Golem
O golem[1] é, na mitoloxía xudía, un ser animado creado enteiramente de materia inanimada a través dun proceso máxico. En hebreo moderno, o nome provén da palabra guélem (גלם), "materia"; por outra parte, nese idioma, a expresión jómer guélem (חומר גלם) á súa vez significa "materia prima".
A palabra golem dáse na Biblia (Salmos 139:16) e na literatura talmúdica para referirse a unha substancia embrionaria ou incompleta.[2]
Como motivo, a figura do golem forma parte do imaxinario hebraico centro europeo e pertence por conseguinte á arte asquenací.
A lenda de Praga
[editar | editar a fonte]O relato folclórico máis famoso relativo ó golem involucra ó ilustre Rabbi Judah Loew, Judah Loew ben Bezalel, coñecido como o Maharal de Praga, un coñecido rabino do século XVI. Atribúeselle crear ó golem para defender o gueto de Praga de ataques antisemitas, así como para atender tamén o mantemento da Sinagoga Vella-Nova (Altneuschul).
Con todo, o golem sería creado en varias ocasións e por diversos rabinos ilustres ó longo de toda a Idade Media. É máis, a primeira existencia do golem remontaríase ás orixes mesmas da humanidade, onde un golem sería creado por unha persoa crente e próxima a Deus. Como Adán, o golem sería creado a partir do barro, insuflándolle despois unha faísca divina que lle deu a vida. Así, a creación de Adán é en principio inspiradora e referente da creación de todo golem. Desde este punto de vista, mediante o mencionado acto, toda persoa cun certo grao de santidade e achegamento a Deus podería adquirir algo da sabedoría e o poder divinos. E importante como poder é aquel de insuflarlle vida á materia inerte. Crear un golem é entón expresión patente de sabedoría e santidade. Pero, máis aló do grao de santidade que tivese o creador dun golem, o ser creado nunca sería máis que unha sombra daquel creado por Deus, xa que, significativamente e por definición, todo golem carece de alma.
A existencia dun golem presenta entón vantaxes e desvantaxes. O golem é forte, pero non intelixente. Se se lle ordena levar a cabo unha tarefa, levaraa a cabo dun modo sistemático, lento e executando as instrucións dun modo literal, sen cuestionamento ningún.
Famosa neste sentido é unha anécdota, segundo a cal a esposa do rabino lle pediu ó golem que fose "ao río a sacar auga" ó que o golem accedeu pero ó pé da letra: foi ó río, e comezou a sacar auga do mesmo sen parar, ata que terminou por alagar a cidade.
Segundo sostén unha lenda, a incapacidade principal do golem era a incapacidade de falar. Ademais, para facelo funcionar había que meterlle un papel cunha orde pola boca ou outro orificio. Outra maneira de facelo funcionar era inscribindo algún dos Nomes de Deus ou ben a palabra Emet (אמת—"verdade" en hebreo).[3]
Ao borrárselle a primeira letra de Emet (alef) da súa fronte e quedar nela só met (מת—"morte" en hebreo), o golem podía ser desactivado e volvía ser unha masa de barro inerte.
Na súa obra A cábala e o seu simbolismo, Gershom Scholem escribe que o golem é unha figura que cada trinta e tres anos aparece na xanela dun cuarto sen acceso no gueto de Praga.
De acordo coa lenda checa, os restos do golem están aínda gardados nun cadaleito no ático do Altneuschul en Praga, e o mesmo pode ser devolto á vida, de ser iso necesario.
Nas culturas moderna e conteporánea
[editar | editar a fonte]Uso coloquial
[editar | editar a fonte]Na cultura moderna e, particularmente, no marco coloquial, o golem é unha figura metafórica estreitamente relacionada co autómata, o ser descerebrado ou o home masificado que, controlado, serve desde un plano de conformismo, pero podería, baixo certas circunstancias, rebelarse.
Dado o seu parentesco coa noción de entidade automatizada e/ou robot que non pensa, o termo golem é empregado tanto en yiddish como na lingua hebrea moderna, onde se usa especialmente de modo coloquial con connotacións simultaneamente pexorativas e humorísticas: mentres que dicirlle a alguén que é un golem implica tratalo de "aparello" (home-máquina), dicirlle "non sexas golem" funciona como unha nota de atención para que reflexione antes de proceder no acto que estea por levar a cabo.
Literatura
[editar | editar a fonte]En 1837 Berthold Auerbach refírese ó golem na súa obra Spinoza. Entre 1841 e 1847 o golem figura xa no título de catro obras literarias.[4] Xa en 1847 a versión integral da historia do golem é incorporada nunha importante colección de relatos xudeus, publicada por Wolf Pascheles de Praga. Aproximadamente sesenta anos despois, unha descrición ficticia é publicada por Yudl Rosenberg en 1909. De acordo coa lenda, o golem podía estar feito da arxila da beira do río Vltava (río Moldava) tomada en Praga. Tras realizar os rituais prescritos, o rabino desenvolvía o golem e facíao vir á vida recitando esconxuros especiais en hebreo. Segundo estes escritos, cando o golem do rabino Loew creceu, púxose violento e empezou a causar medo e mesmo chegou a matar persoas. Ó rabino Loew prometéronlle entón que a violencia contra os xudeus pararía se o golem era destruído. O rabino estivo de acordo. Para destruír o golem, eliminou a primeira letra da palabra "Emet" da fronte do golem e formou entón a palabra hebrea que para a morte, "Met".
A finais do século XIX, o groso da sociedade europea adoptou a figura do golem. Notoria é a novela de Gustav Meyrink, O golem (Der golem, 1915), baseada nas lendas e relatos populares sobre o golem creado polo rabino Judah Loew ben Bezalel.
En 1921 H. Leivick escribiu un poema dramático en yiddish composto de oito seccións e tamén titulado "O golem".
Estes dous últimos casos testemuñan un cambio dramático na natureza do golem, que pasa a converterse nestas obras literarias na creación de místicos ambiciosos e que serían castigados pola súa blasfemia.[5] O golem é considerado un precursor do robot, outro ser que oportunamente será tamén concibido como descerebrado e descorazonado.
O escritor arxentino Jorge Luís Borges, no seu libro O outro, o mesmo (1964), inclúe un poema seu de 1958 que se titula "El golem" e é ó longo do mesmo onde trata o famoso mito hebraico. Nas súas palabras preliminares á lectura do poema, Borges observa que "o golem é ó rabino que o creou, o que o home é a Deus; e é tamén, o que o poema é ó poeta".
Iso parte da cita do Crátilo de Platón de que "o nome é arquetipo da cousa", aborda o tema da Cábala e o mito en cuestión.
Doutra banda, Borges algunha vez asegurou ter aprendido alemán lendo, coa axuda dun dicionario, a novela de Meyrink.
Cinema
[editar | editar a fonte]O libro de Meyrink inspirou unha serie de clásicos expresionistas do cinema mudo, entre os que destaca a serie O golem (1915-1920) e onde especialmente famosa é O golem: como veu ó mundo (tamén estreada como O golem, 1920, Estados Unidos 1921). O golem é unha soada película de cinema mudo, de 1915; dirixida por Henrik Galeen e Paul Wegener. Trata dun golem de barro creado por un rabino piadoso que leva a cabo unha especie de maxia ou feitizo que lle proporciona vida ó golem na Praga medieval. A película está fortemente baseada na novela de Meyrink.
Artes plásticas, gráfica e escultura
[editar | editar a fonte]-
Rabbi Judah Loew creando o golem, que leva escrita sobre a súa fronte a palabra hebrea Guelem (גלם— suxire a noción de "materia prima"). Ilustración de *Mikolá? *Ale?, 1899.
-
O golem: como veu ó mundo (Der golem, wie er in die Welt kam, 1915), cartel da película de Paul Wegener, 1920.
-
O golem de Philippe Semeria leva escrita sobre a súa fronte a palabra hebrea Emet (אמת—"Verdade"), 2009.
-
Escultura de Bryan Alexander Davis 2004
-
Golem da Compañía Sieversdorf, Alemaña, 2009
-
Recordo turístico de Praga
-
Figura por Martin Pauer, 2007
-
O golem de Praga, versión neo-cubista, século XXI.
-
Niki de Saint Phalle, O golem, Kiryat Hayovel, Xerusalén, 1971-1972. Enorme escultura oca dedicada ós infantes; cada unha das linguas da criatura funciona como escorregadoiro.
Historieta
[editar | editar a fonte]No ano 2005 a historia do golem regresou ás súas raíces xudías iniciais, pero esta vez fíxoo baixo o formato dunha nova tira cómica no xornal israelí Yedioth Ahronoth, onde o presentaba como un superheroe patrocinado polo goberno que protexe a Israel dos seus "problemas internos e existenciais".
Xogos de rol
[editar | editar a fonte]O concepto de golem, autómatas e aparellos similares é popular, e a través da historia do pasatempo do xogo de rol, deu nacemento a unha gran cantidade de variacións a través do tempo.
O concepto "golems" foi algunha vez parte das fontes mitolóxicas adoptadas no xogo Dungeons & Dragons (Dragóns e Alxubes ou Calabozos e Dragóns) durante a súa creación, e foi un xogo popular a través da historia do rol. A diferenza do golem da lenda hebraica e para diferenciarse entre si, os golems en D&D (e outros xogos de patrón similar como Nethack) teñen varias aparencias directamente relacionadas co material do que foron feitos. Existen así:
- golems de arxila (son os máis parecidos ó golem tradicional).
- golems de carne (creacións parecidas ó Monstro de Frankenstein).
- golems de aceiro (son os máis poderosos).
- golems de pedra (estatuas animadas).
- golems de lume (criaturas ardentes).
- golems de raio (criaturas electrificadas e electrificantes).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O Golem. Traducido por Anxo Romero Louro (1ª ed.). Vigo: Edicións Xerais. 1989. ISBN 8475074332 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ Moshe Idel, Golem: Jewish Magical and Mystical Traditions on the Artificial Anthropoid, Albany, New York: State University of New York Press, 1990, p. 296.
- ↑ Segundo unha versión alternativa, devanditos termos podían tamén ser inscritos nunha taboíña de arxila que se colocaba baixo a lingua do golem.
- ↑ 1841: Gustav Philippson, Der Golam, eine Legende; 1841: Franz Klutschak, Der Golam des Rabbi Löw; 1842: Adam Tendlau Der golem des Hoch-Rabbi-Löw; e 1847: Leopold Weisel, Der golem (J. Neubauer, "How did the golem get to Prague?", History of The Literary Cultures of East-Central Europe, John Benjamins, 2010).
- ↑ De feito tenden a emparentarse con obras tales como o Frankenstein de Mary Shelley e ó homúnculo alquímico.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golem |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Idel, Moshe (2008). El Golem: tradiciones mágicas y místicas del judaísmo sobre la creación de un hombre artificial. El Árbol del Paraíso 61. Madrid: Ediciones Siruela. ISBN 978-84-9841-242-0.
- Scholem, Gershom (1976). La cábala y su simbolismo. Siglo XXI México. ISBN 968-23-0890-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Radio Praga: Lendas do rabino Löw e o seu Golem Eva Manethová, 2004
- O Golem e a súa presenza na cultura Arquivado 13 de novembro de 2014 en Wayback Machine.
- Background on the Golem Legends (Contexto das lendas do Golem). Kay E. Vandergrift, 1997
- Galeón: Sobre o Golem Acerca de Meyrink e Wegener
- Wegener: "O Golem" (película inacabada, 1920)
- Neomágico: El Golem Acerca de Meyrink, Wegener, Scholem e Borges
- The Golem in Literature, Film, and Stage (O Golem na literatura, o cine e a escena).
- O golem xenético: o espírito de creación e a soberbia humana, asociados á Kabbalah