Micronutriente
Os micronutrientes[1], tamén denominados elementos traza, en bioquímica, son elementos químicos (ás veces tamén compostos) que, sendo esenciais para a vida, se necesitan en cantidades moi pequenas para o desenvolvemento e a fisioloxía dun organismo.[2]
Son substancias indispensábeis para os diferentes procesos metabólicos dos organismos vivos e sen eles poderían morrer.[3]
Desempeñan importantes funcións catalizadoras no metabolismo como cofactores enzimáticos, ao formaren parte da estrutura de numerosos enzimas (grupos prostéticos) ou ao acompañalas (coenzimas).
En animais
[editar | editar a fonte]Nos animais os micronutrientes comprenden as vitaminas e os minerais. Os minerais divídense en elementos químicos esenciais e oligoelementos. Estes últimos necesítanse nunha dose aínda menor.
Os micronutrientes non sempre necesitan ser achegados diariamente. As vitaminas A, D ou a B12 poden almacenarse no fígado para cubrir as necesidades de períodos superiores ao ano. De feito, por exemplo, nalgúns países pobres subminístraselle aos nenos unha pastilla ao ano que cobre todas as súas necesidades de vitamina A nese período. (Idealmente, sería mellor darlles unha dose cada 6 meses).
Algúns dos máis importantes micronutrientes son o iodo, o ferro e a vitamina A, que son esenciais para o crecemento físico, o desenvolvemento das funcións cognitivas e fisiolóxicas e a resistencia ás infeccións.
O ferro e a vitamina A encóntranse naturalmente nos alimentos, e o iodo debe ser adicionado a alimentos de consumo básico, como o sal, que en moitos países se fortifica con iodo.
Existen outros micronutrientes como o zinc, o ácido fólico, o calcio e todas as vitaminas e minerais.
Nas plantas
[editar | editar a fonte]Nas plantas todos os micronutrientes son minerais. Falamos principalmente de seis: ferro, manganeso, cinc, molibdeno, boro e cloro, aínda que normalmente tamén se inclúe o níquel.
Puidéronse estudar ben nelas grazas aos cultivos sen solo. Descubriuse que algúns elementos se necesitan en proporcións tan baixas que un fertilizante que non os conteña na súa formulación, pode achegalos debido ás impurezas que contén.
Nalgúns casos, como o do sodio, poden ser achegados só por tocar unha folla da planta. A suor dos dedos contén suficiente sal, que fai o efecto dun fertilizante foliar.
Algúns micronutrientes é suficiente con que se lles subministre ás plantas unha vez na súa vida. Simplemente bástalles co contido del que hai na semente. Para que se produza deficiencia deberían cultivarse varias xeracións en ausencia dese mineral.
A seguinte táboa mostra os miconutrientes esenciais de uso xeneralizado entre as plantas:
Elemento | Forma de absorción | Notas |
Cloro | Cl- | Fotosistema II e funcións dos estomas |
Ferro | Fe2+, Fe3+ | Formación da clorofila |
Boro | HBO3 | Enlace covalente da pectina |
Manganeso | Mn2+ | Actividade dalgúns enzimas |
Zinc | Zn2+ | Participa na síntese de enzimas e clorofila |
Cobre | Cu+ | Enzimas para a síntese da lignina |
Molibdeno | MoO42- | Fixación do nitróxeno, redución de nitratos |
Níquel | Ni2+ | Cofactor enzimático no metabolismo dos compostos de nitróxeno |
Deficiencia
[editar | editar a fonte]O interese pola deficiencia dos micronutrientes na nutrición vexetal baséase en varias razóns:
- O incremento da práctica de cultivos intensivos aumenta a absorción de nutrientes do solo.
- A redución de impurezas nos fertilizantes e a escasa utilización de fertilizantes orgánicos, os cales suplían a deficiencia de nutrientes do solo.
- O aumento do coñecemento en nutrición vexetal axudan no diagnóstico das deficiencias de nutrientes.
- A evidencia de que cultivos con deficiencia de micronutrientes poden provocar niveis insuficientes de certos elementos na dieta humana, aínda que o crecemento da planta non mostre síntomas de escaseza destes nutrientes
Toxicidade
[editar | editar a fonte]O interese tamén é debido á toxicidade producida por unha alta dispoñibilidade destes elementos para a planta (por condicións naturais do solo, contaminación ou prácticas de manexo). Este problema esta agravado polo feito de que altos niveis tóxicos de elementos nos solos levan normalmente á contaminación das augas, con consecuencias sobre a saúde animal e humana.
En moitos casos a toxicidade dos micronutrientes non ten que ver coa cantidade na que se atopen no solo senón coa forma química na que se atopan, é dicir, co seu grao de solubilidade e de dispoñibilidade para a planta. Estes elementos pódense atopar no solo en formas inorgánicas, orgánicas e en disolución.
- Formas inorgánicas
Todos os micronutrientes atopáronse en cantidades variábeis nas rochas ígneas. Dous deles, o ferro e o manganeso ocupan posicións estruturais nos principais silicatos primarios, así como outros rara vez se atopan nesas posicións. Cando progresa a alteración mineral estes elementos pasan ao solo e cambian a súa forma química, desa forma pódense atopar como minerais secundarios formando óxidos e sulfuros. Tamén os minerais secundarios, incluíndo as arxilas, poden presentar na súa estrutura altos niveis de ferro e manganeso e máis baixos de cinc e cobalto. Os micronutrientes liberados por alteración do material orixinal poden adsorberse aos coloides inorgánicos do solo, de forma análoga ao calcio e ao aluminio, sendo nalgúns casos catións cambiábeis.
Anións tales como o borato e o molibdato tamén poden sufrir adsorción polos minerais do solo, de forma similar ao que ocorre co fosfato.
- Formas orgánicas
A materia orgánica é unha fonte importante de micronutrientes, algúns deles tenden a formar combinacións complexas cos coloides orgánicos (humus). O cobre presenta unha especial afinidade coa materia orgánica, formando compostos moi estábeis, de tal maneira que a súa dispoñibilidade inmediata pode ser moi baixa en solos orgánicos. Aínda que estas unións impidan a dispoñibilidade inmediata dos micronutrientes a súa liberación segundo progresa a descomposición da materia orgánica é un importante factor de fertilidade.
- Formas en disolición de solo
Que se atopen dunha ou doutra maneira depende en gran parte ao pH e á aireación do solo (potencial redox). Os catións poden atoparse na súa forma simple (en condicións ácidas) e como hidroxilos (segundo aumenta o pH). Aínda que existen excepcións a isto: a forma máis común do molibdeno en disolución é como anión molibdato, MoO4−2, que reacciona, igual que o anión fosfato, a baixo pH cos coloides do solo, que nestes casos poden presentar carga positiva. O boro tamén pode atoparse en forma aniónica (a altos pH), porén o ácido bórico non disociado é a forma dominante e segundo investigadores recentes a que absorben as plantas superiores.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "micronutriente". TERGAL. Consultado o 20/05/2019.
- ↑ H. J. M. Bowen (1966): Trace Elements in Biochemistry. London/New York: Academic Press. ISBN 978-0-1212-0950-6.
- ↑ La evaluación de la inocuidad de los alimentos derivados de animales … Escrito pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura). p. 18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Macronutriente
- Nutrición
- Vitaminas
- Alimentación
- Oligoelemento
- Elemento químico esencial
- Fisioloxía vexetal
- Fisioloxía animal
- Minerais
- Minerais na alimentación