Saltar ao contido

Acipenséridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Acipenseridae»)

A dos acipenséridos (Acipenseridae) é unha familia de peixes óseos da clase dos actinopterixios e orde dos acipenseriformes, que está formada por todos os esturións e os seus parentes próximos.[2]

Desde a máis remota antigüidade estes peixes foron obxecto de activa pesca e dunha verdadeira industria de salgadura, ademais de subministrar unha excelente cola a partir da súa vexiga natatoria.[3]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra esturión é un préstamo do antigo baixo fráncico sturio, do neerlandés steur, comparábel ao alemán Stör, inglés antigo styria e o nórdico antigo styrja.

O nome da familia, Acipenseridae, formouse, como os das outras familias biolóxicas, sobre o nome dun dos seus xéneros, o denominado xénero tipo, coa desinencia do latín científico -idae, propio das familias de animais.

A etimoloxía de Acipenser é incerta; unha simple etimoloxía latina é improbábel debido ao feito da súa terminación en -er.

Porén, o termo podería derivar de acupensum vía acipensis seguida dalgúns reaxustes morfolóxicos, derivado de acus, que significa "agulla", e pensum termo que representaba a cantidade de la que debía tecerse nun día. Acipenser designaría, daquela, o peixe coas barbelas en forma de agulla de calcetar, o que caracteriza ben o rostrum do animal.[4]

Características

[editar | editar a fonte]

Os acipenséridos teñen as características da súa orde: esqueleto cartilaxinoso, cabeza provista de ósos dérmicos, corpo espido (sen escamas), pero con 5 fileiras lonxitudinais de placas óseas, raios cartilaxinosos nas aletas de cola heterocerca.[5]

Ademais, as especies da familia caracterízanse por teren catro longas barbelas por diante da boca, a cal non ten dentes nos adultos, é protráctil e está situada en posición ventral.[5][6]

Teñen unha vexiga natatoria moi grande, para manter a flote en auga doce o seu enorme e pesado corpo, con tamaños que poden alcanzar máis de catro metros de longo e case mil quilos de peso.[5]

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os acipenséridos viven en augas frías ou temperadas, unicamente no hemisferio norte, estando case todas as especies de esturión ameazadas ou en perigo crítico de extinción.[7] Algunhas especies son anádromas, vivindo no mar onde crecen e remontando os ríos para desovar na época da reprodución, mentres que outras pasan toda a súa vida en augas doces.[6]

Importancia para ser humano

[editar | editar a fonte]

Os esturións péscanse desde a máis remota antigüidade. Eran moi apreciados polos romanos, e considerados en Francia, durante a Idade Media, como peixes do Rei. A súa carne, sen espiñas, apreciouse desde sempre, pero nos últimos tempos os esturións son capturados (e criados en acuicultura) sobre todo polas súas ovas ou míllaras, coas que se fabrica o auténtico caviar.[3]

Péscanse con redes, xa que non morden os anzois.[3] Algunhas especies son de grande importancia económica, mentres que outras están case extinguidas debido á sobrepesca e á contaminación dos ríos onde desovan, polo que algúns encóntranse hoxe protexidos.[5][7]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A familia dos acipenséridos inclúe os xéneros seguintes:[6]

  1. Berg, L. S. (1958): System der rezenten und fossilen Fischartigen und Fische. Berlin: VEB Verlag der Wissenschaften
  2. Acipenseridae en SIIT (en inglés)
  3. 3,0 3,1 3,2 Bauchot e Pras (1982), p. 92.
  4. Oniga, Renato (2001): "Etimologia e struttura morfologica di Acipenser", en De lingua Latina novae quaestiones. Actas do X Coloquio Internacional de Lingüística Latina. Paris-Sèvres, 19-23 de abril de 1999. Ed. Claude Moussy. Louvain: Peeters. ISBN 2-87723-514-9. Ver en liña
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 78-79.
  6. 6,0 6,1 6,2 FishBase Acipenseridae.
  7. 7,0 7,1 Acipenseridae na Lista Vermella da IUCN.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Wiley, Edward G., en Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N. (eds.) (1988): Encyclopedia of Fishes. San Diego: Academic Press. pp. 76–79. ISBN 0-12-547665-5.</ref>

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • "Acipenseridae". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2013. Consultado o 16 de agosto de 2013.  (en inglés) Contén informacións de especies, numerosas fotografías e varios vídeos.