Saltar ao contido

Igrexa de San Pedro de Plecín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Pedro de Plecín
Igrexa de San Pedro de Plecín.
Datos xerais
PaísEspaña España
RexiónAsturias Asturias
TipoIgrexa
AdvocaciónSan Pedro
LocalizaciónPeñamellera Alta
Coordenadas43°19′47″N 4°42′05″O / 43.329838, -4.701392
CatalogaciónBen de Interese Cultural
Culto
CultoIgrexa Católica
Arquitectura
ConstruciónXI-XII
EstiloRománico
Medidas85 x 90 m
Igrexa de San Pedro de Plecín en Asturias
Igrexa de San Pedro de Plecín
Igrexa de San Pedro de Plecín
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Pedro de Plecín (en asturiano: Ilesia de San Pedro de Plecín) é unha igrexa que que se atopa en Alles, capital do concello de Peñamellera Alta (Asturias, España) e parroquia de San Pedro de Alles. A igrexa está situada a uns 500 metros do núcleo de Alles. A antiga igrexa parroquial de San Pedro de Plecín, hoxe en ruínas, é un templo románico tardío. A súa primitiva advocación foi a de San Salvador.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Interior da igrexa de San Pedro.
Portada románica.

Levántase probablemente sobre un antigo lugar de culto precristián e foi erguida no último cuarto do século XII sobre unha capela prerrománica, ou cela, de planta rectangular. O templo foi ampliado polo custado oeste no século XIII e reformada e dotada dun pórtico no XV. No XVI encostouse unha capela funeraria ao lado norte. En 1787, co levantamento dun novo templo parroquial no núcleo de Alles, foi abandonada. O templo ten unha única nave e ábsida semicircular precedido de tramo recto. No seu flanco sur ábrese a portada principal. A ábsida está realizada a base de perpiaños de pedra arenita, tamén usada na portada sur. A nave é de cachotaría calcaria. A cabeceira cubríase cunha bóveda de canón e a nave debía presentar unha cuberta de madeira.

A portada sur repousa sobre un zócolo e protéxese cun beirado. Componse de catro arquivoltas lixeiramente apuntadas, sobre as que corre un gardapó decorado con niño de abella, do mesmo xeito que a liña de imposta que as sustenta. As arquivoltas mostran distintos elementos ornamentais (medias canas, billetes e medios círculos). Os capiteis conservados, troncocónicos, están moi deteriorados. Están decorados con motivos vexetais, figuras humanas e diversos seres fantásticos (sereas, billas e centauros). Apoiábanse en fustes monolíticos, hoxe desaparecidos. Á súa dereita ábrese unha pequena xanela asaetada. Está enmarcada cun gardapó xadrezado, unha arquivolta moldurada e un arquiño pentalobulado.

Repousa nunha imposta decorada con motivos vexetais, que ornamenta tamén o capitel dereito. No capitel esquerdo hai dous animais fantásticos e no tímpano unha representación do Salvador. Consérvanse cinco modillóns de fins do século XII e outro de comezos do XIII, todos moi deteriorados. Están decorados con animais, músicos e figuras humanas. Na ampliación oeste do templo, levada a cabo no século XIII, hai outra portada con dúas arquivoltas apuntadas baixo gardapó.

A capela funeraria aberta no custado norte do templo no século XVI presenta planta cadrada. Carece de vans e cubríase con bóveda de crucería sinxela, conservándose as ménsulas onde descansaban os seus nervios.

No interior, consérvanse as bases que sostiñan as columnas do arco de triunfo. Un posible capitel deste arco atópase na actualidade no Concello de Alles. Está decorado con motivos vexetais. O tramo recto que precede á ábsida estaba percorrido por un arco cego, con tres columnas a cada lado, da que restan dúas pequenas bases. Na actualidade a vexetación e a maleza invade o interior da igrexa e aflora por todos os seus muros. As súas ruínas foron recentemente limpas, e consolidadas. A igrexa de San Pedro/San Salvador de Plecín é unha bela mostra do románico tardío, emparentada estilisticamente con outras igrexas tardorrománicas palentinas e burgalesas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]