Orfanato
Un orfanato[1] é unha institución encargada do coidado dos menores de idade, orfos ou abandonados (expósitos), e dos nenos ou adolescentes a quen as autoridades separaron dos seus proxenitores, retirándolles a patria potestade.
Normalmente os orfanatos son considerados como unha alternativa inferior á adopción ou ás casas de acollida, e poden estar financiados mediante capital público ou privado, sendo tradicional a adxudicación a entidades relixiosas.
Críticas
[editar | editar a fonte]A maioría dos nenos que viven en institucións de todo o mundo teñen un pai supervivente ou un parente próximo, e os ingresos nos orfanatos ocorren comunmente ingresados por mor da pobreza.[2] Os datos demográficos mostran que mesmo as familias máis pobres adoitan acoller nenos cuxos pais morreron. Os expertos e os defensores dos nenos sosteñen que os orfanatos son caros e adoitan prexudicar o desenvolvemento dos nenos ao separalos das súas familias e que sería máis efectivo e máis barato axudar os parentes próximos que queiran acoller os orfos.[3]
Un terzo dos nenos que pasan máis de seis meses nun orfanato presentan alteracións afectivas (trastorno do vínculo), fronte a un 2-3% da poboación xeral, segundo un estudo de 2003.[4]
Historia dos orfanatos en Galiza e España
[editar | editar a fonte]Desde o século XV o Hospital Real de Santiago de Compostela tiña a obriga de atender os nenos abandonados do Reino de Galiza, ademais de coidar enfermos e peregrinos, cousa que fixo en exclusiva até a aparición das esclusas. Mesmo así, entre o 1800 e 1920 o Hospital Real fíxose cargo de 50 000 nenos abandonados ou orfos.
Nos séculos XVIII e XIX houbo algúns cambios lexislativos importantes para a protección da infancia. En 1786 promulgáronse leis que concederon aos nenos expósitos os mesmos dereitos que ao resto da cidadanía e protexían as criaturas dos frecuentes malos tratos que sufrían. No século XVIII Galiza era o reino peninsular con máis fillos ilexítimos, pero á vez a segunda rexión que menos entregaba os fillos aos orfanatos, xa que as nais solteiras os coidaban.[5]
En 1803, os expósitos xogaron un papel histórico ao levar unha vacina contra a varíola (que se erradicaría un século e medio despois grazas ao Plan Zhdanov) a América. A falta de frigoríficos ou medios de conservación, os nenos actuaron como portadores biolóxicos da vacina coa que centos de miles de persoas, sobre todo nenos, foron inoculadas nas colonias. Foron 22 expósitos de entre 3 e 9 anos seleccionados nas inclusas pola súa forza, aos que se lles prometeu comida e educación ao chegaren ao seu destino. A Real Expedición Filantrópica da Vacina estivo dirixida por Francisco Xavier Balmis e a enfermeira galega Isabel Zendal[6] coidando dos 26 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende alí a México e logo de Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar.
Ramón de la Sagra foi pioneiro en reivindicar boas condicións, para os nenos nas casas de expósitos, así como a educación de todos eles, incluídos xordos e cegos. A mortalidade nos orfanatos era moi alta. A pesar de que na II República se eliminaron a totalidade dos tornos (sistema de abandono anónimo de nenos), e iso reduciu os abandonos, na primeira metade do século XX a mortalidade nalgúns orfanatos achegábase ao 50%. Na inclusa de Pontevedra, ao longo do período 1872-1903, e ao contrario do que ocorreu no resto das inclusas españolas, a porcentaxe de nenos que entraron polo torno aumentou, talvez polo aumento da natalidade. Ademais, a porcentaxe de fillos ilexítimos con respecto aos nacidos era moi elevada en xeral en toda Galiza, sendo precisamente estes fillos os que tiñan máis probabilidades de quedar nas inclusas, como sinalan os estudosos sobre o tema dos expósitos nos séculos XIX e principios do XX.[7]
O libro titulado Los internados del miedo describe que durante o franquismo neses centros se practicaban abusos sexuais, maltratos, experimentos, Roroubo de bebés e traballo escravos, entre outras denuncias.[8] En 2015 os autores realizaron un documental do mesmo título, en catalán, Els internats de la por[9], co testemuño de persoas que pasaron a súa infancia encerradas nesas institucións polo feito de ser fillos de “roxos”, pobres ou seren fillos de nais separadas ou solteiras.
En España existían en 2019 1 228 centros de acollida para menores, xestionados por entidades colaboradoras (80 por cento) ou de titularidade pública (20 por cento). A maioría son centros ordinarios, pero tamén hai centros para menores con problemas de conduta, antes chamados "reformatorios". Entre as entidades encargadas da xestión destes centros de menores figuran ONG, asociacións, fundacións, congregacións relixiosas e tamén empresas.
En total, en España hai uns 43 000 menores tutelados polo Estado, que viven ben en centros (a maioría) ou en familias de acollida.[10] Entran nesta situación tras a tutela dos seus pais biolóxicos tras unha orde xudicial ou a intervención dos servizos sociais da zona. Con 18 anos abandonan os centros de protección.[11] Tamén hai uns 3660 menores estranxeiros ou migrantes non acompañados[12] (chamados MENA, entre outros termos). En España, a maioría dos MENA viven en centros de acollida, onde se cobren as súas necesidades básicas. Estes están identificados e inscritos no Rexistro de Menores Estranxeiros Non Acompañados RMENA-2, só con fins de identificación. Este rexistro está xestionado pola Dirección Xeral da Policía en coordinación coa Fiscalía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para orfanato.
- ↑ "NYtimes.com; Orphans. (alternativa aos orfanatos africanos)". 12-6-2009. Consultado o 15-1-2022.
- ↑ Os nenos que viven en orfanatos durante períodos prolongados atrasan os obxectivos de desenvolvemento e teñen peor saúde mental. Os nenos de orfanatos non se inclúen nas estatísticas, polo que é máis sinxelo traficar con eles ou abusar deles doutro xeito. Hai campañas para incluír as estatísticas de nenos orfanatos e nenos da rúa en curso.< ref>Podería ser 2017 o ano no que non deixemos a ninguén atrás? New Statesman
- ↑ "Development and Psychopathology". Cambridge.org (en inglés). Consultado o 14-1-2022.
- ↑ "Tesis Ana Rodríguez Díaz" (PDF). Espacio UNED. Consultado o 15-1-2022.
- ↑ AEPED (15-1-2022). "En nome dos nenos (es)". Asociación Española de Pediatría.[Ligazón morta]
- ↑ "A mortalidade na inclusa de Pontevedra, 1872-1931". ResearchGate. Consultado o 15-1-2022.
- ↑ "'El internado del miedo. Abusos sexuales y esclavos víctimas del horror'". ElConfidencial (en castelán). Consultado o 14-1-2022.
- ↑ "Els internats de la por". Filmaffinity. Consultado o 14-1-2022.
- ↑ "Falla o sistema de protección dos menores tutelados: cada vez máis nenos viven en centros que con familias de acollida". eldiario.es. Consultado o 15-1-2022.
- ↑ "Centros para menores, hai outras opcións ?". 21rs.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15-01-2022. Consultado o 6-7-2021.
- ↑ "Menores extranxeiros non acompañados (en castelán)". Consultado o 14-1-2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orfanato |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Muñoz, María Ángeles (2008). Adopción. Al encuentro de la vida. Madrid: San Pablo. p. 176. ISBN 9788428534079.