Os Xogos Olímpicos de Inverno de 1994 (en noruegués: Olympiske vinterleker 1994), foron un evento deportivo internacional celebrado dende o 12 até o 27 de febreiro de 1994 en Lillehammer, Noruega. Logo de perder a súa candidatura aos Xogos Olímpicos de Inverno de 1992 en Albertville, Francia, a Lillehammer fóronlle concedidos os Xogos de 1994 o 15 de setembro de 1988, na 94ª sesión do COI en Seúl, Corea do Sur. Estes foron os únicos Xogos de Inverno en celebrarse dous anos despois dos anteriores, e os primeiros en celebrarse nun ano diferente ao dos Xogos de Verán. Os Xogos de 1994 en Lillehammer foron os segundos Xogos celebrados en Noruega, sendo os primeiros os Xogos de 1952 en Oslo, e os cuartos Xogos celebrados nun país nórdico, despois dos Xogos de 1912 en Estocolmo, Suecia, e os Xogos de 1952 en Helsinqui, Finlandia. Lillehammer é a cidade máis setentrional que foi sede duns Xogos Olímpicos.