Saltar ao contido

Jean Mazard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJean Mazard
Biografía
Nacemento20 ou 29 de xaneiro de 1900
Orán, Alxeria Editar o valor en Wikidata
Morte19 de xuño de 1984.
París.
Francia
País de nacionalidadeFrancesa.
EducaciónUniversidade de Alxer.
Q89547790Estudos de numismática numidia e mauritana.
Actividade
Campo de traballoNumismática e xudicatura.
Ocupaciónpolítico, numismático Editar o valor en Wikidata
Premios
1963: Medalla Huntington (ANS).

Jean Mazard, nado en Orán, Alxeria, o 20 ou o 29 de xaneiro[1] de 1900 e finado en París o 19 de xuño de 1984, foi un xurista e numismático francés especializado na moeda numidia e mauritana.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Jean Mazard naceu o 20 de xaneiro de 1900 e estudou Dereito na Universidade de Alxer, onde acadou o seu doutoramento en Dereito en 1923, coa tese titulada Le Régime des Capitulations en Turquie pendant la guerre de 1914.[2]

Carreira xurídica

[editar | editar a fonte]

Aos 27 anos logou un posto como xuíz suplente no xulgado de paz de Bordj Bou Arreridj, en Alxeria. En 1930 trasladouse a Alxer, tamén como xuíz suplente e a partir de 1932 estivo tres anos como xuíz suplente en Bugía.[3] Entre 1935 e 1939 desenvolveu funcións similares na metrópole, en Le Havre e posteriormente retornou a Alxeria, como xuíz de paz en Telagh, durante un ano.[2]

O 19 de novembro de 1940 desprazouse a París, ao ser nomeado substituto adxunto no tribunal de La Seine, posto que exerceu ata 1952, cando foi ascendido a substituto do procurador xeral do Trubunal de Apelación de París. O 16 de novembro de 1956 foi nomeado director de asuntos criminais e de grazas no Ministerio de Xustiza, e un ano máis tarde foi designado procurador xeral de La Seine, o 22 de xaneiro de 1957. O 23 de setembro de 1958 pasou a formar parte do Tribunal de Casación en condición de conselleiro,[3] posto que mantivo ata a súa xubilación en 1971.[2]

Carreira numismática

[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa profesión como xurista, Mazard amosou moito interese polos estudos numismáticos e especializouse nas moedas de Numidia e de Mauritania. Estivo moi vinculado á Sociedade Francesa de Numismática (SFN), da que chegou a ser vicepresidente e, finalmente, presidente entre 1953 e 1955.[3][4]

Na revista Revue numismatique, editada pola SFN, publicou numerosos artigos, entre os que cómpre salientar "Monnayage d'or des rois de Numidie et de Maurétanie" (1952), antecedente da súa obra cumio, publicada tres anos máis tarde: Corpus nummorum numidiae etmaunetaniaeque (1955).[3][5]

Así mesmo, formou parte da Comisión Consultiva da Medalla, na Monnaie de Paris.[6]

Jean Mazard finou en París o 19 de xuño de 1984.[2][3]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Mazard foi merecedor de diversas condecoracións francesas, como a de Comendador da Lexión de Honra (1971),[3] Cabaleiro do Mérito Social, Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras, Oficial da Orde da Economía Nacional, Cabaleiro da Orde da Saúde Pública, Oficial das Palmas Académicas e Cabaleiro do Mérito Agrícola, e concedéuselle tamén a Cruz de Guerra 1939-1945, a Medalla Penitenciaria e a Medalla da Educación Nacional. Do mesmo xeito, foi recoñecido con varias condecoraxións civís en Tunisia, no Benín e en Marrocos.[2]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos artigos e dos traballos monográficos máis representativos dos publicados por Jean Mazard ao longo da súa traxectoria:[8][9]

Monografías

[editar | editar a fonte]
  • (1953). Histoire monétaire et numismatique des colonies et de l'Union française de 1670 à 1952. E. Bourgey, París.
  • (1955). Corpus nummorum numidiae etmaunetaniaeque. Arts et métiers graphiques, París.
  • (1965-1969). Histoire monétaire et numismatique contemporaine. Tome I (1965): 1790-1848. Tome II (1969): 1848-1967. E. Bourgey, París.
  1. As dúas fontes consultadas achegan diferentes días de nacemento:Adreani, G. (2012) o 20 de xaneiro; Le Roy, M. (1984) o 29 de xaneiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Adreani, G. (2012). Páxina 203.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Le Roy, M.et al (1984). Páxina 68.
  4. "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
  5. Véxanse en "Publicacións" as datas indicadas.
  6. Le Roy, M.et al (1984). Páxina 69.
  7. "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
  8. "Mazard, Jean Arquivado 07 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  9. "Mazard, Jean". WorldCat Identities.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Adreani, G. (2012). "Jean Mazard". En Renucci, F. (2012). En Dictionaire des juristes ultramarins. XVIIIe-XXe s. Páxinas 203-204.
  • Le Roy, M.; Lafolie, P.; Corbin, R. (1984). "In Memoriam Jean Mazard". En Cahiers Numismatiques. Société d'Études Numismatiques et Archéologiques. Nº 81. Setembro. Páxinas 68-69.
  • Mazard, P. (2011). "Mon père, Jean Mazard, magistrat en Algérie". En L’Algérianiste. N° 136.
Predecesor:
Henri Longuet
Presidente da
Sociedade Francesa de Numismática

1953-1955
Sucesor:
Maurice Dayet