Hubert Ponscarme
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de maio de 1827 Belmont-lès-Darney, Francia |
Morte | 27 de febreiro de 1903 (75 anos) Malakoff, Francia |
Educación | Escola Nacional Superior de Belas Artes |
Actividade | |
Ocupación | escultor, medallista, artista visual |
Empregador | Escola Nacional Superior de Belas Artes, mestre (1871–) |
Profesores | Eugène-André Oudiné (pt) e Augustin-Alexandre Dumont (pt) |
Alumnos | Paul Niclausse (pt) , Alexandre Charpentier (pt) e Louis Oscar Roty |
Premios | |
|
François Joseph Hubert Ponscarme, nado en Belmont-lès-Darney, Vosgos, o 20 de maio de 1827 e finado en Malakoff, Altos do Sena, o 27 de febreiro de 1903, foi un escultor, medallista e deseñador de moeda francés.
Ponscarme, recoñecido creador de medallas de retrato, foi un dos retratistas de medallas de Napoleón III (1852-1870). Tamén é coñecido por deseñar e gravar as moedas de ouro a nome de Carlos III de Mónaco (1856-1889).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Hubert Ponscarme naceu o 20 de maio de 1827,[1][2] o segundo fillo dunha familia de agricultores do departamento dos Vosgos, fillo de Marguerite Renard e de Joseph Ariste Hubert Ponscarme, que exercía tamén como mestre de escola. Ao pouco de nacer Hubert, en 1828, a familia abandonou a vila de Belmont-lès-Darney e trasladouse a Nonville, onde naceron outros dez fillos, dos que só dous chegaron á idade adulta.[3]
Segundo Paul Chevreux, conservador e arquivista do Museo de Vosgos, xa na súa infancia se espertou en Hubert o seu interese polo gravado:[4]
“ | Un día, na terra arada, Ponscarme achou unha medalla moi ben conservada coa efixie de Caracalla. Esta medalla, que tanto impresionara o rapaz Ponscarme, talvez decidise o seu futuro. Tomou a súa impresión marcada en arxila e intentou reproducila en pedra, gravando caracteres e figuras. Era moi hábil neste traballo e asombraba os seus pais e compañeiros. — Paul Chevreux, 1903. |
” |
Hubert Ponscarme só pasou arredor dunha década en Nonville, xa que cando tiña 12 anos, en 1839, o seu pai confiouno ao párroco da vila veciña de Attigny para que recibise clases de latín. En 1841 ingresou en sexto curso no seminario menor de Senaide, ao tempo que continuaba a cultivar a súa afección ao gravado en pedra.[5]
En 1844 foi enviado ao seminario de Châtel-sur-Moselle, mais só ficou alí uns meses, dado que non demostraba aptitudes para a vida eclesiástica. Abandonado, pois, o seminario, continuou residindo nesa cidade durante uns meses, vivindo xa do seu traballo como artista, esculpindo algúns bustos e, sobre todo cruces, algunhas das cales continúan en tumbas do cemiterio de Châtel.[6]
En 1846, un amigo da familia, o abade Charles Chapiat, tamén de Belmont, deulle unha pequena cantidade de diñeiro para que se reunise co seu irmán maior en París, onde este traballaba como empregado do liceo Saint-Louis. En París atopou traballo como aprendiz de gravador-tipógrafo, que apenas lle proporcionaba o mínimo para sobrevivir, e tamén chegou a alistarse no exército, na procura de máis recursos. Na capital tamén puido formarse como artista con Eugène André Oudiné, Louis Merley e André Vauthier-Galle. Mais ao se ver afectado por unha epidemia de cólera en 1849, deixou París e regresou á casa familiar en Nonville, onde pasou a convalecencia.[8]
A Société d'émulation du département des Vosges, a través do seu secretario, axudou en 1849 ao incipiente artista e conseguiu que o departamento de Vosgos lle concedese unha bolsa de estudos, da que se beneficiou ata 1854 e coa que puido volver a París arredado das preocupacións económicas e matricularse na Escola de Belas Artes desa cidade, onde artistas como Eugène-André Oudiné, Auguste Dumont, Vauthier-Galle e Merley, gravadores e membros do Comité Consultivo de Moedas, admiraron as súas aptitudes para o gravado de medallas.[9] Posteriormente, a partir de 1861 el mesmo pasaría a ser un dos membros da Société d'emulation.[10]
O informe que a Société dirixiu ao Consello de Vosgos en apoio da candidatura de Ponscarme para a concesión da bolsa comezaba salientando a forte vocación de Ponscarme desde os seus primeiros anos:[11]
“ | Na súa xuventude, Hubert Ponscarme amosou xa unha aptitude moi especial para a arte do gravado e, aínda que os seus pais quixeron orientar os seus estudos de tal xeito que entrase nas Sagradas Ordes, a súa vocación era tal que de camiño abandonou os seus estudos de grego e latín. | ” |
Carreira artística
[editar | editar a fonte]O seu mérito e o seu talento víronse recompensados coa consecución do segundo posto no Premio de Roma de gravado de medallas e xemas, en 1855,[1] cun traballo sobre o tema proposto: "Guerreiro morrendo no altar da patria".[13] Malia o aparente éxito, este feito supuxo unha frustración para Ponscarme, quen, ao no acadar o primeiro posto, se viu privado dunha bolsa para unha estadía na romana Villa Medici, tal e como el desexaba. A súa situación económica volvía ser, xa que logo, delicada, malia contar co constante apoio do seu mestre Auguste Dumont, quen lle derivaba encargas sempre que podía.[14] Na segunda metade da década de 1850, Ponscarme debutou no Salón de París de 1857. Logo acadou medallas de terceira clase nos de 1859, 1861 e 1863, e participou tamén nos de 1864 e 1866,[13] con diversas obras, entre as que había medallas e medallóns, bustos e camafeos. A súa especialización como medallista chegou a convertelo nun dos retratistas de medallas de Napoleón III, malia o seu coñecido republicanismo. Entre outros proxectos salientables, en 1865 recibiu a encarga da medalla conmemorativa da erección dunha estatua de Napoleón I na praza Vendôme,[15] e dous anos despois encomendóuselle a creación da medalla da Exposición Universal en 1867, coa que acadou a medalla de primeira clase.[13] Este foi o ano de consolidación da súa reputación como artista, que culminou coa súa condecoración como cabaleiro da Lexión de Honra.[16] [17][18][19]
En 1868 recibiu outra encarga transcendental: a medalla coa que a Académie des Inscriptions et Belles-Lettres conmemoraba o quincuaxésimo aniversario do seu secretario perpetuo, Joseph Naudet. Esta foi unha medalla moi loada no seu momento, entre outros por Adrien de Longpérier na Revue Numismatique.[21][22]
A súa arte medallística expresada a partir desta emblemática medalla, que foi exposta no Salón de París de 1869, supuxo unha ruptura co estilo convencional das medallas da súa época,[23] ao unir o relevo do motivo principal coa modelaxe da decoración de fondo, a imitación das medallas renacentistas italianas. Deixou a un lado a alegoría e centrouse no retrato, e esforzouse por reproducir os trazos máis característicos do rostro humano.[13] Tamén utilizou letras caligráficas como parte integrante do gravado.[16][24] A partir de entón, a súa produción de medallas foi incesante, e a maioría das persoas salientables da Francia da época foron retratadas por el nalgunha medalla. Ademais, foron tamén numerosas as medallas de recompensa e conmemorativas de acontecementos diversos.[25]
Na Exposición Universal de 1878 acadou unha medalla de primeira clase, do mesmo xeito que sucedera xa na Exposición de 1867.[13]
En 1877, Henry Ponscarme foi o artista elixido para o deseño e o gravado da serie de moedas de ouro emitidas no Principado de Mónaco a nome do príncipe Carlos III. Trátase da moeda de 20 francos e a de 100 francos, cun deseño común, que se cuñaron na Monnaie de Paris entre os anos 1877 e 1886.[27]
As súas obras consérvanse en diversas institucións, sinaladamente no Museo de Luxemburgo, no Museo de Hamburgo e no Museo do Departamento dos Vosgos.[28]
Carreira docente e política
[editar | editar a fonte]Á parte da súa faceta artística, Hubert Ponscarme dedicouse tamén á docencia. Un decreto do 18 de xullo de 1871 do Ministerio de Instrución Pública, Cultos e Belas Artes nomeouno profesor da Escola de Belas Artes de París[13] —onde el mesmo se formara—, posto que ocupou durante 32 anos, ata a súa morte. Foi tamén xefe do obradoiro de gravado de medallas, situado nun faiado do antigo Hôtel de Chimay,[29] que formaba parte das instalacións da Escola.[28]
Entre os seus alumnos destacan figuras da medallística como Oscar Roty —Premio de Roma 1875—, Bottée —Premio de Roma 1878—, Lucien Coudray —Premio de Roma 1893—, Daniel Dupuis, Ovide Yencesse ou Alexandre Chapentier.[30]
Un dos seus alumnos, Ovide Yencesse, describía así o perfil de Ponscarme como docente:[30]
“ | Ponscarme era máis ca un mestre para os seus alumnos. Como el mesmo dicía, 'os meus alumnos son os meus fillos', e como facía cos seus fillos, dáballes todos os tesouros da súa intelixencia e do seu corazón con tal xenerosidade que se esquecía de si mesmo. | ” |
Declarado republicano, durante uns anos dedicouse tamén á política local, como concelleiro do municipio de Malakoff, onde se instalara coa súa familia.[31]
Durante unha sesión do 14 de febreiro de 1881 propuxo a aclamación da República. Formou parte do comité encargado da creación dun novo cemiterio, onde deseñou un monumento. O 28 de marzo de 1884 dimitiu do seu posto no consello municipal.[32]
Falecemento
[editar | editar a fonte]En 1902, Ponscarme sufriu unha uremia que, aínda que inicialmente pareceu lograr recuperarse, acabou por causarlle a morte o 27 de febreiro de 1903, aos seus 75 anos, no seu domicilio de Malakoff,[13] nunha rúa que pasara a chamarse Augustin Dument en 1879 por proposta súa, durante a súa etapa como concelleiro.[33]
O seu funeral tivo lugar o 1 de marzo de 1903 na igrexa Notre-Dame de Malakoff, en presenza dunha multitude, e logo foi soterrado o 3 de marzo no cemiterio de Vanves. No seu funeral pronunciáronse numerosos discursos, entre eles o de Jules Méline —deputado dos Vosgos e antigo primeiro ministro francés—, Henry Jouin —da Escola de Belas Artes—, M. Delanoix —alcalde de Malakoff— e M. Botée —en nome dos alumnos de Ponscarme—.[34]
Na súa memoria recibiron o nome de Hubert Ponscarme rúas de París, de Malakoff e de Épinal.[35] Pola súa banda, Belmont-lès-Darney ten unha praza cunha placa conmemorativa. Ademais, unha das salas do Museo da Moeda de París leva o seu nome, e o mesmo ocorre no Museo de Hamburgo, ao que Ponscarme doara un centenar de medallas e medallóns e que alberga unha gran parte da súa obra.
Vida familiar
[editar | editar a fonte]O 6 de agosto de 1860 contraeu matrimonio con Marie Rose Adélaïde Maire (finada en 1869), con quen tivo dous fillos, que foron bautizados cos nomes de Auguste e Augustine, como mostra do agradecemento que Ponscarme sentía cara ao que fora o seu mestre, Auguste Dumont, pola axuda que este lle prestara en momentos de necesidade.[36]
En 1872 casou en segundas nupcias con Marie Suligastowski-Dunin, filla dun exiliado da insurrección polaca de 1830. Con ela tivo outros oito fillos.[37]
Escolma de traballos
[editar | editar a fonte]A obra de Hubert Ponscarme é moi numerosa. Autores como P. Chevreux, Leonard Forrer e Stanislas Lami fixeron clasificacións moi completas das súas creacións.[38][39][40][41] Ofrécese, a seguir, unha pequena escolma dos seus traballos:
-
Reverso da anterior.
-
Reverso da anterior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Foville, J. de (1903). Páxina 74.
- ↑ Lami, S. (1921). Páxina 96.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 5-7.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 9.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 9-10.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 9-10.
- ↑ "Portrait d'Alphonsine, (1829-1883), actrice comique". Paris Musées.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 10-11.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 11-12.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 38.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 13.
- ↑ "Self Portrait". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 Lami, S. (1921). Páxina 97.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 24.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 24-25.
- ↑ 16,0 16,1 "Obituary". En Numismatic Circular. Spink & Sons, Londres. Vol. XI. Páxinas 5.948-5.949.
- ↑ Forrer, L. (1909). Páxina 655.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 25-26, 37.
- ↑ Foville, J. de (1903). Páxina 75.
- ↑ "Model for the Medal of Jules Méline". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ Longpérier, A. (1868). "Médaille offerte pal l'Académie des inscriptions a son sécretaire perpétuel honorarie". En Revue numismatique. Tomo XIII.1868. Páxina 236.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 27.
- ↑ Foville, J. de (1903). Páxina 75.
- ↑ Foville, J. de (1903). Páxinas 74-75.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 29-32.
- ↑ ["100 francs. Charles III]. Numista.com.
- ↑ "100 Francs - Charles III" e "20 Francs - Charles III". Numista.com
- ↑ 28,0 28,1 Chevreux, P. (1903). Páxinas 33-34.
- ↑ Forrer, L. (1909). Páxinas 655, 661.
- ↑ 30,0 30,1 Chevreux, P. (1903). Páxina 34.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 37.
- ↑ "Ponscarme (François Joseph Hubert)". https://www.malakoff.fr
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 3, 24, 38-39.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxinas 41-51.
- ↑ Bossu, J. (1984). "Rue Ponscarme". En Chronique des rues d'Épinal. Vol. 3. Jeune chambre économique, Épinal. Páxinas 132-134.
- ↑ Chevreux, P. (1903). 35-36.
- ↑ Chevreux, P. (1903). Páxina 36.
- ↑ "Liste des oeuvres principales de Ponscarme". En Chevreux, P. (1903). Páxinas 55-58.
- ↑ "Catalogue de l'Oeuvre de H. Ponscarme". En Chevreux, P. (1907). Páxinas 239-265.
- ↑ Forrer, L. (1909). Páxinas 655-661.
- ↑ Lami, S. (1921). Páxinas 97-100.
- ↑ "Napoleon III on Horseback, Inaugurating the Boulevard de Strasbourg". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Exposition Internationale Hippique de Paris". Paris Musées.
- ↑ "FRBNF43517369". Catalogue.bnf.fr
- ↑ "Le Sacré Coeur. Avers : Le Christ". Paris Musées.
- ↑ "Jules Méline". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hubert Ponscarme |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chevreux, P. (1903). Le sculpteur-médailleur Hubert Ponscarme 1827-1903. Société d'Émulation du Departement des Vosges.
- Chevreux, P. (1907). "Le sculpteur médailleur Hubert Ponscarme. Biographie et catalogue de son oeuvre". En Gazette numismatique française. Páxinas 209-237.
- Forrer, L. (1909). "François Joseph Hubert". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 4. Spink & Son, Londres. Páxinas 654-664.
- Foville, J. de (1903). "Nécrologique: M. Ponscarme". En Revue numismatique. Tomo VII. Páxinas 74-75.
- Lami, S. (1921). "Ponscarme (François-Joseph-Hubert)". En Dictionnaire des sculpteurs de L'École française au dix-neuvième siècle. T. IV. Honoré Champion, París. Páxinas 96-100.
- Orliac, G. A. (1907). Hubert Ponscarme et l'évolution de la médaille au xixe siècle. Éd. C. Hessèle, París.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]