Hondarribia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2018.) |
Alcume | bikingoak | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | País Vasco | ||||
Provincia | Guipúscoa | ||||
Comarcas | Bidasoaldea | ||||
Capital | Hondarribia (en) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 16.887 (2023) (589,84 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua castelá (lingua predominante) lingua éuscara (lingua predominante) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 28,63 km² | ||||
Bañado por | Mar Cantábrico | ||||
Altitude | 16 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Creación | 18 de abril de 1203 | ||||
Evento clave
| |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 20280 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 20036 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | hondarribia.eus |
Hondarribia[1] é un municipio situado no extremo nordeste da provincia de Guipúscoa, no País Vasco. Atópase a uns 20 km ao leste da capital, Donostia, na desembocadura do río Bidasoa, que fai de fronteira natural coa localidade francesa de Hendaia. Pertence á comarca de Bidasoa Beherea.
É unha localidade de carácter turístico e residencial de case 17.000 habitantes. Nela atópase o aeroporto de Donostia, coñecido pola súa situación tamén como aeroporto de Hondarribia.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O nome da localidade é un hodónimo que significa o vao de area[2][3], topónimo perfectamente identificable por un vascofalante contemporáneo e que, a dicir dos historiadores, podería ter relación coa configuración do espazo onde se asentou a poboación. Ao longo da historia escribiuse de diversos xeitos, como Hundarribia, Ondarribia, ou Ondarrabia. A mención escrita máis antiga data do século XII, pero apareceu por primeira vez na forma actual nun documento de finais do século XVIII. Na actualidade, ao falar coloquialmente en éuscaro, os seus habitantes chaman a vila Honddarbi (pronunciado Oñarbi), que é unha forma sincopada de Hondarribia.
Desde 1980, Hondarribia é o único nome oficial do concello[4]. Os nomes romances da vila son Fontarrabie en francés e Fuenterrabía en castelán, procedentes da forma latina Fontem Rapidam, documentada no século XIII, na que o segundo elemento evolucionou en rabia, ao igual que noutros casos como o da localidade cántabra de La Rabia. O seguinte fenómeno que se produciu foi a dislocación do acento, que evita a homonimia con «rabia». Por iso, as formas nas linguas romances que conviven co éuscaro teñen un significado distinto, que é 'fonte rápida'.
Os habitantes de Hondarribia denomínanse hondarribiarras. Adoitan recibir o alcuño de viquingos debido a que se di que hai bastantes máis persoas louras en Hondarribia que nas localidades limítrofes, o que comunmente se apón á herdanza de antigas incursións viquingas.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Hondarribia está situada na beira oeste da Baía de Txingudi. Esta baía está formada pola desembocadura do río Bidasoa no Cantábrico , e prolonga a fronteira internacional entre España e Francia que xa debuxaba o río Bidasoa no seu último tramo. Ao redor de dita baía dispóñense as localidades de Hondarribia, Irún (por parte sur) e a vasco-francesa de Hendaia (na beira leste) configurando un consorcio transfronteirizo coñecido como Bidasoa-Txingudi.
A primitiva situación de Hondarribia era unha pequena altura que dominaba a baía, aínda que na actualidade a cidade creceu polos terreos de chaira que a rodeaban. Estes terreos próximos á baía eran antigamente marismas e areais que foron desecados en gran parte e cubertos de hortas. Actualmente están suxeitos a unha gran presión demográfica e de construción de edificios. Aínda subsisten vestixios da antiga condición da zona e consérvanse algunhas zonas lacustres, así como canles.
Cara ao suroeste o termo municipal de Hondarribia prolóngase por unha zona de outeiros baixos de escasa altitude que están drenados por pequenos afluentes do Bidasoa entre os que destaca a regata de Jaizubia.
Polo noroeste, o panorama cambia totalmente xa que se atopa a mole do Monte Jaizkibel. Este monte corre paralelo ao mar Cantábrico de leste para oeste cunha altura media de 400 metros, que ten o seu punto culminante no pico de San Enrique (547 metros) situado xusto no límite occidental do termo municipal. A costa está formada por acantilados coa excepción dalgunha pequena cala e enseada. Polo sur cae de forma bastante escarpada cara á zona baixa do municipio antes comentada.
No límite oriental do monte e preto da poboación de Hondarribia atópase o Cabo Higuer, este accidente xeográfico que se pode considerar como o comezo (ou fin) do Jaizkibel ou do Pireneo protexe a Baía de Txingudi e a praia de Hondarribia dos embates do mar Cantábrico.
Hondarribia conta cunha gran praia, situada entre Higuer e o lugar, que é o vestixio dos areais que outrora ocupaban gran parte da zona.
Barrios
[editar | editar a fonte]Hondarribia ten dous barrios históricos que configuran a parte máis antiga e monumental do seu casco urbano:
- A cidade vella (en éuscaro Alde Zaharra), que se corresponde coa zona histórica amurallada. É un conxunto con numerosos edificios de interese artístico e histórico. Aquí viven máis de 1500 persoas.
- O barrio da Mariña ou do Porto (en éuscaro Portua), que era o antigo barrio dos pescadores situado extramuros e que presenta unha arquitectura de carácter popular con casas tradicionais de pescadores de cores vivas.
Outros barrios
[editar | editar a fonte]- Acartegui (Akartegi).
- Amute-Kosta : o barrio de Amute localízase na Baía de Txingudi xunto ás pistas do aeroporto. Ten máis de 630 veciños. O barrio de Kosta sitúase tamén preto da baía e do aeroporto. Ten uns 350 veciños.
- Arcoll (Arkolla).
- Montaña (tamén chamado Gornutz): preto do cabo de Higuer.
- Jaizubia: unha serie de urbanizacións residenciais nas zonas máis baixas do monte Jaizkibel e nas proximidades do campo de golf. Case 640 veciños.
- Mendelu: está situado no límite co termo municipal de Irún, entre leste e o barrio de Amute, do que está separado por unha canle. Ten algo máis de 630 veciños.
- Puntal.
- Semisarga (Zimizarga): uns 150 veciños. É un barrio de casaríos na subida a Jaizkibel.
Localidades limítrofes
[editar | editar a fonte]Hondarribia limita ao suroeste cos municipios de Pasaia e Lezo, cos que comparte o monte Jaizkibel. Ao sur limita con Irún e ao leste co municipio vasco-francés de Hendaia. Hondarribia forma unha conurbación transfronteiriza con estas dúas localidades veciñas. Hondarribia e Irún están separados por uns escasos 4,5 km e só hai 6,5 km do centro de Hondarribia ao de Hendaia (indo por estrada).
Historia
[editar | editar a fonte]Os rastros máis antigos de presenza humana no termo municipal de Hondarribia remóntanse ao período do neolítico-Bronce. Trátase de varios dolmens e crómlechs situados no monte Jaizkibel.
A tradición di que o rei visigodo Recaredo foi o fundador da poboación de Hondarribia, pero este feito semella bastante incerto. Hondarribia aparece mencionada nun texto escrito por primeira vez no século XIII como Undarribia, unha variante do seu nome vasco.
A fundación da poboación como vila realízase en 1203, cando o rei castelán Afonso VIII concédelle a Carta do Pobo e o Foro de Donostia. Este feito produciuse escasamente tres anos despois de que o Reino de Castela arrebatase Hondarribia ao Reino de Navarra.
Orixinalmente a xurisdición de Hondarribia estendíase desde o río Bidasoa ata a Baía de Pasaia (entón Porto de Oiarso). Quedaban xa que logo dentro da súa xurisdición Irún, Lezo, o val de Oiartzun, Errenteria e Pasaia. Estas localidades irían separándose co paso dos anos de Hondarribia, empezando por Rentería e Oiartzun no século XIV, seguindo por Irún en 1766, Pasaia 1771 e finalmente Lezo en 1833.
Hondarribia tivo no momento da súa fundación un gran valor estratéxico para Castela. Por unha banda permitía establecer contacto terrestre entre Castela e Francia, país no que os monarcas casteláns contaban con feudos e importantes intereses; doutra banda permitía estrangular a saída natural de Navarra ao mar a través do río Bidasoa e para rematar brindaba a Castela un novo porto marítimo.
A situación estratéxica de Hondarribia fronte a Francia e a presenza nas súas proximidades de vaos que permitían cruzar o Bidasoa converteron a localidade nunha praza forte de importancia. A localidade foi amurallada (as murallas aínda se conservan hoxe en día) e sufriu numerosos asedios ao longo da súa historia. Cada vez que estalaba unha guerra que enfrontaba España con Francia, a localidade era a primeira en ser atacada polos franceses. Os asedios militares que viviu a vila durante a historia foron os seguintes:
- En 1280 tropas do rei francés Filipe III o Atrevido, en guerra co rei castelán Afonso X o Sabio, intentan tomar sen éxito a vila.
- En 1476 o rei Lois XI de Francia invade Guipúscoa e pon Hondarribia baixo sitio. É unha operación en apoio do rei portugués Afonso V e á súa muller e candidata ao trono de Castela Xoana a Beltranexa.
- En 1521 o rei de Navarra, Henrique II, con axuda de Francia intenta recuperar o seu reino, arrebatado en 1512 por Fernando o Católico. As tropas navarras toman, tras 12 días de asedio a vila e o castelo de Hondarribia, o 18 de outubro de 1521. Posteriormente serían os casteláns quen ao mando do condestable de Castela, Iñigo Fernández de Velasco cercaron A fortaleza que capitulou dous anos e medio despois, mediante negociación, tras unha concesión dunha amnistía por parte de Carlos I de España.
- En 1638 no marco da Guerra dos Trinta Anos, Hondarribia sofre o seu asedio máis famoso. A fin deste asedio é celebrado cada ano polos seus habitantes co Alarde.
- En 1719 durante as post-guerras da Guerra de Sucesión Española.
- En 1794 é cercada durante a Guerra da Convención.
- En 1836 a vila é atacada durante as Guerras Carlistas por un corpo expedicionario británico.
Economía
[editar | editar a fonte]Hondarribia é actualmente unha poboación de forte carácter residencial e turístico. O sector servizos ten un peso abafador na economía local.
Pesca
[editar | editar a fonte]Hondarribia segue tendo un porto pesqueiro activo, o de maior importancia en Guipúscoa xunto co de Getaria, aínda que o sector está sometido a unha forte crise desde hai décadas que fai que a súa importancia vaia decrecendo aos poucos. O peso da pesca na economía local vai decrecendo tamén co tempo. Os postos de traballo ligados directamente ao mar roldan actualmente o 5% do emprego no municipio e pódese dicir que a pesca ten un peso similar no conxunto da economía local.
A principios da década de 1990 Hondarribia contaba cunha frota pesqueira de preto de 60 embarcacións e máis de 500 pescadores que desembarcaban anualmente 8000 toneladas de peixe nos peiraos da cidade.
En 2004 a frota reduciuse a unhas 35 embarcacións, que empregaban directamente a algo máis de 300 pescadores. A frota hondarribitarra está composta exclusivamente por barcos de baixura que se dividen entre embarcacións de superficie que capturan chicharro, verdel, bocarte e túnidos mediante a arte do cerco e embarcacións merluceiras, dedicadas á pesca artesanal de pescada, chicharro e bonito na modalidade de pintxo-cana e á recolleita de algas. O volume de capturas é variable segundo o ano, en 2001 desembarcáronse no porto 9000 toneladas de peixe por valor de máis de 13 millóns de euros. Despois seguiron varias campañas moi malas, recuperándose parcialmente en 2004 con capturas de máis de 5000 toneladas de peixe por valor de 12 millóns e medio de euros.
Antigamente os barcos pesqueiros de Hondarribia amarraban na Baía de Txingudi preto do mesmo corazón do lugar nos peiraos do barrio da Mariña. Actualmente, con todo, as actividades do porto pesqueiro trasladáronse ao denominado porto refuxio situado nas inmediacións do Cabo de Higuer e a certa distancia da vila, cuxas instalacións foron ampliadas e modernizadas nos últimos anos, para permitir que toda a actividade pesqueira se concentrase aquí.
O porto pesqueiro de Hondarribia atópase xestionado pola Cofradía de Mareantes de San Pedro, confraría de pescadores cuxa orixe remóntase a 1321. As instalacións portuarias son modernas e contan con sala de poxas, cámaras frigoríficas, balanzas de pesado, plataformas para a carga de camións, fábrica de xeo etc. [1]
Administración
[editar | editar a fonte]Demografía
[editar | editar a fonte]1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2000 | 2005 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
4.345 | 5.175 | 5.570 | 6.181 | 5.994 | 7.363 | 8.581 | 10.471 | 11.276 | 13.524 | 14.946 | 15.955 |
Aínda que a poboación residente ao longo de todo o ano en Hondarribia é duns 16.000 habitantes, no verán a poboación aumenta notablemente xa que é unha localidade que ten numerosas segundas residencias de veraneo.
Monumentos
[editar | editar a fonte]O Centro histórico de Hondarribia está declarado como Conxunto Monumental. Correspóndese co antigo recinto amurallado da vila. Aínda se conservan unha parte importante das murallas e baluartes que rodeaban o centro histórico de Hondarribia, así como as dúas portas de acceso á praza forte. No interior do centro histórico, as rúas forman un plano rectangular de rúas empedradas e belos edificios con balcóns de ferro forxado. No alto do promontorio onde se sitúa o centro histórico áchase o denominado Castelo de Carlos V, xunto á Praza de Armas e a Igrexa parroquial.
Monumentos relixiosos
[editar | editar a fonte]- Igrexa parroquial de Santa María da Asunción e do Manzano: situada no corazón do centro histórico. Trátase dunha igrexa de estilo gótico con engadidos renacentistas. A súa construción iniciouse en 1474 e a igrexa consagrouse en 1549. A torre da igrexa que domina a paisaxe de Hondarribia foi construída a principios do século XVIII. No seu interior hai un pequeno museo. Está declarado como Monumento polo Goberno Vasco.
- Ermida de Guadalupe: a ermida de Guadalupe atópase a media subida do monte Jaizkibel. A actual construción data de finais do século XVIII, aínda que un edificio anterior foi edificado xa no século XVI. No santuario venérase a imaxe da Virxe de Guadalupe, patroa da cidade. A historia da ermida está ligada á tradición da cidade e á súa festividade máis coñecida, o Alarde.
Monumentos civís
[editar | editar a fonte]- Castelo de Carlos V. (Parador). É o edificio máis significativo da cidade. Trátase dunha fortaleza de planta rectangular construída a finais da Idade Media na parte máis alta do promontorio onde se situaba Hondarribia. O nome que leva débese a que foi ampliada durante o reinado do emperador Carlos V, do que se di tamén que se hospedou neste castelo-palacio. En 1968 foi rehabilitado e transformado en Parador nacional, función que segue cumprindo na actualidade, sendo o único desta rede de hoteis estatais que se sitúa na provincia de Guipúscoa.
- Dentro do centro histórico hai varias casas-palacio de interese que están declaradas como monumento:
- Palacio de Zuloaga, tamén chamada Casa de Torre Alta: é un palacio urbano situado no centro histórico. A maior parte do palacio é do século XVIII. Alberga a biblioteca municipal e o arquivo histórico. Está declarado como Monumento.
- Casa Mugaretenea: Data de mediados do século XVI.
- Palacio Eguiluz, tamén coñecido como Casa de Xoana a Tola. Data probablemente do século XVII, aínda que existe unha lenda que o dota de maior antigüidade e afirma que Xoana a Tola e Filipe o Fermoso hospedáronse neste palacio durante a súa viaxe de Flandres a Castela.
- Casa Casadevante, de estilo barroco construído no século XVIII.
- Casa Consistorial, de estilo barroco construída entre 1731 e 1740.
- Dos numerosos elementos defensivos de carácter militar que se situaban no municipio de Hondarribia consérvanse os seguintes:
- As Murallas da vila: que rodean o centro histórico monumental.
- Portas de Santa María e de San Nicolás, de entrada á cidade amurallada.
- Forte de Guadalupe: construído en 1900 preto da ermida de Guadalupe. Foi abandonado polo exército na década de 1970.
- Castelo de San Telmo: situado nun acantilado xunto ao Cabo de Higuer para defender a entrada do Bidasoa dos ataques corsarios. Foi reformado no século XVIII.
- Torres do monte Jaizkibel: torres defensiva s situada s no monte Jaizkibel. Tres delas sitúanse dentro do municipio de Hondarribia. Atópanse en ruínas.
- Forte de San Enrique: no monte Jaizkibel.
Barrio da Mariña
[editar | editar a fonte]O barrio da Mariña ou do Porto (en éuscaro Portua) é o antigo arrabalde da Magdalena, que estaba situado fóra das murallas da cidade. Era o tradicional barrio de pescadores. O máis destacable deste barrio son as súas casas tradicionais que están provistos de balcóns de madeira que actualmente píntanse de cores rechamantes e adórnanse con numerosas flores.
Cultura
[editar | editar a fonte]No centro histórico da cidade tense rehabilitado a antiga polvoreira que databa do século XVII e no seu interior sitúase actualmente un Centro de interpretación da cidade amurallada.
Gastronomía
[editar | editar a fonte]É tradición que o 25 de abril (Día de San Marcos) as madriñas obsequien os seus afillados cunha opila de San Marcos (pastel de biscoito con ovos duros).
Deportes
[editar | editar a fonte]O equipo de baloncesto feminino Hondarribia-Irun e o club de remo Hondarribia Arraun Elkartea son os dous clubs deportivos de maior prestixio da localidade.
O Hondarribia-Irun milita na Liga española de baloncesto feminino desde o ano 2003, téndose clasificado en varias ocasións para a disputa de competicións europeas.
Hondarribia conta cun equipo de remo de traíñas, Hondarribia Arraun Elkartea, sendo a súa traíña a "Ama Guadalupekoa" de cor verde. No ano 2005 gañou a Bandeira da Concha, unha das máis prestixiosas bandeiras do remo vasco. E en 2006 vencedor da liga San Miguel.
Hondarribia conta cun campo de golf, no que creceu o gran xogador de Hondarribia, José María Olazábal, que é un dos mellores golfistas do mundo e cun porto deportivo, onde deu os seus primeiros paseos en barco o medallista olímpico en Atenas Iker Martínez.
Un equipo de balonmán, ITE Hondarribia, que disputa a primeira división de balonmán.
Festas e tradicións
[editar | editar a fonte]O Alarde de Hondarribia
[editar | editar a fonte]As principais festas de Hondarribia celébranse do 7 ao 11 de setembro coincidindo coa festividade da Virxe de Guadalupe (8 de setembro), patroa da cidade.
O principal acto destas festas é o Alarde. O Alarde é un desfile de carácter cívico-militar no que participan boa parte dos veciños da localidade. Conmemórase o final do asedio de máis de tres meses aos que os franceses someteron a poboación durante a Guerra dos Trinta Anos en 1638 pero máis que todo é un símbolo da unidade da xente da localidade[5]. Na veciña localidade de Irún celébrase unha festa de características similares.
Desde 1996 colectivos de mulleres suscitan o seu dereito a participar no Alarde de Hondarribia (e no de Irún) como soldados, ademais de como cantineiras, que é o que fora ata a data o seu papel tradicional na festa. En Hondarribia, ademais das compañías do Alarde tradicional formouse unha compañía mixta de homes e mulleres que leva o nome do monte Jaizkibel.
Outras festas
[editar | editar a fonte]- En Semana Santa realízase unha Procesión de Venres Santo que se celebra polas rúas do casco antigo. Esta procesión chámase Procesión do Silencio e é unha das poucas procesións de Semana Santa que se conservan na provincia de Guipúscoa.
- O 25 de xullo, festividade de Santiago Apóstolo celébrase a Festa da Kutxa, que celebra a toma de posesión dos cargos da Confraría de Mareantes de San Pedro (confraría de pescadores de Hondarribia) que son renovados anualmente o 29 de xuño. Unha procesión adoita subir desde a sede da confraría no barrio da Mariña ata a igrexa parroquial situada na zona antiga. Un mozo adoita presidir o desfile levando sobre a súa cabeza a arca (en éuscaro kutxa) onde se gardaban as actas da confraría.
- o 15 de agosto celébranse as festas do barrio de Jaizubia pola festividade da Asunción.
- o 4 de outubro son as festas do barrio de Amute (San Francisco de Asís).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 33, p. 74: "Hondarribia: Municipio da provincia de Gipuzkoa, Euskadi, na desembocadura do río Bidasoa (15.044 h [2001]). Coñecido antigamente co nome castelán de Fuenterrabía..."
- ↑ V. Wiktionary nas linguas portuguesa, castelá, francesa ou inglesa
- ↑ Neste caso, aparece só no Wiktionary en inglés
- ↑ Sousa, Xulio (ed.) (2010) Toponima e cartografía, páxina 86
- ↑ Valene L. Smith Hosts and Guests: The Anthropology of Tourism. University of Pennsylvania Press, 2ª ed., 1989, páxina 176
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hondarribia |