Saltar ao contido

Sandhi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo sandhi (ou sandi) adoptouse dos antigos gramáticos da India para designar o fenómeno de modulación e modificación fonética que afectan ao son inicial e/ou final de certas cadeas en palabras, morfemas ou sintagmas. Este fenómeno pode aparecer no límite entre palabras (sandhi externo) ou entre morfemas (sandhi interno).

No primeiro caso, a forma pronunciada da palabra en posición illada é a forma absoluta, mais no seo do discurso esas palabras, morfemas ou sintagmas vense afectados por outros sons determinados e adoptan entón outras pronuncias alofónicas.

En francés por exemplo (onde se chama liaison), a pronuncia na palabra six, "seis", é /sis/ tanto se se articula soa coma na posición final absoluta do sintagma ils sont six, "eles son seis" (pronunciado [il sɔ̃ sis]). Porén, en six oiseaux, "seis páxaros", sonorízase e dise [siˈzwazo] e en six livres, "seis libros", ten a pronuncia de [siˈlivr].

En galego, o -r final dos verbos normalmente pronúnciase como lateral, como por exemplo pronunciar "comer o caldo" como [koˈmeloˈkaldo]. Existen variantes diatópicas que sistematicamente non se ven afectadas por este caso de sandhi (sur de Ourense).

O sandhi pode darse tamén no interior dunha palabra. Este sandhi interno responde a regras diferentes e aparece entre os seus morfemas constitutivos, como entre a súa raíz, os seus prefixos e sufixos ou as súas desinencias. Por exemplo, no turco, o -k final pasa sistematicamente a cando está seguido dunha desinencia vocálica: köpek «can» (nominativo) → köpeğ-i (acusativo).

Cando a influencia se dá entre os tons de dúas compoñentes, fálase de sandhi tonal.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]