Sarcolema
Sarcolema | |
---|---|
Esquema do músculo esquelético co sarcolema indicado na parte superior esquerda | |
Latín | sarcolemma |
Sistema | Célula (fibra) muscular estriada |
O sarcolema (sarco, do grego sarx, 'carne' e lemma, en grego 'vaiña'), tamén chamado miolema, é a membrana celular da célula (fibra) muscular estriada.[1] Consta dunha bicapa lipídica con proteínas e unha fina cuberta de material polisacarídico (glicocálix) que conecta coa membrana basal. A membrana basal contén numerosas fibrilas finas de coláxeno e proteínas especializadas como a laminina,[2] que proporcionan un armazón ao cal se unen as células musculares. Por medio das proteínas transmembrana da membrana plasmática, o esqueleto de actina do interior da célula conéctase coa membrana basal e o exterior da célula. En cada extremo da fibra muscular, a capa superficial do sarcolema fusiónase coas fibras dos tendóns, e ditas fibras, á súa vez, xúntanse en feixes para formar os tendóns do músculo que o unen ao óso. O sarcolema xeralmente ten nas células musculares a mesma función que a membrana plasmática doutras células eucariotas.[3]
Antes usábase o termo sarcolema para referirse a unha grosa capa ("membrana") que se cría que era o límite citoplasmático da célula muscular. Hoxe sábese que este sarcolema groso consiste na membrana plasmática da célula, a súa lámina externa e a lámina reticular circundante.
Unha caracterísitica especial do sarcolema é que se invaxina polo interior do citoplasma da célula muscular, formando túbulos membranosos radial e lonxitudinalmente dentro da fibra chamados túbulos transversos (túbulos T), importantes para a contracción muscular. Ao outro lado dos túbulos T hai prolongacións das cisternas terminais do retículo endoplasmático liso (que na célula muscular se denomina retículo sarcoplásmico e ten algunhas particularidades). Un túbulo transverso rodeado por dúas cisternas do retículo sarcoplásmico coñécese como tríade e o contacto entre estas estruturas está localizado na unión entre as bandas A e I do sarcómero.
As terminacións nerviosas chegan á fibra muscular formando unións neuromusculares. No sarcolema hai receptores de acetilcolina nicotínicos, que captan a acetilcolina vertida na unión neuromuscular, e que desencadean a contracción muscular.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sarcolemma Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
- ↑ Engvall, E.; Earwicker D; Haaparanta T; Ruoslahti E; Sanes JR. (September 1990). "Distribution and isolation of four laminin variants; tissue restricted distribution of heterotrimers assembled from five different subunits". Cell Regulation 1 (10): 731–40. PMC 361653. PMID 2099832. doi:10.1091/mbc.1.10.731.
- ↑ Boron, Walter F. (2009). Medical Physiology 2nd edition. Philadelphia: Saunders. pp. 9–21.