Mosteiro de San Xoán de Caaveiro

construción relixiosa na Capela

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro
Ben de Interese Cultural
Ábsida románica da capela.
Localización
PaísGaliza Galiza
ConcelloA Capela
ParroquiaA Capela
Coordenadas43°25′03″N 8°04′06″O / 43.4175, -8.06833333
Datos xerais
Data18 de novembro de 1975
CategoríaMonumento, Mosteiro
CódigoRI-51-0004195
ConstruciónSéculo XII - Século XVIII
EstiloArquitectura románica
Mapa de localización
Mosteiro de Caaveiro en Galicia
Mosteiro de Caaveiro
Mosteiro de Caaveiro

Situación

editar

Sitúase na parroquia da Capela, no concello coruñés da Capela, na comarca do Eume.

Historia

editar

O mosteiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller os numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pero pronto importantes doazóns de Rosendo de Celanova engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e concédenlle a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela.

Obtén así o cenobio un gran poder, acadando a súa igrexa a categoría de Real Colexiata (con seis cóengos) que conservará ata finais do século XVIII.

 
Portada románica da capela.

Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, pero no século XII converteríase en Colexiata de Cóengos Regulares de Santo Agostiño. Entre o ano 1220 e o 1259 prodúcese a máxima expansión do seu dominio, nela estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do couto até a ponte de Pontedeume, incluíndo as parroquias de Cabanas e Irís.

Durante a Baixa Idade Media co auxe da casa dos Andrade perdeu moito poder económico, que recuperou en tempos dos Reis Católicos. A súa xurisdición abranguía as parroquias de Caaveiro, A Capela e Cabalar (concello da Capela), Santa Cruz do Salto, Cabanas, Soaserra e Irís (concello de Cabanas), San Pedro de Eume, A Faeira, Bermui, Goente e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez), San Xoán do Seixo, Queixeiro, Taboada, e parte da de Vilachá (estas tres coñecidas como Couto Pequeno, no concello de Monfero) e o couto de Belelle (Sillobre, concello de Fene).

Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.

A partir do ano 1800 queda abandonado, quedando ao coidado dun caseiro e inicia así a súa decadencia e deterioración. No século XIX Pío García Espinosa, que comprara boa parte das terras que rodean o mosteiro, consegue unha autorización do Arcebispo de Santiago para restauralo. Derruba, para acometer a restauración, a casa dianteira e a igrexa prioral (1896), edifica un pavillón ameado e reconstrúe a capela de Santa Isabel. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.

Descrición

editar

O mosteiro

editar
 
Entrada ao recinto desde o interior coroada pola torre barroca.

Éntrase no adro por unha escaleira de vinte chanzos de pedra e unha porta. Sobre a porta está a torre cuadrangular de estilo barroco compostelán do século XVIII, traballo de Clemente Fernández Sarela, da escola de Simón Rodríguez. Baixo dela pódese ver o escudo coas as armas de Castela e León, co Vélaro de ouro e a coroa real, e unha ventá rectangular.

No interior aínda se poden apreciar divisións que poderían corresponder a: un forno, as porterías, seis celas, un cabido, e as dúas igrexas.

No exterior, a casa dos canónicos e as cociñas do mosteiro tamén se conservan aceptablemente, a casa dos criados, as cabalarías, o conxunto do muíño e a Ponte Sesín.

O muro nororiental, que soportaba o pulo da antiga igrexa, fabricado de perpiaños, mostra catro arcos de medio punto rebaixados.

As igrexas

editar

Existían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios.

Os restos máis antigos son do século XII, destacando a capela de Santa Isabel, que se ergue sobre un montículo moi escarpado que obrigou aos seus construtores a salvar os desniveis do terreo por medio de altos muros con contrafortes e estancias subterráneas. Do templo románico só se conserva en bo estado a testeira, na que se abren tres pequenos vans románicos, e boa parte da nave. A antiga construción era dunha soa nave rectangular de 5,70 metros de largo, con ábsida circular. Foi restaurada por Pío García Espinosa aumentando a lonxitude da nave.

A portada do Oeste configúrase de dúas arquivoltas apoiadas en columnas codilladas cun tímpano decorado cun Agnus Dei de prominentes cornos.

Estado actual

editar

O conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.

Na actualidade é propiedade da Deputación da Coruña, que iniciou un proxecto de restauración para a posta en valor do conxunto.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar