Saltar ao contido

Cutícula vexetal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pingas de auga na cutícula cerosa da folla dunha planta.
Anatomía dunha folla.

A cutícula vexetal é unha capa protectora de composición cerosa que cobre a superficie das plantas e que é producida polas células da epiderme [1] das follas, talos novos e outras partes aéreas que carecen de periderme. A cutícula tende a ser máis grosa na face das follas. Aínda que as plantas de climas secos poden ter cutículas grosas, esta non sempre é máis grosa nas plantas xerófitas ca nas mesófitas.

Composición e partes

[editar | editar a fonte]

A cutícula forma unha capa insoluble impregnada e cuberta por ceras.[2] Está formada por ceras intra e epicuticulares, cutina e cután; estes dous últimos forman unha matriz polimerizada. As ceras epicuticulares son mesturas de compostos alifáticos hidrofóbicos, que son compostos hidrocarbonados de cadeas de 16 a 36 carbonos.[3] A cutina, un polímero poliéster composto por omega hidroxiácidos unidos por enlaces éster e epóxido, é o compoñente mellor coñecido da cutícula.[4][5] A cutícula pode tamén conter un polímero insaponificable hidrocarbonado chamado cután, que abunda en plantas de ambientes secos.[6]

A cutícula pode subdividirse en:

  • unha capa externa de ceras.
  • unha capa media grosa de cutina impregnada de ceras (a cutícula propiamente dita). Pode haber tamén cután.[7]
  • unha capa interna formada por cutina e ceras unidas ás substancias da parede celular da cara externa das células epidérmicas, que segregaron os compoñentes cuticulares. Esta última capa ten pectina, celulosa e outros carbohidratos.

Funcións

[editar | editar a fonte]

A cutícula das plantas forma parte dunha serie de innovacións, xunto cos estomas, xilema e floema e os espazos intercelulares no talo da planta e no mesofilo das follas, que as plantas desenvolveron na súa evolución hai 450 millóns de anos durante a transición entre a vida na auga e a vida en terra.[8] En conxunto, estas características permitiron ás plantas explorar os ambientes aéreos conservando a auga facendo que os intercambios de gases se realicen en superficies internas, que están cubertas por capas impermeables, e adquirindo un sistema de apertura variable, os estomas, que regulan a transpiración e os intercambios de gases. Neste sentido a cutícula foi fundamental.

Ademais da súa función como barreira de permeabilidade para a auga e os gases, a micro e nanoestrutura da cutícula confírelle á superficie das plantas propiedades que impiden a contaminación dos tecidos das plantas coa auga externa, lixo e microorganismos. Moitas plantas, como o loto (Nelumbo nucifera) mostra na cutícula das súas follas propiedades ultrahidrofóbicas e de autolimpeza.[9] O efecto loto ten usos potenciais na fabricación de meteriais biomiméticos.

A capa cerosa da cutícula tamén funciona como un mecanismo defensivo, formando unha barreira física contra a penetración de virus, bacterias, e esporas ou filamentos en crecemento dos fungos.[10] Porén, algúns fungos penetran a cutícula por medios mecánicos ou utilizando o encima cutinase.

  1. Kolattukudy, PE (1996) Biosynthetic pathways of cutin and waxes, and their sensitivity to environmental stresses. In: Plant Cuticles. Ed. by G. Kerstiens, BIOS Scientific publishers Ltd., Oxford, pp 83-108
  2. Jetter, R, Kunst, L & Samuels, AL (2006) Composition of plant cuticular waxes. In: Riederer, M & Müller, C (2006) Biology of the Plant Cuticle. Blackwell Publishing, 145-181
  3. Baker, EA (1982) Chemistry and morphology of plant epicuticular waxes. In: Cutler, DF, Alvin, KL and Price, CE The Plant Cuticle. Academic Press, 139-165
  4. Holloway, PJ (1982) The chemical constitution of plant cutins. In: Cutler, DF, Alvin, KL and Price, CE The Plant Cuticle. Academic Press, pp. 45-85
  5. Stark, RE and Tian, S (2006) The cutin biopolymer matrix. In: Riederer, M & Müller, C (2006) Biology of the Plant Cuticle. Blackwell Publishing
  6. Tegelaar, EW, et al. (1989) Scope and limitations of several pyrolysis methods in the structural elucidation of a macromolecular plant constituent in the leaf cuticle of Agave americana L., Journal of Analytical and Applied Pyrolysis, 15, 29-54
  7. Jeffree, C. E. 1996. "Structure and ontogeny of plant cuticles". En: Plant cuticles: An Integrated Functional Approach, G. Kerstiens (editor), BIOS Scientific, Oxford, pp. 33-85.
  8. Raven, J.A. (1977) The evolution of vascular land plants in relation to supracellular transport processes. Advances in Botanical Research, 5, 153-219
  9. Barthlott, W & Neinhuis, C (1997) Purity of the sacred lotus, or escape from contamination in biological surfaces. Planta 202, 1-8
  10. Freeman, S (2002) Biological Science. Prentice-Hall, Inc., New Jersey