Dobre soberano
O dobre soberano é unha moeda de ouro do Reino Unido cun valor nominal de dúas libras esterlinas. A súa emisión foi moi descontinua desde a súa creación en 1820 e nunca chegou a ter unha presenza significativa na circulación. A partir de 1980 comezou a cuñarse a maioría dos anos, xa como moeda de investimento.
A súa tipoloxía máis característica é a do busto do monarca reinante no anverso —ollando alternativamente cara á esquerda ou cara á dereita—, e a clásica representación de San Xurxo e o Dragón no reverso, creada por Benedetto Pistrucci.
O dobre soberano cuñouse por primeira vez en 1820, a nome de Xurxo III, máis esta emisión nunca entrou en circulación, senón que se considerou unha cuñaxe en proba, con só uns poucos exemplares hoxe coñecidos. No século e medio seguinte, a maioría das veces o dobre soberano emitíase unicamente para sinalar o comezo dun novo reinado ou o inicio dunha nova serie monetaria, amosando o retrato do monarca reinante. Na maioría dos casos tratábase de moedas emitidas en condición proof, cun acabamento especial e non destinadas á circulación. Realmente só se cuñou cunha tiraxe suficiente para a súa posta en circulación durante catro anos.
A partir de 1980, a Royal Mint comezou a vender o dobre soberano como moeda de colección e de investimento. Desde entón cúñase practicamente todos os anos e, en ocasións, con motivos alusivos a conmemoracións diversas.
País | Valor | Peso | Diámetro | Aliaxe | Ceca | Emisións |
---|---|---|---|---|---|---|
Reino Unido | 2 soberanos |
15,976 g |
28,40 mm |
Au 917 ‰ |
Royal Mint Londres ** |
1820, 1823*-1826, 1831, 1887*, 1893*, 1902*, 1911, 1937. 1953, 1980, 1982-1983, 1985, 1987-1993, 1996, 1998, 2000, desde 2002 |
* Nas datas sinaladas con asterisco a emisión foi para a circulación ** En 1887 cuñáronse tamén algúns exemplares na Casa da Moeda de Sydney |
Orixe: a familia do soberano
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Soberano (moeda)
Logo das guerras napoleónicas, o Parlamento dio Reino Unido, mediante a Lei da Moeda de 1816, instaurou oficialmente o padrón ouro en Gran Bretaña, definindo a libra esterlina como unha determinada cantidade de ouro. Case todos os oradores que interviñeron nos debates parlamentarios apoiaron a idea dunha moeda con valor de vinte xilins, en lugar de seguir utilizando a anterior guinea de ouro, valorada en vinte e un xilins.[1] No entanto, a Lei da Moeda non especificaba que tipoloxía de moedas debía cuñar a Real Casa da Moeda de Londres.[2]
Un comité do Consello Privado recomendou a emisión de moedas de ouro con valores de dez xilins, vinte xilins, dúas libras e cinco libras, o que foi aceptado polo daquela príncipe rexente Xurxo, o 3 de agosto de 1816.[3] A peza de vinte xilins —equivalente a unha libra— pasou a coñecerse como "soberano", retomando así o antigo nome dunha antiga moeda inglesa de ouro.[4] Tanto o soberano como o medio soberano emitíronse por primeira vez en 1817, mais inicialmente non se cuñaron as dúas moedas de maior valor.[5] Desde 1754, non se emitiran moedas de valor superior a unha guinea destinadas á circulación xeral, xa que a necesidade de pezas de maior valor estaba cuberta con papel moeda.[6]
Para estas primeiras emisións da serie do soberano, o artista Benedetto Pistrucci suxeriu como motivo acaído o deseño de San Xurxo e o Dragón, que el mesmo creara, sobre a base dun camafeo.[7] Joseph Banks, pola súa banda, recomendoulle a William Wellesley-Pole —daquela Master of the Mint na ceca londiniense— que se aceptase e se adaptase o deseño proposto por Pistrucci para o seu uso na cuñaxe.[6]
Primeiras emisións
[editar | editar a fonte]Xurxo III (1760-1820)
[editar | editar a fonte]Xurxo III (1760-1820) [8] | |
---|---|
A/: Retrato laureado de Xurxo III cara á dereita. Data.
Lenda: GEORGIUS III D: G: BRITANNIARUM REX F: D: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
En decembro de 1819, probablemente por mor da deterioración da saúde do rei Xurxo III (1760-1820), Wellesley-Pole encargoulle a Pistrucci, que daquela ocupaba o cargo de gravador xefe da Real Casa da Moeda, que preparase os cuños tamén para o dobre soberano (dúas libras) e para o quíntuplo soberano (cinco libras). O escritor numismático do século XIX Edward Hawkings describiu isto como unha carreira contra o reloxo para completar os cuños antes do pasamento do rei Xurxo; unha carreira que, na súa opinión, foi gañada polos artesáns da Casa da Moeda, aínda que investigacións máis recentes demostraron que o monarca xa falecera no momento en que o dobre e o quíntuplo soberano viron a luz.[9]
O dobre soberano, deseñado por Pistrucci, amosa no seu anverso o busto do rei ollando cara á dereita, rodeado pola lenda GEORGIUS III D G BRITANNIAR REX F D ("Xurxo III, pola graza de Deus, rei dos británicos, defensor da fe") e coa data de 1820 no exergo. Pola súa banda, no reverso represéntase o clásico deseño de San Xurxo e o Dragón, sen lenda nin data, que se convertería no motivo máis característico de toda a serie de moedas do soberano e tamén dutras, como a coroa de prata, desde que aparecera por primeira vez na moeda dun soberano de 1817, rodeado polo lema da Orde da Xarreteira.[10] No reverso amósanse tamén, a modo de marca de gravador, as iniciais B.P. de Benedetto Pistrucci na parte inferior dereita.[11]
O canto da moeda porta tamén unha inscrición, na que se le: DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI LX ("Un ornamento e unha salvagarda; sexaxésimo ano do reinado").[11]
Calcúlase que a tiraxe desta primeira emisión do dobre soberano se limitou a uns sesenta exemplares.[12]
Xurxo IV (1820-1830)
[editar | editar a fonte]Xurxo IV (1820-1830) [13] | |
---|---|
A/: Retrato sen coroa de Xurxo IV cara á esquerda.
Lenda: GEORGIUS IIII D: G: BRITANNIAR: REX: F: D: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
En 1823, o reverso de Pistrucci utilizouse novamente no dobre soberano, para a nova serie de moedas emitidas con motivo do inicio do reinado de Xurxo IV (1820-1830), xa co busto do novo monarca no anverso. Este novo anverso foi creado polo artista francés Jean Baptiste Merlen, cun deseño baseado nun busto preexistente obra de Francis Chantrey. O feito de que non fose Pistrucci o encargado do anverso da nova moeda explícase porque este non consideraba adecuado que se lle pedise que adaptase unha obra creada por outro artista, polo que se negou a adaptar para a súa cuñaxe o busto de Chantrey.[14]
A lenda que rodea o busto do monarca no anverso desta segunda emisión de 1823 é a mesma da de 1820, coa única excepción da substitución do ordinal III por IIII ( GEORGIUS IIII D: G: BRITANNIAR: REX: F: D:). Ademais, a data trasladouse do anverso ao exergo do reverso. Tamén no canto se mantivo a lenda DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI IV, coa única variación do ordinal do ano de reinado, que nesta ocasión se representou como IV (o cuarto ano).[14] Deste xeito, o mesmo número aparece representado de dúas maneiras diferentes sobre a mesma moeda: como IIII no ordinal do monarca no anverso, e con IV no ordinal do ano de reinado no canto da moeda.[15]
A nome de Xurxo IV fixéronse novas emisións nos anos 1824, 1825 e 1826, xa cun deseño diferente.[16] O anverso destas novas cuñaxes, creado por William Wyon, amosa no anverso un busto real de tamaño inferior ao de 1823, en tanto que no reverso se substitúe o San Xurxo e o Dragón por un escudo coroado, cunha capa de fondo. Nestas moedas, a lenda aparece repartida entre o anverso GEORGIUS IV DEI GRATIA ("Xurxo IV pola graza de Deus"...) e o reverso BRITANNIARUM REX FID DEF (... "rei dos británicos, defensor da fe").[14]
As emisións de 1824 e de 1826 repiten no canto a inscrición das cuñaxes anteriores, cada unha coa alusión ao seu ano de reinado —nesta ocasión non con numeración romana senón coas expresións QUINTO e SEPTIMO, respectivamente—. Pola súa banda, a emisión de 1825 amosa o canto liso, carente de inscricións e de calquera ornamento.[14]
Das catro emisións a nome de Xurxo IV, unicamente a de 1823 estaba destinada á circulación; as demais cuñáronse en pequenas tiraxes como moedas de proba, e a de 1826 distribuíuse unicamente formando parte do estoxo de presentación con acabamento especial proof.[14]
Guillerme IV (1830-1837)
[editar | editar a fonte]Guillerme IV (1830-1837) [17] | |
---|---|
A/: Retrato sen coroa de Guillerme IV cara á dereita.
Lenda: GULIELMUS III D: G: BRITANNIAR: REX F: D: |
R/: Escudo coroado e con manto. Data no exergo.
Lenda: ANNO 1831 |
En 1831 produciuse unha moeda de proba do dobre soberano como parte da serie de presentación con acabamento proof, que anunciaba as novas emisións a nome do rei Guillerme IV (1830-1837).[14]
O anverso, obra de William Wyon a partir dun busto creado por Francis Chantrey, amosa a cabeza do rei ollando cara á dereita, rodeado pola lenda GULIELMUS IIII D G BRITANNIAR REX F D ("Guillerme IV, pola graza de Deus, rei dos británicos, defensor da fe"). No truncamento do pescozo aparecen en miniatura, a modo de marca de gravador, as siglas WW de William Wyon.[14]
Pola súa banda, o reverso, creado por Jean Baptiste Merlen, amosa un escudo coroado e cunha capa de fondo, pouco habitual na serie de moedas do soberano. O escudo está acuartelado coas armas de Inglaterra, Escocia e Irlanda, e amosa no centro as armas coroadas do Ducado de Brunswick-Lüneburg, e na base o colar da Orde da Xarreteira.[18][19] Completa o reverso a indicación do ano de emisión: ANNO 1831, como única inscrición. O canto desta moeda é tamén liso.[14]
Emisións vitorianas e da primeira metade do século XX
[editar | editar a fonte]Vitoria (1837-1901)
[editar | editar a fonte]Vitoria (1837-1901) [20] | |
---|---|
A/: Cabeza do Xubileu de Vitoria cara á esquerda.
Lenda: VICTORIA D: G: BRITT REG: F: D: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
Despois de 1831, o dobre soberano non volveu saír das prensas da Royal Mint ata 1887. Por razóns descoñecidas, nin sequera se cuñou para completar a serie de valores nas emisións de presentación con acabamento proof de 1839 nin de 1853.[21] Kevin Clancy, un numismático vinculado á Real Casa da Moeda, amosa a relevancia desta fenda temporal de máis de medio século e atribúe esta ausencia ao pequeno papel que desempeñaron na vida cotiá da época vitoriana (1837-1901) as dúas moedas de máis alto valor do sistema: o dobre e o quíntuplo soberano.[22] Pola súa banda, o numismático G. P. Dyer sinala que, "as pezas de dúas libras e de cinco libras desempeñaron máis tarde un papel tan pequeno e infrecuente que en 1893 apenas podían considerarse máis que ornamentais".[23] De feito, poucos exemplares do dobre soberano amosan signos de teren circulado, e cando o fixeron, corresponden sempre aos catro anos nos que se cuñou este valor para a súa posta en circulación: 1823, 1887, 1893 e 1902.[24]
Esta tendencia rompeuse cando en 1887 se incluíu a peza do dobre soberano como parte das moedas do Xubileu da raíña Vitoria, cun anverso creado polo artista Joseph Boehm que representa a monarca coroada e ollando cara á esquerda, combinado co clásico reverso de Pistrucci de San Xurxo e o Dragón. Esta moeda estaba dispoñible tanto en condición estándar como con acabamento especial proof. O autor Richard Lobel, no seu Coincraft's Standard Catalogue of English and UK Coins, considera que a emisión de 1887 é "o exemplo máis coñecido e popular do dobre soberano",[25] algo que confirma a súa tiraxe de 91.345 moedas ordinarias para a súa posta en circulación e 797 exemplares con acabamento proof, a cantidade máis alta de todas as emisións do dobre soberano.[26][27]
A emisión do dobre soberano do Xubileu leva no anverso a inscrición VITORIA D G BRIT REG F D ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe").[25] Por outra parte, o uso do deseño de Pistrucci na moeda de ouro, malia levarse utilizando desde 1817, non gozaba dunha aceptación universal por parte da crítica. O xornal Church Times publicou este comentario: "Non podemos unirnos ao aplauso que se lle concedeu ao San Xurxo de Pistrucci, que se mantén para o soberano. Non é probable que ninguén que saia a loitar contra dragóns esqueza pór outra roupa que non sexa un casco, unha capa e un par de zapatos".[28]
Vitoria (1837-1901) [29] | |
---|---|
A/: Retrato coroado e velado de Vitoria cara á esquerda.
Lenda: VICTORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
Seguindo a mesma práctica que con outras moedas da familia do soberano de ouro, o 26 de setembro de 1887 enviáronse dous xogos de cuños coa marca de ceca "S" incorporada, desde as instalacións londinienses da Royal Mint á Casa da Moeda de Sydney. Crese que esa ceca australiana só cuñaba moedas por encarga, e que se solicitaron poucos exemplares do dobre soberano.[30] Logo do pechamento da Ceca de Sydney a finais de 1926, o seu equipamento, incluídos os cuños de 1887, foi enviado á Casa da Moeda de Melbourne, onde se ten coñecemento de que se cuñaron exemplares adicionais a partir dos cuños orixinais, mantendo a marca de ceca "S". Estímase en 28 exemplares a tiraxe total do dobre soberano de 1887-S.[31]
A partir de 1893, a serie de moedas do Xubileu foi substituída por outra coñecida como "cabeza antiga". O dobre soberano correspondente a esta nova serie amosa no seu anverso un novo retrato da raíña vitoria ollando cara á esquerda, deseñado por Thomas Brock, en tanto que no reverso se mantén o clásico de Pistrucci. A lenda que rodea o busto do anverso é nesta ocasión VITORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe, emperatriz da India"). Esta moeda emitiuse unicamente en 1893 tanto en condición estándar para a súa posta en circulación —tiraxe: 52.212— como con acabamento especial proof —tiraxe: 773—. [29][32]
Vitoria levaba exercendo presión xa desde 1888 para que o seu título de emperatriz da India, concedido pola Lei de Títulos Reais de 1876, se incluíse nas moedas ao seu nome.[33] O 12 de febreiro de 1892, o primeiro ministro, Salisbury, escribiulle: "Os servidores da súa Maxestade opinan que o título de emperatriz da India, que indica, como o fai, a relación da súa Maxestade coa maior parte dos seus súbditos, debería aparecer na moeda, en forma das letras "IND IMP" ou "I. I.", ou algunha abreviatura similar". A forma finalmente escollida foi IND IMP, abreviatura de INDIAE IMPERATRIX ("emperatriz da India").[34]
Eduardo VII (1901-1910)
[editar | editar a fonte]Eduardo VII (1901-1910) [35] | |
---|---|
A/: Retrato sen coroa de Eduardo VII cara á dereita.
Lenda: EDWARDUS VII D: G: BRITT: OMN: REX F: D: IND: IMP: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
Logo do pasamento da raíña Vitoria en 1901, fíxose un esforzo por reducir ao mínimo os cambios na emisión de moeda, o que levou consigo o mantemento de todos os reversos das moedas de ouro, entre elas o dobre soberano. As moedas de ouro pasaron a ter curso legal a partir do 1 de xaneiro de 1902 mediante unha proclamación datada o 10 de decembro de 1901. En todas elas, o anverso amosaba un busto do fillo e sucesor de Vitoria, Eduardo VII (1901-1910), obra de George William de Saulles. A lenda do anverso reza EDWARDVS VII D G BRITT OMN REX F D IND IMP. ("Eduardo VII, pola graza de Deus rei de todos os británicos, defensor da fe, emperador da India"). A fórmula OMN, como abreviatura de omnium ("de todos"), engadiuse na lenda despois de BRITT en recoñecemento á axuda do Imperio Británico durante a Guerra dos Bóers; estas palabras apareceron por derradeira vez na moeda británica en 1953.[36]
Dentro desa serie de ouro, o dobre soberano cuñouse en ambas as versións —circulante e proof—, unicamente con data de 1902. Do mesmo xeito que ocorrera coa moeda do Xubileu de Vitoria, na Casa da Moeda de Sydney cuñouse tamén unha cantidade moi reducida desta moeda, coa data de 1902 e a marca de ceca "S".[37][38]
Xurxo V (1910-1936)
[editar | editar a fonte]Os dobres soberanos datados en 1911 cuñáronse unicamente como parte das series proof de presentación da serie da coroación de Xurxo V (1910-1936). Por razóns incertas, non se cuñaron exemplares ordinarios para a circulación. Esta foi a única emisión de soberanos dobres durante o reinado de Xurxo V. Nelas represéntase o busto de Xurxo ollando cara á esquerda, obra de Bertram Mackennal, co clásico reverso de Pistrucci. A lenda do anverso non se alterou con respecto ás anteriores, agás pola inclusión do nome do novo monarca, GEORGIVS V.[39][40][41]
Eduardo VIII (1936) e Xurxo VI (1936-1952)
[editar | editar a fonte]Xurxo VI (1936-1952) [42] | |
---|---|
A/: Retrato sen coroa de Xurxo VI cara á esquerda.
Lenda: GEORGIUS VI D: G: BR: OMN: REX F: D: IND: IMP |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
Tras o falecemento do rei Xurxo V en 1936, comezaron os preparativos para a cuñaxe dunha nova serie de moedas a nome do seu fillo e sucesor, Eduardo VIII (1936-1936). O novo rei desexaba que o seu perfil estivese orientado cara á esquerda nas novas moeda, igual que o do seu pai, o que rompería a tradición de inverter a dirección do busto ao comezo dun novo reinado, que se remontaba a 1660. Logo dunha longa correspondencia entre o rei e o ministro de Facenda, Neville Chamberlain, Eduardo puido cumprir o seu desexo e cuñáronse algúns exemplares de proba con data 1937 —entre eles o dobre soberano— co busto do monarca cara á esquerda, obra de Thomas Humphrey Paget, repetindo o deseño do reverso de Pistrucci. A lenda do proxecto de dobre soberano de Eduardo era idéntica á do reinado anterior, agás polo nome e a data.[43][44]
Mais a abdicación de Eduardo VIII en decembro de 1936 puxo fin aos preparativos e a moeda non chegou a producirse para a súa distribución.[43] Máis tarde, Eduardo solicitou que se lle preparase un xogo de moedas co modelo previsto, mais o seu irmán e sucesor, Xurxo VI (1936-1952), negou tal posibilidade.[44] O que si que se produciu foi a cuñaxe, con data 1937 , da serie de moedas a nome de Xurxo VI, entre elas o dobre soberano, que ten un deseño moi similar ao previsto para Eduardo, salvo polo cambio de nome na lenda e a data. O busto de Xurxo VI aparece ollando cara á esquerda e tamén foi obra de Thomas Humphrey Paget. A moeda cuñouse unicamente en 1937, cun canto liso, e só formando parte da serie proof emitida co gallo da coroación.[42][45][46]
Segunda parte do século XX e século XXI
[editar | editar a fonte]Isabel II (1952-2022)
[editar | editar a fonte]O reinado da raíña Isabel II (1952-2022) arredouse da práctica habitual na emisión de moedas británicas de ouro. En 1953 cuñouse unha pequena cantidade de moedas de ouro de dúas libras esterlinas —ou dobre soberano—, cun anverso creado por Mary Gillick, para lle dar continuidade á serie do dobre soberano, mais as moedas non se puxeron á disposición do público e só se depositaron en museos e na Colección Real.[47][48] Desde ese momento, non se cuñaron máis pezas de ouro deste valor ata 1980. Os dobres soberanos de 1953 levaban no anverso a lenda ELIZABETH II DEI GRA BRITT OMN REGINA F D ("Isabel II pola graza de Deus, raíña de todos os británicos, defensora da fe"), e esta lenda cambiouse nas emisións posteriores, eliminando BRITT OMN ("de todos os británicos") e modificando as abreviaturas.[49][46] A omisión fíxose para recoñecer a evolución da Commonwealth británica, que daquela incluía algunhas repúblicas.[50]
Isabel II (1952-2022) [51] | |
---|---|
A/: Retrato coroado de Isabel II cara á dereita.
Lenda: ELIZABETH II DEI GRATIA REGINA F: D: |
R/: San Xurxo a cabalo matando o dragón, cara á dereita. Data e marca de gravador (B.P.) no exergo.
Lenda: (anepigráfica) |
|
Os responsables da Royal Mint decatáronse de que existía un mercado para as moedas da serie do soberano e comezou a comercializalas a coleccionistas a un prezo moi superior ao seu valor nominal e ao seu valor intrínseco —o do metal no que estaban cuñadas—.[52] Do mesmo xeito que toda a serie de ouro, os dobres soberanos de 1980, de 1982 e de 1983 utilizaron a efixie de Isabel deseñada por Arnold Machin,[53] en tanto que os emitidos de 1985 a 1996 portaron o busto creado por Raphael Maklouf,[54] e os cuñados entre 1998 e 2015 levaron un busto deseñado por Ian Rank-Broadley,[55] a maioría emparellados co reverso de Pistrucci, que foi restaurado en 2009 para amosar detalles adicionais do dragón.[56][57] Non se emitiron dobres soberanos en 1986, 1994, 1995, 1997, 1999 nin 2001, anos nos que o lugar da moeda no xogo de de presentación da serie proof de ouro foi ocupado por unha versión en ouro dunha peza conmemorativa de dúas libras emitida eses anos.[58] En 1989, os deseños habituais substituíronse por un de carácter conmemorativo que evocaba o deseño do soberano inglés orixinal de 1489, obra de Bernard Sindall.[59][60][61]
Entre os deseños especiais para o reverso que substituíron en ocasións o de Pistrucci estaba o que conmemoraba o Xubileu de Ouro de Isabel II en 2002 —por Timothy Noad—, que representa un escudo coroado dentro dunha coroa vexetal;[62] unha interpretación máis moderna de Xurxo e o Dragón en 2005 —tamén de Noad—;[63] e unha nova reinterpretación do mesmo motivo para o Xubileu de Diamante de Isabel II en 2012 —creado por Paul Day—.[64][65]
A partir dalgunhas emisións de 2015, pasouse a utilizar no anverso un retrato de Isabel realizado por Jody Clark,[66] aínda que en 2016 algunhas moedas levaban un retrato diferente da raíña, realizado por James Butler.[67] En 2017, creouse unha versión co deseño do soberano orixinal de 1817, co gallo do 200 aniversario do soberano moderno.[68][69][70]
En 2022, a Royal Mint cuñou dobres soberanos cun novo deseño do reverso creado por de Timothy Noad —co anverso de Jody Clark— que amosa unha interpretación das armas reais, en conmemoración do Xubileu de Platino de Isabel II.[71][72][73]
Carlos III (desde 2002)
[editar | editar a fonte]No mesmo 2022, logo do pasamento de Isabel II, a Royal Mint emitiu moedas conmemorativas da serie do soberano, entre elas o dobre soberano, cunha nova interpretación das armas reais por Clark no reverso, e no anverso o primeiro retrato do sucesor de Isabel, Carlos III, creado por Martin Jennings. Rodeando este busto do anverso, que se amosa orientado cara á esquerda, aparece a inscrición CHARLES III DEI GRA REX FID DEF ("Carlos III, pola graza de Deus, rei, defensor da fe").[74][75]
Un ano máis tarde, con data de 2023, emitiuse un dobre soberano que conmemora a coroación de Carlos III, cun retrato coroado do monarca no anverso realizado por Jennings e, o no reverso o San Xurxo e o dragón de Pistrucci.[76][77]
Para 2024 aprobouse un deseño similar ao do ano anterior, cun retrato de Carlos sen coroa no anverso, creado polo mesmo artista. [78]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 52-55.
- ↑ Seaby, P. (1985). Páxinas 116-117.
- ↑ Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 7.
- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 57.
- ↑ Spink & Son (2022-a-). Páxina 466.
- ↑ 6,0 6,1 Bull, M. (2023). Páxina 3.
- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 58.
- ↑ "2 Pounds - George III Pattern". Numista.com
- ↑ Bull, M. (2023). Páxina 4.
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 453.
- ↑ 11,0 11,1 Bull, M. (2023). Páxina 6.
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 717.
- ↑ "2 Pounds - George IV". Numista.com
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 439.
- ↑ Bull, M. (2023). Páxina 36.
- ↑ "Coins of George IV. Double sovereign". Coins-of-the-uk.co.uk
- ↑ "2 Pounds - William IV". Numista.com
- ↑ "Two Pounds 1831". Onlinecoin.club
- ↑ "2 Pounds, William IV, Great Britain, 1831". Museums Victoria (Collections.museumsvictoria.com.au).
- ↑ "2 Pounds - Victoria 2nd portrait". Numista.com
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinsa 439-440.
- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 75.
- ↑ Dyer, G. P. (1997). Páxina 73.
- ↑ "The Story of the British Two Pound Coin". 24carat.co.uk
- ↑ 25,0 25,1 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 440.
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 671.
- ↑ Spink & Son (2022-b-). Páxinas 165-187.
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxina 135.
- ↑ 29,0 29,1 "2 Pounds - Victoria 3rd portrait". Numista.com
- ↑ "2 Pounds - Victoria Golden Jubilee". Numista.com
- ↑ Bull, M. (2023). Páxina 334.
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinas 440, 671.
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxinas 139-140.
- ↑ Stocker, M. (1996). Páxina 76.
- ↑ "2 Pounds - Edward VII". Numista.com
- ↑ Skellern, S. (2013). Páxinas 31-33.
- ↑ "Australia: 2 Pounds - Edward VII Coronation". Numista.com
- ↑ Spink & Son (2022-a-). Páxina 552.
- ↑ "2 Pounds - George V". Numista.com
- ↑ Spink & Son (2022-a-). Páxina 560.
- ↑ Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinas 440-441.
- ↑ 42,0 42,1 "2 Pounds - George VI". Numista.com
- ↑ 43,0 43,1 "2 Pounds - Edward VIII Pattern". Numista.com
- ↑ 44,0 44,1 "Auction #3096. LOT #30339: Edward VIII gold Proof Pattern 5 Pounds 1937". Heritage Auctions. 26 de marzo de 2021.
- ↑ Spink & Son (2022-a-). Páxinas 576-578, 595.
- ↑ 46,0 46,1 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 441.
- ↑ "Elizabeth II Pattern two pounds 1953". Royal Collection Trust (RCT.uk).
- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 97.
- ↑ "Two Pounds 1953 (not released)". Onlinecoin.club
- ↑ Seaby, P. (1985). Páxina 172.
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
- ↑ Bull, M. (2023). Páxina 305.
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II 3rd portrait". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II 4th portrait; modified reverse". Numista.com
- ↑ Spink & Son (2022-b-). Páxinas 165-166.
- ↑ Emisións de 1986, 1994, 1995, 1995, 1997, 1999 e 2001. Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II Gold Sovereign Anniversary". Numista.com
- ↑ Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 100-101.
- ↑ Spink & Son (2022-b-). Páxinas 165-166, 174-175.
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II 4th portrait; Golden Jubilee". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II Diamond Jubilee". Numista.com
- ↑ Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 163-172.
- ↑ Un xexemplo: "2 Pounds - Elizabeth II 5th portrait; Magna Carta, Gold Proof". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II Butler effigy". Numista.com
- ↑ "2 Sovereigns - Elizabeth II 5th portrait; Garter type". Numista.com
- ↑ Spink & Son (2022-b-). Páxinas 167-168.
- ↑ Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 146, 170, 173.
- ↑ "2 Sovereigns- Elizabeth II 5th portrait; Platinum Jubilee". Numista.com
- ↑ "The Royal Mint unveils the 2022 Sovereign - the first coin in its Platinum Jubilee collection". Royal Mint (Royalmint.com).
- ↑ "The Sovereign 2022 Five Coin Gold Proof Set". Royal Mint (Royalmint.com).
- ↑ "2 Sovereigns - Charles III Queen Elizabeth II Memorial". Numista.com
- ↑ "Queen Elizabeth II Memorial Sovereign 2022 Five-Coin Gold Proof Set". Royal Mint (Royalmint.com).
- ↑ "2 Sovereigns - Charles III Coronation". Numista.com
- ↑ "The Coronation Double Sovereign 2023 Gold Bullion Coin". Royal Mint (Royalmint.com).
- ↑ "2 Sovereigns - Charles III". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dobre soberano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bull, M. (2023). English Gold Coinage. Vol. II. Spink & Son Ltd., Londres. ISBN 978-1-912667-72-7
- Clancy, K. (2017) [2015]. A History of the Sovereign: Chief Coin of the World (2ª ed.). Royal Mint Museum, Llantrisant. ISBN 978-1-869917-00-5
- Dyer, G. P. (1997). "Quarter-sovereigns and Other Small Gold Patterns of the Mid-Victorian Period". En British Numismatic Journal. 67. Páxinas 73-83.
- Lant, J. L. (1973). "The Jubilee Coinage of 1887". En British Numismatic Journal, 43. Páxinas 132-141.
- Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Coincraft's Standard Catalogue English & UK Coins 1066 to Date (5ª ed.). Standard Catalogue Publishers, Londres. ISBN 978-0-9526228-8-8
- Marsh, M. A. (2017) [1980]. The Gold Sovereign. Token Publishing Ltd., Exeter. ISBN 978-1-908828-36-1
- Seaby, P. (1985). The Story of British Coinage. B. A. Seaby Ltd., Londres. ISBN 978-0-900652-74-5
- Skellern, S. (2013). "The Coinage of Edward VII, Part I". En Coin News. Outubro. Páxinas 31-33.
- Spink & Son (2022-a-). Coins of England and the United Kingdom, Predecimal Issues 2023 (58ª ed.). Spink & Son Ltd., Londres. ISBN 978-1-912667-91-8
- Spink & Son (2022-b-). Coins of England and the United Kingdom, Decimal Issues 2023 (9ª ed.). Spink & Son Ltd., Londres. ISBN 978-1-912667-93-2
- Stocker, M. (1996). "The Coinage of 1893". En British Numismatic Journal. 66. Páxinas 67-86.