Saltar ao contido

Luteína

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luteína
Modelo de recheo de espazos da luteína
Identificadores
Número CAS 127-40-2
PubChem 5281243
ChemSpider 4444655
UNII X72A60C9MT
ChEBI CHEBI:28838
ChEMBL CHEMBL173929
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C40H56O2
Masa molar 568,87 g mol−1
Aspecto sólido cristalino alaranxado-vermello
Punto de fusión 190 °C; 374 °F; 463 K
Solubilidade en auga Insoluble
Solubilidade en graxas Soluble

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

A luteína (do latín luteus, "amarelo") é un carotenoide natural do grupo das xantofilas. A luteína sintetízana só as plantas e como outras xantofilas encóntrase en grandes cantidades en verduras e hortalizas como espinacas, col rizada e cenorias amarelas. Nas plantas verdes as xantofilas actúan modulando a enerxía da luz e serven como desexcitadores non fotoquímicos da clorofila triplete (unha forma excitada da clorofila), que se produce en exceso a altos niveis de luz durante a fotosíntese (ver ciclo das xantofilas).

A luteína obtéñena os animais directa ou indirectamente das plantas,e pode ter funcións antioxidantes e absorbe luz azul. A luteína atópase na xema dos ovos e nas graxas animais. Nos polos, ademais de dar cor ás xemas dos ovos, dálle cor amarela á pel e graxas, e utilízase na alimentación dos polos para ese propósito. A retina humana acumula luteína e zeaxantina. Esta última predomina na mácula lútea, mentres que a luteína predomina no resto da retina. Alí pode ter funcións fotoprotectoras para a retina evitando os danos producidos polos radicais libres producidos pola luz azul. Tamén se encontra no corpo lúteo dos ovarios dos mamíferos.

O principal estereoisómero natural da luteína é o (3R,3′R,6′R)-beta,epsilon-caroteno-3,3′-diol. A luteína é unha molécula lipófila e é case insoluble en auga. A presenza na molécula dunha longa rexión cromófora con dobres enlaces conxugados (cadea de polieno) dálle a súa capacidade de absorber luz. A cadea de polieno é susceptible de degradación oxidativa pola luz ou calor e é quimicamente inestable aos ácidos.

A luteína está presente nas plantas en forma de éster de ácidos graxos, xa que se une a un ou dous ácidos graxos polos seus grupos hidroxilo. Por esta razón, a saponificación (des-esterficación) dos ésteres da luteína para liberar a luteína pode producir luteína nunha proporción molar de 1:1 a 1:2 con respecto aos ácidos graxos saponificados.

A luteína é un isómero da zeaxantina, da que se diferencia só pola situación dun dos dobres enlaces.

Como pigmento

[editar | editar a fonte]

Esta xantofila, igual que a zeaxantina, foi utilizada principalmente como colorante natural debido á súa cor vermella-alaranxada cando está concentrada. A luteína absorbe luz azul e, por tanto, ten cor amarela cando está en baixas concentracións e vermella-alaranxada cando está a altas concentracións. A luteína é tamén anxioxénica e inhibe o VEGF.

A luteína utilizouse tradicionalmente na alimentación dos polos para darlle unha cor máis amarela á pel dos polos criados para a produción de carne, que era unha cor máis apreciada polos consumidores. Ademais, a fortificación con luteína tamén orixina unha cor amarela máis forte nas xemas dos ovos, e actualmente darlle esa cor aos ovos pasou a ser a principal razón para engadir luteína ao alimento dos polos. A luteína non se usa como colorante noutros alimentos debido á súa limitada estabilidade, especialmente en presenza doutros colorantes.

Función no ollo humano

[editar | editar a fonte]

A luteína está concentrada na mácula da retina, unha pequena área da retina responsable da visión central. A hipótese que explica esta concentración natural di que a luteína axuda a manter os ollos protexidos do estrés oxidativo e dos fotóns de alta enerxía da luz azul. Varios estudos indicaron que hai unha relación directa entre o consumo de luteína e a pigmentación macular do ollo.[1][2][3][4][5][6][7]

A luteína pode ter un papel no fenómeno entóptico chamado cepillo de Haidinger, que permite aos humanos detectar a luz polarizada.

Dexeneración macular

[editar | editar a fonte]

Varios estudos indicaron que o incremento na pigmentación na mácula diminúe o risco de ter doenzas oculares como a dexeneración macular relacionada coa idade (AMD).[8][9][10] O único ensaio clínico aleatorizado que demostrou un beneficio da luteína na dexeneración macular foi un pequeno estudo no cal os autores concluíron que a función visual mellora coa luteína (soa ou xunto con outros nutrientes) e tamén que eran necesarios maiores estudos.[9]

Hai probas epidemiolóxicas de que existe unha relación entre as concentracións baixas no plasma sanguíneo de luteína e zeaxantina, e un incremento do risco de desenvolver dexeneración macular relacionada coa idade (AMD).

En 2013, informouse en JAMA dos resultados do Estudo 2 de enfermidades oculares relacionadas coa idade (AREDS2, do inglés Age-related Eye Disease Study 2). O estudo AREDS2 foi un estudo que duron cinco anos deseñado para comprobar se a formulación AREDS orixinal que se vira que reducía a progresión de dexeneración macular relacionada coa idade nun 25% podería ser mellorada engadindo algúns dos seguintes compoñentes: ácidos graxos omega-3; luteína e zeaxantina; retirando o beta-caroteno; ou reducindo o cinc.[11] No AREDS2, os participantes tomaron unha destas catro formulacións AREDS: a formulación AREDS orixinal, a formulación sen beta-caroteno, o AREDS baixo en cinc, e o AREDS sen beta-caroteno e baixo en cinc.[11] Ademais, tomaban unha de catro suplementacións ou combinacións adicionais, entre as que estaban a luteína e zeaxantina (10 mg e 2 mg), ácidos graxos omega-3, luteína/zeaxantina e ácidos graxos omega-3, ou placebo.[11] O resultado foi que non se observaba un beneficio adicional global ao engadir ácidos graxos omega-3 ou luteína e zeaxantina á formulación.[11] Porén, o estudo atopou beneficios en dous subgrupos de participantes: os que non tomaron beta-caroteno, e os que tiñan pouca luteína e zeaxantina na súa dieta.[11] A eliminación do beta-caroteno non freaba os efectos protectores da formulación contra o desenvolvemento de dexeneración macular avanzada relacionada coa idade en estado avanzado, o cal era importante porque as altas doses de beta-caroteno foran ligadas cun alto risco de padecer cancro de pulmón en fumadores.[11] Recomendouse substituír o beta-caroteno por luteína e zeaxantina en futuras formulacións.[11]

Cataratas

[editar | editar a fonte]

Hai tamén evidencias epidemiolóxicas de que o incremento do consumo de luteína e zeaxantina diminúe o risco de desenvolver cataratas.[12][13] Aínda que algunhas metaanálises non obtiveron resultados tan claros sobre estes beneficios.[14] O consumo de máis de 2,4 mg de luteína/zeaxantina diariamente procedente dos alimentos ou de suplementos foi correlacionado significativamente cunha redución da incidencia das opacidades do cristalino, como revelaron os datos recollidos durante un período de 13 a 15 anos no Nutrition and Vision Project (NVP).[15]

Fotofobia

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2010 publicado na revista Journal of Food Science, discutiu a mellora nas prestacións visuais e a diminución na sensibilidade á luz en suxeitos que tomaban 10 mg de luteína e 2 mg de zeaxantina ao día.[16]

En nutrición

[editar | editar a fonte]

A luteína é unha parte natural da dieta humana ao consumírense froitas e verduras. Para os individuos que teñen un consumo insuficiente de luteína hai alimentos fortificados con luteína e suplementos dietéticos. Actualmente non hai un consumo diario recomendado para a luteína, pero observáronse efectos positivos con consumos de 6–10 mg/día.[17] O único efecto secundario claramente observado do exceso de luteína é o bronceamento da pel (carotenodermia).

A diferenza funcional entre a luteína (forma libre) e os ésteres da luteína non se coñece ben. Suxírese que a biodispoñibilidade é máis baixa para os ésteres da luteína, pero o debate aínda continúa.[18]

Como aditivo alimentario, a luteína ten o número E E161b e adoita extraerse dos pétalos da planta asterácea Tagetes erecta.[19] O seu uso está aprobado na Unión Europea.[20]

Algúns alimentos considéranse boas fontes deste composto:[12][21][22][23]

Produto Luteína/zeaxantina (microgramos por 100 gramos)
Tropaeolum (flores amarelas, só luteína) 45.000
col rizada (crúa) 39.550
col rizada (cociñada) 18.246
Taraxacum (follas, crúas) 13.610
Tropaeolum (follas, só luteína) 13.600
nabo (follas, crúas) 12.825
espinaca (crúa) 12.198
espinaca (cociñada) 11.308
acelga (crúa ou cociñada) 11.000
nabo (follas, cociñadas) 8.440
verza (cociñada) 7.694
agrón (crú) 5.767
chícharo (crú) 2.593
leituga romana 2.312
cabaciña 2.125
col de Bruxelas 1590
pistacho (noces) 1.205
brócoli 1.121
cenoria (cociñada) 687
millo 642
ovos (duros cocidos) 353
aguacate (cru) 271
cenoria (crúa) 256
kiwi 122

Valor comercial

[editar | editar a fonte]

O mercado da luteína é un dos que máis crece dentro do sector dos carotenoides e está segmentado nos sectores farmacéutico, nutracéutico, alimenticio, de alimentos para mascotas, e de alimentos para animais e peixes. Estanselle a dar novas aplicacións en cosmética e como antioxidante.[24]

  1. Malinow MR, Feeney-Burns L, Peterson LH, Klein ML, Neuringer M (agosto de 1980). "Diet-related macular anomalies in monkeys". Invest. Ophthalmol. Vis. Sci. 19 (8): 857–63. PMID 7409981. 
  2. Johnson EJ, Hammond BR, Yeum KJ; et al. (xuño de 2000). "Relation among serum and tissue concentrations of lutein and zeaxanthin and macular pigment density". Am. J. Clin. Nutr. 71 (6): 1555–62. PMID 10837298. 
  3. Landrum, J., et al. Serum and macular pigment response to 2.4 mg dosage of lutein. in ARVO. 2000.
  4. Berendschot TT, Goldbohm RA, Klöpping WA, van de Kraats J, van Norel J, van Norren D (outubro de 2000). "Influence of lutein supplementation on macular pigment, assessed with two objective techniques". Invest. Ophthalmol. Vis. Sci. 41 (11): 3322–6. PMID 11006220. 
  5. Aleman TS, Duncan JL, Bieber ML; et al. (xullo de 2001). "Macular pigment and lutein supplementation in retinitis pigmentosa and Usher syndrome". Invest. Ophthalmol. Vis. Sci. 42 (8): 1873–81. PMID 11431456. 
  6. Duncan JL, Aleman TS, Gardner LM; et al. (marzo de 2002). "Macular pigment and lutein supplementation in choroideremia". Exp. Eye Res. 74 (3): 371–81. PMID 12014918. doi:10.1006/exer.2001.1126. 
  7. Johnson EJ, Neuringer M, Russell RM, Schalch W, Snodderly DM (febreiro de 2005). "Nutritional manipulation of primate retinas, III: Effects of lutein or zeaxanthin supplementation on adipose tissue and retina of xanthophyll-free monkeys". Invest. Ophthalmol. Vis. Sci. 46 (2): 692–702. PMID 15671301. doi:10.1167/iovs.02-1192. 
  8. Richer S (xaneiro de 1999). "ARMD—pilot (case series) environmental intervention data". J Am Optom Assoc 70 (1): 24–36. PMID 10457679. 
  9. 9,0 9,1 Richer S, Stiles W, Statkute L; et al. (abril de 2004). "Double-masked, placebo-controlled, randomized trial of lutein and antioxidant supplementation in the intervention of atrophic age-related macular degeneration: the Veterans LAST study (Lutein Antioxidant Supplementation Trial)". Optometry 75 (4): 216–30. PMID 15117055. 
  10. Age-Related Eye Disease Study Research Group (outubro de 2001). "A randomized, placebo-controlled, clinical trial of high-dose supplementation with vitamins C and E, beta carotene, and zinc for age-related macular degeneration and vision loss: AREDS report no. 8". Arch. Ophthalmol. 119 (10): 1417–36. PMC 1462955. PMID 11594942. doi:10.1001/archopht.119.10.1417. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2015. 
  12. 12,0 12,1 SanGiovanni JP, Chew EY, Clemons TE; et al. (setembro de 2007). "The relationship of dietary carotenoid and vitamin A, E, and C intake with age-related macular degeneration in a case-control study: AREDS Report No. 22". Arch. Ophthalmol. 125 (9): 1225–32. PMID 17846363. doi:10.1001/archopht.125.9.1225. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2011. Consultado o 17 de xaneiro de 2015. 
  13. "Associations between age-related nuclear cataract and lutein and zeaxanthin in the diet and serum in the Carotenoids in the Age-Related Eye Disease Study, an Ancillary Study of the Women's Health Initiative.". 
  14. Chong EW, Wong TY, Kreis AJ, Simpson JA, Guymer RH (outubro de 2007). "Dietary antioxidants and primary prevention of age related macular degeneration: systematic review and meta-analysis". BMJ (Clinical Research Ed.) 335 (7623): 755. PMC 2018774. PMID 17923720. doi:10.1136/bmj.39350.500428.47. 
  15. Barker Fm, 2nd (2010). "Dietary supplementation: effects on visual performance and occurrence of AMD and cataracts.". Current medical research and opinion 26 (8): 2011–23. PMID 20590393. doi:10.1185/03007995.2010.494549. 
  16. Stringham, James M.; et al. (xaneiro-febreiro de 2010). "The Influence of Dietary Lutein and Zeaxanthin on Visual Performance". Journal of Food Science 75 (1): R24–R29. PMID 20492192. doi:10.1111/j.1750-3841.2009.01447.x. Consultado o 15 de xaneiro de 2013. 
  17. Seddon JM, Ajani UA, Sperduto RD; et al. (novembro de 1994). "Dietary carotenoids, vitamins A, C, and E, and advanced age-related macular degeneration. Eye Disease Case-Control Study Group". JAMA 272 (18): 1413–20. PMID 7933422. doi:10.1001/jama.272.18.1413. 
  18. Bowen PE, Herbst-Espinosa SM, Hussain EA, Stacewicz-Sapuntzakis M (2002). "Esterification does not impair lutein bioavailability in humans". J Nutr 132 (12): 3668–73. PMID 12468605. 
  19. "WHO/FAO Codex Alimentarius General Standard for Food Additives". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2008. Consultado o 17 de xaneiro de 2015. 
  20. UK Food Standards Agency: "Current EU approved additives and their E Numbers". Consultado o 2011-10-27. 
  21. "Reuters, Study finds spinach, eggs ward off cause of blindness". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2014. Consultado o 17 de xaneiro de 2015. 
  22. "USDA National Nutrient Database for Standard Reference, Release 23 (2010)". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2015. Consultado o 17 de xaneiro de 2015. 
  23. Niizu, P.Y.; Delia B. Rodriguez-Amaya (2005). "Flowers and Leaves of Tropaeolum majus L. as Rich Sources of Lutein". Journal of Food Science 70 (9): S605–S609. ISSN 1750-3841. doi:10.1111/j.1365-2621.2005.tb08336.x. 
  24. FOD025C The Global Market for Carotenoids, BCC Research

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]