Saltar ao contido

KV62

Modelo:Xeografía físicaKV62
Imaxe
Tipoxacemento arqueolóxico Editar o valor en Wikidata
Descubridor ou inventorHoward Carter Editar o valor en Wikidata
Situado na entidade xeográficaVal dos Reis Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaLuxor, Exipto e Val dos Reis, Exipto Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónVal dos Reis Editar o valor en Wikidata
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 25°44′25″N 32°36′05″L / 25.740361111111, 32.601444444444
Características
Dimensións30,79 (lonxitude) m
Superficie109,82 m² Editar o valor en Wikidata
Medicións
Volume físico277,01 m³ Editar o valor en Wikidata
Historia
OcupanteTutankhamon (–1925) Editar o valor en Wikidata
Data de descuberta ou invención1922 e 1922 Editar o valor en Wikidata
Carter abrindo a última capela.
Máscara de Tutankhamón no Museo Exipcio do Cairo.

A tumba KV62, situada no Val dos Reis (Exipto), é a única tumba real exipcia atopada intacta, e a mellor conservada. Nela depositouse o corpo de Tutankhamón, faraón da décimo oitava dinastía. Foi descuberta en 1922 por Howard Carter baixo os restos das vivendas dos traballadores da época ramésida, o que a salvou dos saqueos dese período. Como dato curioso, Carter conseguiu fotografar algunhas ofrendas florais que se desintegraron ao tocalas.

A tumba consta de catro salas e estaba chea de obxectos, pero en desorde. Debido ao seu estado e ao método meticuloso de estudo de Carter, tardouse oito anos en baleirala e trasladar ao Museo Exipcio do Cairo todo o atopado, máis de 5.000 pezas, a máis coñecida a máscara mortuoria de ouro.

Dise a miúdo que a tumba de Tutankhamón nunca foi violada, pero isto non é exacto. De feito foino polo menos dúas veces non moito despois do enterro: hai evidencias de que nas portas seladas practicouse unha abertura nas esquinas superiores, que foi precintada de novo máis adiante. Estimouse que o 60% das xoias depositadas na chamada "Tesourería" foron roubadas, e que os funcionarios da necrópole embalaron as que se salvaron de forma precipitada. De feito, equivocáronse ao rotulalas, segundo as inscricións que deixaron nas caixas. As portas exteriores das capelas, que incluían os cadaleitos xerarquizados do rei, deixáronse abertas e sen selar.

Parece ser que, tras un dos roubos, algúns artigos da KV62 depositáronse na KV54.

Descubrimento

[editar | editar a fonte]
Plano da tumba

En 1907, xusto antes do descubrimento da tumba de Horemheb, o equipo de Theodore M. Davis atopou unha pequena cámara, a chamada KV54, contendo obxectos funerarios co nome de Tutankhamón. Pensando que era a tumba deste faraón, Davis concluíu a escavación. En 1912 Davis publicou detalles de ambas as procuras, nas que afirmaba Témome que o Val dos Reis está xa esgotado. [1]

O arqueólogo británico Howard Carter (ás ordes de Lord Carnarvon) descubriu a tumba de Tutankhamón no Val dos reis o 4 de novembro de 1922, preto da entrada á de Ramsés VI, a KV35. O achado renovou o interese do mundo occidental pola exiptoloxía. Carter avisou a Carnarvon e o 26 de novembro ambos os homes foron os primeiros en entrar na tumba en 3000 anos. Tras semanas dunha escavación coidadosa, o 16 de febreiro de 1923, Carter abriu a cámara interior e descubriu o sarcófago do faraón.

Desde que apareceu o primeiro tramo de escaleira o 4 de novembro de 1922 o avance da escavación foi lento e minucioso, concluíndo o 8 de novembro de 1930, data en que se sacaron os últimos obxectos. [2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Alzado da tumba

A tumba non parece ser deseñada para un faraón, parece a dun nobre que sexa adaptada de forma precipitada, como indica o feito de que só foron pintadas as paredes da cámara do sarcófago, a diferenza doutras tumbas reais en que todos os seus muros teñen escenas do Libro dos mortos.[3]

Escaleiras

[editar | editar a fonte]

Parten dunha pequena plataforma e constan de 16 chanzos que levan á primeira porta selada e enxesada, con mostras de ser violada e volta a selar en dúas ocasións.

Corredor e antecámara

[editar | editar a fonte]

Máis aló do primeiro limiar, un corredor descendente conduce a unha segunda porta selada, e tras ela á sala que Carter chamou «antecámara». Foi utilizada orixinalmente para depositar o material do embalsamamento do rei, que tras os roubos foi trasladado ao interior da tumba ou á KV54.

As paredes están espidas e sen decoracións, Carter describiuna como «un caos organizado». Contiña máis de 600 obxectos entre os que había tres camas fúnebres, placas con forma de hipopótamo representando a Tueris, de vaca (Hathor) e de leopardo. Tamén se atopaban catro carros desmontados, un para caza, outro de guerra e dous destinados aos desfiles.

Sobre a parede da dereita, ao fondo, rastros de escavación abandonada indican que se pensaba ampliar cara ao norte uns 2 metros. Ao principio desta parede atópase acceso á cámara funeraria, cuxas características informan tamén da apertura proxectada.

Á esquerda da parede do fondo da antecámara, hai un pequeno paso, rodeado con trazos negros que delimitan a apertura que habería de ter a porta unha vez terminada, que permite o acceso a outra habitación cuxo chan ten un nivel de 90 cm. por baixo da anterior. Chamada «anexo» por Carter, este describiu a existencia de trazos vermellos sobre as paredes. Contiña, en desorde, cestas, xarras de viño, unha vaixela de calcita, perfumes, maquetas de barcos e ushebtis: 280 grupos de obxectos que sumaban en total 2.000 pezas.

Cámara do sarcófago

[editar | editar a fonte]
Decoración da Cámara funeraria.

Esta habitación está situada cun desnivel de 1 m. e contiña 300 obxectos ademais do sarcófago situado no centro. É a única decorada, e cada unha das paredes, de ladrillos enxesadas e pintadas, simulan nichos con distintas escenas cuxo fondo é amarelo ouro, nun estilo diferente ao tradicional decorado das tumbas. Representan escenas do Libro dos mortos:

  • Parede da dereita, Anubis, Isis e Hathor;
  • Parede do fondo, están Nut e Tutankhamón que, seguido polo seu ka, é levado ao reino dos mortos por Osiris;
  • Parede da esquerda, Ay en funcións de sacerdote está practicando o ritual da apertura da boca.

Catro capelas de madeira cuberta de ouro encaixadas unha noutra cubrían un sarcófago de cuarcita vermella que contiña tres cadaleitos momiformes, de madeira chapada de láminas de ouro os dous primeiros e en ouro macizo o terceiro. Dentro descansaba a momia do novo faraón, coa cabeza e os ombreiros cubertos pola coñecida máscara.

Capela exterior.

A capela externa mide 5.08 x 3.28 x 2.75 m e 32 milímetros de grosor, ocupaba case toda a cámara deixando libres 60 cm aos extremos e menos de 30 nos costados.

A cuarta capela ten 2.90 m de longo e 1.48 m de ancho. As paredes foron adornadas coa procesión fúnebre do rei, e no seu teito estaba Nut, abrazando coas súas ás o sarcófago externo.[4]

Fóra das capelas había 11 remos para o "barco solar", frascos de perfume, lámpadas decoradas co deus Hapy e un cofre cuxos catro lados están decorados con imaxes das deusas Isis, Neftis, Serket e Neit, que contiña os vasos canopos.

Cámara do Tesouro

[editar | editar a fonte]

Outra pequena habitación, chamada «cámara do tesouro» por Carter, contiña ao redor de 500 obxectos.

  1. Davis, Theodore M. (2001). The Tombs of Harmhabi and Touatânkhamanou. Duckworth Publishing. ISBN 0-7156-3072-5. 
  2. Diarios de Howard Carter (1922-1930). "Tutankhamun: Anatomy of an Excavation" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2007. Consultado o 6 de decembro de 2007. 
  3. American University O Cairo (2006). "Theban Mapping Project" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2007. Consultado o 6 de decembro de 2007. 
  4. Esquema das capelas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]