paio Aguión Mezonzo
Igrexa de San Pedro de Présaras Eirixe Présaras
Casa reitoral de Présaras Eirixe Présaras
Igrexa de San Vicenzo de Curtis Eirixe San Vicenzo de Curtis
Igrexa de Santa María de Vilariño Eirixe Vilariño
Casa reitoral de Santa María de Vilariño Eirixe Vilariño
Igrexa de Santiago de Vilasantar Ru Vilasantar
Casa reitoral de Vilasantar Ru Vilasantar

Patrimonio arquitectónico civil

[editar | editar a fonte]

En canto á arquitectura non relixiosa máis destacable do concello temos os seguintes pazos:

  • Pazo de Présaras. Construído en Eirixe no século XVIII por Valentín Sánchez de Boado, un indiano regresado do Perú, que tamén construíu a igrexa. O pazo ten forma de "L" a dúas alturas, feito con muros de carga de cachotaría. Baixo o mesmo teito conviven a vivenda e a casa reitoral.
  • Pazo de Mende. Situado nunha gran leira en Mende con hortas e prados, rodeada de carballos de grande idade. É de planta baixa e ten un frontón semicircular con escudo. Conta con capela propia, cun amplo soportal.
  • Pazo de Zanfoga. Este pazo do século XVIII atópase na aldea de Zanfoga. É de estilo barroco, construído con cachotaría de xisto e cantería de granito nos elementos nobres. Pertenceu a Emilia Pardo Bazán e á súa familia.

O patrimonio arquitectónico rexistrado no concello é o seguinte:

Nome Lugar Parroquia
Casa do Castro O Castro Armental
Pazo de Zanfoga Zanfoga Armental
Casa de Neira Ril Barbeito
Pazo de Mende Mende Barbeito
Casa de Mera Vilaboa Mezonzo
Pazo de Opa Opa Mezonzo
Pazo do Fachal O Fachal Mezonzo
Pazo de Panacioi Panacioi Présaras
Pazo de Présaras Eirixe Présaras
Casa de Eirixe Eirixe San Vicenzo de Curtis
Casa das Medallas O Vao Vilariño
Casa Grande de Vilariño Eirixe Vilariño

Patrimonio etnolóxico

[editar | editar a fonte]
O batán de Mezonzo
Muíño de Vasques

Conta cun importante patrimonio etnolóxico con numerosos muíños á beira dos distintos ríos e regatos do concello, e incluso un batán en perfecto estado, O Batán de Mezonzo, un dos poucos conservados en Galicia e talvez un dos máis antigos. Situado xunto a unha gran cascada do río das Gándaras, crese que foi construído polos monxes do mosteiro de Mezonzo.[7]

Existe unha ruta de sendeirismo chamada Ruta dos Muíños, que discorre xunto a 22 muíños das parroquias de Mezonzo e Barbeito, como o Muíño de Vasques ou o Muíño da Ponte do Sapo.

Etnografía

[editar | editar a fonte]

Festas e romarías

[editar | editar a fonte]

Economía

[editar | editar a fonte]

Sector primario

[editar | editar a fonte]

Segundo datos do IGE do 2011, o 28% dos traballadores do concello adicábanse ao sector primario.[8]

A agricultura está maiormente centrada na produción de millo e herba para prover as explotacións gandeiras da zona, sobre todo bovina (tanto produción leiteira como de carne de rubia galega) e en menor medida porcina, bovina e avícola. O concello conta cunha Escola de Agricultura Ecolóxica situada na parroquia de Vilasantar.[9] Tamén hai unha gran cantidade de superficie forestal, principalmente de cultivo de eucalipto.

Sector secundario

[editar | editar a fonte]

No 2011, a porcentaxe de traballadores no sector secundario era do 31%.[8]

Destaca a industria da fabricación de taboleiro de madeira e de chapa de madeira pola presenza do Grupo Losán na vila.

Durante a primeira metade do século XX tivo grande importancia a industria téxtil pola presenza en Présaras da fábrica de tecidos La Arzuana, que funcionou de 1882 a 1962 e na que traballaron centos de persoas, a maioría mulleres.[10][11]

Sector terciario

[editar | editar a fonte]

O sector terciario empregaba no 2011 ao 42% dos traballadores de Vilasantar.[8]

O concello conta cun campo de fútbol de herba natural na parroquia de Vilasantar, onde xoga os seus partidos de local o SD Vilasantar, equipo da Terceira Autonómica de Galicia. Nel celébrase ademais dende 2013 o Campus Álex Bergantiños, coa colaboración do futbolista, con orixes en San Vicenzo, e no que participan rapaces deste concello e de concellos veciños.[12]

A piscina municipal está situada na parroquia de Vilasantar, á beira do río Cabalar.

Conta ademais cun pavillón polideportivo na localidade de Présaras no recinto do CEIP de Présaras.

Goberno e política

[editar | editar a fonte]

A Casa do Concello é o centro administrativo do municipio e está situada no lugar de Ru. O pleno do concello está formado por nove concelleiros. Nas primeiras eleccións municipais tras o restablecemento da democracia, celebradas en 1979, foi elixido alcalde Manuel García Novo, de UCD, e que gobernou tres anos. Foi substituído por José Manuel Taboada García, de Alianza Popular (máis tarde Partido Popular), que estivo na alcaldía durante os seguintes 25 anos. Tras as eleccións de 2007 accedeu á alcaldía Manuela García Freire, do BNG. No ano 2011, o PP recuperou a alcaldía, encabezado por Fernando Pérez Fernández, que continúa no cargo.

Os actuais concelleiros son:

  • PP: Fernando Pérez Fernández, Óscar Vázquez Corral, José David Pintor Pazo, María del Carmen Torreiro Cotos, Jesús Gómez García, José Emilio Mahía Neira.[13]
  • BNG: José Antonio Cotos Seoane, Marta García Sánchez, Álvaro García Freire.[13]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Vilasantar

Armental (San Martiño) | Barbeito (San Salvador) | Mezonzo (Santa María) | Présaras (San Pedro) | San Vicenzo de Curtis (San Vicenzo) | Vilariño (Santa María) | Vilasantar (Santiago)

  1. "Mapa topográfico España". topographic-map.com (en castelán). Consultado o 2018-05-09. 
  2. "Instituto Nacional de Estadística. (Spanish Statistical Institute)". www.ine.es (en castelán). Consultado o 2018-05-09. 
  3. "Instituto Galego de Estatística". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2018. Consultado o 14 de xuño de 2018. 
  4. "Goretti Sanmartín reúnese coa familia do alcalde de Vilasantar asasinado polo franquismo". 16 de agosto de 2017. Consultado o 8 de xuño de 2018. 
  5. "Antonio Iglesias Corral". Nomes e voces. Consultado o 2 de xuño de 2018. 
  6. Lamela García, Luis (1992). "Foucellas". El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952) (en castelán). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-608-4. 
  7. "O Batán de Mezonzo". Concello de Vilasantar. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Traballadores por sector". IGE. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  9. "Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar". Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  10. "Los inicios de la industria textil en A Coruña" (en castelán). 19 de abril de 2009. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  11. "Cuando ellas revolucionaron Vilasantar" (en castelán). 2 de febreiro de 2018. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  12. "Campus Álex Bergantiños". Concello de Vilasantar. 
  13. 13,0 13,1 "A Corporación". Concello de Vilasantar. Consultado o 15 de xuño de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.