Marte (deus)
Na mitoloxía romana, Marte (en latín Mars) era o deus da guerra, equivalente ó Ares da mitoloxía grega e mais ao Smertrios da mitoloxía celta. Fillo de Xuno e unha flor máxica (Xúpiter). Inicialmente foi o deus da fertilidade e a vexetación, e o protector do gando, pero despois foi asociado coa loita. Ofrecíanselle sacrificios antes das batallas e dicíase que aparecía nos campos de batalla acompañado por Bellona, unha deusa guerreira. Dise que a súa esposa era Nerio.
Culto
[editar | editar a fonte]O seu principal templo estaba na capital do imperio que compartía con Xúpiter e Quirino. O templo a Mars Ultor ("o vingador") estaba no Forum Augustus. Outro templo dedicado a Mars Gradivus ("O que precede ó exército na batalla") estaba situado no lugar onde se concentraba o exército antes de partir a unha guerra. O Campus Martius ("campo de Marte") era onde adestraban os soldados e atletas.
As Feriae Marti celebrábanse o 1 de marzo e o Armilustrium o 19 de outubro. Cada cinco anos celebrábase a Suovetaurillia, na que se sacrificaban na súa honra un porco, unha ovella e un touro. O 27 de febreiro e o 14 de marzo, tiñan lugar as carreiras de cabalos da Equirria. O 23 de marzo celebrábase o Tubilustrium no que se purificaban as armas e as trompetas de guerra.
Marte era representado como un guerreiro con armadura cun helmo con crista. O lobo e o peto eran os seus símbolos. Fillos seus foron Fuga e Timor.
O mes de marzo e o planeta Marte chamáronse así na súa honra. Á súa honra foi dedicado tamén un día da semana: o dies Martis, ou sexa, o martes.
Marte, ó contrario que o seu equivalente grego, Ares, foi máis venerado que a maioría dos deuses romanos debido a que os seus fillos Rómulo e Remo fundaron Roma. Os romanos chamábanse a si mesmos fillos de Marte.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marte |