Saltar ao contido

Música árabe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A música árabe é a música dos países árabes, que teñen en común o idioma. Inclúense baixo esta categoría xéneros de música clásica, popular, profana e relixiosa. A música árabe estivo en contacto con outras músicas rexionais, como a persa, a turca, a india, a bérber, a suahili, a andalusí e a música europea. Do mesmo xeito que noutras áreas da ciencia ou das artes, os musulmáns traduciron do grego ao árabe os antigos tratados de teoría da música, e asimilaron os principios dos sistemas enharmónico, cromático e diatónico.

Características

[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista melódico o sistema musical árabe está baseado na oitava dividida en 24 cuartos de ton, un sistema difícil de asimilar polos oídos afeitos á música occidental, educados tonal e harmonicamente nunha oitava dividida en 12 semitóns e alleos ao microtonalismo. Para escribir a música árabe usando a notación musical occidental, allea ao cuarto de ton, utilízanse os signos + e -. O + serve para indicar a elevación dun cuarto de ton e o signo - para indicar a baixada dun cuarto de ton. Estes signos, combinados co bemol, sostido e becuadro, facilitan a representación gráfica dos intervalos de cuartos de ton.

O maqam árabe é un sistema de modos melódicos utilizado na música árabe. A palabra maqam significa estación. Cada maqam está constituído nunha escala determinada e por unha serie de notas importantes, frases melódicas habituais e por un desenvolvemento melódico e por unha modulación determinadas pola tradición. Tanto as composicións como as improvisacións na música tradicional árabe baséanse no sistema do maqam. Os maqam poden interpretarse xa sexa cun instrumento ou coa voz e non inclúen o ritmo.

Instrumentos musicais

[editar | editar a fonte]

Os instrumentos musicais usados na música árabe son os seguintes: arghul, bendir, os crótalos, darbuka, laúde árabe, mazhar, mijwiz, mizwad, ney, o rabel, riq, o tambor de copa e a zurna.

Período preislámico

[editar | editar a fonte]

Non hai probas científicas definitivas que confirmen a existencia na península arábiga da música árabe, entendida no sentido actual do termo, en tempos anteriores ao islam, no período coñecido como jahiliyyah. Con todo a maioría dos historiadores coinciden en que existiron distintas formas musicais entre os séculos V e VII a. C.. Como na maioría de civilizacións suponse que a existencia de música en Arabia remóntase á orixe mesmo da poesía árabe, pois os poetas árabes adoitaban recitar os seus poemas con ton e ritmo musical. Cantar non era tarefa dos poetas nin dos músicos, ese traballo desempeñábano mulleres con belas voces que tocaban instrumentos como o laúde, o rabel ou o tambor. Tamén se utilizaba o coro debido á súa sinxeleza técnica.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Al-Kindi (801-873) foi o primeiro gran teórico da música árabe. El propuxo que se incluíse unha quinta corda ao laúde e reflexionou sobre as connotacións cosmolóxicas da música. Superou a obra grega utilizando unha anotación alfabética para cada oitava. Publicou quince tratados de teoría musical dos que só sobreviven cinco. Nun dos seus tratados utilizou a palabra música por primeira vez en árabe. Al-Farabí (872-950) escribiu un libro extraordinario acerca da música, o Kitab al Musiqi al Kabir (O gran libro da música). O seu sistema de tons utilízase aínda na música árabe.

Al-Ghazali (1059-1111) escribiu un tratado de música en persa no cal declarou: A éxtase é o estado causado por escoitar música. En 1252 Safi Eddin desenvolveu unha forma orixinal de escribir a música onde o ritmo representábase xeometricamente. Algo similar non aparecería en Occidente até 1987 cando Kjell Gustafson publicou un método para representar un ritmo como un gráfico bidimensional. Al-Andalus converteuse no século XI no principal centro de fabricación de instrumentos musicais, que foron usados polos trobadores occitanos, de cuxa man percorreron toda Europa.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Exipto foi o primeiro país árabe en experimentar un forte nacionalismo no século XX, independizándose despois de estar longo tempo baixo dominio estranxeiro. A música turca propia do Imperio Otomán foi substituída pola música nacional exipcia e O Cairo converteuse nun centro de innovación musical. Unha das primeiras cantantes femininas que se aproximou á música profana foi Umm Kalzum, seguida por Fairuz. Ambas foron moi populares ao longo do tempo e están consideradas lendas da música árabe.

Pop árabe

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Raï.

Durante as décadas de 1950 e 1960 a música árabe empezou a recibir grandes influencias da música occidental, con artistas como Abdel Halim Hafez. Nos anos da década de 1970 un grupo de cantantes seguiron o seu exemplo e iso propiciou o nacemento da música pop árabe. Este xénero consiste en cancións de estilo occidental pero cantadas en árabe e con acompañamento de instrumentos tradicionais árabes, co que o son resultante é unha mestura de Oriente e Occidente. Nos anos 1990 varios artistas tomaron este estilo, caso de Amr Diab, Hisham Abbas, Asalah Nasri, Mostafa Amar, Najwa Karam, Nawal Al Zoghbi, Wael Kfoury, Latifa, Cheb Khaled, George Wassuf, Marwan Khoury, Ziad Maher Hakim e Haifa Wehbe.

O pop árabe orixinouse, e prodúcese principalmente, no Cairo, Exipto; coa cidade de Beirut como centro secundario. É unha consecuencia da industria cinematográfica árabe (principalmente películas exipcias), tamén localizada principalmente no Cairo.

A música pop árabe é un xénero que combina sinteticamente melodías pop con elementos de diferentes estilos rexionais árabes, chamados ughniyah (árabe: أغنية) ou en francés "canción árabe". Utiliza instrumentos de corda, incluída a guitarra, así como instrumentos tradicionais de Oriente Medio.

Outro aspecto da música pop árabe é o ton xeral e o estado de ánimo das cancións. A maioría das cancións teñen unha clave menor, e os temas tenden a centrarse na nostalxia, a melancolía, o conflito e os problemas de amor en xeral.

En 1996 Amr Diab lanzou a canción titulada Habibi ya nur el ain, que se converteu nun éxito non só nos países árabes senón en todo o mundo. Amr Diab mesturou a música de tres civilizacións nunha soa canción: tambores e pandeiro árabes, o acordeón propio da música francesa e aires provenientes do flamenco español. A canción abriu as portas á popularización da música árabe.

Posterior é o caso de Nancy Ajram, unha celebridade musical do Líbano que interpretou a canción de K'naan "Wavin' Flag", en versión árabe, da Copa Mundial de Fútbol do 2010.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  • Tarab, Xénero musical árabe.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]