Saltar ao contido

Vesica piscis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vesica piscis.

A vesica piscis (vexiga de peixe) é un símbolo que consiste en dous círculos do mesmo radio que se cortan, de xeito que o centro de cada círculo está na circunferencia do outro. A forma creada denomínase mandorla (que significa "améndoa" en italiano). Era un símbolo coñecido nas antigas civilizacións de Mesopotamia, África e Asia.[1]

Descrición matemática

[editar | editar a fonte]

Esta figura aparece na primeira proposición dos Elementos de Euclides, onde establece o primeiro paso na construción dun triángulo equilátero usando un compás e unha regra[2]. O triángulo ten como vértices os dous centros de disco e unha das esquinas afiadas da figura.

Demostración de Euclides

A relación matemática da súa anchura (medida polos puntos extremos do "corpo", excluíndo a "cola") coa súa altura é a raíz cadrada de 3, ou 1,7320508076... (porque de trazar a liña recta que une os centros dos dous círculos, con dous puntos onde os círculos se cortan, obtemos dous triángulos equiláteros unidos por un lado).

A figura da vesica piscis con dous círculos emprégase nos diagramas de Venn, e se son tres, dá lugar ao símbolo da triquetra e ao triángulo de Reuleaux. Na arte cristiá, aparece nalgunha auréolas orientadas de xeito vertical coa denominación de mandorla, e tamén se emprega nos selos dalgunhas organizacións eclesiásticas.

A vesica piscis ten uso como símbolo dentro da masonaría, sobre todo nas formas dos colares que levan os oficiantes dos seus rituais[3], e igualmente nos selos das loxas masónicas[4][5]. Tamén se emprega como sistema de proporcionalidade na arquitectura gótica. Aparece ilustrado por Cesare Cesariano, o primeiro tradutor ao italiano da obra "De arquitectura" de Vitruvio (1521), na que é denominada como "a regra dos arquitectos alemáns".

Significado místico e relixioso

[editar | editar a fonte]

En diversos períodos da historia foi obxecto de especulación mística. Probablemente, os primeiros foron os pitagóricos, que a consideraban unha figura sagrada.

O cociente 265/153 é unha aproximación á raíz cadrada de 3, e ten a propiedade de que non se obtén ningunha mellor aproximación con números menores. O número 153 aparece no Evanxeo de Xoán (21:11) como o número de peixes que Cristo fixo que capturasen no milagre da "captura de peixe", que algúns consideran como unha referencia cifrada das crenzas dos pitagóricos.

  1. de la Plaza Escudero, Lorenzo (2015). Diccionario visual de términos de arte. Col. Grandes Temas. Madrid: Cátedra. p. 276. ISBN 978-84-376-3441-8. 
  2. Heath, Sir Thomas L. (1956). The Thirteen Books of Euclid's Elements. Dover Publications Inc. p. 241. ISBN 0486600904. 
  3. Ward, J.S.M. (1924). An Interpretation of Our Masonic Symbols. pp. 34–35. 
  4. Mackay, Albert G. (1921). Encyclopaedia of Freemasonry 2. p. 827. 
  5. Eyer, Shawn. "A vesica piscis e a masonaría". Arquivado dende o orixinal o 17-03-2015. Consultado o 28-11-2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas