Saltar ao contido

Revolución de 1820

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Por liberal, de Francisco de Goya, un dos debuxos do álbum D (1803-1824),[1] que finalmente non pasaron a prancha, como si o fixeron outros debuxos preparatorios desta mesma serie, que apareceron en Los disparates (1815-1823).
A interpretación desta serie de gravados enigmáticos non é algo evidente, pero en xeral presentan distintos tipos de subversión contra a autoridade.[2]
Disparate del miedo, gravado nº 2.

Revolución de 1820 ou Ciclo prerrevolucionario de 1820 son os nomes cos que a historiografía designou o conxunto de procesos revolucionarios que tiveron lugar en Europa ao redor de 1820.

Foi a primeira das chamadas vagas ou ciclos revolucionarios que sacudiron Europa con posterioridade ás guerras napoleónicas e que se repetiron sucesivamente nas de 1830 e nas de 1848.

Os seus eixes ideolóxicos foron o liberalismo e o nacionalismo. Dado que os países máis afectados foron os do sur de Europa (os episodios doutras zonas, como Alemaña ou Francia, foron de moita menor importancia), con España como epicentro dun movemento que se estendeu a Italia e Portugal[3] e, por outro lado, a Grecia, chamóuselle ciclo mediterráneo por contraposición ao ciclo atlántico, que a precedera na xeración anterior: as primeiras revolucións liberais ou revolucións burguesas, producidas a ambos os lados do océano Atlántico foron a Independencia dos Estados Unidos (1776) e a Revolución francesa (1789).[4]

As revolucións de 1820 xurdiron como reacción á Restauración europea que se produciu como consecuencia da derrota da Francia revolucionaria, e que supoñía o restablecemento do Antigo Réxime e a aplicación dos principios lexitimistas do Congreso de Viena de 1815, confiados á forza e determinación intervencionista da Santa Alianza.

Esta alianza das monarquías absolutas finalmente conseguiu evitar a posibilidade dunha xeneralización do contaxio revolucionario e apagou os focos revolucionarios. Ante a desigualdade de forzas, como forma de organización dos revolucionarios de 1820 predominou a conspirativa, a través de sociedades secretas, similares á masonería, como a dos carbonarios do Reino de Nápoles.

Aínda que poden detectarse algunhas alteracións anteriores, o movemento revolucionario que suscitou o contaxio e, en varios casos, a imitación explícita (incluso de textos constitucionais), foi o pronunciamento dos militares liberais españois que iniciou o chamado trienio liberal.

As revolucións de Portugal e Italia (especialmente no Piemonte e no Reino das Dúas Sicilias) foron as seguintes. Con moita máis separación en tempo e espazo, tamén houbo movementos de moi distinta natureza no Imperio Ruso (revolta decembrista de 1825).

O caso máis peculiar foi o de Grecia. No século XVIII a decadencia do Imperio Otomán favoreceu a formación de grupos de bandoleiros e piratas que se converteron nos primeiros núcleos do levantamento nacional. A finais dese século, algúns gregos emigrados organizaron sociedades patrióticas para prepararen o alzamento. Estes emigrados propagaron con éxito en Europa os ideais do nacionalismo grego. Iniciada a revolta en 1820, a sublevación estendeuse rapidamente, e en 1822 a Asemblea de Epidauro proclamou a independencia. Divididos por loitas internas, os sublevados non puideron evitar que os turcos, co apoio de Exipto, reconquistasen o país en dous anos (1826-1827); pero as simpatías despertadas en toda Europa polo movemento nacionalista grego plasmáronse no tratado de Londres (1827), no que Francia, Inglaterra e Rusia proclamaron a autonomía de Grecia baixo a soberanía turca. A destrución da frota turco-exipcia na batalla de Navarino obrigou ao sultán Mahmut II a asinar o tratado de Adrianópolis (1829), no que se recoñecía o xa establecido no de Londres. Nesta mesma cidade asinouse en 1830 o protocolo que deu a total independencia Grecia (aínda que se perdeu unha parte da Tesalia).

  1. ¡Por liberal!, de Francisco de Goyaen Kalipedia arquivado do orixinal o 29 de xuño de 2012 e en zeno.org.
  2. Véxase, por exemplo, o Disparate del miedo, gravado nº 2, onde se representan personaxes uniformados que caen ou foxen ante unha xigantesca figura fantasmal. Nigel Glendinning (1993): Francisco de Goya. Madrid, Cuadernos de Historia 16 (col. «El arte y sus creadores», nº 30). D.L. 34276-1993.
  3. José María Jover Zamora (1976): Política, diplomacia y humanismo popular: estudios sobre la vida española en el s. XIX. Madrid: Turner. ISBN 84-8513-729-9, p. 212.
  4. Eric Hobsbawm (1987): Las revoluciones burguesas. Barcelona: Labor. ISBN 84-3352-978-1, p. 202.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.