Histerectomía
Unha histerectomía é a extirpación cirúrxica, total ou parcial, do útero.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo está formado polos elementos hister- e -ectomía, tirados da voz do grego antigo ὑστέρα hystéra "útero", e do latín científico -ectomia, derivado do grego antigo ἐκτομή ektomḗ "amputación " e do latín científico -ia "-ía", respectivamente.[2]
Xeneralidades
[editar | editar a fonte]A histerectomía é a resección cirúrxica do útero (ou matriz) dunha muller.[3] Pode incluír a extirpación completa do corpo, o fondo e o colo uterino, aínda que se pode deixar o colo nalgúns casos.
A perda do útero provoca unha futura imposibilidade absoluta de aniñar o ovocito ou ovo fecundado, o que impide o desenvolvemento do embrión e, posteriormente, do feto.[4][5][6]
Existe un procedemento cirúrxico que pode recuperar a fertilidade, pero o acceso a el é complicado: o transplante uterino.[4]
Aínda perdéndose o útero poden chegar a subsistir os ovarios, o cal fai posíbel a fecundación asistida de óvulos e o aniñamento no útero doutra muller.[7][8] En países como o Canadá, México, Israel, a India, Rusia, Nova Zelandia ou Suráfrica, así como nalguns estados dos Estados Unidos, é legal.[Cómpre referencia]
Esta intervención tamén se realiza como parte dunha cirurxía de reasignación xenital en homes trans.
Indicacións clínicas
[editar | editar a fonte]Polo xeral esta cirurxía lévase a cabo en pacientes de máis de trinta anos.
Enfermidades que poden requirir unha histerectomía:[Cómpre referencia]
- Endometriose grave (que non mellorara con outros tratamentos)
- Hemorraxias ou desgarros durante o parto
- Cancro de útero, ovarios ou trompas
- Placenta percreta
- Embarazo molar
- Abortos mal practicados
- Pólipos uterinos
- Fibromas uterinos
- Sangrado intenso
- Prolapso uterino, (que non mellorara con outros tratamentos, ou cando a persoa non desexa ter fillos)
Procedemento cirúrxico
[editar | editar a fonte]Existen tres técnicas de histerectomía:
- Histerectomía abdominal: realízase a través dunha incisión media infraumbilical no abdome, por onde se retira o útero.[9]
- Histerectomía vaxinal: realízase cunha operación a través da vaxina, por onde se retira o útero.
- Histerectomía laparoscópica: realízase a través dunha operación cirúrxica chamada laparoscopia, mediante pequenos orificios no abdome duns 5 a 10 mm. Posteriormente retírase ben pola vaxina ou, por partes, a través dos mesmos orificios creados no abdome.[10]
Procedementos alternativos
[editar | editar a fonte]Son outros tipos de tratamentos que en determinadas situacions poden evitar unha histerectomía:[Cómpre referencia]
- Embolización das arterias uterinas
- Extirpación do endometrio
- Uso de pílulas anticonceptivas
- Uso de analxésicos
- Uso dun dispositivo intrauterino (DIU) que segregue a hormona proxestáxena
- Laparoscopia pélvica
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ histerectomía no Dicionario da RAG.
- ↑ lobectomía no DRAE.
- ↑ - Histerectomía en MedlinePuls
- ↑ 4,0 4,1 "Facts about hysterectomy". Hysterectomy Alternatives and Aftereffects. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ "Female Anatomy: the Functions of Female Organs". Hysterectomy Alternatives and Aftereffects. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ "Hysterectomy Educational Resources & Services". Hysterectomy Alternatives and Consequences. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ Wu, J. M., Wechter, M. E., Geller, E. J. et al. (2003): "Hysterectomy rates in the United States. Obstet. Gynecol. 2007 110 (5):1091-1095. (Amplo resume)
- ↑ "Are Hysterectomies Too Common?". TIME Magazine. 1 de xullo de 2006. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2013. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ Masson, Estanislao Navarro-Beltrán Iracet (1992). Diccionario terminológico de ciencias médicas (en español) (13ª ed.). Elsevier, España. p. 3. ISBN 84-4580-095-7.
- ↑ Walid, M. S. & Heaton, R. L. (2008). "Laparoscopic extirpation of a 3-kg uterus.". Arch Gynecol Obstet. 279: 607.