Estatero
O estatero (do grego: στατήρ, "peso") ou a estatera (a través do lat: statēra) foi unha moeda da Antiga Grecia cuñada en prata, electro e ouro en diversas rexións e épocas, que se basea nunha anterior unidade de peso. O termo utilízase tamén para designar outras moedas similares, a imitación dos estateros gregos, emitidas noutros lugares da Europa Antiga e do Oriente Medio.[1][2]
En función das súas autoridades emisoras e da súa tipoloxía, os estateros poden recibir denominacións máis específicas, como "dárico", "filipo" ou "creseida".[3]
Historia
[editar | editar a fonte]Unidade de peso
[editar | editar a fonte]Segundo o historiador inglés Robin Lane Fox, o estatero como unidade de peso ten a súa orixe na illa de Eubea, cun peso duns 16,8 gramos ou 0,59 onzas, tomando como base o siclo fenicio, cun peso semellante, e que tamén se correspondía coa quincuaxésima parte dunha mina.[4][5]
Moeda de prata
[editar | editar a fonte]O estatero como moeda de prata da Antiga Grecia, primeiro en forma de lingote e máis tarde xa como moeda cuñada, apareceu no século VIII a. de C. e mantívose en circulación ata o século I da nosa era. O primeiro estatero cuñado que se coñece, xa coa marca da autoridade emisora saíu dos obradoiros monetarios de Exina arredor do ano 700 a. de C. e amosa o tradicional sapoconcho das moedas desta procedencia. Un destes exemplares consérvase no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, en París.[6]
O estatero de prata emitido en Corinto, de 8,6 gramos de peso, dividiuse en tres dracmas de prata de 2,9 gramos, aínda que a súa vinculación co didracma (dous dracmas) ateniense de prata era evidente, xa que compartían o mesmo peso de 8,6 gramos (0,30 oz). Consecuentemente, o tetradracma (catro dracmas) ateniense pesaba 17,2 gramos (0,61 oz). A cuñaxe de estateros tamén se produciu en diversas cidades-Estado gregas, como é o caso da xa citada Aegina, Aspendos, Delfos, Knossos ou Cidonia, moitas outras de Xonia, Lampsaco, Metaponto, Olimpia, Paestum, Siracusa, Thasos ou Tebas, entre outras.[7]
Moeda de ouro
[editar | editar a fonte]Tamén existiu o estatero de ouro, aínda que a súa cuñaxe foi máis esporádica e só nalgúns lugares, xa que se trataba máis comunmente dunha unidade de conta equivalente, segundo a época e o lugar, a 20 ou a 28 dracmas dependendo en sitio e tempo (o de Atenas, por exemplo, era de 20 dracmas). O motivo destas variacións é que o estatero de ouro pesaba xeralmente 8,5 gramos, o dobre ca un dracma, mentres que a pariedade entre o ouro e a prata tiña flutuacións, ata que se estableceu en 1:10. O uso do ouro na cuñaxe de estateros parece maioritariamente de orixe macedonia. Os tipos máis coñecidos de estateros de ouro gregos correspóndense cos de 28 dracmas de Cízico.[8]
O estatero no sistema monetario da Antiga Grecia
[editar | editar a fonte]Equivalencias
[editar | editar a fonte]As equivalencias do estatero coas outras moedas daquela época é a seguinte:[9]
- 1 talento = 60 minas
- 1 mina = 100 dracmas
- 1 estatero = 2 dracmas
- 1 dracma = 6 óbolos
- 1 óbolo = 8 calcos
Divisores
[editar | editar a fonte]O estatero tiña moi numerosas fraccións, das que as máis utilizadas eran as seguintes:[10]
- Hemiestatero: medio estatero.
- Trité: un terzo.
- Tetarté: un cuarto.
- Hecté: un sexto.
- Hemitetarté: un oitavo.
- Hemihecté: un doceavo.
Estateros non gregos
[editar | editar a fonte]Os guerreiros das tribos celtas trouxeron este valor á Europa Central e Occidental logo de tomaren contacto con el mentres servían como mercenarios no norte de Grecia.
Na Galia, ao regresaren á súa terra os xefes galos que serviron nos exércitos de Filipo II de Macedonia ou nos de Alexandre e os seus sucesores, tamén emitiron estateros de ouro (coñecidos como "filipos"), tomando como modelo os emitidos por Filipo II.[11] Algúns destes estateros galos foron, pola súa vez, importados polos británicos en grandes cantidades, quen, por imitación, chegaron tamén a producilos nas illas. Estes estateros británicos adoitan pesar entre 4,5 e 6,5 gramos (0,16 a 0,23 oz).[12]
Ademais de nas Illas Británicas, os estateros celtas e as súas imitacións chegaron tamén a emitirse nas actuais Polonia e República Checa.[13] E seguindo a extensión da cultura grega cara ao leste da man de Alexandre, os estateros chegaron mesmo a territorios asiáticos nos actuais Afganistán e Paquistán, no tempo do emperador Kanishka (século II d. de C.).[14]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Estatera Arquivado 19 de setembro de 2018 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
- ↑ "Estatero". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
- ↑ "Dárico", "creseida" e "filipo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Fox, R. L. (2008). Páxina 94.
- ↑ "Stater". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
- ↑ "Aegina". En Barclay Head (1911). Páxinas 394-398.
- ↑ Baldwin, A. (1955)
- ↑ "Stater". En Smith, W. (1890).
- ↑ Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
- ↑ "Estátera". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Statères d'or gaulois". En Monnaies gauloises. Collection Fréderic Weber. 2008
- ↑ De Jersey (1996). Páxinas 1-2, 15-19 e 20-26.
- ↑ Żabiński, Z. Systemy pieniężne na ziemiach polskich. Zakład Narodowy Im. Ossolińskich, PAN. 1981. Páxina 22. ISBN 83-04-00569-7
- ↑ Prabha Ray Himanshu. Coins in India. Marg Publications. 2006. ISBN 978-81-85026-73-2
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estatero |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Baldwin, A. Catalogue of Greek coins. Museum of Fine Arts. Boston, 1955
- Barclay Head, V. H. Historia Numorum: a Manual of Greek Numismatics. Londres e Oxford, 1911.
- Carradice, I.; Price, M. Coinage in the Greek World. Londres, 1988. ISBN 978-0900652820
- De Jersey, Philip. Celtic Coinage in Britain. Shire Publications. 1996. ISBN 0-7478-0325-0
- Fox, R. L. Travelling Heroes: Greeks and Their Myths in the Epic Age of Homer. Allen Lane. Londres, 2008. Páxina 94. ISBN 978-0-7139-9980-8
- Girod. Dictionaire epécial et classique des monnaies, poids, messures, divisions du temps, chez les grecs, les romains, les juifs et les égyptiens. París-Lion, 1827
- Price, M. J. The coinage in the name of Alexander the Great and Philip Arrhidaeus. Vol I. The British Museum & Swiss Numismatic Society. Zúric/Londres, 1991.
- Smith, W. A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. John Murray. Londres, 1890.