Saltar ao contido

Semitas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa coa distribución das linguas semitas iniciais.

Os semitas forman un conxunto de numerosos pobos e culturas estendidos desde a antigüidade nun gran territorio do Próximo e Medio Oriente e o norte da Península Arábiga, que desenvolveron importantes civilizacións.

O termo semita foi utilizado por primeira vez cara a finais do século XVIII, para referirse a pobos citados na Biblia descendentes de Sem, fillo primoxénito de Noé. Na Biblia, no libro do Xénese atópase a narración do diluvio e nela está a xenealoxía na táboa dos pobos onde se fai referencia aos semitas. O termo semita, desde entón, fai referencia aos pobos de lingua semítica. Os antigos pobos de fala semítica inclúen aos habitantes de Aram, Asiria, Babilonia, Canaán (incluídos os hebreos) e Fenicia. As poboacións actuais que teñen linguas semíticas inclúen aos árabes, os xudeus, os etíopes e os arameos.

A semellanza entre os pobos semitas débese á súa orixe lingüística e cultural, xa que non se pode falar dunha raza semita. Estaban constituídos por un conxunto heteroxéneo de tipos raciais, todos eles pertencentes á antiga familia lingüística semita.