Saltar ao contido

Great Liverpool

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Great Liverpool
Historial
Características xerais

O Great Liverpool foi un barco de bandeira británica que cubría a parte occidental da liña de pasaxe entre a India e o Reino Unido, e que afundiu fronte ás costas de Corcubión en 1846.

Características do barco

[editar | editar a fonte]

O barco pertencía á compañía navieira Peninsular and Oriental Steam Navigation Company (P & O). Fora botado en 1838 en Liverpool precisamente baixo o nome de Liverpool, e rebautizado como Great Liverpool (Gran Liverpool), en 1840.

Tiña 65 metros de eslora, 8 de manga e 6 de puntal[1]. Desprazaba 1.382 toneladas, cunha carga neta de 587 toneladas, e tiña unha potencia de 468 cabalos nun motor de vapor propulsado a pas, se ben mantiña un aparellado de bergantín-goleta con tres mastros. A velocidade de cruceiro era 9 nós. No momento do afundimento viaxaban 145 persoas, entre pasaxe e tripulación.

O barco tiña dúas cubertas, e ía equipado con salóns e bares onde a bebida se expendía de forma gratuíta. Tamén levaban unha vaca para a produción de leite para a pasaxe.[2]

O seu comandante era o capitán McLeod. Facía a rota de volta dende a India ata Southampton, e máis exactamente a parte occidental, entre Alexandría e a cidade inglesa, onde se realizaban escalas no Cairo e en Xibraltar. Anteriormente tamén cruzara o Atlántico, en liña regular entre Liverpool e Nova York.

O accidente

[editar | editar a fonte]

O 24 de febreiro de 1846, con fortes ventos de sursuroeste, o Great Liverpool achegouse demasiado á Costa da Morte e bateu contra uns cons a 11 km de cabo Fisterra. A pasaxe e a tripulación foron desembarcadas na praia de Gures, en Gures (Cee). Das 145 persoas faleceron no accidente tres, dúas mulleres e un neno de sete anos[3].

O 27 de febreiro, o barco rachou por mor dunha treboada e afundiu na ría de Corcubión.

Despois do accidente

[editar | editar a fonte]

Ao chegaren á praia, os mariñeiros instalaron un valado para protexerse a si mesmos e a carga do ataque dos saqueadores da Costa da Morte. As desputas entre locais e visitantes duraron dous días, ata a chegada dun destacamento de carabineiros dende A Coruña. A carga, a pasaxe e a tripulación foron transportadas ata Porto, e de alí embarcada de novo a bordo do Pacha, que continuaba viaxe ata Southampton.

Días despois o capitán McLeod suicidouse nun hotel da Coruña. Posteriormente sería eximido de responsabilidade sobre o naufraxio.

Os restos do buque foron atopados en 2009[4].

  1. "Great Liverpool", in 'Encyclopaedia Peninsular', accesible en Google Docs
  2. Frederick Walter Sims, England to Calcutta, by the Overland Route, in 1845, páxinas 22-25, accesible en Google Books
  3. Loss of the Great Liverpool, The Times, 9 de marzo de 1846
  4. Hallan en Cee el pecio de uno de los primeros vapores trasatlánticos, La Voz de Galicia, 7/12/2009