Saltar ao contido

Herma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na Grecia Antiga, unha herma (ἕρμα, plural ἕρμαι hermai, en grego), era un piar cadrado ou rectangular de pedra, terracota ou bronce (o estípite) sobre a que se colocaba un busto do deus Hermes, representado normalmente con barba. O piar era máis ancho por arriba que na parte inferior. Na base colocábase un falo en erección, símbolo de virilidade e disposición ás armas.

O nome do deus Hermes provén das hermas, e delas procede tamén o seu papel como protector de mercadores e viaxeiros, pois anteriormente fora un deus fálico asociado coa fertilidade e a sorte.

Típica herma grega

As hermas colocábanse nas rúas, portas e encrucilladas dos camiños como símbolo protector, e tamén como delimitadores de propiedades. En Atenas erguíanse fora das casas para atraer a boa sorte. Cada barrio tiña a súa herma e consérvanse vaixelas con pinturas que mostran sacrificios particulares realizándose diante delas.

Orixinariamente, as hermas eran simples montes de pedras que se empregaban para marcar un camiño ou unha fronteira. Quen pasaba por alí deitaba a súa propia pedra ao monte, anunciando tamén desta forma a súa presenza. No alto colocábanse figuras fálicas talladas en madeira. Nas primitivas hermas "cilenas", a base de pedra e madeira era un simple falo. Arredor do ano 520 a.C., Hiparco, fillo de Pisístrato, substituíu os montes de pedra que marcaban os puntos intermedios entre os pobos (demos) da Ática) e a ágora de Atenas por hermas de pedra coa forma definitiva.

Herodoto di que os primeiros en erguelas foron os pelasgos, un pobo lendario orixinario da Península Itálica, onde deixarían rastros de construcións ciclópeas. Os pelasgos teríanse asentado en Grecia, fundando Atenas e introducindo o uso das hermas de madeira.

En maio de 415, na noite anterior á partida da frota ateniense cara Siracusa durante a Guerra do Peloponeso, todas as hermas atenienses foron vandalizadas, o que se considerou de mal augurio. Inda que nunca foi demostrado, os atenienses creron que fora obra de sabotadores, ben de Siracusa, ben de pacifistas da propia Atenas. De feito, Alcibiades, pupilo de Sócrates, foi acusado de ser o cerebro do crime. El negou as acusacións e ofreceuse a ser xulgado, mais os atenienses non querían trastornar máis aínda os planos da expedición a Sicilia e esta partiu na data prevista. Porén, os seus inimigos políticos xulgárono e condenárono a morte in absentia, tanto pola mutilación das hermas, como polo crime supostamente relacionado de profanar os misterios de Eleusis.

En Roma, a función das hermas era máis arquitectónico que relixioso. Utilizábanse para soster as cortinas no interior das casas, e no Circo Máximo servían para termar das barreiras.

As hermas máis antigas consistían nunha base dunha columna sobre a que se colocaba unha cabeza. Orixinariamente estaban provistas dun falo e dunha especie de comezo de brazos e servían como imaxes de culto do barbudo Hermes, deus dos camiños, nas encrucilladas e lugares semellantes. Desde moito antes estas columnas tiñan relación coa fertilidade.

Xa en tempos arcaicos había bustos sobre unha base cadrada, que sería o equivalente a unha columna curta, sen relación directa co culto a Hermes. Eran a miúdo relativamente pequenas e acostumaban servir como obxectos de culto doméstico. Xa no século V a.C. aparecían nesta forma outros deuses ademais de Hermes, permanecendo no entanto o nome de "herma". Ademais do uso privado, as hermas eran tamén obxectos de exposición e representación. Un bo exemplo é a coñecida herma de Temístocles de Ostia. Posteriormente, estas esculturas achéganse máis e máis á forma dos bustos que serían empregados con frecuencia nos retratos artísticos romanos. Nestes, e a diferenza do que acontecía coa maioría das hermas, vólvense a esbozar uns ombreiros co arrinque duns brazos.

Ademais de políticos, consérvanse hermas de filósofos e poetas, como por exemplo, de Teofrasto, mestre de Menandro.

Busto dobre de Herodoto e Tucídides.

Un tipo especial de herma era a chamada herma dobre, na que sobre a base aparecen dúas cabezas opostas unidas pola caluga. o deus romano Xano representábase a miúdo desta arte, se ben tamén se retrataba a poetas famosos nas hermas dobres. No Museo Nazionale Romano consérvase unha herma dobre cos retratos de Menandro e un poeta ancián, talvez Apolonio de Tiana, ou un dos moitos retratos reconstruídos de Homero, aínda que a súa identidade non está clara.

As columnas de pedra rematadas cunha cabeza de muller chámanse hermas cariátides pola súa semellante coas cariátides, que son columnas con forma de muller, incluíndo o corpo. Utilizáronse na arquitectura manierista do século XIX tanto na decoración de edificios representativos como en palacios públicos. Estas hermas seguían fielmente o modelo das cariátides do Erecteion da Acrópole de Atenas, sendo comparativamente raras as do modelo máis antigo de koré (doncela vestida de pé). A súa contrapartida masculina, o atlante, tamén aparece nesta forma, mais en contraste coas cariátides, acostuma aparecer completamente espido.

Aínda hoxe se colocan en edificios e lugares públicos hermas e bustos con retratos para honrar a personalidades destacadas. Con frecuencia utilízase o caro mármore italiano de Carrara como medio adicional de honrar ao distinguido personaxe.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]