Saltar ao contido

Grou

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O grou, feminino grúa,[2] ou grou común,[3] Grus grus, é unha especie de ave da orde dos gruiformes e familia dos grúidos, pertencente ao xénero Grus.

A beleza dos grous e as súas espectaculares danzas de apareamento fascinaron ós seres humanos dende tempos remotos. Na mitoloxía grega estaban consagrados a Apolo, Deméter e Hermes. Era símbolo da astucia e da vixilancia e era considerada a ave da boa fortuna. No imperio chinés era símbolo de sabedoría, da vida longa a idade e as relacións entre pai e fillo. Tamén é un símbolo da fortuna e a vida longa no Xapón. Na heráldica simboliza a atención e o estado de espreita continuo. É o paxaro-símbolo da Armenia.

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A wapecie foi descrita en 1758 por Linneo na páxina 141 da 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Ardea grus.[4]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]

  • Ardea grus Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Grus cinereus Bechstein, 1870
  • Grus communis Bechstein, 1870
  • Grus lilfordi Sharp, 1894
  • Megalornis grus (Linnaeus, 1758)

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Recoñécense dúas subespecies:[4]

  • Grus grus grus (Linnaeus, 1758)
  • Grus grus lilfordi Sharpe, 1894

Nota taxonómica

[editar | editar a fonte]

De acordo cos estudos de ADN o grou é parente próximo do grou americano (Grus americana). As especies Grus monachus, Grus nigricollis e Grus japonensis sonlle tamén próximas.[5]

Características

[editar | editar a fonte]
Esqueleto de grou

Como tódolos representantes do xénero Grus é unha ave grande, coas patas e o pescozo longos. Miden entre 110 e 130 cm e alto e teñen unha envergadura alar duns 220 a uns 245 cm. Caracterízanse polo debuxo branco e negro da cabeza e o pescozo e por unha placa vermella sen plumas na cabeza. O bico e fino e en forma de cuña, duns 10 cm de longo. A plumaxe é, agás na cabeza e o colo, gris clara con diversos matices e gradacións. As aves case brancas ou moi escuras son, porén, excepcionais.

A cola é as plumas rémixes son negras. As plumas do úmero varían entre o gris e o negro e colgan nos exemplares adultos sobre da cola. Na época reprodutora a zona dos ombreiros e do lombo ten tons que van do castaño escuro ó cor da terra. Os sexos son difíciles de distinguir a simple vista, malia que os machos son algo meirandes cás femias. Os primeiros pesan entre 5 e 7 quilogramos, as segundas entre cinco e seis.

Os exemplares que acaban de empezar a voar teñen a plumaxe uniformemente castaña agrisada, coa cabeza da cor da área con tons avermellados e sen o debuxo branco e negro dos adultos. Nos exemplares dun ano aparece un debuxo pouco marcado na cabeza e o pescozo, que acaba de definirse nas aves de dous anos, que son xa practicamente idénticas ós adultos.

A muda anual das plumas máis pequenas ten lugar dende primeiros de ano ata o outono. A muda completa das aves adultas ten lugar en ciclos de tres ou catro anos.

O voo dos grous

[editar | editar a fonte]
Grous voando

Cando engalan manteñen en xeral o pescozo e a cabeza estirados en forma de arco na dirección do voo durante uns segundos. Despois dalgúns pasos rápidos érguense do chan e voan co pescozo estricado. Cobren as distancias longas en voo planeado. Os grous son grandes voadores que poden percorrer sen escalas distancias de ata 2.000 quilómetros, por ben que o máis común e que fagan etapas de 10 a 100 quilómetros. As velocidades medias en voo van dos 45 ós 65 km/h, pero con ventos de cola poden acadar en certos tramos os 130 km/h.

Os grous emiten varios tipos de sons, que xogan un papel importante na súa vida social. O berro típico longo e atrompetado [6] é posible grazas á caixa de resonancia que forma o seu tubo respiratorio. Son típicos os cantos a dúo, que poden ser encetados polo machos ou femias. Nestes casos ámbolos dous exemplares apuntan co bico cara ó ceo, colocan o pescozo cara a atrás e erguen as ás. Colócanse moi preto un do outro e vanse movendo xuntos e parsimoniosamente. O canto a dúo [7] óese en momentos de excitación nos lugares de descanso ou de reunión, habitualmente durante a época reprodutora. Amosa diferenzas individuais recoñecibles mediante unha análise de frecuencias, que permiten identificar ós individuos.

O berro de alarma é emitido por unha ou máis aves en casos de perigo e pode oírse a grandes distancias. En situacións de perda ou limitación do contacto visual lanzan un berro de contacto, que serve tamén para anunciar a inminencia da engalaxe cando van voar. Os polos emiten trilos suaves como medio de contacto, que se fan píos asubiantes e altos cando están excitados e de queixume cando piden alimento. Berros ásperos son utilizados polos pais para avisar á niñada do perigo.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Mapa de distribución do grou. En amarelo as zonas de cría. En azul as de invernada. As liñas verdes indican as rutas migratorias

As rexións de cría da especie están situadas no nordeste de Europa e o norte de Asia. Os ríos Weser e Aller marcan ó seu límite oeste, o paralelo 51 o límite sur. A perda de biótopos axeitados dende comezos do século XX empurrou entre 300 e 400 km. cara ó norte a zona de reprodución dos grous. A perda de territorios de cría é causada pola drenaxe e posta en cultivo de zonas húmidas, que xunto cos roubos de ovos, a caza e as condicións climáticas fixeron desaparece-la especie de moitas zonas. Algunhas delas están volvendo, porén, a ser ocupadas grazas ás medidas de protección.

En Europa os grous crían en Dinamarca, Noruega, Suecia , Finlandia, Polonia, República Checa, nordeste de Alemaña, os Países Bálticos, Belarús e norte de Ucraína. O sur deste pais, Xeorxia, Armenia e a ribeira norte do mar de Aral foron durante séculos o límite sur dos territorios de cría do grou. O leste de e o extremo oriente teñen poboacións pouco mestas. En Turquía e o Tíbet hai poboacións estables, pero no nordeste da China están a reducirse. Crían esporadicamente en Inglaterra, Francia, Italia e nos Países Baixos. No pasado facíano tamén en Romanía, Iugoslavia, Albania, Bulgaria e Grecia.

Os seus hábitats preferidos son zonas húmidas das terras baixas coma pantanos, zonas de vexetación anegadas e beiras de lagos. Buscan alimento en zonas de agricultura extensiva, nas beiras dos campos e nas ribeiras. Para descansar utilizan zonas chas e abertas, incluíndo campos de cultivo e prefiren durmir en zonas acuáticas de augas pouco fondas, que lles ofrecen protección fronte ós inimigos.

Emigración

[editar | editar a fonte]

En inverno diríxense cara ó sur seguindo varias rutas, estudadas xa dende o século XIX. Os exemplares suecos, noruegueses e se cadra os do norte de Finlandia, viaxan seguindo a dirección norte-sur a través de Suecia. A partida faise, en xeral, entre agosto e outubro. A mediados de agosto empezan a chegar ás costas alemás entre os ríos Oder e o Dars. Outros exemplares cruzan Polonia e Estonia. A migración dende Alemaña segue maioritariamente en dirección ata Francia, onde algúns pasan o inverno. Atravesan Francia en diagonal para chegaren ata ó sur de España onde acaba a viaxe de máis das aves, por ben que algunhas continúan ata o norte de África. O voo de regreso comeza a finais de xaneiro e acada o seu punto máximo a finais de febreiro e primeiros de marzo.O número de exemplares que seguen a ruta do oeste de Europa pasou dos 40.000 de primeiros dos anos 1980 a uns 150.000 no 2001..

As poboacións bálticas, belarusas, do oeste de Ucraína, o leste de Polonia , xunta coas finesas e as do noroeste de Rusia viaxan sobre as chairas húngaras para despois dividírense en dous grupos: un occidental (unhas 20.000 aves) que, despois de sobrevoar os Balcáns e o Adriático chega por Sicilia ata Tunicia, e outro oriental (uns 50.000 exemplares) de traxectoria pouco coñecida, e do que algúns exemplares parece que invernan en Israel e o resto continúa ata o leste de África..

Outros grupos parten de Rusia, Belarús, norte de Ucraína, Siberia e Casaquistán e seguen rutas diversas en direccións sur, sueste e suroeste. Unha delas atravesa Rusia e outra cruza o Volga e o Irán. Máis ó leste outra cruza a Asia central cara Paquistán e a India. Outros exemplares cruzan Mongolia para chegaren o centro e sueste da China e outra acada o sueste deste país cruzándoo máis ó leste. Bandos pequenos pasan o inverno en Corea e no Vietnam.

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Grou buscando comida

Os grous comen alimentos de orixe vexetal e animal, incluíndo pequenos mamíferos, réptiles, peixes, anfibios, caracois, vermes, e insectos., sementes de cereais e xirasois, leguminosas, bagas, landras, verduras, raíces e patacas.

Durante os primeiros meses do ano comen principalmente sementes, precisando ata 300 gramos de comida diarios para encher as reservas de enerxía consumidas despois da emigración. Durante os inicios do verán predominan na súa dieta os invertebrados. Cando os polos teñen xa varias semanas comezan a recibir tamén animais meirandes, coma ratos. Durante a última parte do inverno e o outono os grous pasan entre o 40 e o 60 por cento do seu tempo buscando alimento, que nesta época está formado basicamente polas novas sementes e insectos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovo de Grus grus

Normalmente forman parellas que duran moitos anos, se cadra toda a vida, aínda que novos estudos [8], amosan que os cambios de parella son posibles. Reprodúcense por primeira vez cando teñen entre tres e cinco anos, pero pódense unir a unha parella cando teñen só dous, malia non estar claro se estas parellas continuaran cando empecen a reproducirse.

O territorio de cría

[editar | editar a fonte]

As parellas ocupan simultaneamente en cada rexión un territorio, que, ademais dunha cantidade dabondo de alimento, debe ofrecer seguridade e tranquilidade. Os territorios son meirandes se a oferta de comida é escasa, e algunhas investigacións amosan que poden ter máis de 135 hectáreas. Fan os niños no chan, situados en zonas húmidas, a miúdo pantanosas, no centro do territorio. En zonas reducidas non lles é posible agachar o niño detrás dalgún tipo de protección. A zona acuática escollida para a construción pode ser menor dunha hectárea o de ata 10; o fundamental é que a profundidade da auga estea entre os 30 e os 60 cm. Tamén é importante que dispoña dunha voa vista dos arredores. En casos de secas ou baixo nivel de auga, ocupan o territorio pero non fan o niño. Utilizan canas, xuncos e plantas de ribeira, que transportan camiñando ata o niño. Este pode ter máis dun metro de diámetro, e adoita estar entre dez e vinte centímetros por riba da tona da auga. Os danos causados durante a incubación e a cría son reparados continuamente.

Cortexo e emparellamento

[editar | editar a fonte]

As danzas dos grous poden verse todo o ano, pero practícanas con moita máis intensidade na época de cría, como parte do ritual de cortexo. Teñen lugar habitualmente ó amencer en zonas chas e despexadas. As danzas vanse facendo máis repetidas segundo avanza o mes de marzo e alcanzan o seu punto máximo co aparellamento. Adoitan acabar cando empeza a construción do niño e a posta. Durante a danza macho e femia corren en círculos coas ás abertas e facendo soar o seu berro de trompeta. O ritual inclúe ademais, carreiras curvas e en liña recta, xenuflexións, pulos e lanzamentos ó aire de anacos de plantas. A femia incita ó macho a copular erguendo a parte superior do corpo, deixando cae-las ás e con arrulos. Á cópula seguen cantos a dúo e unha fase de limpeza das plumas. Os dúos seguen a oírse durante a cría e mesmo máis tarde como sinal de cohesión da parella.

A posta e a incubación

[editar | editar a fonte]

Poñen normalmente dous ovos, cunha separación de dous ou tres días. Os ovos son óvalos alongados cun polo arredondado e outro aguzado, pero forma, tamaño e peso son variables. A cor básica e castaña escura, con tendencias ó averdesado, o avermellado e o castaño vermello. Amosan manchas marróns bastas distribuídas de xeito irregular, máis mestas no polo arredondado do ovo. Miden entre 57 e 66 mm. ó ancho e entre 88 e 110 ó longo. O peso medio é de 185 gramos. Macho e femia chocan por quendas entre 29 e 31 días. Como a incubación comeza coa posta do primeiro ovo, un dos polos nace dous ou tres días antes có outro. Os grous fan pausas de duración variable durante a incubación, e antes volveren a sentar sobre os ovos, víranos co bico. A duración media das quendas de incubación está entre 1,6 e 4,5 horas, pero son máis longos pola noite, de ata máis de 12 horas. As perdas de ovos están entre o 20 e o 30%, aumentando moito se o niño, por causa da falta de auga, queda exposto ós depredadores. Cabo deste factor hai que contar o clima frío, as molestias, a falla de comida e o roubo de niños.

En comezando os polos á saíren do ovo, os pais permanecen períodos máis longos preto do niño. Cando nacen, os polos pesan entre 120 e 150 gramos. Ás 24 horas poden camiñar con seguridade e son guiados fora do niño polos pais cando teñen unhas 30 horas, os primeiros días só en recorridos curtos nos arredores do niño. Durante as primeiras semanas de vida son embicadados polos pais con invertebrados, ata que son capaces de cachalos eles mesmos. Nas primeiras dúas semanas, cando están sós no niño, os pitos apúxanse có bico, e, en ocasións, o máis vello tenta expulsar o máis novo. Pouco a pouca a familia vai pasando máis tempo en bosques ou campos, aínda que poden volver ó niño pola noite. Se este fica desprotexido, buscan un lurgar xeitoso para durmiren. Nunhas 10 semanas os polos son case tan grandes coma os pais e capaces de voaren.

Os grous adultos só usan berros fortes nas proximidades do niño en situacións de perigo inminente, para facerse oír á distancia polos polos. Os agresores de pequeno tamaño son atacados con golpes de bico e de ás. Cos máis fortes utilizan tácticas de distracción:: un dos adultos tenta atraer ó intruso facendo o enfermo, amosándose co pescozo estricado e as ás caídas, e ás veces coxeando, mentres se afasta da familia. O outro adulto aproveita para escapar cos polos.

Entre agosto e outubro as familias de grous abandonan os seus territorios de cría para dirixirse ós puntos de reunión. Só algunhas familias, en xeral de zonas con pouca densidade de poboación da especie, permanecen illadas ata o momento da viaxe migratoria.

A esperanza de vida dos grous, que en catividade chega ós 40 anos, é moito menor nos exemplares salvaxes.

Pautas de conduta

[editar | editar a fonte]

A actividade dos grous comezan coas primeiras luces do amencer, cos seus puntos máximos nas últimas horas da mañá e primeiras da tarde. Dedican moitas horas a buscar alimentos. Os grous forman tres tipos de asociacións: no verán as parellas reprodutora viven nos seus territorios e os exemplares non reprodutores en grupos. O resto do ano forman grupos conxuntos que antes de partiren para a viaxe migratoria poden ser de miles de individuos. A zona vermella sen plumas da cabeza, que se incha en situacións de excitación xoga un papel importante nas relacións dentro do grupo, o mesmo que as danzas fora do período de cría. No outono e especialmente a primeiros de ano vense danzas individuais ou de grupo.

Conduta territorial

[editar | editar a fonte]

Dentro do territorio de cría os grous atacan ós intrusos só despois de ameazalo. A defensa e principalmente traballo dos machos, pero pode colaborar toda a familia. Os grous da mesma categoría ameázanse entre eles enfrontándose co pescozo estricado e as plumas ourizadas, case tocándose cos bicos. En pouco tempo seguen os golpes de bico ata que un dos loitadores foxe, perseguido en voo ou á carreira polo outro, ata que é expulsado do territorio. En loitas máis intensas saltan proxectando as patas cara a adiante, tratando de tripar ó adversario. A ritualización da conduta evita posibles feridas: cando unha ave dubida entre fuxir é continua-la disputa, pode utilizar tácticas dilatorias, como limpa-las plumas ou finxir que pica algo no chan. Nuns poucos casos un dos rivais pode anasarse contra o chan, co pescozo estricado e as ás abertas, nunha conduta semellante á que utilizan as aves na época de cría en caso de conflito entre as necesidades reprodutores e o acto reflexo de fuxir.

Os grupos de "solteiros"

[editar | editar a fonte]

As aves de entre un e catro anos, que adoitan volver ó territorio de orixe na época de cría, xúntanse en grupos que parten semanas máis tarde cós adultos reprodutores. Nos seus puntos de destino (en xeral preto dos sitios onde naceron), únense con adultos que non crían. Algúns permanecen nos lugares utilizados para descansar durante as viaxes migratorias. Dentro destes grupos, que se comportan discretamente e son máis axiña silenciosos, non hai xerarquías establecidas. En ocasións grupos pequenos de aves non reprodutoras aséntanse fora dos territorios tradicionais onde poden dar lugar a futuras áreas de cría. A fidelidade ó lugar de nacemento e a ocupación de novos territorios combínanse para facilitar a estabilidade e a expansión das poboacións e facilitar o intercambio xenético.

Estes grupos comezan a xuntarse nas prazas de reunión previas á viaxe cara ó sur dende finais de xullo, semanas antes de que selle unan as aves reprodutoras.

Zonas de reunión e repouso

[editar | editar a fonte]

As poboacións locais de grous xúntanse probablemente cada ano no mesmo sitio antes da emigración. Estas áreas consisten nunha ou máis zonas para durmir, que ocupan simultaneamente ou en sucesión. Nestas zonas seguen un ritmo de actividade rutineiro: pasan a noite durmindo nas augas pouco fondas, ó amencer espreguízanse e cando sae o sol marchan voando para buscar comida ou procúrana nas proximidades Nos días de néboa a súa xornada empeza máis tarde. Entre as últimas horas da tarde e a chegada da noite vanse concentrando en puntos intermedios nos campos ou en zonas planas antes volver ó punto de repouso, ó que volven en grupos ruidosos. A vida en grupos facilita a protección das aves e a aprendizaxe dos xoves inexpertos.

Grupos de invernada

[editar | editar a fonte]

Nos cuarteis de inverno as familias desfanse parcialmente e os grupos ocupan territorios que se repiten ó logo dos anos e que defenden fronte á outros grupos. O ritmo de vida é semellante ó das áreas de descanso.

Conduta migratoria

[editar | editar a fonte]
Formación de grous migradores

Un ou dous días antes de empezar a emigración masiva, os grous comezan a estar inquedos, berrando e danzando moito e rompendo os ritmos vitais habituais. Os factores que desencadean a emigración teñen que ver cos ventos, os cambios de temperatura e as dispoñibilidades de alimento. Parellas ou pequenas familias vanse reunindo nos puntos de partida, ata formaren grupos de miles de aves. Os bandos voan formando cuñas, ángulos de lados desiguais ou liñas diagonais, para reducir a resistencia do vento e manter o contacto dentro do grupo. Comunícanse con berros, que son máis frecuentes pola noite ou en condicións de mala visibilidade.. A emigración faise habitualmente por etapas, facendo paradas intermedias de duración variable.. Actualmente os grous europeos, polo menos en Centroeuropa, adiantan nun mes a chegada ó continente. A marcha cara ó sur e intentos de pasa-lo inverno nas zonas de cría foron tamén observados. Estes cambios etolóxicos, permiten que en ocasións poidan substituír unha posta perdida poñendo unha segunda.

Relacións con outros animais

[editar | editar a fonte]

A á que se senten molestados varía entre 250 e 300 metros. A conduta fronte a outras especies é variable. Non adoitan amosar preocupación pola proximidade de cérvidos. Os depredadores son un perigo grande para as parellas reprodutoras, pero cando viven en grupos non se preocupan moito deles. Un grupo de grous deféndese conxuntamente. As aves de presa son vixiadas estreitamente e se é posible perseguidas ata expulsalas. As parellas atacan ós raposos e ós xabaríns, golpeándoos en voo, é o mesmo repítese no caso de ladróns de niños como os córvidos. Se son atacados por unha aguia pescadora agrúpanse rapidamente dando berros de alarma e dirixindo cara á ela os picos, a xeito de lanza, se esta segue o ataque. A miúdo votan a voar e golpean ó atacante cós pés no lombo. As aguias mariñas non poden comunmente capturar máis que exemplares febles ou enfermos, pero as aguias reais teñen éxito mesmo con exemplares sans..

Situación e ameazas

[editar | editar a fonte]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Distínguense sete poboacións diferentes:

Poboación Situación Tendenza Nivel de protección segundo a IUCN
Europa occidental 60.–70.000 Forte aumento Non ameazado (LC)
Europa oriental 60.000 Estable ou en lixeiro aumento Non ameazado (LC)
Rusia europea uns 35.000 Reducíndose Ameazada (Vulnerable)
Turquía 200–500 Reducíndose Sen datos
Oeste de Siberia uns 55.000 Reducíndose Preto do nivel de ameaza (NT)
Leste de Siberia/Norte da China 5.000 Reducíndose Ameazada (Vulnerable) A1 C1
Meseta do Tíbet 1.000? Probablemente estable Sen datos
Conxunto 220.000–250.000 En conxunto aumentando, pero reducíndose localmente Non ameazada (LC), Anexo II

As cifras da táboa[9] non son definitivas. Os datos só son recollidos regularmente en Europa e o centro da Rusia europea.

A validez da valoración das tendencias é limitada, pero á especie medra a nivel global, sobre todo no leste e no centro da súa distribución. Ë unha especie protexida pola Unión Europea (anexo I da directiva de protección de aves, polo anexo II da Convención de Bonn e polo anexo II da Convención de Berna.[9]

  1. BirdLife International (2012). "Grus grus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. grúa, 1ª acep., no Dicionario da RAG.
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 4,2 Grus grus (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 15 de decembro de 2021.
  5. Northern Prairie Wildlife Research Center: The Cranes. Status Survey and Conservation Action Plan. Evolution and Classification, Weblink: [1] Arquivado 20 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
  6. "Exemplo de voz / NABU-Weblink". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2008. Consultado o 08 de xaneiro de 2008. 
  7. "Voz acompañada da doutras aves". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2006. Consultado o 08 de xaneiro de 2008. 
  8. J. A. Alonso, J. C. Alonso: Colour marking of Common Cranes in Europe: first results from the European data base. Vogelwelt 120: 295-300, 1999
  9. 9,0 9,1 Northern Prairie Wildlife Research Center: The Cranes. Status Survey and Conservation Action Plan. Eurasian Crane (Grus grus), Weblink: [2] Arquivado 13 de novembro de 2007 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Urs N. Glutz von Blotzheim: Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Band 5. Galliformes und Gruiformes. Aula Verlag, Wiesbaden 1994, ISBN 3-89104-561-1
  • B. Hachfeld: Der Kranich. Schlütersche Verlagsanstalt, Hannover 1988
  • Peter Matthiessen: Die Könige der Lüfte. Reisen mit Kranichen., Carl Hanser Verlag, 2007, ISBN 3-446-20728-7
  • Wolfgang Mewes, Günter Nowald, Hartwig Prange: Kraniche - Mythen. Forschung. Fakten. G. Braun Verlag, Karlsruhe 2003, ISBN 3-7650-8195-7
  • Günter Nowald, Hermann Dirks: Kranichbegegnungen – Kranichwelten. Naturblick Peter Scherbuk Verlag, 2006, ISBN 3-9809695-2-5
  • Claus-Peter Lieckfeld, Veronika Straaß: Mythos Vogel. BLV Buchverlag GmbH & Co. KG, München 2002, ISBN 3-405-16108-8
  • Hartwig Prange: Der Graue Kranich (Grus grus). Die Neue Brehm Bücherei, Westarp Wissenschaften, A. Ziemen Verlag, Wittenberg-Lutherstadt 1989, ISBN 3-89432-346-9
  • Carl-Albrecht von Treuenfels: Kraniche – Vögel des Glücks. Rasch und Röhring Verlag, Hamburg 2000
  • Carl-Albrecht von Treuenfels: Zauber der Kraniche. Knesebeck 2005, ISBN 3-89660-266-7

Literatura especializada

[editar | editar a fonte]
  • T. Fichtner: Untersuchungen über Verhalten und Habitatnutzung übersommernder Kraniche (Grus grus) in Westmecklenburg. Fachhochschule Nürtingen, FB Landespflege, Diplomarbeit, 1997
  • A. Krull: Untersuchungen zum Verhalten von Wildgänsen und Kranichen während der Herbstrast auf Rügen: Nutzungen der Nahrungsflächen und Reaktionen auf Störreize. Fachhochschule Anhalt – Abteilung Bernburg, Diplomarbeit, 1995
  • Günter Nowald: Habitatnutzung einer Frühjahrsrastpopulation des Kranichs Grus grus. Universität Osnabrück, Diplomarbeit, 1994
  • Günter Nowald: Bedingungen für den Fortpflanzungserfolg: Zur Öko-Ethologie des Graukranichs Grus grus während der Jungenaufzucht. Universität Osnabrück, Dissertation, 2003
  • Wolfgang Mewes: Bestandsentwicklung des Kranichs Grus grus in Deutschland und deren Ursachen. Martin-Luther-Universität Halle-Wittenberg, Dissertation, 1995
  • Ch. Potthof: Störreize und Störwirkungen am Brutplatz des Grauen Kranichs (Grus grus). Universität Osnabrück, Diplomarbeit, 1998
  • Hartwig Prange: Crane Research and Protection in Europe. Martin-Luther-Universität Halle-Wittenberg, 1995
  • T. Schulmeyer: Zur Ernährung von Kranichen (Grus grus) im mecklenburgischen Brutgebiet. Universität Osnabrück, Diplomarbeit, 1997
  • B. Wilkening: Verhaltensbiologische und ökologische Untersuchungen zu Habitatpräferenzen des Kranichs Grus grus im Land Brandenburg sowie mathematisch-kybernetische Habitatmodelle zur Bewertung von Landschaftsräumen während seiner Reproduktions- und Rastzeit. Humboldt-Universität Berlin, Dissertation, 2003

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]