Saltar ao contido

Megalitismo en Galicia

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.
Megalitismo en Galicia

Dolmen de Axeitos.
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Megalitismo en Galicia
Idade de Bronce en Galicia
Idade do bronce atlántico
Idade de Ferro en Galicia
Cultura castrexa

O megalitismo en Galiza considérase que forma parte dunha mesma zona megalítica na que entra, ademais de Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora. Esta zona ten arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que, desde a análise de inicios do século XXI, se estima que son relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ós primeiros asentamentos humanos estables, que habitaban un territorio cuberto por bosque atlántico mixto (carballos e bidueiros como especies dominantes). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña e conformar prados.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Estruturas arquitectónicas

[editar | editar a fonte]

A construción característica do megalitismo son os grandes monumentos construídos con grandes pedras. Os máis abundantes e típicos son as antas ou dolmens, que son estruturas funerarias sobre as que se constrúe un túmulo ou mámoa. Contan cunha cámara principal e ás veces un corredor, construídas con varias laxes fincadas e cubertas por outra ou outras. No interior da cámara acostuman aparecer gravados ou pinturas de función simbólica.

Artigo principal: Mámoa.

As antas estaban parcial ou totalmente cubertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén coma medorras ou medoñas. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe coma montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval funerario consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.

Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa coma nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos altos das serras de superficies chas (coma na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumularias.

O diámetro oscila entre os 8 metros e os 40. Os máis grandes son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chegan aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm e os 4 m, malia que a maioría non supera os 2 m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos preexistentes.

Artigo principal: Dolmen.

As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara funeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstatos están fincados verticalmente e inclinados cara ao interior. Féchanse por riba con pedras de grande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galiza son de tamaño pequeno.

Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara ao exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, coma estelas.

Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron sometidas as mámoas.

"Casota de Freán", en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista

No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumularias, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.

Lapa de Gargantáns (Moraña)

Os menhires parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas coma Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta un escote, coma a dos ídolos dos dolmens con corredor, algúns gravados e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), coma o de PedraChantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.[Cómpre referencia]

Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.

Crómlech e círculos líticos

[editar | editar a fonte]

O consenso existente entre investigadores actuais, destacan a escasa presenza de crómlech e círculos líticos en Galicia, fronte a numerosa cantidade de túmulos e dólmenes conservados no territorio.

O feito de que non se coñeza en galego ningún nome popular específico para designar este tipo de estruturas circulares, pode darnos unha idea de que non son moi frecuentes (Vilaseco, 2009[1]).

A maioría dos supostos círculos de pedras (crómlech) desapareceron. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no Areoso (illa de Arousa), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).

Primeiras investigacións

[editar | editar a fonte]

Na definición de fenómenos megalíticos, La Tour d´Auvergne introduciu termos inspirados no bretón como "dolmen" ou "menhir", ós que atriuiu erroneamente unha orixe celta. Con posterioridade ó longo do século XIX e principios do XX, xorde un movemento entusiasmado polo celtismo, que trata de documentar estes fenómenos realizando buscas por todo o territorio galego.

Os primeiros estudos da época falarán principalmente de castros e menhires, sen definir os círculos líticos ata a escritura de Historia de Galicia de Manuel Murguía en 1875. A pesar dos primeiros nomeamentos, non se achegou documentación gráfica ou xeográfica específica, polo que actualmente resultan imposibles de identificar (Vilaseco, 2009)

En 1867, publícase Estudios sobre la época céltica en Galicia por Leandro de Saralegui y Medina, no que se citan sen chegar a definilos, <<grandes agrupacións de menhires estendidos por un espazo máis ou menos extenso, sen orde simétrica, formando, cando menos na aparencia, inmensos carneillous>>

Evolución

[editar | editar a fonte]

Nunha primeira fase ou "fase inicial" as antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura) e sen corredor. Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas puídas.

Durante a segunda fase ou "fase de apoxeo", desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Prodúcese o espallamento deste fenómeno pola meirande parte do territorio galaico. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos puídos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.

As mámoas do último período ou "fase final" (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece coma se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeneralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sur da Península Ibérica. Este período antecede á aparición da cultura do vaso campaniforme.

Economía

[editar | editar a fonte]

A economía era mixta, baseada na agricultura (leguminosas e cereais) e na gandaría (caprinos e ovinos, xunto con súidos e gando vacún). Ademais, estas actividades completaríanse coa recolección de froitos, a caza e a pesca.

O megalitismo galaico mantén contactos comerciais (algúns estudos e investigadores sinalan a presenza dunha rede de intercambio a máis longa distancia, relacionándoo con outros focos da fachada atlántica europea: Bretaña francesa, Illas británicas e Irlanda) e recibe a influencia doutras comunidades megalíticas da área portuguesa e probablemente do occidente asturiano.

As manifestacións artísticas da cultura megalítica galaica son fundamentalmente a pintura, o gravado e a escultura.

No caso da pintura consérvanse poucas representacións por mor da humidade ambiental. Aparece máis ca nada nos monumentos de corredor, cun predominio da figuración xeométrica. Algunhas construcións con pinturas son o Dolmen de Dombate, Pena Cuberta ou o Forno dos Mouros, entre outros.

No tocante ó gravado os motivos seguen a ser xeométricos predominantemente (zigzags, círculos, motivos en O, ondulacións, motivos radiais, báculos, cruzamentos, figuras antropomorfas esquemáticas e a enigmática "A Cousa"). "A Cousa" é unha figura da que non se coñece con exactitude o seu significado, que segundo algunhas interpretacións podería ser unha machada.

Pola súa banda as esculturas aparecen situadas nos monumentos, entre o anel periférico e a entrada do corredor. Son dunha representación moi sinxela e esquemática, aínda que de tipoloxía variada.

Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara ao sur. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos coma "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara ao norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas coa Bretaña e Irlanda está practicamente desbotada para as etapas iniciais deste período.

Historia posterior

[editar | editar a fonte]

En xeral, tódolos túmulos e monumentos megalíticos teñen unha importante historia posterior ó seu momento de construción e uso principal, por seren precisamente monumentos construídos coa intención de ser visibles na paisaxe e destacar sobre o seu contorno. Desta maneira, chamaron a atención de múltiples culturas posteriores no tempo e puideron ser reempregados de moi diversas maneiras. Por exemplo, en época romana puideron ser empregados como postos de vixilancia no contorno do campamento da Cidadela (Sobrado)[2]. Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro (deixando o chamado cono de violación) ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.

  1. Vilaseco Vázquez, Xosé Ignacio (2009). "O círculo que foi. A Mourela no seu contexto histórico". Círculo de engaños: excavación del cromlech de A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña).: 37. 
  2. Costa García, José Manuel (2013). "Las primeras intervenciones arqueológicas en A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña)" (PDF). Gallaecia 32: 109–127. ISSN 0211-8653. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]