Grupo Nós
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O grupo Nós[1] ou xeración Nós[2] foi un colectivo de intelectuais ourensáns, constituído legalmente en 1921, que lle imprimiu un importante pulo á cultura galega, principalmente no que se refire á renovación da prosa e do ensaio, así como ao seu cosmopolitismo.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]O 20 de outubro de 1920 naceu na cidade de Ourense a revista Nós. Arredor dela, xurdiron un grupo de autores literarios que, a partir da Asemblea de Monforte (1922), se foron integrando de cheo nas estruturas das Irmandades da Fala. A revista Nós estaba conformada principalmente, no seu inicio, polos integrantes do cenáculo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e mais Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Posteriormente, a revista verá chegar novos autores.
O primeiro número da revista Nós comeza coas "Primeiras verbas", un artigo colectivo onde se aprecian varios dos propósitos deste grupo xeracional: a chamada da terra (Galiza), a dignificación da cultura galega, o carácter universalista. Todos estes trazos estarán presentes nas obras destes escritores.
A peripecia ideolóxica dos homes do grupo Nós aparece excelentemente reflectida na novela de Ramón Otero Pedrayo Arredor de si (1930) e no ensaio de Vicente Risco Nós, os inadaptados (1930). Os escritores deste grupo (agás Castelao) parten dunha total falta de apego polas súas raíces, derivado da busca do cosmopolitismo. Mais, conforme avanza o tempo, a partir de experiencias que funcionarán a modo de catarse, caerán na conta da importancia da cultura propia, posto que esta é a que distingue uns individuos dos outros (conciben o enxebrismo como o propio ser de Galiza). Por isto, chegarán á conclusión de que só se pode ser universal partindo do propio. Derivado disto, todos eles aceptarán o galeguismo como doutrina ideolóxica.
Por outra parte, este grupo de autores presenta unha particular problemática no que á súa denominación respecta. En De Pondal a Novoneyra (1984), Xosé Luís Méndez Ferrín refírese a el como grupo xeracional. Tense falado de grupo Nós, xeración Nós e incluso Anxo Tarrío fala dunha época Nós.
Partindo das teorías de Ptersen e de Ortega y Gasset, pódese afirmar que se trata dunha xeración literaria, en base aos seguintes requisitos:
- As datas de nacemento dos escritores deben darse nun período máximo de 15 anos: todos os autores de Nós nacerán na década de 1880, o cal lles fará compartir unha serie de elementos e inquedanzas comúns. Alén disto, entran xuntos na vida cultural.
- Igualdade de elementos formativos: todos eles teñen estudos universitarios.
- Existencia de trato persoal entre os escritores: no caso de Nós tanto é así, que todos eles pertencen ás Irmandades da Fala e colaboran nas mesmas revistas e xornais, alén de no Seminario de Estudos Galegos.
- Os escritores deben ser impulsores dunha nova forma de expresión: neste caso, estamos a falar dos renovadores da prosa galega e dos creadores do ideal de que o galego é válido para calquera uso.
- Ruptura coas xeracións anteriores: os homes de Nós romperon coa literatura de inspiración decimonónica e puxeron o noso sistema literario á altura dos europeos.
Ademais destes trazos, existen outros elementos comúns específicos deste grupo, os cales son:
- Síntese de tradicionalismo e progresismo.
- Rigorosa formación intelectual.
- Vocación estilística.
- Vocación pedagóxica: a cal encaixa co afán pedagóxico das Irmandades da Fala.
Mais, tendo en conta todo isto, que é o que motiva a moitos estudosos a pensar que este grupo non é unha xeración? A resposta podería resumirse cun único nome: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Castelao é o único destes escritores que non procede dunha clase social fidalga ou pequeno-burguesa, polo que tería (segundo algúns autores) unha certa desvantaxe con respecto aos seus compañeiros á hora de adquirir unha boa formación (tería máis dificultades para viaxar, para conseguir unha boa biblioteca privada e para coñecer idiomas). Alén disto, Castelao é único membro deste grupo que non parte dunha desvinculación total da cultura galega.
De todos os xeitos, sexa Nós un grupo ou unha xeración, o que si está claro é que se trata dun colectivo de intelectuais de vital importancia dentro da literatura galega,[Cómpre referencia] posto que (entre outras cousas) renovaron a prosa galega, ampliaron o número de xéneros cultivados en galego e exerceron o seu maxisterio sobre os autores da Xeración de 1925 e da Xeración de 1936.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do Grupo Nós.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grupo Nós |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 631–688. ISBN 84-7154-227-7.
- Casares, Carlos (2005). "Nós, Xeración". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega (1ª ed.). A Nosa Terra. pp. 207–208. ISBN 84-95350-79-3.
- González millán, Xoán (1989). "James Joyce e a xeración Nós". Grial: revista galega de cultura (101): 29–46. ISSN 0017-4181.
- Lorenzana, Salvador (1965). "A Xenéración «Nos» na cultura galega". Grial: revista galega de cultura (7): 75–85. ISSN 0017-4181.
- Martínez-Risco e Agüero, Vicente (25/7/1933). "Nós, os inadaptados". Nós (revista) (115): 115–123.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). "A Xeración Nós". De Pondal a Novoneyra. Xerais. pp. 39–49. ISBN 84-7507-139-2.
- Pérez Prieto, Victorino (1988). A xeración "Nós". Galeguismo e relixión. Agra Aberta. Galaxia. ISBN 84-7154-630-2.
- Piñeiro, Ramón (1978). "Importancia decisiva da Xeneración Nós". Grial: revista galega de cultura (59): 8–13. ISSN 0017-4181.
- Ventura Ruíz, Joaquim (2010). "El Grupo Nós y la autorrefundación literaria de Galicia". Actas del XVII Simposio de la Sociedad Española de Literatura General y Comparada (en castelán) 1. pp. 347–354. ISBN 978-84-88042-73-6.