Saltar ao contido

Enrique Ruano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaEnrique Ruano

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Enrique Ruano Casanova Editar o valor en Wikidata
7 de xullo de 1947 Editar o valor en Wikidata
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de xaneiro de 1969 Editar o valor en Wikidata (21 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecaída de altura Editar o valor en Wikidata
EducaciónColegio Nuestra Señora del Pilar (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónestudante Editar o valor en Wikidata
Partido políticoFrente de Liberación Popular Editar o valor en Wikidata

Enrique Ruano Casanova, nado en Madrid o 7 de xullo de 1947 e finado en Madrid o 20 de xaneiro de 1969, foi un estudante de Dereito e militante antifranquista español, asasinado mentres se atopaba baixo custodia da Brigada Político-Social, a policía secreta do réxime franquista.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Enrique Ruano Casanova, estudante e membro da Frente de Liberación Popular, un dos grupos políticos que loitaron en España contra o franquismo, morreu o 20 de xaneiro de 1969, a consecuencia dunha caída desde a xanela do piso sétimo do número 60 da entón rúa General Mola (hoxe rúa do Príncipe de Vergara, 68) en Madrid, producida pola Brigada Político Social, que o detivera tres días antes.

O ano 1969 comezou en España nun ambiente politicamente convulso, nun contexto internacional marcado polo Maio do 68 francés. As folgas de obreiros e estudantes contra o réxime franquista, nas cales se encadra o ocorrido con Ruano, levaron o Goberno a decretar en todo o territorio español o estado de excepción, que suspendía garantías e estabelecía unha censura de prensa máis estrita, e durou até o 24 de marzo.

Enrique Ruano foi detido o 17 de xaneiro de 1969, por lanzar na rúa propaganda do seu partido, e trasladado a comisaría. Tres días máis tarde, foi levado a un edificio da rúa do Príncipe de Vergara —entón General Mola— de Madrid, para efectuar un rexistro da vivenda, e alí caeu por unha xanela do sétimo piso.[1]

O cadáver está en decúbito supino, cos brazos encollidos, así como as pernas flexionadas, habendo á altura da cabeza e cara ao lado dereito un charco de sangue… Atópase con roupa interior branca, xersei azul escuro, pantalón gris, calcetíns verdes e zapatos marróns.
Atestado do xuíz.

O conxunto do movemento antifranquista considerou a morte de Enrique Ruano como un asasinato, e producíronse diversas mobilizacións en protesta polos feitos. Varios intelectuais apoiaron tamén a tese do crime político, do asasinato, que foi crecendo ante as contradicións da versión oficial que foi variando co paso dos días.

O suceso foi presentado oficialmente como un suicidio, e díxose que o mozo botou a correr e lanzouse pola xanela. Mesmo se chegou a presentar un suposto diario no que se expresaban ideas suicidas e que se filtrou á prensa como do estudante falecido.[Cómpre referencia] Manuel Jiménez Quílez, director xeral de Prensa ás ordes do Ministro Manuel Fraga Iribarne, mobilizou o diario ABC —dirixido entón por Torcuato Luca de Tena— e encargaron ao xornalista Alfredo Semprún que con aqueles vimbios preparase unha reportaxe «definitiva» acerca das razóns do suicidio.[Cómpre referencia] Manuel Fraga chamou por teléfono o pai de Ruano para ameazalo e que deixase de protestar. Fraga lembroulle que tiña outra filla da que ocuparse.[Cómpre referencia] Nun dos seus libros, Fraga refírese ao que chama «un intento minoritario de declararme persoa non grata na Universidade».[2]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Dentro do panorama xeral dos últimos anos do franquismo, o suceso tivo unha repercusión relativa, con maior forza en ambientes universitarios. Non houbo unha investigación seria do ocorrido, aínda que varios avogados denunciaron para que se investigasen os feitos, sen conseguilo. A familia conseguiu que o Tribunal Supremo ordenase reabrir o caso en 1994. Só en 1996, 27 anos despois, foron procesados os tres policías que se atopaban con Enrique Ruano cando este caeu.[3][4]

O sindicalista José Luis Úriz lembra no seu testemuño Peleando a la contra o momento en que foi detido e torturado cando estudaba enxeñaría de telecomunicacións en Madrid polo inspector Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño. Mentres golpeaba a Úriz, outro policía que participaba no interrogatorio díxolle ao torturador: «ten coidado que se che vai ir a man outra vez e valo matar», e respondeu segundo o relato de Úriz: «non importa, facemos como con Ruano, tirámolo pola xanela e dicimos que quería escapar».

O avogado José María Mohedano afirmou que agora se sabe que un dos policías lle disparou antes de guindalo pola xanela do sétimo piso. Posteriormente, serraron o óso da clavícula para que non aparecese a bala e falsearon a autopsia.

O proceso, complicado pola estraña desaparición dalgunhas probas como un anaco da clavícula do mozo, na que os querelantes dixeron que debía acharse a evidencia dun disparo, que sería para eles a causa da morte, finalizou coa absolución dos tres policías, ante as discrepancias dos peritos médicos no xuízo, aínda que cun voto particular dun dos membros do Tribunal, que disentiu dese veredicto.[5]

Torcuato Luca de Tena, entón director do diario ABC, confesou que Manuel Fraga Iribarne lle ordenou publicar anotacións do diario íntimo de Ruano, manipulándoas para que parecese unha persoa inestábel que se suicidou. O comisario xefe da Brigada Político-Social deixouse ver no xuízo como un pobre ancián que se limitaba a recibir as pedradas dos estudantes. O director xeral de Seguridade, o coronel Eduardo Blanco Rodríguez xa falecera.

O Tribunal considerou que, en todo caso, se produciu unha deficiencia na custodia do detido por parte dos axentes, cuxa consecuencia foi a súa morte. En febreiro de 1969, un mes despois da súa morte, os tres policías que o detiveron recibiron unha "felicitación polos servizos prestados".

Enrique Ruano era compañeiro de colexio de Alfredo Pérez Rubalcaba (futuro vicepresidente do Goberno e ministro do Interior de España). A indignación pola morte do seu compañeiro impulsou a Rubalcaba a introducirse na política e afiliarse ao Partido Socialista Obrero Español.[6]

  1. Bonet, Maria del Mar; Serrahima, Lluís (1977). Què volen aquesta gent [Que quere esta xente]. Alenar (en catalán). 
  2. Fraga Iribarne, Manuel (1988). Memoria breve de una vida pública. Espejo de España (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. p. 262. ISBN 8432058645. OCLC 54302479. 
  3. Cuadra, Bonifacio de la (2 de xullo de 1996). "Contradicciones sobre la muerte del estudiante Ruano en el juicio a tres policías". El País (en castelán) (Madrid: Ediciones El País). Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  4. Yanel, Agustín (1 de xullo de 1996). "Los policías acusados de la muerte de Enrique Ruano, al banquillo". El Mundo (en castelán) (Madrid). Consultado o 21 de xullo de 2017. (require subscrición (?)). 
  5. Yanel, Agustín (10 de xullo de 1997). "El Supremo confirma la absolución de los policías del «caso Ruano»". El Mundo. Consultado o 21 de xullo de 2017. (require subscrición (?)). 
  6. Barbería, José Luis (3 de xullo de 2011). "Listo para el gran 'sprint'". El País (en castelán) (Madrid: Ediciones El País). Consultado o 21 de xullo de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barrueco, Enrique (10/1/1994): «Los policías implicados ocupan puestos de confianza en Interior. Se reabre el Caso Ruano, veinticinco años después de la muerte violenta del estudiante detenido por antifranquista», en Interviú, nº 924. Área: España. Nacional. Interior. Violaciones de Derechos Humanos.
  • Castilla del Pino, Carlos, Casa del Olivo, Barcelona, Tusquets, 2004.
  • Dominguez Rama, Ana (ed.) (2011). "Enrique Ruano: memoria viva de la impunidad del franquismo". UCM Editorial Complutense. 
  • García Rico, Eduardo, Queríamos la revolución. Crónicas del FELIPE /Frente de Liberación Popular, Madrid, Flor del Viento Ediciones, 1998, p IV, 143, 145,155.
  • Medina, Francisco. Memoria Oculta Del Ejército: Los Militares se Confiesan, 1970 - 2004, Madrid, Espasa Calpe, 2004, p 177.
  • Morodo, Raúl, Atando cabos. Memorias de un conspirador moderado (I), Madrid, Grupo Santillana de Ediciones, 2001, p 255, 416, 423, 611.
  • Peces-Barba, Gregorio, La democracia en España. Experiencias y reflexiones, Madrid, Ediciones Temas de Hoy, 1996, p 54, 70-73, 107, 161.
  • Sartorius, Nicolás y Alfaya, Javier. La memoria insumisa. Sobre la dictadura de Franco, Madrid, Espasa Calpe, p 242.
  • Suárez, Luis. Franco, Barcelona, Ariel, 2005, p 293.
  • Tuñón de Lara, Manuel y Biescas, José Antonio, Historia de España X. España bajo la dictadura franquista, Barcelona, Editorial Labor, 1982, p 407.
  • Yanel, Agustín (20 de xaneiro de 1994). "La extraña muerte de un antifranquista". El Mundo. Área: Nacional.