Conímbriga
Conimbriga (la) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Portugal | |||
Distritos | Distrito de Coimbra | |||
Concello | Condeixa-a-Nova (pt) | |||
Freguesía | Condeixa-a-Velha e Condeixa-a-Nova (pt) | |||
Datos históricos | ||||
Disolución | 465 (Gregoriano) | |||
Monumento nacional de Portugal | ||||
Identificador | 70107 | |||
Conímbriga, cidade do Conventus Scallabitanus, provincia romana de Lusitania, preto de Condeixa-a-Nova no Distrito de Coímbra (Portugal), onde se atopa un vasto campo de ruínas. Conímbriga foi unha antiga cidade romana localizada na vía militar que ía de Olisipo (Lisboa) a Bracara Augusta (Braga).
Historia
[editar | editar a fonte]Moitos suxiren que Conímbriga tiña a súa orixe nun castro de orixe celta da tribo dos Conios. O que se sabe respecto diso, é que Conímbriga foi ocupada polos romanos nas campañas de Décimo Xunio Bruto, no 139 a. C. No reinado do emperador César Augusto (século I), a cidade sofre importantes obras de urbanización, sendo construídas as termas públicas e o Forum. A finais do século IV, e co declive do Imperio Romano, é construída unha cintura amurallada de defensa urbana, con preto de 1.500 metros de extensión, posiblemente para substituír e reforzar a muralla antiga, do tempo de Augusto. A maneira un tanto rústica en que está construída denota unha certa urxencia na súa construción, evidenciando un clima de tensión e de eminentes ataques, por parte dos pobos bárbaros. No 468 os suevos asaltan a cidade e destrúen parte da muralla. A partir de entón, Conímbriga comeza a abandonarse, acabando por perder o seu status de sede episcopal en favor de Aeminium (Coímbra), que posuía mellores condicións de defensa e supervivencia. Os habitantes que quedaron, fundaron Condeixa-a-Nova, máis ao norte.
Nas escavacións de 1913, atopáronse testemuños da Idade de Ferro, podendo xuntarse pezas de pedra e bronce que poden facer atrasar o inicio da poboación local. As referencias en fontes literarias antigas son poucas: ó describir a Lusitania, a partir do río Douro, Plinio o Vello cita oppida Conimbriga na súa Historia Natural; o Itinerario de Antonino, menciónaa como estación viaria na estrada que conecta Olisipo (Lisboa) e Bracara Augusta (Braga).
Despois das invasións bárbaras a vida continúa na cidade como nos di unha inscrición do século VI, testemuño da era visigótica e árabe. As moedas visigodas son acuñadas en Aeminium, cidade que quitou o poderío a Conímbriga, e para alí transfírese a sede episcopal, aínda que nos Concilios até o século VII continua aparecendo o bispo da cidade. As primeiras escavacións comezaron en 1899 grazas a un subsidio concedido pola raíña de Portugal, Amelia de Orleans. A partir de 1955 o ritmo das investigacións intensificouse. Conímbriga é unha das raras cidades romanas que conserva a cintura de murallas, de disposición case triangular. O tramo Norte-Sur das murallas corta a cidade en dúas zonas. Particularmente notable pola planta e pola riqueza dos mosaicos que a pavimentan, é a gran vila urbana con perístilo céntrico, ó norte da vía. En traballos xunto á muralla sur foi descuberto un grande edificio cuxa finalidade sería de termas públicas, coas súas divisións características. Os abundantes materiais arqueolóxicos de toda especie, que non era posible conservar no lugar atópanse no Museo Monográfico de Conímbriga situado a carón do sitio arqueolóxico.
Arqueoloxía
[editar | editar a fonte]Conímbriga é a estación arqueolóxica romana mellor estudada en Portugal. Entre os varios escavadores desta cidade hai que destacar o nome de Virgílio Ferreira que fixo un estudo sistemático desta cidade. Entre 1930 e 1944 (ano da súa morte) escavou toda a área contigua á muralla oriental, descubrindo, extramuros, unhas termas públicas e tres vivendas, entre as cales hai que destacar a chamada Casa dos Repuxos, cunha área de 569 m² pavimentada de mosaicos e cun xardín céntrico onde se conservaba todo un sistema de canalizacións. Na zona interna da muralla a escavación revelou unha basílica paleocristiá, unha luxosa vivenda con termas privativas. As escavacións revelaron un fórum augustano demolido na época dos Flavios, altura en que a cidade recibiu un estatuto municipal, para dar lugar a un novo fórum de maiores dimensións; unhas termas tamén construídas no reinado de Augusto. Entre estes sectores monumentais foi escavada unha zona habitacional, da época claudiana, constituída por Insulae que serían ocupados pola clase media da poboación conectada á artesanía. A partir dun encoro localizado en Alcabideque a auga era conducida até Conimbriga por un acueduto.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Mosaico na Casa dos repuxos.
-
Detalle dun mosaico.
-
Amuleto contra o mal de ollo representando un falo e unha figa. Museo Monográfico de Conímbriga.
-
Cuño para marcar hostias coa inscrición en latín "Que vivas para a eternidade", posiblemente pertencente ó século VI, probable datación do templo paleocristián descuberto na cidade. Museo Monográfico de Conímbriga.
-
Réplica (orixinal cedido temporalmente) de figura da deusa Minerva, protectora da arte, dos oficios, da guerra e da política. Museo Monográfico Conímbriga.
-
Escultura funeraria. Museo Monográfico de Conímbriga.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Conímbriga |