Mosteiro de San Xoán de Caaveiro
O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.
Mosteiro de San Xoán de Caaveiro | |
---|---|
Ben de Interese Cultural | |
Ábsida románica da capela. | |
Localización | |
País | Galiza |
Concello | A Capela |
Parroquia | A Capela |
Coordenadas | 43°25′03″N 8°04′06″O / 43.4175, -8.06833333 |
Datos xerais | |
Data | 18 de novembro de 1975 |
Categoría | Monumento, Mosteiro |
Código | RI-51-0004195 |
Construción | Século XII - Século XVIII |
Estilo | Arquitectura románica |
Mapa de localización | |
Situación
editarSitúase na parroquia da Capela, no concello coruñés da Capela, na comarca do Eume.
Historia
editarO mosteiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller os numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pero pronto importantes doazóns de Rosendo de Celanova engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e concédenlle a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela.
Obtén así o cenobio un gran poder, acadando a súa igrexa a categoría de Real Colexiata (con seis cóengos) que conservará ata finais do século XVIII.
Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, pero no século XII converteríase en Colexiata de Cóengos Regulares de Santo Agostiño. Entre o ano 1220 e o 1259 prodúcese a máxima expansión do seu dominio, nela estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do couto até a ponte de Pontedeume, incluíndo as parroquias de Cabanas e Irís.
Durante a Baixa Idade Media co auxe da casa dos Andrade perdeu moito poder económico, que recuperou en tempos dos Reis Católicos. A súa xurisdición abranguía as parroquias de Caaveiro, A Capela e Cabalar (concello da Capela), Santa Cruz do Salto, Cabanas, Soaserra e Irís (concello de Cabanas), San Pedro de Eume, A Faeira, Bermui, Goente e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez), San Xoán do Seixo, Queixeiro, Taboada, e parte da de Vilachá (estas tres coñecidas como Couto Pequeno, no concello de Monfero) e o couto de Belelle (Sillobre, concello de Fene).
Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.
A partir do ano 1800 queda abandonado, quedando ao coidado dun caseiro e inicia así a súa decadencia e deterioración. No século XIX Pío García Espinosa, que comprara boa parte das terras que rodean o mosteiro, consegue unha autorización do Arcebispo de Santiago para restauralo. Derruba, para acometer a restauración, a casa dianteira e a igrexa prioral (1896), edifica un pavillón ameado e reconstrúe a capela de Santa Isabel. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.
Descrición
editarO mosteiro
editarÉntrase no adro por unha escaleira de vinte chanzos de pedra e unha porta. Sobre a porta está a torre cuadrangular de estilo barroco compostelán do século XVIII, traballo de Clemente Fernández Sarela, da escola de Simón Rodríguez. Baixo dela pódese ver o escudo coas as armas de Castela e León, co Vélaro de ouro e a coroa real, e unha ventá rectangular.
No interior aínda se poden apreciar divisións que poderían corresponder a: un forno, as porterías, seis celas, un cabido, e as dúas igrexas.
No exterior, a casa dos canónicos e as cociñas do mosteiro tamén se conservan aceptablemente, a casa dos criados, as cabalarías, o conxunto do muíño e a Ponte Sesín.
O muro nororiental, que soportaba o pulo da antiga igrexa, fabricado de perpiaños, mostra catro arcos de medio punto rebaixados.
As igrexas
editarExistían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios.
Os restos máis antigos son do século XII, destacando a capela de Santa Isabel, que se ergue sobre un montículo moi escarpado que obrigou aos seus construtores a salvar os desniveis do terreo por medio de altos muros con contrafortes e estancias subterráneas. Do templo románico só se conserva en bo estado a testeira, na que se abren tres pequenos vans románicos, e boa parte da nave. A antiga construción era dunha soa nave rectangular de 5,70 metros de largo, con ábsida circular. Foi restaurada por Pío García Espinosa aumentando a lonxitude da nave.
A portada do Oeste configúrase de dúas arquivoltas apoiadas en columnas codilladas cun tímpano decorado cun Agnus Dei de prominentes cornos.
Estado actual
editarO conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.
Na actualidade é propiedade da Deputación da Coruña, que iniciou un proxecto de restauración para a posta en valor do conxunto.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do mosteiro de San Xoán de Caaveiro.
-
Restos do muíño
-
Vista aérea
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Mosteiro de San Xoán de Caaveiro |
Bibliografía
editar- Álvarez Carballido, E. (1907). "Monasterios olvidados de Galicia: A Capela". Boletín da Real Academia Galega (A Coruña) II (14): 40–44.[Ligazón morta]
- de Castro Álvarez, C. (1995). "El monasterio de San Juan de Caaveiro". El cañón del Eume: paraíso natural de Galicia. Pontedeume: Sociedad Círculo Filatélico Eume. pp. 28–34.
- de Soto Quiroga, E. (1916). La colegiata de Caaveiro. Buenos Aires: Suevia.
- del Castillo López, Á. (21 de novembro de 1915). "La colegiata de Caaveiro". Breamo (78).
- Porta de la Encina, A. (1986). "Aportación al estudio del Monasterio de Caabeiro". Estudios Mindonienses (2): 255–258.
- REVIEJO, M. (1993). FEGAMP: Revista da Federación Galega de Municipios e Provincias, ed. Monfero-Caaveiro, polas terras do Eume.
- Sandomingo, T. (1984-1986). "El dolor de la montaña: ¿la hora de Caaveiro?". Abrente (16-17-18): 143–152.
- Sandomingo, T. (1993). "Caaveiro, otra vez.". Arte Galicia: revista de información de las artes plásticas gallegas.
- Vaamonde Lores, C. (1924). "Importante escritura de donación otorgada por Don Bermudo, rey de Galicia, a favor del Monasterio de San Juan de Caaveiro: Año 934". Boletín da Real Academia Galega (A Coruña) (159): 49–58. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2022. Consultado o 20 de xuño de 2022.
- VIDAL, X.M. (1983). "Acerca da orixe e fundación do Mosteiro de San Xoan de Caaveiro". Brigantium (4).
- VV.AA. (1996). "O Mosteiro de San Xoan de Caaveiro". Cátedra: Revista eumesa de estudios (3).