Saltar ao contido

Viquingos en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A frota viquinga irrompe nunha das rías do reino de Galicia.

A presenza de viquingos[a] en Galicia tivo lugar entre os séculos IX e XII, cando estes deviran unha potencia naval e militar, lanzando expedicións de saqueo e conquista polo océano Atlántico e subindo polo leito dos ríos até as cidades que pretendían saquear. Así chegaron até o mar Mediterráneo, e no camiño estaba Galicia.

As primeiras invasións

[editar | editar a fonte]
Representación contemporánea do século IX.

Existen discusións sobre a data na que os viquingos realizaron a súa primeira incursión en terras galegas. Arne Melvinger sostén que a chegada dos viquingos á Península Ibérica puido acontecer case un século antes da data sinalada pola maioría de estudos.[1] A teoría de Melvinger susténtase nunha pasaxe dunha crónica mozárabe do ano 754, e interpreta que os angeli citados na mesma serían os anglos, asociados cos homes nórdicos. Con todo esta hipótese foi criticada por Ferreiro Alemparte[2] por considerar dubidosa a súa veracidade etimolóxica e porque é contraditoria con case todos os relatos contemporáneos sobre viquingos, que apuntan a que estes eran un pobo descoñecido na Península Ibérica ata o ano 844.[3] A maioría dos traballos sosteñen que a primeira incursión dos viquingos en Galicia aparece reflectida nos Annales Bertiniani, e data do 1 de agosto de 844, cando un grupo procedente dunha expedición que viña de saquear varios enclaves na costa francesa no ano 843, e logo de pasar o inverno na illa de Noirmoutier, internouse polo Garona, chegou ata Galicia empurrado por unha tempestade e foi ao cabo rexeitado nos arredores do Farum Brecantium, é dicir, da Torre de Hércules (chamada por eles Fár),[4][5][6][7] despois de saquear algunhas aldeas da costa. Reinaba daquela Ramiro I. Trala derrota os viquingos seguiron a súa singradura rumbo Lisboa.[7]

A lenda do bispo Gonzalo da diocese de Bretoña dátase nesta época: ao chegaren á entrada do río Masma un gran número de embarcacións viquingas, a xente fuxiu onda o bispo, que consideraban santo. Gonzalo pregou ao ceo protección contra o ataque e daquela desatouse unha gran tempestade que afundiu a meirande parte da frota.[b][8][9]

Ata o 858, reinando Ordoño I, non volveron os viquingos a Galicia. Tratábase dun continxente dunhas cen naves procedente de expedicións de saqueo polas costas francesas que se dirixiu cara á ría de Arousa. Tras saquear Iria Flavia chegaron ata Santiago de Compostela, ao que puxeron sitio. Por outra banda, os seus veciños pagaron un tributo para evitar o saqueo, malia o cal os viquingos tentaron entrar na cidade, e nese momento un exército dirixido polo conde Pedro enfrontouse a eles, derrotándoos e destruíndo trinta e oito barcos; os sobreviventes dirixíronse cara ao sur. Como consecuencia desta expedición cambiouse a sé episcopal de Iria a Santiago de Compostela[Cómpre referencia].

No ano 951 os viquingos reapareceron de novo atacando as costas galegas; as cidades galegas reforzaron nos anos seguintes as súas defensas en previsión dalgún ataque. De novo no 964 os viquingos fixéronse presentes en Galicia, pois o propio bispo de Mondoñedo, Rosendo de Celanova, tivo que lles facer fronte.

As segundas invasións

[editar | editar a fonte]
Barco viquingo na Romaría Viquinga de Catoira.

No ano 968 o segundo duque de Normandía, vendo o seu reino en perigo, pediu auxilio aos seus parentes daneses e noruegueses e acodiron os viquingos. Unha vez derrotado o rei de Francia os viquingos decidiron ficar en Normandía, o que orixinou non poucos problemas de orde pública, polo que se lles suxeriu que partisen á conquista de Galicia, "esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos"[10].

Chegaron a Galicia arredor de duascentas naves baixo o mando de Gudrød (Guðrǫðr), irmán de Harald Gråfeldr[11], coñecido por Gunrod nas fontes galegas, cen das cales se detiveron no Cantábrico para atacar a diocese de Bretoña mentres as outras cen se internaban pola ría de Arousa e desembarcaban no porto de Juncariae (Xunqueira)[12] para dirixirse a pé a Santiago. A súa chegada coincidiu co remate das disputas entre Rosendo e Sisnando II polo control de Compostela. O bispo Sisnando, que acababa de expulsar a Rosendo da cidade, intentou detelos nas proximidades de Iria, a onde chegaran remontando o curso do río Ulla, mais non o conseguiu e morreu nunha sanguenta batalla o 29 de marzo, atravesado por unha frecha. Xa sen resistencia, os viquingos esparexéronse polo país chegando até o Courel. En Lugo o bispo Hermenexildo logrou defender a cidade, mais non puido facer nada para protexer as terras da Bretoña, cuxa antiga sé quedou totalmente destruída.

Os viquingos decidiron volver ás súas naves cargados co botín e os prisioneiros, e foi nese momento cando un exército ao mando do conde Gonzalo Sánchez conseguiu vencelos nos arredores da ría de Ferrol no ano 970, dando morte a Gunrod, o seu sækonungr[c], e queimando a maioría das súas naves.

Ao deixaren Galicia, dirixíronse de novo cara ao sur e saquearon a costa entre o río Douro e Santarém.

As últimas invasións

[editar | editar a fonte]
Estatua en lembranza das incursións viquingas, en Catoira.

Os viquingos apareceron en Galicia esporadicamente, en xeral, sen moitas consecuencias; non obstante, no ano 1015, dirixidos quizais polo rei Olaf Haraldsson, atacaron Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui. Nesta vila desembarcaron por sorpresa subindo polo río Miño, masacraron o exército do conde Menedus, esnaquizaron a cidade e tomaron como prisioneiro ao bispo, Afonso.

Do ano 1026 tense un documento que revela unha práctica común dos normandos como é o secuestro. Así aparece Octicio negociando a liberación de dúas mulleres, Meitilli e Gocina, nai e filla, polas que finalmente entregou unha capa, unha espada, unha camisa, tres lenzos, unha vaca e tres modios de sal[14].

No ano 1028, reinando Vermudo III, Ulv Galiciefarer (Ulv o galego, tamén coñecido como Galicieulv 'o lobo de Galicia') dirixiu unha expedición contra as costas galegas, subindo pola ría de Arousa, mais foi rexeitado polas forzas do bispo Cresconio. No 1066 o bispo Cresconio, que fortalecera a ría de Arousa edificando os Castellum Honesti, houbo de combater de novo cos viquingos.

A finais do século XI cesaron as incursións viquingas en Galicia, se ben pode que a principios do século XII aínda se producise algún ataque illado.[15] Coa fin do período das invasións viquingas, comezou a chegada de peregrinos nórdicos a Santiago de Compostela seguindo o Camiño de Santiago. O primeiro famoso foi o rei Sigurd de Noruega, no outono de 1108. A ruta do vestvegr (Camiño do Oeste), que ía de Escandinavia ata Galicia, levaba 8 días de travesía.

Efectos das invasións

[editar | editar a fonte]

Os ataques viquingos ás costas galegas motivaron o traslado das sedes episcopais de Britonia e Iria Flavia cara a localizacións máis seguras no interior. A vella sede britana fora destruída polos ataques viquingos e reapareceu en Mondoñedo anos máis tarde, nunha localización máis interior e montañosa. Pola súa banda as incursións influíron na conversión de Santiago de Compostela en sede episcopal logo de que Iria Flavia fose destruída en varias ocasións.[16]

Os numerosos ataques sufridos polas cidades episcopais galegas (Bretoña, Iria Flavia, Ourense, Santiago de Compostela e Tui) obrigaron aos seus bispos a adoptar cada vez máis o papel de xefes militares, combatendo ás xentes do norte que atacaban as cidades galegas.[16]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Tamén denominados normandos ou lordimani, nos documentos galegos da época das vagas.
  2. Se ben hai autores que sinalan que os feitos da lenda de San Gonzalo, se ben non existe ningún bispo chamado Gonzalo na diocese na época das últimas incursións, polo que a contextualización nas primeiras incursións podería ser certa, xa que non se coñecen os nomes de ningún dos bispos da diocese entre os anos 693 e 866.
  3. Xefe viquingo. Literalmente "rei do mar".[13]
Referencias
  1. Melvinger, Arne (1955). Les premières incursions des Vikings en Occident d'après les sources arabes. Uppsala: Almqvist & Wiksell. 
  2. Ferreiro Alemparte, Jaime (1999). Arribadas de normandos y cruzados a lascostas de la Península Ibérica (PDF). Madrid: Sociedad Española de Estudios Medievales. pp. 22–25. 
  3. Sánchez Pardo 2010, p. 60.
  4. Gago Mariño, Manuel (15 de xuño de 2010). "Repúblicas de Homes Libres: na procura dos Lordomani (I)". Capítulo 0. 
  5. Menéndez-Pidal, Gonzalo (2003). "Hacia una nueva imagen del mundo" (en castelán). Real Academia de la Historia. p. 75. ISBN 84-259-1245-8. 
  6. Raño García, Domingo. "La Torre de Hércules. De Farum Brigantium a Patrimonio de la Humanidad" (PDF) (en castelán). Universidade Jaume I. p. 47. 
  7. 7,0 7,1 Sánchez Pardo 2010, p. 61.
  8. Sánchez Pardo 2010, p. 69.
  9. González López 1978, p. 151-152.
  10. Armesto, Victoria (1971). Galicia Feudal. Editorial Galaxia. 
  11. A. Fabricius, Forbindelserne mellem Norden og den Spanske Halvø i ældre Tider, Copenhagen, 1882.
  12. Izquierdo Díaz, Jorge Simón (2009). Os viquingos en Galicia. Lóstrego. 
  13. "sækonungr (noun m.) ‘[sea-kings]...’" (en inglés). Lexicon Poeticum. Consultado o 11 de xuño de 2019. 
  14. Almazán, Vicente, Gallaecia Scandinavica, Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-524-1.
  15. Carballo, Francisco; López, Felipe Senén; López Carreira, Anselmo; Obelleiro, Luís; Alonso, Bieito (1996). "A Consolidación do feudalismo". Historia de Galicia. Edicións A Nosa Terra. p. 84-85. ISBN 84-89138-65-6. 
  16. 16,0 16,1 González López 1978, p. 158.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]