Saltar ao contido

Spintria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Spintriae. Colección Hunterian. Glasgow

Spintria (voz latina; plural: spintriae; do grego σφιγκτήρ -sphinktḗr-, "esfínter") é unha ficha monetiforme de bronce, latón ou chumbo e de pequeno tamaño utilizada no Imperio Romano probablemente nos prostíbulos, malia non existir constatación fidedigna deste uso.[1][2][3][4][5]

Estas fichas amosan adoito entre os seus motivos dos seus anversos actos sexuais de moi diversa índole ou outra simboloxía sexual, e nos reversos numerais entre o I e o XVI.[2][3][4][5]

Denominación

[editar | editar a fonte]

A forma spintria foi utilizada por Suetonio para se referir aos rapaces novos que exercían a prostitución.[6] No século XVI, o nome tería pasado do antigo significado de persoa que cometía actos sexuais extravagantes ou fóra da norma (e tamén o lugar onde ocorrían estes actos, como os xardíns de Tiberio na illa de Capri) ás fichas que se utilizaban para estes mesteres. Bette Talvacchia indica que a primeira vez que se testemuña este uso de spintria como "ficha" é no tratado de Sebastiano Erizzo titulado Discorso Sopra le Medaglie Antiche ("Discurso sobre a medalla antiga"), publicado en Venecia en 1559.[7]

Spintriae de Pompeia

Algúns estudosos, seguindo a tese defendida por Friedlander (1886) nos comentarios á súa edición de Marcial de que estas fichas se utilizaban "para poder entrar nos bordeis" (auf die man in Bordelle Einlass erheilt), argumentaron que as spintriae se utilizaban para pagar os servizos de prostitución, malia non achegaren evidencias para tal aseveración.[8]

Buttrey disente da teoría que relaciona as sprintia coa prostitución, ante a inexistencia de evidencias, en tanto que Simonetta e Riva son os únicos que defenden tal relación, que é, por outra banda, a máis difundida polos medios de comunicación.[9][10][11]

Outros académicos seguen liñas de investigación alternativas.[2][12][13][14]

Baixo Caracalla, un équites foi sentenciado a morte por levar a un bordel unha destas pezas que reproducía un busto semellante ao do emperador, aínda que finalmente se salvou polo falecemento do propio emperador.[15]

Non hai ningunha evidencia antiga directa, porén, que apoie a teoría de que as spintriae fosen creadas como moedas privadas para seren trocadas nos bordeis por moeda oficial.[16] O numismático Theodore V. Buttrey suxeriu que foron utilizadas como pezas de xogo, aínda que Duggan apuntou que non hai datos arqueolóxicos para o confirmar.[17][18] Por outra banda, o economista Geoffrey Fishburn, seguindo a postura de Jacobelli, suxeriu que poderían ser utilizadas nos lupanares como fichas para o uso dos armarios.[2][19]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Spintria". En Stevenson, W. et al. (1889).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Spintria". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  3. 3,0 3,1 Kampmann, U. (2009).
  4. 4,0 4,1 Martínez Chico, D. (2014).
  5. 5,0 5,1 Martínez Chico, D. (2018).
  6. Fishburn, G. Páxina 5. Nota 2.
  7. Talvacchia, B. (1999). Páxina 56.
  8. Friedlander, Ludwig (1886), M. Valerii Martialis Epigrammatonlibri. Mit erklärenden Anmerkungen. Leipzig. 2 vols. Citado en Buttrey (1973).
  9. Buttrey, T. V. (1973). Páxina 53.
  10. Simonetta, B; Riva, R. (1981).
  11. Duggan (2016).
  12. Buttrey, T. V. (1973)
  13. Campana, A. (2009).
  14. Duggan, E. (2016).
  15. Dión Casio. Historia de Roma. Epítome do Libro LXXVIII 78.16.5.
  16. McGinn, T. A. (2004). Páxina 115.
  17. Buttrey, T. V. (1973).
  18. Duggan, E. (2017).
  19. Jacobelli, L. (1995).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]