Estadio Anxo Carro
Anxo Carro | |
---|---|
Datos | |
Coordenadas | 43°00′12″N 7°34′15″O / 43.003333, -7.570833 |
Localización | Avenida dos Deportes s/n - 27004 Lugo, Galicia |
Alcume | Anfield Carro |
Construción | |
Inauguración | 31 de agosto de 1974 |
Renovación | 2001 |
Ampliación | 2013 |
Arquitecto | José Arias Santiago Catalán Eduardo Herráez |
Estadio | |
Superficie | Herba |
Dimensións | 105 × 70 |
Capacidade | 7.840 |
Asist. máxima | 7.564 (3 de maio de 2014) Lugo 2 - 2 Deportivo |
Propietario | Xunta de Galicia |
Localía | CD Lugo |
Eventos | |
Final da Copa Xunta de Galicia 2006 | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O estadio Anxo Carro é un estadio de fútbol situado na cidade de Lugo.[1] Inaugurado o 31 de agosto de 1974, serve de campo local ao Club Deportivo Lugo e pode albergar preto de 8000 espectadores.
Historia
[editar | editar a fonte]O Anxo Carro está situado á beira do río Miño. Cabo do propio estadio encóntranse o Campo Municipal da Cheda e o complexo deportivo O Palomar, que inclúe un pavillón cuberto e tres canchas de tenis.[2] Houbo un terceiro campo, o Emilio Núñez Torrón, no lugar que hoxe ocupa o aparcadoiro principal.[3] Nos arredores tamén está o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O estadio recibe o nome de Ángel Carro Crespo, benfeitor do deporte en Lugo e responsable da construción do campo vello amais de presidente do Círculo das Artes en 1934.
Foi inaugurado durante a segunda etapa do Lugo en Terceira División, con capacidade para 7.000 espectadores. A data de apertura deste estadio, que substituía ao antigo Anxo Carro (ou "campo de los Miñones") situado na zona da Praza de Viana do Castelo, foi o 31 de agosto de 1974. Para a súa inauguración disputouse un torneo triangular no que participaron, xunto ao Lugo, o Club Lemos e o Deportivo da Coruña. O CD Lugo venceu aos de Monforte na quenda de penaltis e perdeu a final cos herculinos por 1-0.
No ano 2001 o estadio foi remodelado e modernizado,[4] xa que se atopaba nun estado de semi-ruína e desmellorado por sucesivas obras sen moita planificación. O proxecto de mellora foi deseñado polos arquitectos José Arias, Santiago Catalán e Eduardo Herráez. As obras incluíron unha remodelación das tres bancadas existentes, que pasaron a contar con cadeiras para tódolos seareiros, a reforma da planta baixa e a creación de novas fachadas. Co novo aspecto o estadio gañaba en calidade das súas instalacións, superiores á media da categoría na que militaba o equipo no momento (Segunda B), mais perdía en capacidade, que descendeu a 4.800 espectadores. O 3 de xaneiro de 2007 disputouse a final da Copa Xunta de Galicia 2006, que enfrontou o CD Lugo co Celta de Vigo (2-3).
En 2013, tralo ascenso á Segunda División do Lugo, foi colocada o 8 de xuño unha bancada supletoria con capacidade para 2.292 espectadores no fondo para recibir á Ponferradina, que ficaría finalmente de forma permanente. No verán dese mesmo ano, o estadio foi reformado para cubir a maioría do asentos e aumentar a bancada de tribuna, recuperando xunto coa mencionada bancada supletoria unha capacidade próxima aos 8.000 espectadores. O primeiro cheo do estadio tralas obras de ampliación rexistrouse o 3 de maio do ano seguinte co partido entre o CD Lugo e o Deportivo da Coruña (2-2).[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Estadio Anxo Carro" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2019. Consultado o 30 de xaneiro de 2019.
- ↑ "A Cheda". Sigue tu liga.
- ↑ "El terreno de juego de O Ceao ya su luce su floreciente color verde". Fútbol de Lugo.
- ↑ "ACNInforma. Remodelación do Estadio Anxo Carro de Lugo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de decembro de 2013. Consultado o 15 de febreiro de 2011.
- ↑ "Derbi para todos". Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2014. Consultado o 03 de maio de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]