Loureiro
Loureiro | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ilustración do loureiro (Laurus nobilis). | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Laurus nobilis L. |
O loureiro (Laurus nobilis) é unha árbore do xénero Laurus da familia botánica das Lauraceae ou lauráceas. É orixinaria do Mediterráneo oriental, varía entre 5 e 10 metros de alto, mais pode atinxir até 20 m de altura. As súas follas son vistosas, coriáceas e cun recendo moi característico. Por iso son moi usadas en condimentos na culinaria en xeral. O seu froito, chamado lorbaga[1] é do tipo baga e cando está maduro ten cor negra. Alén diso, a madeira desta árbore é de excelente calidade. Hai aínda algunhas propiedades medicinais para reumatismo, estómago etc.
Na Grecia Antiga as coroas confeccionadas con ramos de loureiro eran o símbolo da vitoria para os atletas e heroes nacionais. Ese costume tamén se herdou na Roma na época dos Césares. Por iso o termo laureado deriva xustamente do xénero Laurus.
En Galicia ademais do seu cultivo forma parte da vexetación espontánea, xeralmente en lugares húmidos, noiros, socalcos e pretos dos regos. Recibe tamén o nome de gamallo[2]. Un estudo recente encontrou que as estacións nativas clasificadas como L. nobilis no norte de España (en Galicia por exemplo) estaban máis preto xenética e morfoloxicamente de L. azorica que da poboación de L. nobilis nativa en Francia e Italia[3] É certo que en Galicia os loureiros adoitan medrar en ambientes moi húmidos, moito máis ca nos que medra o loureiro común mediterráneo.
Descrición
[editar | editar a fonte]O loureiro común é unha árbore dioica de folla persistente de 5–10 m de altura, de toro recto coa casca cinsenta e a copa mesta, escura. Ramallos ergueitos. Follas azuladas, alternas, lanceoladas ou oblongo-lanceoladas, de consistencia algo coriácea, recendente, co borod en ocasións algo ondulado. As follas dos exemplares en Galiza acostuman ser menos coriáceas, máis claras e anchas, especialmente cando medran en locais húmidos e sombrizos. Ápice agudo e base atenuada. Miden uns 3–9 cm de lonxitude e posúen curto pecíolo. A face é de cor verde escura lustrosa, mentres que o envés é máis pálido. Flores dispostas en umbelas sésiles de 4-6 flores. As flores, de 4 pétalos aparecen en marzo-abril, e son amarelentas. Flores masculinas con 8-12 estames de arredor de 3 mm, case todos provistos de 2 nectarios opostos, subbaxilares; xineceo rudimentario. Flores femininas con 2-4 estaminodios apendiculados; ovario subsésil; estilo curto e groso con estigma trígono. O froito é unha baga, ovoide, de 10–15 mm, negra na madureza, suavemente acuminada con pericarpo delgado. Semente única de 9 por 6,5 mm, lisa. Madura a principios do outono.[4]
Cultivo
[editar | editar a fonte]Pódese multiplicar por sementes e por esgallo, tanto de raíz como de talo (espeques). A multiplicación por sementes é moi tardada. Cómpre apañar a semente en zonas onde existan pés dos dous sexos, debéndose coller só os froitos que están na planta e non nos que fican no chan, pois adoitan estar fermentados. A semente limpa xermola mellor ca que conserva o pericarpo seco. Os tratamentos de mergullo en auga da semente aumente e aceleran a xerminación. O loureiro é unha planta pouco esixente en solos, aínda que vai mellor naqueles soltos e frescos. Atura moi ben a poda, de feito é moi común cultivar arboriñas podadas formando bólas en vasos para xardinaxe. É, porén, sensíbel a parasitos que acostuman poboala, algúns dos máis comúns son:
- Cochinillas son o seu principal inimigo (o 90% dos loureiros pórtanas). Sobre a melaza que secretan estas, aséntase o fungo Tricholoma terreum, que máis que dano fai que perda estética.
- Sila (Trioza alacris), unha praga que produce síntomas chamativos. As follas aparecen engurradas como consecuencia das picaduras deste pequeno insecto chuchador. É difícil ver o causante pois non fica estático na folla.
- Pulgóns. Fóra das rexións de clima mediterráneo, é moi sensíbel ás xeadas.
Usos
[editar | editar a fonte]Uso culinario
[editar | editar a fonte]As follas de loureiro son usadas como condimento na gastronomía europea, así como en América do Norte e América Central. Estas utilízanse en sopas, guisos e estufados, así como en carnes, peixes e vexetais, incluso en sobremesas coma no arroz con leite. En Galiza cócese o marisco con follas de loureiro, tamén é común cocer patacas cunhas follas.
Uso medicinal
[editar | editar a fonte]Como planta medicinal, o loureiro é un tónico estomacal (estimulante do apetito, dixestivo, colagogo e carminativo). O aceite esencial obtido dos froitos ("manteiga de loureiro") usábase tradicionalmente para o tratamento de inflamacións osteoarticulares e pediculose. A inxesta de follas de loureiro en grandes cantidades chega ser tóxica.[5]
Outros usos
[editar | editar a fonte]A madeira de loureiro é moi dura e tense empregado para traballos de marquetaría.[6]
O loureiro, incluídas as súas pólas empréganse en ornamentación.
Emprégase coma planta ornamental para crear sebes e coma arboriñas independientes podadas formando bólas e outras formas, xeralmente en vasos de terracota.
Historia e mitoloxía
[editar | editar a fonte]É o obxecto simbólico preferido na astroloxía para o signo do Carneiro.
Ten connotacións simbólicas en certas culturas como a romana e na cristiá.
Segundo a mitoloxía, o loureiro é a transformación da ninfa Dafne que ao ser perseguida por Apolo foi salvada por seu pai, o río Peneo, transformándoa en loureiro; de aí, Apolo cortou dúas pólas e entrenzounas elaborando unhas coroas triunfais que usan os vitoriosos, xenerais e emperadores da antiga Roma[5] e que chegaron até os nosos días coma símbolo da vitoria. Ademais, estas follas foron postas na testa dos atletas Medallistas Olímpicos nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004
Na antigüidade o loureiro protexía contra os raios, Plinio recólleo,[7] así mesmo asegura non coñecer casa plantada con loureiros, que fora alcanzada polos raios dunha treboada.
Etnografía galega
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: O loureiro na cultura popular galega.
En Galiza, coma árbore perenne (que non era o normal), asociábase o loureiro con algúns ritos pagáns de inverno. Nalgunhas zonas de Galiza, coma en Mos facíanse no mes de xaneiro unhas cacharelas con ramallos de loureiro mentres os mozos bailaban e cantaba darredor: queimemo-lo loureiro no mes de xaneiro.
O loureiro deu nomes a moitos topónimos galegos: Lourizán, Louredo, Lourido (do latín lauretum que significa sitio abundante de loureiros[8].
Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano dicía a mediados do século XX que o loureiro aparecía en moitos puntos de Galiza, en pés illados ou formando pequenos arboredos; medra en sebes e hortas e florea pola primavera. Dicía que nas aldeas cren que o loureiro despide efluvios que adozan o ambiente e que ten virtudes protectoras; e así aparece plantado preto de moitas casas campesiñas; e por iso penduran as súas pólas nas cortes, para preservar o gado de desgrazas: e por iso tamén constitúe o anuncio de obriga de tendas e tabernas aldeás, sen dúbida para favorecer ese medio de vida; e polo xera é costume queimar poliñas de loureiro que se benzoara na igrexa o domingo de ramos, supondo que con iso afástase o trono, a treboada e o raio ou chispa. Tense ademais coma purificador; e cando se sospeitar que algunhas cousa entrou na casa, afúmase con loureiro. Como símbolo quizais de triunfo, todos os construtores de vivendas en Galiza colocaban no máis alto das paredes da nova casa varias pólas de loureiro cando rematan de levantar os muros; e disque esta vella práctica encloba tamén o desexo de protección e ventura para o novo lar. As supersticiosas vitudes atribuídas ao loureiro en Galiza, xa foran condenadas no segundo Concilio bracarense, que prohibiu "arrodear as casas con loureiros"[9].
O loureiro converteuse no símbolo dos furanchos.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- A aldeia da Atalaia/ rodeada de loureiros/ non a pasean casados/ que a pasean solteiros. [10].
- Arrimeime a ti, loureiro,/ coidando que eras calado./ Loureiro, lengoareteiro,/ lévalo lengoaretado.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Laurus nobilis foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 369. 1753.[11]
Número de cromosomas de Laurus nobilis (Fam. Lauraceae) e táxones infraespecíficos:[12] 2n=48.
Laurus: nome xenérico que é nome latino para o loureiro.[13]
nobilis: epíteto latino que significa "notábel".[14]
Nome común
[editar | editar a fonte]Silvarda, oureiro, lourel, loureite, loureiro romano, loureiro real, loureiro negro, loureiro manso, loureiro gallego, loureiro do país, loureiro de Ramos, loureiro común, loureiro castellano, loureiro bravo, loureiro bendito, loureiro, loureira, lloureiro, laurel, laureiro, garamallo, gamallo e baieira[15].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Laurus nobilis.
-
Folla de loureiro.
-
Porte da arboriña.
-
Follas secas que se empregan coma adubo.
-
Ramallos.
-
A póla de loureiro (1900), obra de William-Adolphe Bouguereau (1825-1905).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lorbaga.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gamallo.
- ↑ Arroyo-García, R., Martínez-Zapater, J.M., Fernández Prieto, J.A., & Álvarez-Arbesú R. (2001). AFLP evaluation of genetic similarity among laurel populations. Euphytica 122 (1): 155-164.
- ↑ "L. Villar: Laurus nobilis en Castroviejo, S. (coord. gen.), 1986-2012, Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de outubro de 2013. Consultado o 02 de agosto de 2013.
- ↑ 5,0 5,1 Dr. Berdonces I Serra. Rhus aromatica. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales (Tikal ediciones). pp. 589–590. ISBN 84-305-8496-X.
- ↑ "REVISTA DIGITAL SIERRA DE BAZA. Proyecto Sierra de Baza". www.sierradebaza.org. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2020. Consultado o 2020-04-01.
- ↑ Plinio el viejo Hº Naturalis Libro 2, 146
- ↑ Martín Sarmiento (1746-1770): Colección de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca, 1970)
- ↑ Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano
- ↑ A Atalaia é un lugar da parroquia de Santa María de Asados (Rianxo).
- ↑ "Loureiro". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 23 de xaneiro de 2013.
- ↑ Proves Chromosome atlas of flowering plants. Darlintong, C. D. & A. P. Wylie (1955)
- ↑ En Nombre Botánicos
- ↑ En Epítetos Botánicos
- ↑ "Loureiro (Laurus nobilis L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Loureiro |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Loureiro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Antonio Devesa Alcaraz.1995.Vegetación y flora de Extremadura. Edit.Universitas.
- FORMAN, L. & D. BRIDSON (eds.). The herbarium handbook. Royal Botanic Gardens, Kew. 1989. ISBN 0-947643-20-6
- Franz Eugen Köhler: Köhler's Medizinal-Pflanzen in naturgetreuen Abbildungen mit kurz erläuterndem Texte. Köhler, Gera-Untermhaus 1887
- G. López (2001) Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares. Mundi-Prensa Libros.
- Gerhard Orzechowski (Hrsg.), Otto Gessner: Gift- und Arzneipflanzen von Mitteleuropa. 3. Auflage. Winter, Heidelberg 1974, ISBN 3-533-02372-9
- Sandro Pignatti, Flora d'Italia, Bologna, Edagricole, 1982. ISBN 88-506-2449-2
- T.G. Tutin, V.H. Heywood et alii, Flora Europea, Cambridge University Press, 1976. ISBN 0-521-08489-X
- Wolfgang Franke: Nutzpflanzenkunde. Nutzbare Gewächse der gemäßigten Breiten, Subtropen und Tropen. 6. Auflage. Thieme, Stuttgart 1997, ISBN 3-13-530406-X
- AFPD, 2008. African Flowering Plants Database - Base de Donnees des Plantes a Fleurs D'Afrique.
- Kostermans, A. J. G. H. 1939. Enumeratio Lauracearum Madagascariensium et ex insulis Mascarenis (Revisio Lauracearum VI).. Notul. Syst. (París) 8: 67–128..
- ORSTOM 1988. List Vasc. Pl. Gabon
- Zuloaga, F. O. 1997. Catálogo de las plantas vasculares de la Argentina. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 74(1-2): 1–1331.
- Flora of China Editorial Committee 2008. Flora of China (Menispermaceae through Capparaceae). Fl. China 7: 1-499.