Saltar ao contido

Franco a cabalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Franco a cabalo
de Xoán II de Francia (1350-1364)
O rei a cabalo con armadura. Arredor, lenda IOHANNES DEI GRATIA - FRANCORV REX Cruz composta cuadrilobulada, con flores de lis. Lenda + XP'C* VInCIT* XP'C* REGNAT* XP'C* INPERAT
Franc à cheval. Xoán II. 1360. Peso: 3,76 gr.

O franco a cabalo (en francés: franc à cheval) foi unha moeda de ouro medieval, a primeira moeda francesa denominada "franco",[1] introducida por Xoán II na segunda metade do século XIV.[2][3]

O franco a cabalo emitiuse por vez primeira para financiar o rescate de Xoán II "o Bo" (1350-1364), que resultara apreixado polos ingleses na batalla de Poitiers, durante a Guerra dos Cen Anos.[4][5] En 1360, mediante o Tratado de Brétigny acadouse a súa liberación logo dun pagamento en moedas de ouro por valor de tres millóns de escudos.[6]

A moeda creouse con tal fin o 5 de decembro de 1360 e comezou a utilizarse a partir de febreiro de 1361, co valor dunha libra tornesa, feito polo que se comezou a coñecer indistintamente como "franco" ou como "libra".[6] Canto á orixe da denominación "franco", hai dúas hipóteses: a primeira pona en relación coa lenda da moeda, IOHANNES DEI GRATIA FRANCORV[M], e a segunda relaciónase co feito de que fose concibida para liberar (deixar "franco") o monarca.[7]

Franco a cabalo de Lois II de Flandres (1346-1384).

Posteriormente, a moeda foi cuñada tamén en Francia a nome de Carlos V (1364-1380),[8] Carlos VII (1422-1461),[9] Henrique III (1574-1589) e Henrique IV (1589-1610), así como nos Países Baixos, entre outros por Lois II de Flandres (1346-1384).[10]

Caracterización

[editar | editar a fonte]

O franco a cabalo era unha moeda de ouro de 24 quilates, cun diámetro de 29 mm un peso de 3,88 gramos ou, o que é o mesmo, 63 pezas por marco.[3][6][11]

  • Anverso: Xoán II "o Bo" a cabalo galopando cara á esquerda, con flores de lis na coroa e coa espada no alto; as proteccións do cabalo tamén con flores de lis. O conxunto está rodeado pola lenda en latín: IOHANNES DEI GRATIA - FRANCORV REX ("Xoán, pola graza de Deus, rei dos francos").[12][4]
  • Reverso: cruz con flores de lis, cun cuadrilóbulo central e inserida noutro cuadrilóbulo decorado con palmas e catro trevos. Lenda circular en latín + XP'C* VInCIT* XP'C* REGNAT* XP'C* INPERAT ("Cristo vince, Cristo reina, Cristo manda").[12][4]
  1. "Franc". Larousse.fr
  2. "Franc à cheval". En Frey, A. R. (1916). Páxina 88.
  3. 3,0 3,1 "Franc à cheval Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 173.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Golden Franc "on horseback"". Numista.com
  5. Demougin, J. (2003). Histoire du franc. Editions du Layeur. Páxina. 23. ISBN 978-2915118094
  6. 6,0 6,1 6,2 Favier, J. (2005). "Décembre 1360: La naissance du franc". En D'or et d'argent. La monnaie en France du Moyen Age à nos jours. París. Páxinas 1-16. ISBN 978-2-11-093702-5
  7. Klütz, K. (2004).
  8. "Franc à cheval - Charles V Le Sage". Numista.com
  9. "Franc à cheval - Charles VII". Numista.com
  10. "Rider "Franc à Cheval" - Louis II de Male". Numista.com
  11. Belaubre, J. (1996).
  12. 12,0 12,1 "Le franc à cheval, description et analyse". Bibliothèque nationale de France.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Belaubre, J. (1996). Dictionaire de Numismatique mediévale occidentale. Leopard d'Or, París. ISBN 2-86377-121-3.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]