Xián o Hospitaleiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VII Le Mans, Francia |
Morte | I milenio |
Relixión | Igrexa católica |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 12 de febreiro |
Xián o Hospitaleiro[1], ou Xián o Parricida[1] ou Xián o Cazador[2], coas variantes Xulián[1], Xullán[1], Xillao[1] e Xiao[1], foi un mártir e santo cristián, quizais francés[2], que, segundo a crenza, viviu a principios do século IV.[2] O seu culto quizais nacese dunha lenda medieval, transmitida por Jacopo della Voragine, na súa Lenda áurea (1262).
Lenda
[editar | editar a fonte]Segundo a crenza, Xián, un mozo nobre que, estando de caza, mata un cervo.[1] O animal anúncialle que el será o asasino dos seus propios pais.[1] Cheo de temor ante ese presaxio, sen avisar aos seus pais, abandona a casa paterna e marcha a un país afastado, onde fai fortuna e contrae matrimonio cunha viúva rica.[1]
Os seus pais, apenados ante a súa ausencia, viaxan dun lugar a outro para atopalo. Cando por fin localizan a casa do seu fillo, son recibidos pola muller de Xián, Adela, quen, en ausencia deste, os acolle.[1] Fainos deitar na súa propia cama.[1]
Cando Xián volve á súa casa, ao ver dúas persoas durmindo na súa cama, pensa que se trata da súa muller cun amante e mata os dous.[2] Cando sae da casa, sorpréndese ao ver a súa muller, que volve da misa. Ela cóntalle que hospedou os seus pais. Ante a gravidade do seu crime, Xián decide abandonar a súa casa. Proponse non descansar até que Deus o perdoe.
A súa muller decide acompañalo.[2] Os dous van vivir xunto a un caudaloso río, de difícil paso para os viaxeiros. Alí edifican unha hospedaría para recoller de balde os camiñantes. Algunhas fontes sinalan que atendían peregrinos do Camiño de Santiago.[2] Alí queda o matrimonio facendo penitencia e obras de caridade.[2]
Despois de moitos anos entregados a este labor, no medio da noite, mentres Xián descansa tras unha xornada esgotadora, oe que alguén lle pide axuda, chamándoo polo seu nome. Ao erguerse, atópase cun home carcomido de lepra e conxelado de frío. Tómao en brazos e lévao á súa propia cama, onde o arroupa. Decontado, ese individuo transfórmase nun anxo e comunícalle que o enviaba o Señor para dicirlle que o seu arrepentimento fora aceptado e que tanto el como a súa esposa podían descansar en Deus. Sofre martirio, na época da persecución de Diocleciano.[2]
Devoción a San Xián e orixe histórica
[editar | editar a fonte]A súa lenda parece reflectir como ensino a imposibilidade de oporse ao destino. Ten certas concomitancias co mito de Edipo[3], autor da morte do seu pai, pero dalgún modo cristianizada coa posibilidade de obter o perdón.
En todo caso, son abundantes os testemuños da devoción popular a San Xián o Hospitaleiro, considerado patrón dos pousadeiros, viaxeiros, pescadores e artistas de circo.[4][5] Adóitase representar cunha espada, en recordo do parricidio; unha luva de cetraría, pola actividade que desenvolvía cando o cervo lle profetizou o seu parricidio; ou unha barca, polo seu coidado dos peregrinos que atravesaban o río.
Confluencia con Xián de Brivate e Xián de Antioquía
[editar | editar a fonte]Ao redor do nome de San Xián existe un grao considerable de confusionismo entre as figuras de Xián o Hospitaleiro, Xián de Brivate e Xián de Antioquía, entre outros.[2] Existen, entre eles, unha mestura de datos biográficos, cronolóxicos e iconográficos. Polo tanto, non é doado establecer unha división clara.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
En Guláns, Ponteareas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-09-16.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Abad, Xoán C. (2022). In hac lacrimarum valle. Guía ilustrada para recoñecer os santos patróns dos templos da provincia de Pontevedra. Instituto de Estudos Vigueses.
- ↑ Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo.
- ↑ A vidrieira da catedral de Chartres recolle que a súa historia foi costeada polos pescadores.
- ↑ CNA. "St. Julian the Hospitaller" (en inglés). Consultado o 2022-08-24.