Curtume
O curtume ou curtido é o proceso para converter a pel de orixe animal nunha materia prima flexible e imputrescible, o coiro, axeitada para a elaboración de obxectos.[1][2] Mediante tratamentos químicos e mecánicos, conséguese a reacción das fibras de coláxeno da pel, estabilizándoas para facelas resistentes á descomposición.
Os profesionais que traballan no curtume son chamados curtidores ou, tradicionalmente, coireiros.[3] Os establecementos onde se realizan estas tarefas denomínanse curtidoiros. Ademais, en Galicia varios topónimos están ligados ás actividades do curtume como o de Pelamios.
Historia
[editar | editar a fonte]Aínda que o uso de pel animal como prenda está documentada en comunidades paleolíticas, as primeiras evidencias de coiro curtido que ofrece o rexistro arqueolóxico remóntanse a Sumeria contra o 6 000 a.C. Nese contexto, está rexistrado o traballo de pelellas de bois, ovellas e cabras para facer, principalmente, arreos.[4] En Exipto, esta actividade gañou importancia na elaboración de calzado e pergamiños, alí tamén existe o primeiro rexistro gráfico do oficio: na decoración dun sartego datado entre o 2 800 e 2 750 a. C. represéntanse curtidores traballando.[5]
Os xeitos máis antigos de curtume recorrían a limpar as pelellas relando a carne e retirando o pelo, por exemplo empregando cinza, tal e como se conserva nas culturas saami e nativas americanas. Logo introducíanse en auga ou ben cubrilas de neve, como os inuit, para logo engraxalas con vísceras de animais, principalmente o fígado ou miolos, ou aceites vexetais (como o de oliva). Por último, deixábanse secar e/ou afumábanse.[6] Considérase que na Idade de Ferro comezou o emprego das cortizas de determinadas árbores como axente curtinte.[4]
Durante a Idade Media, en Europa, os gremios de curtidores ocuparon un rol económico sobrandeiro en cidades como Venecia, Florencia ou Bruxas. Paralelamente, en Al-Andalus os coiros curtidos de Córdoba gañaron sona e deron nome a un tipo de coiro caprino repuxado con metal.[7] Con todo, na Idade Moderna, as regulacións gremiais afogaron algunhas destas industrias; doutra parte, tamén, as autoridades municipais tenderon a forzar o desprazamento dos obradoiros dos curtidores ás aforas da cidade debido o cheiro que producían. Ademais de como ocupación profesional, as actividades do curtume tamén eran desenvolvidas a tempo parcial por zoqueiros e labregos no ámbito rural.[8]
A partir do século XVIII en Europa Occidental, nacen as fábricas de curtidos, que centralizan todo o proceso produtivo, requiriron maior inversión de capital e concentraron á man de obra asalariada.[9] Dende o século XIX os axentes curtintes máis empregados son de orixe química, fundamentalmente, a base de cromo.[10][11]
Proceso
[editar | editar a fonte]Curtume tradicional
[editar | editar a fonte]O proceso tradicional de curtume de coiro é longo e complexo e baseáse no emprego de cortizas naturais ricas en taninos. As descricións etnográficas permiten coñecer os tratamentos artesanais, como o que se presenta a continuación, recollido por Xaquín Lorenzo.[12] Comeza no lavadoiro, un espazo con pías con auga nas que se introducen as peles de animais para que abranden co remollo ou perdan o sal, no caso de que foran salgadas por motivos de conservación. Alí quedan durante catro ou oito días, no caso dos salgados, e de 15 a 20 no caso dos outros. Pasado este tempo, introdúcense no caleiro, unha pía que contén auga e cal apagado (que aumenta o pH), onde quedarán entre dous e catro meses para a perda da pelaxe. Nesta fase, de cando en cando unha persoa ganchea, é dicir, ergue os coiros para retiralos do caleiro; entón, golpéase o recipiente cunhas mazas para evitar a sedimentación do cal. Posteriormente, sumérxense de novo os coiros.
Logo de pasar polo caleiro, disponse o coiro nunha táboa de pelar onde se lle pasa un coitelo sen fío para que abra os poros e caía o pelo que aínda quedaba. Logo dun lavado, a pel volve a unha táboa semellante á anterior onde cun coitelo con fío se retira a carne que teña. Feito isto, novamente métese nunha pía con auga e canina (mestura de excremento de can, pomba ou galiña) para que perda os restos de cal, quedando nela durante quince días no verán e un mes no inverno. Unha vez perden o cal, repásanse os coiros para que queden dun grosor uniforme en traballos coñecidos como aprimar e labrar. Estas operacións poden repetirse varias veces ata acadar a condición desexada.
Unha vez a pel ten o grosor necesario, iníciase o granéu: métense nunha nova pía con auga e casca moída de especies vexetais que conteñan taninos, en Galicia era de carballo ou aciñeira, que actúan como axentes curtintes. Cada día, durante dúas semanas, os coiros son retirados para remexer a auga e a casca. O longo deste fase, o coiro pasará por catro pías, cada unha con maior concentración de taninos. Logo, son rañados nun traballo coñecido como esparrado e logo engráxanse. Para isto, colócanse sobre unha mesa e aplícase a graxa (en Galicia era común o aceite de sardiña) na cara da pel que tiña o pelo, coñecida como flor, e logo na parte interior, chamada carnaz. Tras isto deixase secar durante varios días, normalmente o aire libre. Logo, procédese ao mazado cunha maza especial que ten uns saíntes prismáticos e ráspanse de novo. A derradeira fase do curtume consiste no rematado, cunha lámina cónica repásase a pel e estíranse as enrugas.
Curtume industrial
[editar | editar a fonte]O uso de químicos, concretamente sales derivadas do cromo, é corrente nos curtidos industriais. Grazas a estes compostos, e á maquinaria especializada, acúrtanse os tempos dos procesos e lógranse coiros máis finos e flexibles que os resultantes da curtición natural. Primeiramente, para a retirada da pelaxe, introdúcense as peles en auga mesturada con cal e sulfuros dentro dun bombo xiratorio. O cal aumenta a acidez do auga e os sulfuros disolven os pigmentos dos folículos pilosos, mediante o xiro do bombo asegúrase e que as peles reciben unha cantidade uniforme e axeitadada da mestura. Posteriormente, lávanse e procédese a retirar a carne que aínda queda adherida mediante coitelos ou instrumental semellante. A continuación, límpanse cunha solución de cloruro e sulfato amónico para retirar calquera resto de cal.[11]
Para que as peles sexan moles e finas, aplícase unha solución acuosa de enzimas pancreáticas para rachar as fibras de coláxeno que dan rixidez ao coiro. Déixase actuar durante un período de tempo antes de volvelas limpar e secar. Antes de proceder á curtición propiamente dita, procédese a mergullar as peles nunha solución con ao ácido sufúrico e/ou ácido fórmico para rebaixar o pH da pel. Ademais, procédese á división da pel para nivelar o grosor da mesma, posto que é máis grosa na cabeza e no lombo.
Chegado este punto, a pel está preparada para á curtición, sendo o axente curtinte máis común o sulfato de cromo.[13] Neste momento mergúllase a pel na solución curtinte, deixándoa durante un tempo. Posteriormente, escórrese ao facer pasar o coiro entre os dous roletes dunha máquina e estírase a pel para evitar que encolla. Logo, mediante un procedemento mecánico, aplícase presión a pel para eliminar o exceso de auga presente nela e, unha vez seca, lévase a cabo o rebaixado, é dicir, recurtar ata acadar o grosor buscado. O rebaixado faise mediante unha máquina que conta con coitelas helicoidais.[14] No proceso industrial, faise unha recurtición para dotala de maior flexibilidade e a suavidade, para por último proceder a engraxar e tintar o coiro. Tras un secado, no que se pode aplicar calor xerado a partir da combustión ou mediante aparellos eléctricos, faise un abrandado mediante un dispositivo que vibra sobre o coiro, o batanado e o esmerilado (que reduce as diferenzas entre ambas caras do coiro). No caso de facerse un abrillantado do coiro, procédese a pulilo cun rolete de vidro. O perfeccionamento dos detalles da peza son a derradeira fase do traballo como a igualación das tinturas ou a protección da superficie.[10]
No curtume industrial, as máquinas adoitan incorporar unha serie de coitelas para calibrar o espesor da pel ou roletes para garantir o tratamento homoxéneo da peza. Pero tamén ocupan un papel central os bombos cilíndricos xiratorios que interveñen en diferentes tarefas como o remollo da pel, no arrincado da pelaxe, no desencalado, na curtición e para engraxar o coiro.
Instalacións
[editar | editar a fonte]Curtidoiro
[editar | editar a fonte]Aínda que nalgunhas zonas do mundo, tradicionalmente, os traballos de curtido se fan ao aire libre, como no Magreb, os obradoiros de curtume adoitan ocupar unha construción especialmente edificada para esta fin, os curtidoiros.
Os curtidoiros artesanais en Galicia e noutras partes de Europa adoitan ter un baixo e un andar. No baixo están as pías e concéntranse nel as primeiras tarefas nas que o mergullo do coiro ocupa boa parte dos traballos. No piso superior hai un espazo para a remata, a derradeira fase do curtume, e o secadoiro, onde os coiros son pendurados do teito para que perdan humidade e no que a parede adoita contar con táboas ou doelas de madeira para facilitar o secado.[9][15]
Un factor de localización dos curtidoiros é a proximidade aos ríos debido á inxente cantidade de auga necesaria. Nalgúns casos fixeronse canalizacións ou pequenos encoros para garantir o abastecemento.
Edificacións auxiliares
[editar | editar a fonte]Os curtidoiros tradicionais podían contar con pombais para a canina usada na limpeza do cal os coiros. Outra construción auxiliar era o muíño de casca, onde se procedía a moer a cortiza das árbores para obter a casca empregada como axente curtinte. Estes muíños, antes de ser mecanizados, podían ser hidráulicos ou de vento pero máis comúns foron os que funcionaban pola forza dunha besta que camiñaba en círculos.[16] Ademais, conforme o proceso do curtume foise industrializando, os curtudoiros adoptaron o proceso de secado por calor para aforrar tempos, polo que incorporaron unha cheminea.[17]
Impacto ambiental
[editar | editar a fonte]Consumo de auga e enerxía
[editar | editar a fonte]A industria do curtume demanda un elevado volume de auga durante todas as súas actividades, por exemplo, en Europa os curtidoiros precisaron de media de 0,121 metros cúbicos de agua para obter un metro cadrado de coiro no período 2016-2018.[18] Doutra parte, o consumo enerxético adoita ser térmico para o secado e o lavado das peles e electricidade para o funcionamento da maquinaria. Calcúlase que entre 2017 e 2020 a industria europea do curtume consumiu 1,76 toneladas equivalentes a petróleo de enerxía para curtir 1 000 metros cadrados de coiro.[18]
Contaminación das augas
[editar | editar a fonte]A auga empregada durante o proceso queda contaminada polos diferentes axentes químicos usados, tales como: cromo, nitróxeno, sólidos en suspensión, sulfuros, sulfatos, demanda química de osíxeno, sal, cloruros e amoníaco. Isto fai imprescindible o tratamento destas augas en depuradoras e evitar verteduras a ríos onde poden ocasionar graves efectos pois estragan a calidade da auga (aspecto avolto, cor e perda do osíxeno disolto). Ademais, a presenza de sulfuros e amoníaco pode facela tóxica, e, o nitróxeno pode provocar eutrofización. Doutra banda, os sólidos en suspensión danan os ecosistemas fluviais porque impiden o paso da luz e do osíxeno.[19]
Xeración de residuos
[editar | editar a fonte]Segundo as estimacións de 2020, o sector do curtume europeo xerou 2,63 quilos de refugallos sólidos por metro cadrado de coiro curtido.[18] Trátanse das carnazas desbotadas, recortes ou labras de pel curtida, sal, refugallos asimilables a sólidos urbanos (por exemplo: cartón, papel ou plásticos), pos do puído, aceites, pelo, disolventes e lodos. A vertedura incontrolada destes residuos provoca graves impactos no medio natural, mais boa parte deles poden reaproveitarse: dunha parte, entre o lixo orgánico, o pelo pode empregarse para compostaxe, doutra, o carnaz, as labras e os recortes de coiro pódense empregar para conseguir coláxeno ou xelatina, así como tamén fertilizantes e bioestimulantes.[19][20] Ademais, os lodos poden procesarse para obter enerxía ou para mellorar a terra para cultivos.[18]
Emisións á atmosfera
[editar | editar a fonte]O cheiro asociado ao curtume é provocado pola descomposición da materia orgánica. Isto levou a que xa dende a Idade Moderna, autoridades municipais regularan o establecemento dos curtidoiros, situándoos lonxe dos centros urbanos. Mais, a descomposicion de materia orgánica, canda a emisións de ácido sulfhídrico e dos vapores de disolventes empregados, son as principais emisións provocadas á atmosfera.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Definición da palabra: curtume". Portal das Palabras. Consultado o 2023-10-07.
- ↑ "Definición da palabra: curtido". Portal das Palabras. Consultado o 2023-10-07.
- ↑ "Dicionario de dicionarios: Coireiro". ilg.usc.gal. Consultado o 2023-10-07.
- ↑ 4,0 4,1 Levey, Martin (1957-08). "Tanning Technology in Ancient Mesopotamia". Ambix (en inglés) 6 (1): 35–46. ISSN 0002-6980. doi:10.1179/amb.1957.6.1.35.
- ↑ "HISTORIA DE LA PIEL". biblioteca.org.ar. Consultado o 2023-10-07.
- ↑ Carlson, Stella (2021). "Leather in Late Iron Age Scandinavia: From elk-traps to cheese-glue" (PDF). Uppsala Universitet: Department of archaeology and ancient history. Consultado o 7-10-2023.
- ↑ "Vocabulario de comercio medieval - Legado Gual Camarena: Cordoban". Universidad de Murcia.
- ↑ Otero Eiriz, Claudio (2020). A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Laiovento. p. 31. ISBN 978-84-8487-495-9.
- ↑ 9,0 9,1 Caamaño Suárez, Manuel (2016). As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia. Zeika. p. 485. ISBN 84-607-7768-5.
- ↑ 10,0 10,1 Guía de buenas prácticas ambientales: industria del curtido de pieles. Consejería de Agricultura, Agua y Medio Ambiente. Secretaría Sectorial de Agua y Medio Ambiente. 2001. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2023. Consultado o 07 de outubro de 2023.
- ↑ 11,0 11,1 Gómez Escuer, Javier (1985). "Proceso de curtido de piel" (PDF). Universitat Autónoma de Barcelona.
- ↑ Lorenzo, Xaquín (1962). Historia de Galiza (Tomo II). Nós.
- ↑ "Cuero y Química – Tecnología del Cuero" (en castelán). 2022-02-09. Consultado o 2023-10-13.
- ↑ Otero Eiriz, Claudio (2020). A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Laiovento. pp. 166–178. ISBN 978-84-8487-495-9.
- ↑ Otero Eiriz, Claudio (2020). A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Laiovento. p. 133. ISBN 978-84-8487-495-9.
- ↑ Buchanan, Robert Agnus (1972). Industrial Archaeology in Britain. Penguin Books. pp. 225-230. ISBN 9780140214130.
- ↑ Otero Eiriz, Claudio (2020). A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Laiovento. pp. 148–149. ISBN 978-84-8487-495-9.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 "Informe social e medioambiental 2020" (PDF). Industria Europea del Curtido.
- ↑ 19,0 19,1 Informe medioambiental del sector curtidos. Fundación Entorno, Empresa y Medio Ambiente. 1998. pp. 9–12.
- ↑ "La industria del curtido, menos contaminante UAB Barcelona". www.uab.cat. Consultado o 2023-10-17.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Curtume |