Skjaldmö
Unha skjaldmö (skjaldmær en islandés, sköldmö en sueco), ou doncela guerreira, era, segundo a mitoloxía nórdica, unha virxe que elixe loitar coma un guerreiro. Adoitan mencionarse nas sagas literarias como saga Hervarar e na Gesta Danorum.
De acordo coa enciclopedia sueca Nordisk familjebok, as skjaldmö aparecen tamén en historias doutras nacións xermanas: os godos, e as tribos dos cimbros e marcómanos. Elas foron a inspiración para as valquirias e tamén a inspiración de J. R. R. Tolkien para o personaxe Éowyn, chamada «shieldmaiden of Rohan» (expresión na que shieldmaiden equivale a skjaldmö en inglés).
Exemplos de nomes de doncelas guerreiras nomeadas en sagas nórdicas inclúen a Brynhildr na saga Volsunga, Hervor na saga Hervarar, a princesa sueca Thornbjörg en Hrólfs saga Gautrekssonar e Hed, Visna e Veborg na Gesta Danorum.
Segundo Saxo Grammaticus, 300 doncelas guerreiras pelexaron do lado danés na loita de Brávellir.