Monte de piedade
O monte de piedade é unha institución benéfica adicada á concesión de préstamos a baixo interese con garantía de xoias, roupas ou outros efectos (crédito pignoraticio).
Nacemento
[editar | editar a fonte]A súa orixe remóntase á Idade Media, cando os altos xuros dificultaban o crédito. Seguindo á Biblia, que xa no Antigo Testamento a censuraba (como no Éxodo 22, 22), Igrexa católica condenou a usura e escolásticos como Anselmo de Canterbury, Boaventura de Bagnoregio e Tomé de Aquino foron moi críticos con esta práctica.[1][2] Mais, aínda que no III Concilio de Letrán (1179) se chegou a privar de comuñón e sepultura aos logreiros, a usura continuou sendo común.[3] Foi así que en 1462 os franciscanos Bernabé de Terni e Michele Carcano fundaron o primeiro Monte de Piedade en Perugia.[4] O obxectivo era que aquel que o precisase puidese obter cartos mediante a entrega de prendas: as prestacións serían feitas polos veciños ricos da cidade e poderían ser recuperadas sen interese a cambio de ofrecer sufraxios a Deus.[3] Da man dos franciscanos, os montes de piedade espalláronse por Italia ao tempo que perfeccionaron o seu funcionamento con Bernardino da Feltre. Este, nas décadas de 1480 e 1490, fundou montes de piedade que daban os empréstitos a cambio dun interese moi baixo en comparación cos outros prestamistas, mormente xudeus.[5] Aínda que os dominicos, rivais dos franciscanos nesa época, cuestionaron o interese do préstamo, o apoio do papa León X fixo que os montes de piedade se difundiran por Francia e a Península Ibérica. A mediados do século XVI, fundouse o primeiro en España, en Dueñas (Palencia) baixo o patrocinio do Conde de Buendía.[6] En 2009, Bieito XVI na súa encíclica Caritas in veritate, louvounos como exemplos de microfinanciamento.[7]
Evolución
[editar | editar a fonte]Considérase que os montes de piedade son os precedentes históricos das caixas de aforro e en moitos países fóronse asimilando, de feito, en España estas entidades financeiras adoitaron empregar o nome de "caixa de aforro e monte de piedade".[3] Logo da reestruturación bancaria española que seguiu a crise económica de 2008, a gran maioría das caixas de aforro desapareceron pero as fundacións bancarias herdeiras mantiveron os montes de piedade. Por exemplo, o das antigas caixas galegas é xestionado por Afundación, que destina a totalidade do seu lucro á obra social.[8] En 2020, o Monte de Piedade de Afundación condeceu 3 500 créditos por un valor total dun millón de euros.[9] Nese ano, en España os montes de piedade fixeron créditos que ascendían a máis de 152 millóns de euros.[10] Hoxe en día tamén existen montes de piedade en Malta, México e Bélxica, onde teñen o monopolio legal en materia de empeños.[11][12] A nivel internacional, a Asociación Internacional de Establecementos Públicos de Crédito Pignoraticio fundouse en Milán en 1957 e agrupa a 54 entidades.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Capítulos 21-25 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ Arreguín, Héctor Zagal (2020). "El pecado de usura en la suma teológica de Tomás de Aquino: la potencia del dinero". Cauriensia: revista anual de Ciencias Eclesiásticas (15): 23–41. ISSN 1886-4945.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Galán Galindo, A; González Páramo, J.M.; Ayuga Valero, L.; de Andrés Viñas, A. (1977). Introducción a las Cajas de Ahorro. Fondo para la Investigación Económica y Social de La Confederación Española de Cajas de Ahorro. ISBN 84-7231-321-2.
- ↑ "Perugia Mons Pietatis". www.monspietatis.org. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ Puglisi, Catherine R.; Barcham, William L. (2008). "Bernardino da Feltre, the Monte di Pietà and the Man of Sorrows: Activist, Microcredit and Logo". Artibus et Historiae 29 (58): 35–63. ISSN 0391-9064.
- ↑ Yepes, Alfonso López; Yepes, José López (1977). "El Monte de la Piedad de Dueñas (Palencia): fundado por D. Fadrique de Acuña, Conde de Buendía (c. 1550)". Boletín de documentación del Fondo para la Investigación Económica y Social 9 (2 (ABR-JUN)): 364–388. ISSN 0015-6132.
- ↑ "Caritas in veritate (29 de junho de 2009) | Bento XVI". www.vatican.va. Consultado o 2021-01-30.
- ↑ "Monte de piedade - Afundación". www.afundacion.org. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ Atlántico (2021-06-14). "La crisis del covid dispara el empeño de joyas en Vigo". Atlántico (en castelán). Consultado o 2022-02-13.
- ↑ FUNDOS. "El crédito prendario del Monte de Piedad de Castilla y León creció en 2020 a pesar del parón de su actividad durante tres meses – FUNDOS" (en castelán). Consultado o 2022-02-13.
- ↑ "¿Quiénes somos? | Nacional Monte de Piedad". www.montepiedad.com.mx. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ "Présentation | Mont-de-piété". www.montdepiete.be. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-29.
- ↑ "Membres". Pignus (en francés). Consultado o 2022-02-13.