Saltar ao contido

Transepto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Transepto

O termo transepto utilízase comunmente na terminoloxía arquitectónica relixiosa para designar a nave transversal que nas igrexas cruza á principal ortogonalmente (perpendicularmente).

Características

[editar | editar a fonte]

Sitúase habitualmente entre o presbiterio (ou o coro, cando este existe) e a nave ou naves lonxitudinais como elemento de separación de ámbolos espazos.

A súa etimoloxía así o expresa, pois provén das voces latinas trans e septum = sebe ou barreira, querendo indicar que se trata dun obstáculo interposto entre os tramos da nave ocupados polos simples fieis e o presbiterio destinado aos clérigos.

O lugar de encontro ou cruzamento de nave e transepto constitúe o cruceiro. Sobre el adóitase montar o ciborio e a cúpula.

Cando a nave e o transepto posúen a mesma lonxitude e crúzanse nos seus puntos medios obtense unha planta de cruz grega. Se, como é máis corrente, a nave é de maior dimensión e o punto de cruzamento desprázase cara á cabeceira, dáse lugar á planta de cruz latina.

Na arquitectura románica a disposición habitual correspondía á tipoloxía de cruz latina, sendo o transepto de maior lonxitude que a anchura da nave, de forma que os brazos daquel sobresaían lateralmente e manifestábanse ao exterior. Posteriormente tendeuse a igualar a lonxitude do transepto e a anchura global das naves, de maneira que deixou de apreciarse exteriormente a súa existencia, aínda que no interior fose patente.