Narciso Heredia Begines de los Ríos
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Narciso Heredia y Begines de los Ríos 11 de setembro de 1775 Gines, España |
Morte | 1847 (71/72 anos) Madrid, España |
Presidente do Consello de Ministros | |
Secretario de Estado de España | |
Ministro de Estado de España | |
Embaixador de España no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Granada |
Actividade | |
Ocupación | diplomático, político |
Partido político | Partido Moderado |
Outro | |
Título | Q24941769 |
Fillos | Narciso Heredia y Heredia |
Narciso Heredia Begines de los Ríos, nado en Gines (Sevilla) o 11 de setembro de 1775 e finado en Madrid o 8 de setembro de 1847,[1] foi un político e diplomático español, Marqués de Heredia y Spínola (dende 1833), e Conde consorte de Ofalia, Grande de España e Senador pola provincia de Lugo.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Era fillo de Narciso de Fernández de Heredia y Spínola I Conde de Heredia- Spínola e de María de las Mercedes Begines de los Ríos e Bejarano.[1][3] Cando tiña dez anos, comezou os seus estudos en Almería, onde o pai era administrador xeral de Rendas Reais da provincia, para marchar a Granada onde fixo o bacharelato e onde estudou Filosofía e Dereito[4] no Real Colexio Maior de san Bertolameu e Santiago, onde tamén residiu ao tempo que estudaba.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Reinado de Carlos IV
[editar | editar a fonte]En 1803, foi oficial da Secretaría de Estado na Embaixada de España nos Estados Unidos onde estaba ao servizo do marqués de Casa Irujo e continuou a súa carreira política como xefe da Mesa no Ministerio de Estado. En 1808, foi nomeado cabaleiro da Orde de Carlos III.
Reinado de Xosé I Bonaparte
[editar | editar a fonte]Durante o reinado de Xosé I Bonaparte, e a Guerra de Independencia, seguiu a Xunta Suprema Central ata Sevilla e renunciou ao ofrecemento do rei para se converter en secretario de Estado. Aínda así caeu en desgraza polas acusacións de afrancesamento por parte dalgúns dos seus familiares e marchou de 1809 a 1812 para Málaga, onde permaneceu nas súas posesións,[5] alleo á situación política.
Reinado de Fernando VII
[editar | editar a fonte]Porén, pronto rehabilitado, foi subsecretario de Estado, encargado dos asuntos dos Estados Unidos, durante a maior parte do Sexenio absolutista, participando nas negociacións do tratado de Adams Onís para a delimitación das fronteiras do Vicerreinado de Nova España. De 1819 a 1820, foi exiliado a Almería pola súa defensa do realismo ilustrado e moderado mentres exerceu de asesor do Tribunal Supremo. En 1820, durante as Cortes de Cádiz, recibiu a Gran Cruz da Orde Americana de Isabel a Católica.[4]
Despois do Trienio liberal, en 1823, co restablecemento do absolutismo, e grazas ao apoio de Antonio Ugarte, un dos membros máis influentes da camarilla de Fernando VII, volve ao poder como ministro de Graza e Xustiza[5] (2 de decembro de 1823-18 de xaneiro de 1824).
A partir do 25 de decembro de 1823, dirixiu o goberno como Ministro de Estado interino, en substitución do marqués de Casa Irujo e, despois da morte deste o 18 de xaneiro, como ministro de Estado efectivo. O novo gabinete tivo que se enfrontar á dura tarefa de restablecer unha Administración trastornada e reconstruír o Estado nunha atmosfera de división no país que dificultaba enormemente calquera tarefa de goberno. Nesta etapa, denominada a "Década Ominosa", el e mailos seus ministros eran partidarios de realizar unha prudente revisión e reforma do Antigo Réxime e introducir algunhas modificacións moderadas, deixando á Coroa fóra do conflito. Destacaron polo seu labor, Luis López Ballesteros no Ministerio de Facenda e Luis Salazar no Ministerio de Mariña, por ser os dous ministros máis estables de toda a década e polas importantes reformas que levaron a cabo. Ofalia e o seu gabinete, segundo Chateaubriand, semellaban moderados ou case semiliberais.
Porén, en xullo de 1824, foi destituído por tres cuestións que debilitaron o seu Goberno: a continua oposición dos realistas ortodoxos, a amnistía do 14 de maio de 1824 que non agradou a ninguén e a creación dunha policía organicamente autónoma que disgustaba aos militares. Foi desterrado por segunda vez a Almería e durante a súa viaxe, a pesar da forte escolta que o acompañaba, produciuse un intento de atentado en Gádor por parte dos Voluntarios Realistas por mor do tenso ambiente que había en Almería a consecuencia do episodio de Los Coloraos.[6] Os voluntario o apresaron por orde do gobernador de Almería.[6]
En 1827, foi requirido para a realización duns traballos diplomáticos e foi nomeado ministro plenipotenciario en Londres e, posteriormente, encomendouselle a embaixada en París. Mantivo excelentes relacións con Lois Filipe de Orleáns porque o conde de Ofalia conseguiu que España fose unha das primeiras potencias en recoñecelo como rei dos franceses a cambio de que Francia deixase de armar e apoiar aos liberais españois. En 1832, cesou no seu cargo diplomático e regresou a España para facerse cargo do novo Ministerio de Fomento Xeral do Reino no goberno de transición de Cea Bermúdez (28 de decembro de 1832-29 de setembro de 1833).
En 1837, foi nomeado presidente do Consello de Ministros (16 de decembro de 1837-6 de setembro de 1838), pois era visto como a única persoa que podía evitar unha intervención estranxeira que evitase a guerra cos carlistas. Actuou na liña do partido moderado, pero o seu goberno foi finalmente incapaz de sanear a Facenda, e un pronunciamento en Cádiz (1838) determinou a súa caída e a retirada definitiva da política.[5]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en primeiras nupcias en 1803 con María de la Soledad Cerviño y Pontejos, neta dos Marqueses de Pontejos, con quen tivo dúas fillas. Ao enviuvar, casou de novo en 1823, en segundas nupcias, con María Dolores SaIabert y Torres, III Condesa de Ofalia, de quen non tivo descendencia e enviuvou en 1831.[1] No eido diplomático, era coñecido polo título de conde de Ofalia que puido usar por mandato Real.[7][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Pérez Núñez, Javier. "Narciso de Heredia y Begines de los Ríos". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ "HEREDIA Y BEGINES DE LOS RÍOS, NARCISO. CONDE DE OFALIA Y MARQUÉS DE HEREDIA". senado.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ Noviembre Martínez, Mercedes. "Narciso de Fernández de Heredia y Spínola". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 García Valverde, Martín (8 de abril de 2018). "El Conde de Ofalia y Almería". diariodealmeria.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Sánchez Picón, Andrés. "Narciso HEREDIA Y BEGINES DE LOS RÍOS". dipalme.org (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 García Valverde, Martín (7 de abril de 2019). "El Conde de Ofalia, sus destierros y los Coloraos". diariodealmeria.es (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2024.
- ↑ "María de los Dolores de Salabert y de Torres". fundacionmedinaceli.org. 2012. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2022. Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ García Valverde, Martín (7 de abril de 2019). "El Conde de Ofalia, sus destierros y los Coloraos". diariodealmeria.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Reinado de Fernando VII de España | ||
---|---|---|
Segue a: Carlos Fernando Martínez de Irujo |
Narciso Heredia Begines de los Ríos | Precede a: Francisco Cea Bermúdez |
Presidente do Goberno de España |
Reinado de Isabel II de España | ||
---|---|---|
Segue a: Eusebio Bardají Azara |
Narciso Heredia Begines de los Ríos | Precede a: Bernardino Fernández de Velasco |
Presidente do Goberno de España |