Filosofía da relixión
A filosofía da relixión é unha disciplina filosófica que se centra nos temas e conceptos centrais das tradicións relixiosas.[1] Ten as súas orixes na antigüidade clásica, e aparece nos primeiros textos filosóficos coñecidos. Está relacionado con outros eidos, como a metafísica, a epistemoloxía, a lóxica ou a ética.[1]
Introdución
[editar | editar a fonte]A filosofía da relixión pode definirse como a avaliación crítica das crenzas e conceptos relixiosos.[2] Entre os temas que trata, destacan as crenzas sobre Deus ou os deuses, os diferentes tipos de experiencia relixiosa, as relacións entre ciencia e relixión, a natureza e alcance do ben e do mal, así como a comprensión relixiosa do nacemento, a historia ou a morte.[1] Inclúe tamén as implicacións éticas da relixión; a relación entre fe, razón, experiencia e tradición; o misticismo; ou os conceptos de milagre, revelación e salvación.[3]
O termo "filosofía da relixión" non se xeneralizou en Occidente até o século XIX, e moitos textos filosóficos anteriores a esa época mesturan temáticas relixiosas e cuestións filosóficas sen relación coa relixión. Por exemplo, o pitagorismo ou o estoicismo posúen claros elementos relixiosos, e no seu seo desenvolvéronse teorías sobre as deidades. Do mesmo xeito, a filosofía medieval foi influenciada polas tres grandes relixións abrahámicas. Incluso filósofos modernos, como Thomas Hobbes ou George Berkeley, debateron tanto sobre asuntos relixiosos como sobre cuestións filosóficas seculares.[3] En Asia, destacan textos como as Upanishad hindús ou os textos budistas, así como os clásicos daoístas ou confucianos da China.
Canto á súa relación coa teoloxía, ambas disciplinas diferéncianse en que a segunda se basea en conviccións relixiosas.[4] Neste sentido, a teoloxía fundaméntase nunha autoridade previa, namentres a filosofía emprega a razón.[4]
Por outra banda, algúns aspectos da filosofía da relixión foron considerados pola tradición como unha parte da metafísica. Por exemplo, na Metafísica de Aristóteles fálase da causa necesaria de todo o movemento, que o grego sitúa nun motor inmóbil que inspira o movemento das cousas coma un obxecto de desexo. Esta idea inspiraría a concepción de Deus de autores como Tomé de Aquino. Porén, na actualidade, o termo "filosofía da relixión" considérase un eido separado de investigación, aínda que existen pensadores, especialmente católicos, que o seguen a tratar como unha sección da metafísica.
Temas
[editar | editar a fonte]A realidade última
[editar | editar a fonte]As distintas relixións teñen ideas diversas sobre cal é a realidade última, a súa orixe ou fundamento (ou ausencia do mesmo), ou sobre cal é a máxima grandeza.[5][6] Os conceptos de "preocupación última" (cuñado por Paul Tillich) ou "idea do sagrado" (de Rudolf Otto) refiren á última ou máis elevada verdade, sobre a que reflexiona a meirande parte das relixións. Unha diferenza importante entre as relixións é se a realidade última é un deus persoal ou unha realidade impersoal.[7][8]
Nas relixións occidentais, son máis habituais variantes do teísmo, namentres nas relixións orientais abundan tanto as concepcións teístas como as que non o son. A diferenza entre o teísmo e o non teísmo é un xeito habitual de separar as relixións en categorías.[5]
Hai tamén múltiples posturas respecto á existencia de Deus, incluíndo varias formas de teísmo (como o monoteísmo e mais o politeísmo), agnosticismo e ateísmo.
Monoteísmo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Monoteísmo.
Keith Yandell estableceu unha distinción entre tres tipos principais de monoteísmo: o grego, o semítico e mais o hindú. O monoteísmo grego sostén que o mundo existiu sempre, polo que rexeitan as ideas do creacionismo ou da divina providencia, namentres o semítico cre que o mundo foi creado por un Deus nun momento concreto do tempo.[9] Pola súa banda, a versión hindú ensina que o mundo carece dun comezo definido, pero que hai un deus creador que sostén a realidade.[9]
Un dos obxectivos da teoloxía natural é procurar demostracións ou argumentos a favor da existencia de Deus. Neste sentido, busca xustificar a crenza en Deus con independencia da fe. Unha parte importante da filosofía da relixión asume o presuposto da teoloxía natural de que a existencia do divino pode xustificarse ou demostrarse racionalmente. Hai unha longa tradición de debates filosóficos e teolóxicos sobre o tipo de probas, xustificacións ou argumentos que son apropiados neste contexto.
Non teísmo
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Non teísmo e Relixións non teístas.
As relixións orientais inclúen variedades teístas e non teístas sobre a natureza última da realidade. Por exemplo, o xainísmo sostén unha postura dualista segundo a cal todo o que hai é materia e alma (jiva), sen dependencia de ningunha deidade suprema. Varias correntes budistas, como o theravada, cren que todas as cousas son puros fenómenos transitorios (ou dharmas) en relacións de interdependencia.[11] Os seguidores da escola madhyamaka, como Nagarjuna, defenderon que a realidade última é o baleiro ou sunyata, mentres que para o yogacara serían os estados mentais ou vijñapti. No pensamento filosófico da India, o monoteísmo foi defendido por tradicións intelectuais como o nyaya, mais os budistas rexeitaron o concepto dun deus creador (Ishvara).[12]
A corrente hindú do Advaita Vedanta, tal e como aparece na obra de Adi Shankara, é un non dualismo pleno. Malia crer no panteón hindú, os seguidores do Advaita Vedanta conciben a realidade última dun xeito radicalmente monista (o Brahman sen cualificacións), namentres os fenómenos aparentes (como as persoas ou os deuses) son ilusorios (maya).[13]
As diversas posturas filosóficas do daoísmo poden considerarse tamén como non teístas respecto da realidade última (dao). Os pensadores daoístas describiron esa realidade última de varias maneiras. Por exemplo, o filósofo Wang Bi da escola xuanxue defendeu que todo está enraizado no wu (non ser, nada).[14] Pola súa banda, Guo Xiang rexeitou a idea do wu como fundamento das cousas, afirmando que a natureza última do dao é o zi sheng ("autoprodución espontánea") ou zi hua ("autotransformación espontánea").[14]
Coñecemento e crenza
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Crenza#Crenza, fe, relixión.
Todas as tradicións relixiosas producen un coñecemento que é necesario para o desenvolvemento da práctica relixiosa e para resolver o problema da vida humana.[15] Este coñecemento inclúe afirmacións de carácter epistemolóxico, metafísico e ético.
O evidencialismo é a postura que defende que "unha crenza está racionalmente xustificada só se hai evidencia suficiente para sostela".[16] Moitos teístas e non teístas son evidencialistas, como é o caso de Tomé de Aquino ou Bertrand Russell, que coinciden en que a crenza en deus só é racional se existe evidencia suficiente, mais discrepan sobre a existencia mesma da devandita evidencia.[16] Moitos evidencialistas negan a validez das experiencias relixiosas subxectivas, polo que as verdades relixiosas teñen que fundamentarse sobre evidencia non relixiosa. Un dos principais pensadores desta corrente foi William Kingdon Clifford, quen escribiu: "É sempre un erro, en calquera lugar e para calquera persoa, o crer en algo sen evidencia suficiente".[17][18] A súa concepción foi duramente criticada polo filósofo William James no seu artigo "The Will to Believe" (1896).[19][20] Outros defensores máis recentes son Antony Flew e Michael Scriven, que se basean no principio ockhamista de que, en ausencia de evidencia, non se pode crer en algo. Moitos neotomistas son tamén evidencialistas, xa que pensan que poden demostrar racionalmente a existencia de Deus.
Fe e razón
[editar | editar a fonte]Aínda que moitas relixións recorren a argumentos racionais para fundamentar as súas posturas, tamén adoitan defender que as súas crenzas deben aceptarse en base á fe, entendida como a confianza nas propias crenzas relixiosas.[21] Existen diferentes modelos ou concepcións da fe, entre as que destacan:
- O modelo afectivo, que concibe a fe como un sentimento de confianza; é dicir, como un estado psicolóxico.
- O modelo da fe como unha clase especial de coñecemento sobre verdades relixiosas (defendida, entre outros, polos autores da epistemoloxía reformada).
- O modelo da fe como unha convicción teórica sobre a verdade dunha afirmación relixiosa.
- O modelo da fe como unha forma de confianza ou compromiso con Deus ou unha divindade.
- O modelo da fe como esperanza.
Pola outra banda, hai tamén diversas opinións sobre o modo en que a fe se relaciona coa razón. Por exemplo, existe a concepción de fe e razón son compatibles e deben traballar xuntas, que foi defendida por Tomé de Aquino e a meirande parte dos teólogos naturais católicos. Segundo esta tese, a razón determina certas verdades relixiosas, mentres que a fe (guiada pola razón) conduce ás verdades sobre o divino que, segundo o Aquinate, "exceden a habilidade da razón humana".[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Taliaferro 2014.
- ↑ Rowe 2007, p. 2.
- ↑ 3,0 3,1 Taliaferro 2008, p. 453.
- ↑ 4,0 4,1 Louth & Thielicke 2024.
- ↑ 5,0 5,1 Yandell 2002.
- ↑ Wainwright 2006.
- ↑ Rowe 2007, p. 179.
- ↑ Meister 2009.
- ↑ 9,0 9,1 Yandell 2002, p. 86-90.
- ↑ Butler 2011.
- ↑ Yandell 2002, p. 101.
- ↑ Patil 2009, p. 406.
- ↑ Yandell & 2002, p. 105.
- ↑ 14,0 14,1 Chan 2009.
- ↑ Yandell 2002, p. 53-54.
- ↑ 16,0 16,1 Rowe 2007, p. 105.
- ↑ Forrest 1997.
- ↑ Clifford 2011, p. 177-211.
- ↑ Rowe 2007, p. 98.
- ↑ James 1896.
- ↑ Rowe 2007, p. 91.
- ↑ Rowe 2007, p. 93.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Butler, Sean (2011). "Idealism in Yogācāra Buddhism". The Hilltop Review (en inglés) 4 (1).
- Chan, Alan (2009). "Neo-Daoism". En Zalta, Edward N. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés).
- Clifford, William Kingdon (2011). "The Ethics of Belief". En Leslie, Stephen; Pollock, Frederick. Lectures and Essays (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-1-139-14988-4. doi:10.1017/cbo9781139149884.007.
- Forrest, Peter (1997). "The Epistemology of Religion". En Zalta, Edward N. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés).
- James, William (1896). "The Will to Believe". The New World (en inglés) 5.
- Louth, Andrew; Thielicke, Helmut (2024). "Theology". Encyclopedia Britannica.
- Meister, Chad (2009). Introducing Philosophy of Religion (en inglés). Routledge. ISBN 9781134141791.
- Patil, Parimal G. (2009). Against a Hindu God: Buddhist Philosophy of Religion in India (en inglés). Columbia University Press. ISBN 9780231142229.
- Rowe, William L. (2007). Philosophy of Religion: An Introduction (en inglés). Cengage Learning. ISBN 9780495007258.
- Taliaferro, Charles (2008). "Philosophy of Religion". En Bunnin, Nicholas; Tsui-James, Eric. The Blackwell Companion to Philosophy (en inglés). Wiley. ISBN 9780470997871.
- Taliaferro, Charles (2014). "Philosophy of Religion". The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés).
- Wainwright, William (2006). "Concepts of God". En Zalta, Edward N. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés).
- Yandell, Keith E. (2002). Philosophy of Religion: A Contemporary Introduction (en inglés). Routledge. ISBN 9781134827220.